Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 1997 Páx. 2.560

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 58/1997, do 20 de febreiro, polo que se crea a sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

A posta en marcha dos diferentes servicios de telecomunicacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a súa xestión, o seu mantemento e comercialización, así como os retos que xa, hoxe en día, presentan as comunicacións por cable, satélite e ondas hertzianas, teñen na nosa Comunidade Autónoma unhas grandes posibilidades de crecemento que aconsellan a creación dunha entidade capaz de converterse nun órgano xestor dos recursos de telecomunicacións de titularidade da Xunta de Galicia.

Esta entidade, con personalidade xurídica e patrimonio propio, adoptará a forma dunha sociedade anónima participada pola Comunidade Autónoma de Galicia que, baixo a denominación Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. asuma a responsabilidade de planificar e xestiona-las actuacións tendentes ó desenvolvemento de infraestructuras, redes, sistemas e servicios de telecomunicacións, así como de deseña-las estratexias de futuro dun gran mercado.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente; así como nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e o regulamento que a desenvolve e de acordo igualmente co Real decreto lei 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas; e por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a creación, ó abeiro do artigo 55.2º do Estatuto de autonomía, e de conformidade co previsto no artigo 45.1º e 3º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, da sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

Artigo 2º

O capital fundacional subscrito e desembolsado integramente pola Comunidade Autónoma de Galicia cífrase en dez millóns de pesetas (10.000.000 de pesetas).

Artigo 3º

Apróbanse os estatutos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Economía e Facenda para dicta-las normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación do presente decreto e para a realización de tódolos actos precisos para a constitución da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

97-1935