Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 19 de marzo de 1997 Páx. 2.506

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VALEDOR DO POBO

ACORDO de cooperación e coordinación entre Fernando Álvarez de Miranda y Torres, Defensor do Pobo e José Cora Rodríguez, Valedor do Pobo.

Na sede do Valedor do Pobo en Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 1997.

O Defensor do Pobo Fernando Álvarez de Miranda y Torres e o Valedor do Pobo de Galicia, José Cora Rodríguez.

Reafirmando a súa vontade de ampliar e concreta-lo actual marco de colaboración no que ámbalas dúas institucións veñen exercendo as súas funcións respectivas;

Respondendo ó principio constitucional de eficacia e para evitar unha eventual duplicidade de situacións que comprometa a efectiva protección dos dereitos do cidadán;

Tendo en conta o previsto no artigo 54 da Constitución española, no artigo 14 do Estatuto de autonomía de Galicia; na Lei orgánica 3/1981, do 6 de abril, do Defensor do Pobo; no Regulamento de organización e funcionamento do Defensor do Pobo, aprobado polas Mesas do Congreso e do Senado na reunión conxunta do 6 de abril do ano 1983; na Lei galega 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, parcialmente modificada pola Lei 3/1994, do 18 de xullo, tamén do Parlamento de Galicia, e na Lei 36/1985, do 6 de novembro, sobre prerrogativas e garantías das figuras similares ó Defensor do Pobo e o réxime de colaboración e coordinación delas.

Resoltos a dar eficaz cumprimento ó mandado legal e estatutario de coordinación e cooperación entre ámbalas institucións;

Conviñeron o seguinte:

-I-

Cooperación

Artigo 1º.-Principios de relación.

O Defensor do Pobo e o Valedor do Pobo exercerán as súas respectivas funcións e competencias de conformidade coa normativa vixente e de acordo cos principios de lealdade institucional, coordinación, información recíproca e asistencia mútua.

Artigo 2º.-Supervisión dos órganos periféricos da Administración pública do Estado.

1. As queixas relativas ós órganos periféricos da Administración do Estado e da Administración de Xustiza con sede en Galicia serán investigadas e resoltas polo Defensor do Pobo. Para o efecto, o Valedor do Pobo remitiralle as queixas destas características que se lle presenten, dándolle conta ó interesado.

O Defensor do Pobo acusará recibo e, no seu momento, notificarálle ó Valedor do Pobo as resolucións recaídas nas queixas que, en execución do disposto no parágrafo anterior, este lle enviara.

2. O Defensor do Pobo poderá solicita-la cooperación do Valedor do Pobo para a investigación das queixas relativas a órganos periféricos da Administración do Estado con sede en Galicia. A devandita cooperación poderá concretarse tanto en queixas individualizadas coma en áreas xerais da actuación administrativa. O Defensor do Pobo, nestes casos, arbitrará as medidas oportunas para posibilitar que o Valedor do Pobo, no exercicio da cooperación solicitada, se dirixa ás autoridades periféricas da Administración central.

Rematada a investigación, o Valedor do Pobo procederá a documentala elaborando unhas conclusións, todo o cal lle será remitido ó Defensor do Pobo, quen adoptará a resolución pertinente.

Artigo 3º.-Supervisión da Administración da Comunidade Autónoma.

1. As queixas relativas á Administración da Xunta de Galicia serán investigadas e resoltas polo Valedor do Pobo e o Defensor do Pobo, de acordo coa solicitude dos cidadáns manifestada ó dirixirse a unha ou outra institución.

2. Non obstante o disposto no número anterior, o Defensor do Pobo poderá solicita-la colaboración do Valedor do Pobo para a investigación e proposta de resolución destas queixas, cando entenda que a intervención próxima e directa deste poida contribuír a unha máis rápida e eficaz solución do problema presentado.

Nos mesmos termos o Valedor do Pobo poderá solicita-lo auxilio do Defensor do Pobo respecto daquelas queixas e actuacións relativas á Administración da Xunta de Galicia que pola súa transcendencia puidesen implicar unha resolución na que os seus efectos prácticos incidan eventualmente na área de actuación da Administración do Estado.

3. O Defensor do Pobo e o Valedor do Pobo remitiranse mensualmente unha relación nominal das queixas relativas á Xunta de Galicia que tivesen entrada nas súas respectivas oficinas durante o dito período. Como norma xeral, cando se detecten duplicidades, por dirixirse o cidadán a ámbalas dúas institucións expoñendo a mesma queixa, esta será investigada e resolta polo Valedor do Pobo, o que será posto en coñecemento do solicitante polo Defensor do Pobo. Isto non lle impidirá ó Defensor do Pobo a investigación e resolución, se é o caso, dos problemas derivados destas queixas, comunicándollo ó Valedor do Pobo para os efectos pertinentes.

Artigo 4º.-Supervisión das administracións locais.

1. O Valedor do Pobo investigará e resolverá as queixas que lle dirixan os cidadáns relativas ás administracións locais de Galicia en todo aquilo que afecte ás materias nas que o Estatuto de autonomía de

Galicia lle outorga competencia á Comunidade Autónoma de Galicia, remitindo ó Defensor do Pobo aquelas que sexan da competencia deste.

2. Cando se detecten duplicidades por dirixirse simultaneamente o cidadán a ámbalas dúas institucións as queixas serán normalmente investigadas e resoltas polo Valedor do Pobo.

3. Non obstante o anterior, o Defensor do Pobo investigará e resolverá directamente aquelas queixas que pola súa transcendencia xeral ou por razón da homologación dos seus efectos con criterios anteriormente adoptados, ó seu xuízo requiran da súa actuación, comunicándollo ó Valedor do Pobo para os efectos oportunos.

4. Para os efectos de propiciar unha maior eficacia no tratamento das queixas referentes ó funcionamento da Administración local de Galicia, ámbalas dúas institucións poderán concerta-los criterios que coiden convenientes.

Artigo 5º.-Colaboración do Valedor do Pobo nas actuacións que realiza o Defensor do Pobo na Comunidade Autónoma galega.

O Defensor do Pobo poderá solicitar do Valedor do Pobo a cooperación ou colaboración que considere necesaria ou conveniente para a maior eficacia das actuacións ou investigacións que acorde realizar na Comunidade Autónoma de Galicia. O Valedor do Pobo, por encargo do Defensor, realizará as xestións que comporten as mencionadas actuacións.

Reciprocamente, o Valedor do Pobo poderá solicitar do Defensor do Pobo a colaboración que coide necesaria naquelas actuacións desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia, cando pola súa natureza e transcendencia incidan na área de actuación da Administración do Estado.

Artigo 6º.-Outras formas de colaboración.

1. O Valedor do Pobo poderá propoñerlle ó Defensor del Pueblo a presentación de recursos de inconstitucionalidade e amparo respecto das materias e cuestións de que coñecese no uso das súas competencias.

2. Os informes monográficos confeccionados por unha de ámbalas dúas institucións sobre temas de interese xeral seranlle trasladados á outra, atendida a súa natureza e urxencia, para o exame e achega, se é o caso, das consideracións pertinentes. A institución autora do informe resolverá libremente sobre a inclusión de tales consideracións, facendo constar no primeiro suposto, a súa orixe.

3. O Defensor do Pobo poderá requerir do Valedor do Pobo a difusión perante a Administración da Xunta de Galicia e dos entes locais de Galicia daquelas recomendacións ou suxestións de carácter supracomunitario adoptadas en uso das súas competencias.

4. Calquera das dúas institucións poderá facer súas as consideracións, recomendacións e suxestións da

outra, no seu respectivo labor de control das administracións públicas.

Para facilita-lo seu coñecemento, con antelación á publicación dos respectivos informes anuais ordinarios, o Defensor do Pobo e o Valedor do Pobo enviaranse, reciprocamente, copia das recomendacións ou suxestións o contido das cales consideren de mutuo interese.

-II-

Coordinación

Artigo 7º.-Técnicas de coordinación formal.

1. O Defensor do Pobo e o Valedor do Pobo celebrarán reunións ordinarias, dúas veces no ano, para os efectos de intercambiar datos e supervisa-lo desenvolvemento deste acordo.

Tamén poderán celebrar reunións extraordinarias a petición de calquera das partes.

2. As comunicacións ordinarias entre ámbalas dúas institucións realizaranse cando sexa posible a través dos medios técnicos máis áxiles. Os traslados de documentación efectuaranse normalmente por telefax.

3. No marco do presente acordo e para a súa mellor concreción e eficacia, estableceranse reunións periódicas de traballo entre os asesores das mesmas áreas de ámbalas dúas institucións.

4. O Defensor do Pobo e o Valedor do Pobo promoverán as accións necesarias para a conexión, nun próximo futuro, dos seus sistemas informáticos, co fin de axilizar no posible a comunicación e información recíprocas.

-III-

Vixencia, resolución e interpretación do presente acordo

Artigo 8º.-Vixencia.

A vixencia deste acordo, cumprido o que dispón o artigo 38.2º da Lei do Valedor do Pobo, estenderase desde a data da súa sinatura ata a toma de posesión dun novo titular en calquera de ámbalas dúas institucións.

Non obstante, o acordo poderá ser rescindido con anterioridade por denuncia dunha das partes, notificada á outra cun mes de antelación á efectividade de tal rescisión.

Artigo 9º.-Textos do acordo e interpretación.

O presente acordo foi redactado nos idiomas castelán e galego, tendo ámbolos dous textos o mesmo carácter de auténticos. Calquera dúbida que puidese xurdir na súa interpretación, será resolta de común acordo polas partes asinantes.

Fernando Álvarez de Miranda y Torres José Cora Rodríguez

Defensor do PoboValedor do Pobo

2114