Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 1997 Páx. 2.356

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 1996, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 334, que afecta o monte de Suevos, do lugar de Suevos, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, desta provincia.

Reunido con data 16 de decembro de 1996 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, con asistencia do vicepresidente Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo

Expediente nº 334.

Monte: de Suevos.

Lugar: Suevos.

Parroquia: Coiro.

Concello: Mazaricos.

Antecedentes de feito.

1º. Diversos veciños do lugar de Suevos, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, solicitaron con data

14-11-1995, deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 106 ha.

Lindeiros: é parte do monte Cadaval, Ruña e outros, nº 103-D do C.U.P.

Norte e oeste: desde o punto denominado Cruz de Servo Saído, próximo ó piquete nº 253, en liña recta ata o piquete nº 179, co monte da comunidade de Manda.

Leste: do piquete nº 179 ó 185 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de veciños de Suevos.

Sur: desde o piquete nº 185 seguindo a devasa ata o piquete nº 250, con máis monte Cadaval, Ruña e outros. Desde o piquete nº 250 seguindo a orde de piquetes ata o 253 e deste ó punto Cruz de Servo Saído, con termo do concello de Muros.

2º. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 18-5-1993, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Federico Sánchez Rodríguez, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 197 do 8-10-1996), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º. Os veciños de Suevos fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempo inmemorialde forma consetudinaria, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas segundo os usos e costumes, o monte correspondente ó dito lugar. Presentan copia de escrituras con referencia á existencia de tal monte veciñal.

Así mesmo, tal petición é informada favorablemente polo acordo do Pleno do Concello de Mazaricos de data 27-10-1995.

4º. Mediante escrito de data 15-11-1996, os veciños de Suevos solicitan unha modificación dos lindeiros do monte respecto á petición inicial, con base en cometer un erro na descrición do monte. Tras solicitar informe á Garderia Forestal, a modificación é aceptada polo xurado e incorporada ó descrito no punto 1º.

5º. Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, compareceron e oíronse ós promotores del, os cales se ratificaron no solicitado.

Fundamentos de dereito.

Vistos os antecedentes expostos, procede formula-las consideracións seguintes.

1º. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro de montes veciñais en man común.

2º. De conformidade co contido do artigo 11 da citada Lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, de 4 de setembro, os veciños de Suevos, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º. Para a súa cualificación como veciñal en man común o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Aproveitamento consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4º. Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no 3º punto, dedúcese, de forma indiscutible, que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á Comunidade Veciñal do lugar de Suevos, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este Xurado á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

ACORDA:

Cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal do lugar de Suevos, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, o denominado monte de Suevos, cos lindeiros, superficie e características que figuran no antecedente primeiro. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do Inventario de Bens do Concello e do Catálogo dos de Utilidade Pública, se neles estivese inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 16 de decembro de 1996.

Vº e Pr.

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

1650