Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 1997 Páx. 2.293

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 1996, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 302, que afecta o monte da Braxe, da parroquia de San Román, concello de Cedeira, desta provincia.

Reunido con data 9 de decembro de 1996 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, con asistencia do vicepresidente

Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo

Expediente nº 302.

Monte: da Braxe.

Lugar: Parroquia de San Román.

Concello: Cedeira.

Antecedentes de feito.

1º. Diversos veciños da parroquia de San Román, concello de Cedeira, solicitaron con data 6-6-1990, deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 147 ha.

Lindeiros:

Norte, leste e oeste: Monte A Capelada, pertencente á comunidade parroquial de Santa María de Régoa.

Sur: Monte Lume, pertencente á comunidade parroquial de San Xián de Montoxo.

2º. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 18-5-1993, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Ortigueira, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Cedeira, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 73 do 15-4-1996), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º. Os veciños da parroquia de San Román fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de leñas, esquilmos e pastos na forma e modo que por costume veñen facendo os labregos do lugar desde tempos históricos, compatibilizando os pastos en aproveitamentos compartidos entre os veciños en réxime extensivo e sen asignación de cotas. Ó mesmo tempo, invocan que, en todo momento, os veciños de San Román mantiveron a posesión do citado monte.

4º. En nome e representación da Comunidade Autónoma de Galicia, José Luis Veiga Castiblánquez, no exercicio do seu cargo de subdirector xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, alega a propiedade do monte Da Braxe, en virtude

do Real Decreto 1535/1984, do 20 de xuño, de trasferencia en materia de conservación da natureza (BOE do 31 de agosto de 1988), o cal figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira no tomo 89, libro 11, folio 224 vto. predio 1.026 inscrición 4ª, figurando no Inventario de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia co Código CO-292, como ben demanial.

Como xustificación do carácter privado do citado monte cítase o xuízo declarativo de maior contía seguido ante o Xulgado de 1ª Instancia nº 2 da Coruña, sobre declaración de propiedade, interposto por veciños de Montoxo como comunidade propietaria co obxecto de que lles sexa declarada a propiedade dos predios que integran o monte da Braxe como de propiedade privada, exclusiva e excluínte, e entre outras peticións pídese a exclusión dos citados predios do Catálogo de Montes de Utilidade Pública, Inventario de Bens do concello e a cancelación das posibles inscricións rexistrais que se produciran. Seguido o pleito, en sentencia del 5-12-1972 estímase a demanda, se ben o fallo declara que o patrimonio forestal do Estado nas obras de infraestructura e plantación forestal actuou de boa fe, e por conseguinte a parte actora debe satisface-la indemnización das ditas melloras. Esta situación remata co documento de compra autorizado polo notario da Coruña Francisco Javier Sanz Valdés o

23-11-1976, nº de protocolo 3.000, polo que o Instituto Nacional da Natureza se fai propietario do monte da Braxe.

5º. Dolores López López comparece en forma no presente expediente en defensa do que considera os seus lexítimos intereses, alegando se-la propietaria dunha parcela do citado monte, chamada da Orde ou Casal de Diamantel, cunha superficie de 20,36 áreas. Achega copia dunha escritura de partición de herdanza.

6º. Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, compareceron e foron oídos ó subdirector xeral do Patrimonio, así como a representación de Dolores López, os cales se ratificaron nas súas alegacións xa incorporadas ó expediente.

Fundamentos de dereito.

Vistos os antecedentes expostos, procede formula-las consideracións seguintes.

1º. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comu

nidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro de montes veciñais en man común.

2º. En conformidade co contido do artigo 11 da citada Lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, de 4 de setembro, os veciños da parroquia de San Román, concello de Cedeira, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º. Para a súa cualificación como veciñal en man común o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Aproveitamento consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4º. O recoñecemento da condición de ben demanial do citado monte da Braxe, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as alegacións expostas no 4º punto dos antecedentes.

5º. As reclamacións que os particulares formulan sobre posibles dereitos de propiedade en determinados predios do monte obxecto deste expediente non son competencia deste xurado, e a súa reclamación formularase na xurisdición ordinaria logo de reclamación na vía administrativa conforme establece a vixente lei e Regulamento de montes, ó incluírse no perímetro dun monte pertencente ó Catálogo de Utilidade Pública como o que nos ocupa.

6º. O xurado, oídas as partes interesadas, e despois do estudio da documentación achegada e incorporada ó expediente, entende que nel se formula unha cuestión relativa á titularidade de tales montes, da competencia exclusiva dos tribunais da xurisdición ordinaria, conforme se establece no noso ordenamento xurídico, desenvolvido en reiteradas sentencias polo Tribunal Supremo (véxase Sentencia do T.S. de data 29-2-1996, «por tratarse do dereito dominical e o exercicio dos aproveitamentos sexan estes obxecto previo da competencia da xurisdicción ordinaria»).

Por iso, este xurado á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor, e por unanimidade dos seus membros, nesta data,

ACORDA:

Non cualificar como veciñal en man común o monte da Braxe afectado polo presente expediente.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publi

cación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 9 de decembro de 1996.

Vº e Pr.

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

1809