Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 1997 Páx. 2.291

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 1996, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 301, que afecta o monte Lume, da parroquia de Montoxo, concello de Cedeira, desta provincia.

Reunido con data 9 de decembro de 1996 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, con asistencia do vicepresidente Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo

Expediente nº 301.

Monte: Lume.

Lugar: Parroquia de Montoxo.

Concello: Cedeira.

Antecedentes de feito.

1º. Diversos veciños da parroquia de Montoxo, concello de Cedeira, solicitaron con data 2-2-1990, deste xurado, a declaración como veciñal do expresado

lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 394 ha.

Lindeiros:

Norte: Monte da Braxe.

Leste: Monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro.

Sur: propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

2º. Ante tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 18-5-1993, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeando como instructor del a Vicente Aldea Meléndez, quen aceptou expresamente dito cargo. Pola xubilación deste, en reunión de data 26-4-1994, acordouse nomear instructor a Federico Sánchez Rodríguez, o cal tamén aceptou o cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Ortigueira, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Cedeira, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 73 do 15-4-1996), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º. Os veciños da parroquia de Montoxo fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de leñas, esquilmos e pastos na forma e modo que por costume o veñen facendo os labregos do lugar desde tempos históricos, compatibilizando os pastos en aproveitamentos compartidos entre os veciños en réxime extensivo e sen asignación de cotas. Fan diversas achegas documentais de carácter privado nas que os predios que se describen lindan con outros predios dos que as súas denominacións: montes comunais, campo redondo, augas vertentes, estiman confirman a orixe foral dos ditos predios e a condición de veciñais deles, atribuíndose a pacífica posesión deles desde tempo inmemorial sen ter sido molestados nela.

Fundamentan o dereito que os asiste na súa petición en diversa documentación histórica que acredita a orixe foral das terras da Capelada, entre as que xenericamente se inclúe o monte Lume, así como a súa dependencia xurisdicional do mosteiro de Portomarín a través do seu comendador. Hai documentación que deixa constancia do devir histórico de todos estes dereitos forais.

4º. O Concello de Cedeira, en documentos que figuran no expediente, se fai manifestación expresa de posicionarse en contra da posible cualificación do monte, alegando os dereitos que lle asisten na súa condición de propietario dos ditos predios en concepto de bens de propios ou patrimoniais, e que en tal sentido figuran no Inventario de Bens Muni

cipais do Concello desde moito antes do ano 1954, en que se produce a súa inscrición no Rexistro da Propiedade de Ortigueira. Achega certificación rexistral, que se incorpora ó expediente.

En defensa do dereito de propiedade que lle asiste, o Concello de Cedeira alega, entre outras, o exercicio das actividades seguintes:

a) No ano 1928 se acorda polo concello a entrega destes montes á deputación provincial para que, conforme a lexislación vixente, esta concerte a súa repoboación co Estado.

b) No ano 1941 son aprobadas polo concello as bases do consorcio, iniciándose unhas relacións contractuais que se manteñen ininterrompidamente ata o momento presente.

c) No ano 1954, no exercicio dos dereitos que asisten ó Concello de Cedeira, este prohíbe o aproveitamento de pastos a todo aquel gando que non sexa propiedade dos veciños do concello.

d) No ano 1955 é iniciado polo concello a cobranza dos aproveitamentos de pastos.

e) Diversas sentencias dos tribunais de xustiza, nas que o concello ve recoñecida a súa condición de propietario do monte ó tela discutida polos particulares.

f) Alega a prescrición posesoria acreditada polo Concello de Cedeira, que se inicia documentalmente no ano 1928, e demanda a protección legal que a condición de titular rexistral lle depara (ademáis da lexislación forestal vixente: artigo 10 da Lei de montes e artigos 62 e 66 do Regulamento dela).

5º. Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma a tódolos interesados no expediente, comparecendo e oíndose ás partes interesadas, entre outras a Xunta Promotora asistida de letrado, e pola outra o alcalde do Concello de Cedeira, tamén asistido de letrado, os cales se ratificaron nas súas alegacións. Por parte do concello se achegou documentación á que xa se referiran no expediente, a cal foi aceptada e incorporada a este.

Fundamentos de dereito.

Vistos os antecedentes expostos, procede formula-las consideracións seguintes.

1º. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos Artgs. 9 e 10 da Lei da Comu

nidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do Regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Montoxo, concello de Cedeira, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º. O citado monte figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira coa cualificación de bens de propios ou patrimoniais do Concello de Cedeira desde o ano 1954. Ademais existen diversas sentencias, nas que se lle recoñece ó concello a titularidade de parcelas de monte reclamadas por particulares.

Que conforme recolle o punto 4º dos antecedentes desta resolución, a inscrición no C.U.P. orixinou unha efectiva posesión e conseguinte percepción dos beneficios dos aproveitamentos polo Concello de Cedeira, que determinou a inscrición no Rexistro da Propiedade en concepto de dono, previa cualificación do titular do citado rexistro, circunstancia que acredita a presunción legal de posesión que o C.U.P. outorga en virtude do Art. 10 da vixente Lei de montes e os artigos 62 ó 66 do tamén vixente regulamento.

4º. Para a súa cualificación como veciñal en man común o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Aproveitamento consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

5º. As alegacións formuladas pola Xunta Promotora, que en forma esquemática se recollen no 3º dos antecedentes, que xustifican na utilización de expresións contidas nas achegas documentais, tales como montes comuns, campo redondo e augas vertentes, que confirman a orixe foral e comunal, se ben figuran outras expresións como bens baldíos ás que non se lles dá o mesmo significado. Ademais, que cando se fai referencia ós aproveitamentos se fai de forma tan imprecisa como «... ser montes de natureza árida e pedregosa que non teñen aproveitamento ningún». E algo tan significativo como «... 6.000 ferrados de montes comúns, do común do termo e o mesmo dos forasteiros».

Por outra parte, no monte da Braxe, en virtude das reclamacións de propiedade formuladas, os veciños posuidores lograron na vía xudicial o recoñecemento dos seus dereitos particulares, o que permitíu a adquisición posterior pola Administración,

co que se rompe o carácter xeral da consideración de montes veciñais do contorno.

6º. Son feitos probados ante este xurado:

a) Que coa denominación de monte Lume hai unha superficie de 394 ha de montes abertos que teñen unha orixe foral e que, en virtude dun consorcio forestal vixente están baixo a potestade demanial do Concello de Cedeira e baixo a xestión forestal da Xunta de Galicia (Servicio de Montes e I.F. da Coruña). Este réxime forestal remóntase a 1931.

b) Que os aproveitamentos gandeiros non son soamente veciñais e que teñen un carácter secundario; véxase senón Sentencia nº 160 do 30-9-1991, da Audiencia Provincial da Coruña, que vén recoñecer unha servidume de pastoreo en todos estes montes sen que estea fundamentada a condición de vecindade, ó mencionarse a persoas na súa maioría descoñecidas.

c) Que non hai indicio ningún de que os aproveitamentos de pastos se fagan en virtude de particular adscrición parroquial. E aínda nos casos máis singulares dos aproveitamentos dos pasteiros feitos pola Administración, se asignan a agrupacións sociais ou a comunidades rurais determinadas.

d) Volvendo á investigación documental histórica, non se localizou referencia ningunha que estableza relación do monte coas leis desamortizadoras. Tal vez se deba ó escaso valor económico que se lle atribuía. Pero chama a atención a información recollida no apartado 9º do informe preceptivo do Xefe do Servicio de Montes e I.F., referida á resolución do deslindamento dun predio de 147,60 ha, entón pertencente ó monte Lume: «... que non se proba o tracto xurídico entre os reclamantes e a inscrición rexistral do predio, realizada o 31-10-1878 logo de expediente de información posesoria incoado once días antes o 20-10-1878». Pero, aínda é máis curioso, volvendo ás leis desamortizadoras, que as terras non foran obxecto de repartición entre os veciños, baseada esta no rateo das rendas do foro, o que logo viría a trascender sobre a propiedade rústica dos agricultores.

7º. Despois do detido exame dos diversos informes que se recolleron durante a tramitación do presente expediente, o xurado chega ás seguintes conclusións:

a) Que o monte ten unha orixe foral, e un sistema singular de aproveitamento que non se axusta ó exposto no punto 4º destes fundamentos.

b) Que esta misma singularidade se manifesta na propia documentación na que se fundamenta esta resolución, o que lle leva a pensar que se trata dun monte de orixe comunal, que a través dos anos e diversas vicisitudes históricas, se encamiña á situación actual cando os veciños, carentes de potestade decisoria nos conflictos que xorden no desfrute dos aproveitamentos, e ante os custes e dilacións que supon acudir á xurisdición ordinaria, e polo escasísimo valor económico dos aproveitamentos, acoden

ó concello para que este actúe de árbitro nos conflictos que se presentan máis comunmente. É evidente que o Concello de Cedeira tivo que intervir en gran número de ocasións, ó menos facendo de home bó dos veciños, ó mesmo tempo que defendía a propiedade indivisa fronte ás pretensións dalgúns particulares, o que lle levou a detentar non só a xestión e administración, senon tamén a titularidade xurídica do monte.

c) Que oídas as partes interesadas, e despois do estudio da documentación achegada e incorporada ó expediente, entende que Concello de Cedeira presenta unha cuestión relativa á titularidade de tales montes, da competencia exclusiva dos tribunais da xurisdicción ordinaria, conforme se establece no noso ordenamento xurídico, e desenvolvido en reiteradas sentencias polo Tribunal Supremo (véxase Sentencia do T.S. de data 29-2-1996, «... por tratarse do dereito dominical e o exercicio dos aproveitamentos sexan estes obxecto previo da competencia da xurisdicción ordinaria»).

Por iso, este xurado á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor, e por unanimidade dos seus membros, nesta data,

ACORDA:

Non cualificar como veciñal en man común o monte Lume afectado polo presente expediente.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 9 de decembro de 1996.

Vº e Pr.

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Comun da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Comun da Coruña

1647