Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 1997 Páx. 2.288

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 1996, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 299, que afecta o monte A Capelada e Couce, da parroquia de Régoa, concello de Cedeira, desta provincia.

Reunido con data 9 de decembro de 1996 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, con asistencia do vicepresidente Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juán Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada Delegación. Asiste tamén Ramón Olano Calleja, instructor do expediente ata a súa xubilación. Reunidos para estudiar e resolve-lo

Expediente nº 299.

Monte: A Capelada e Couce.

Lugar: Parroquia de Régoa.

Concello: Cedeira.

Antecedentes de feito.

1º. Diversos veciños da parroquia de Régoa, concello de Cedeira, solicitaron con data 2-2-1990, deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 1.621 ha.

Lindeiros:

Procede do monte A Capelada, incorporado ó C.U.P. pola O.M. publicada no BOP do 19-7-1901, cos números 224 e 225.

Norte: Ribeira de Cortes, propiedades dos lugares de S. Andrés de Teixido e Teixidelo, beiramar ata Vixía Herbeira.

Leste: Monte Faro e Herbeira, pertencente á comunidade de Sta. María da Pedra, concello de Cariño, monte Armeneiros e outros, propiedades dos lugares de Meizoso, Candocia e Biduído, monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, pertencente ó concello de Sta. Marta de Ortigueira.

Sur: Monte Lume, pertencente á comunidade parroquial de San Xián de Montoxo, monte da Braxe, e lugar de Balteiro pertencente a Régoa.

Oeste: propiedades particulares pertencentes ás comunidades de Régoa e Cervo.

2º. Do exame de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 18-5-1993, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Ramón

Olano Calleja, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Ortigueira, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos a tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Cedeira, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 73 de 15-4-1996), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º. Os veciños da parroquia de Régoa fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de leñas, esquilmos e pastos na forma e modo que por costume veñen facendo os labregos do lugar desde tempos históricos, compatibilizando os pastos en aproveitamentos compartidos entre os veciños en réxime extensivo e sen asignación de cotas. Fan diversas aportacións documentais de carácter privado nas que os predios descritos colindan con outros predios dos que as súas denominacións: montes comunais, campo redondo, augas vertentes, estiman confirman a orixe foral dos ditos predios e a condición de veciñais deles, atribuíndose a súa pacífica posesión desde tempo inmemorial sen ter sido molestados nela.

Basean a súa petición en diversa documentación histórica que acredita a orixe foral das terras da Capelada, así como a súa dependencia xurisdicional do mosteiro de Portomarín a través do seu comendador e o seu delegado o prior de Régoa. Hai documentación que dá constancia do desenvolvemento histórico de todos estes dereitos forais, entre outras no Inventario de Bens de Santa María de Régoa, celebrado o 19 de xullo de 1752, recollido no memorando do Marqués da Ensenada que figura no Arquivo Histórico do Reino de Galicia.

4º. O Concello de Cedeira, en documentos que figuran no expediente, fai manifestación expresa de posicionarse en contra da posible cualificación do monte, alegando os dereitos que o asisten na súa condición de propietario dos ditos predios en concepto de bens de propios ou patrimoniais, e que en tal sentido figuran no Inventario de Bens do Concello de Cedeira desde moito antes do ano 1954, no que se produce a súa inscrición no Rexistro da Propiedade de Ortigueira. Achegan certificación rexistral que se incorpora ó expediente.

En confirmación do dereito de propiedade que o asiste, o concello alega, entre outras, o exercicio das actividades seguintes:

a) No ano 1928 acórdase polo Concello de Cedeira a entrega destes montes á Deputación Provincial para que, conforme a lexislación vixente, esta concerte a súa repoboación co Estado.

b) No ano 1941 apróbanse polo Concello de Cedeira as bases do consorcio, iniciándose unhas relacións contractuais que se manteñen ininterrompidamente ata o momento presente.

c) No ano 1954, no exercicio dos dereitos que o asisten, o Concello de Cedeira prohíbe o aproveitamento de pastos a todo aquel gando que non sexa propiedade dos veciños do concello.

d) No ano 1955 iníciase polo Concello de Cedeira a cobranza dos aproveitamentos de pastos.

e) Diversas sentencias dos tribunais de xustiza, nas que o concello ve recoñecida a súa condición de propietario do monte ó tela discutida polos particulares.

f) Alegación da prescrición posesoria acreditada polo Concello de Cedeira, que se inicia documentalmente no ano 1928, e demanda a protección legal que a condición de titular rexistral lle outorga.

5º. Polo Ministerio de Defensa alega a propiedade dunha parcela de 90.000 m dentro do perímetro do monte e no lugar dos Candales, que figura inscrita no folio 91 do tomo 175 do arquivo, libro 23 de Cedeira, predio nº 2062, inscrición a favor do Estado e para o Ramo do Exército en virtude de escritura pública de doazón do Concello de Cedeira, autorizada polo notario de Ferrol Rafael López de Haro y Puga o 8-5-1948.

O Ministerio de Defensa solicita que o mencionado predio non sexa cualificado como Veciñal en Man Común, amparándose na condición de bens de dominio público afectos á Defensa Nacional e a súa conseguinte protección xurídica especialmente establecida pola Lei de zonas e instalacións de interese para a defensa nacional, pola Lei orgánica 6/80 do 1 de xullo, reformada pola Lei orgánica 1/84, do 5 de xaneiro, sobre criterios básicos da defensa nacional e organización militar.

6º. Con data 27-2-1990, en escrito dirixido ó delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Andrés Pernas Díaz, na súa condición de presidente da Xunta Promotora da cualificación do monte, solicita do xurado o recoñecemento do dereito de propiedade particular dunha serie de parcelas situadas nel como de pertenza de determinados veciños.

Igualmente con data 20-5-1996 tiveron entrada nestas dependencias cadanseu escrito con alegacións, subscritos por Dolores López López e José Lorenzo Pardo. Así mesmo, outro de José Vicente Crego Pérez. Todos eles solicitan que para a defensa dos seus intereses se lles considere parte interesada no expediente de cualificación, para efectos de que lles recoñeza o xurado o dereito de propiedade que cren que os asiste sobre determinadas parcelas do monte. Presentan diversas escrituras tanto públicas como privadas nas que figuran descritas os citados predios.

7º. Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo

Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ámbolos dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, compareceron e oíronse o representante da Xunta Promotora, asistido de avogado, o alcalde do Concello de Cedeira, asistido de letrado, José Lorenzo Pardo, por si e na representación da súa esposa Dolores López López, e José Vicente Crego Pérez. Tódolos comparecentes ratificáronse nas súas respectivas alegacións.

Fundamentos de dereito.

Vistos os antecedentes expostos, procede formula-las consideracións seguintes.

1º. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Régoa, concello de Cedeira, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º. O citado monte figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira coa cualificación de bens de propios ou patrimoniais do Concello de Cedeira desde o ano 1954. Ademais existen diversas sentencias, nas que se lle recoñece ó concello a titularidade de parcelas de monte reclamadas por particulares, segundo se alega no apartado e) do 4º dos antecedentes expostos.

Que conforme recolle o 4º punto dos antecedentes desta resolución, a inscrición no C.U.P. orixinou unha efectiva posesión e conseguinte percepción dos beneficios dos aproveitamentos polo Concello de Cedeira, que determinou a inscrición no Rexistro da Propiedade en concepto de dono, logo de cualificación do titular do citado rexistro. Circunstancia alegada para acredita-la presunción legal de posesión que ó C.U.P. outorga en virtude do artigo 10 da vixente Lei de montes e os artigos 62 ao 66 do tamén vixente regulamento.

4º. A alegación presentada polo Ministerio de Defensa, como propietario e titular rexistral da parcela descrita no punto 5º dos antecedentes, é aceptada no seu contido.

5º. As reclamacións, recollidas no 6º punto dos antecedentes, que os particulares formulan sobre posibles dereitos de propiedade en determinados predios do monte, non son competencia deste xurado, e esixiranse na xurisdición ordinaria logo de reclamación na vía administrativa, conforme establece a vixente lei e Regulamento de montes.

6º. Para a súa cualificación como veciñal en man común o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

7º. Téñense teñen en conta e valóranse as alegacións formuladas pola Xunta Promotora, que en forma esquemática recóllense no 3º apartado da relación de feitos, que xustifican na utilización de expresións recollidas en achegas documentais, como montes comuns, campo redondo e augas vertentes, que confirman a orixe foral e comunal do monte, se ben nel figuran outras expresións como bens baldíos ás que non se lles dá o mesmo significado. Ademais, cando se fai referencia ós aproveitamentos é de forma tan imprecisa como «... ser montes de natureza árida e pedregosa que non teñen aproveitamento ningún». E algo tan significativo como «6.000 ferrados de montes comúns, do común do termo e o mesmo dos forasteiros».

Por outra parte, no monte Da Braxe, en virtude das reclamacións de propiedade formuladas, os veciños posuidores conseguiron na vía xudicial o recoñecemento dos seus dereitos particulares, o que permitíu a adquisición posterior pola Administración, co que se rompe o carácter xeral da consideración de montes veciñais do contorno.

8º. Considéranse feitos probados perante este xurado:

a) Que coa denominación de monte da Capelada hai unha superficie de 1.621 ha de montes abertos que teñen unha orixe foral e que, en virtude dun consorcio forestal vixente co Concello de Cedeira están baixo a xestión forestal da Xunta de Galicia (Servicio de Montes e I.F. da Coruña).

b) Que os aproveitamentos gandeiros non son soamente veciñais e que teñen un carácter secundario; véxase senón Sentencia nº 160 do 30-9-1991, da Audiencia Provincial da Coruña, que vén recoñecer unha servidume de pastoreo en todos estes montes sen ter fundamentada a condición de veciñanza, ó mencionarse a persoas na súa maioría descoñecidas.

c) Que non hai indicio ningún de que os aproveitamentos de pastos se fagan en virtude de particular adscrición parroquial. E aínda nos casos máis singulares dos aproveitamentos dos pasteiros feitos pola Administración, se asignan a agrupacións sociais ou a comunidades rurais determinadas. Entre outras, no lugar de San Andrés de Teixido entregáronse dous pasteiros con asignación de cada un a un grupo determinado de veciños.

d) Volvendo á investigación documental histórica, non se localizou referencia ningunha que estableza relación do monte coas leis desamortizadoras. Tal vez debido ó escaso valor económico que se lle atribuía. Pero, chama a atención que tampouco se formulara alegación ningunha sobre información posesoria perante o xulgado, o que deixaría constancia da posesión inmemorial polo común dos veciños, caso frecuente noutros moitos montes de orixe foral. Pero aínda é máis curioso que a raíz das leis desamortizadoras non foran obxecto de repartición entre os veciños, baseada esta no rateo das rendas do foro e que logo viría trascender sobre a propiedade rústica dos agricultores.

9º. Despois do detido exame dos diversos informes que se recolleron durante a tramitación do presente expediente, o instructor propón á consideración do xurado as seguintes conclusións:

a) Que o monte ten unha orixe foral, e un sistema singular de aproveitamento que non se axusta ó exposto no punto 6º dos fundamentos xurídicos (Sentencia de 13-10-1981. Aranzadi 2750/83).

b) Que esta mesma singularidade se manifesta na propia documentación na que se fundamenta esta resolución, na que se fai mención á posibilidade de que se trate dun monte de orixe comunal, que a través dos anos e diversas vicisitudes históricas, se encamiña á situación actual cando os veciños, carentes de potestade decisoria nos conflictos que xorden no desfrute dos aproveitamentos, e ante os custos e dilacións que supón acodir á xurisdicción ordinaria, e polo escasísimo valor económico dos seus froitos, acuden ó concello para que este actúe de árbitro nos conflictos que se presentan máis comunmente.

É certo que o Concello de Cedeira tivo que intervir en grande número de ocasións, ó menos facendo de home bó dos veciños, ó mesmo tempo que defendía a propiedade indivisa fronte ás pretensións dalgúns particulares (véxanse sentencias alegadas polo concello), o que lle levou a detentar non só a xestión e administración, senon tamén a titularidade xurídica do monte.

c) Que oídas as partes interesadas e despois do exame da documentación achegada e incorporada ó expediente, entende que polo Concello de Cedeira é presentada unha cuestión relativa á titularidade de tales montes, da competencia exclusiva dos tribunais da xurisdicción ordinaria, conforme se establece no noso ordenamento xurídico, e desenvolvido en reiteradas sentencias polo Tribunal Supremo (véxase sentencia do T.S. de data 29-2-1996, «... por tratarse do dereito dominical e o exercicio dos aproveitamentos sexan estes obxecto previo da competencia da xurisdicción ordinaria»).

Por iso, este xurado á vista dos antecedentes de feito e os fundamentos de dereito expostos, por pro

posta do instructor, e por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Non cualificar como veciñal en man común o monte A Capelada e Couce afectado polo presente expediente.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 9 de decembro de 1996.

Vº e Pr.

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

1646