Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 1997 Páx. 2.269

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de marzo de 1997 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de obras e equipamentos locais por parte dos concellos.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida local, regulando, por medio da presente orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras e equipamentos locais, necesarios para a prestación dos servicios públicos a que se refire o artigo 26.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local: os municipios por si ou asociados deberán prestar, en todo caso, os servicios seguintes:

a) En tódolos municipios:

Iluminación pública, cemiterio, recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento domiciliario de auga potable, rede de sumidoiro, acceso ós núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas e control de alimentos e bebidas.

b) Nos municipios cunha poboación superior a 5.000 habitantes, ademais:

Parque público, biblioteca pública, mercado e tratamento de residuos.

c) Nos municipios con poboación superior a 20.000 habitantes, ademais:

Protección civil, prestación de servicios sociais, prevención e extinción de incendios, instalacións deportivas de uso público e matadoiro.

d) Nos municipios con poboación superior a 50.000 habitantes, ademais:

Transporte colectivo urbano de viaxeiros e protección do medio ambiente.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

Establécense subvencións ós concellos de Galicia, destinadas á realización das obras e equipamentos locais (bens non consumibles) que sexan necesarios para a prestación dos servicios públicos a que se refire o artigo 26.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.764. O Programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, ata un límite de noventa millóns de pesetas (90.000.000).

A axuda económica que se conceda poderá financiar só ata o 70% do orzamento da obra o equipamento que se vaia realizar, correspondéndolle o 30% restante ó concello beneficiario da subvención.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. Os que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. O concello peticionario xuntaralle á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do concello polo que se aproban as obras ou equipamentos que se van realizar e se aceptan as condicións de finanzamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as que se solicita subvención, con expresión da fase, de se-lo caso, a que corresponda.

c) Memoria da obra ou equipamento que se vai realizar.

d) Orzamento detallado.

e) A tramitación e adxudicación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos beneficiarios conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, e daráselles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite.

Artigo 4º.-Instrucción e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, e o director xeral elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que resolverá.

Artigo 5º.-Notificación.

A resolución notificaráselles a tódolos beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que, transcorridos tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, non se comunicase a concesión da subvención, entenderase desestimada.

Artigo 6º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficiente

mente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polos concellos teranse en conta os seguintes aspectos:

a) A necesidade das obras ou equipamentos que se van realizar, apreciadas en razón da súa urxencia.

b) A situación económica do concello considerada pola contía do seu orzamento e pola súa situación financeira.

c) A poboación e extensión do termo municipal.

d) O número de núcleos de poboación existentes.

Artigo 8º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. Os beneficiarios da subvención presentarán facturas orixinais ou fotocopia compulsada do gasto, aprobada pola corporación, por triplicado na Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local antes do 15 de setembro de 1997, inescusablemente. No caso de subvencionar obra nova, deberase presentar certificación de obra en modelo oficial, xunto á relación valorada, asinada polo técnico municipal maila factura. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, de atopalas conformes, proporá o libramento de fondos.

Artigo 9º.-Control.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos e, conforme o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora debidos por estes, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación; poderase ademais, se procede, instruí-lo correspondente expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1997.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

1411