Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 05 de marzo de 1997 Páx. 1.968

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 35/1997, do 13 de febreiro, polo que se acorda a afectación secundaria de parte dos terreos do Instituto de Bacharelato Camilo José Cela de Padrón, para a construcción dun pavillón polideportivo.

A Secretaría Xeral para o Deporte solicitou a afectación secundaria de parte dos terreos do Instituto de Bacharelato Camilo José Cela de Padrón, para a construcción dun pavillón polideportivo. A titularidade sobre o dito inmoble tena Comunidade Autónoma, en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, BOE nº 182, do 31 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no trámite de audiencia estipulado no artigo 31.2º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, manifestou que non existe inconveniente ningún, para que se constrúa o pavillón polideportivo nos terreos do Instituto Camilo José Cela, sempre e cando teñan preferencia de uso sobre a nova construcción, durante o horario escolar, os alumnos dos centros docentes do Concello de Padrón.

Segundo o disposto nos artigos 12.4º da lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31.1º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para execución da lei, as afectacións secundarias dos bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo a forma de decreto.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de febreiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acórdase a afectación secundaria de parte dos terreos do Instituto Camilo José Cela de Padrón.

Artigo 2º.-O fin da afectación secundaria é dedica-las citadas dependencias á construcción dun pavillón polideportivo, que quedará adscrito á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que tamén exercerá as facultades de administración, xestión e conservación do dito pavillón, a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

Disposición derradeira

No prazo de quince días desde a publicación do presente decreto formalizarase a acta de entrega dos terreos, que será asinada polos conselleiros dos departamentos interesados e polo de Economía e Facenda ou órganos nos que estes deleguen.

Santiago de Compostela, trece de febreiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

97-1502