Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 05 de marzo de 1997 Páx. 1.959

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Golf.

Vistos os estatutos da federación e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 9-12-1996.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar, con efectos desde a aprobación da súa asemblea, os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deprote

Estatutos da Federación Galega de Golf

TÍTULO I

Réxime xurídico xeral

Artigo 1º

A Federación Galega de Golf é unha entidade asociativa privada da utilidade pública, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica e de obrar.

Constitúena tódolos clubs, deportistas, técnicos-adestradores, xuíces-árbitros e calquera colectivo que promova, practique ou contribúa ó desenvolvemento do deporte do golf dentro do territorio pertencente á Comunidade Autónoma de Galicia.

A integración na FGG producirase mediante a expedición por parte da Real Federación Española de Golf da correspondente licencia federativa. En todo caso, para a participación en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico será preciso estar en posesión da citada licencia.

Artigo 2º

A Federación Galega de Golf rexerase polos presentes estatutos e os seus regulamentos internos e, no que non se opoña a eles, polos da Real Federación Española de Golf -na que se integra-, de acordo coas normas que dicten as autoridades administra

tivas autonómicas, nomeadamente a Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte, no ámbito da súa respectiva competencia.

Artigo 3º

A Federación Galega de Golf ten o seu enderezo na Avda. Emilio Antón, 7-baixo, de Ferrol, que poderá ser modificado por acordo da xunta directiva.

Artigo 4º

Á Federación Galega de Golf corresponde a dirección e ordenación de tódalas actividades oficiais relacionadas co deporte do golf, que se desenvolvan dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, en coordenación coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, sen prexuízo das función de tutela, control e supervisión que correspondan á Real Federación Española de Golf.

Correspóndelle, xa que logo, á Federación Galega de Golf, entre outras facultades, o exercicio das seguintes:

a) Regulamenta-lo deporte do golf dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no campo amateur coma no profesional.

b) Representar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Real Federación Española de Golf.

c) Actuar en coordenación coa Real Federación Española de Golf e as demais dederacións de ámbito autonómico para a promoción xeral do golf.

d) Facilita-la práctica do golf a tódolos deportistas en Galicia, promovendo e fomentando a construcción de campos de xogo e a celebración de probas e competicións.

e) Regulamenta-las probas e competicións que teñan que celebrarse en Galicia, sinalando as normas de participación e lugares de celebración, velando polo correcto desenvolvemento delas; todo isto sen prexuízo das facultades que poidan corresponder á Real Federación Española de Golf.

f) Expedi-la licencia federativa para a práctica deportiva e participación en competicións deportivas oficiais.

g) Tramita-la inscrición no rexistro correspondente a tódolos clubs deportivos de golf.

h) Aproba-lo calendario deportivo anual, evitando coincidencias de datas coa Real Federación Española de Golf en todo o que se refira a campionatos e concursos de carácter nacional.

i) A potestade disciplinaria.

j) Elaborar e aproba-lo orzamento do exercicio anual, memoria balance e contas.

k) Colaborar coas administracións públicas na formación de técnicos deportivos e na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos e métodos non regulamentarios no deporte.

l) Celebrar convenios coas administracións públicas e corporacións ou entidades dependentes delas, e outras persoas ou entidades xurídico privadas.

ll) Exercer funcións públicas de carácter administrativo que por lei lle corresponda, actuando neste caso como axente colaborador das administracións públicas.

m) Exerce-lo control das subvencións que se asignen ós membros integrantes da federación.

n) Executa-los programas e plans de preparación do deporte de alto nivel.

o)Calquera outra actividade relacionada coa regulamentación, organización e funcionamento do deporte do golf en Galicia.

TÍTULO II

Órganos de administración e goberno

Denominación e clases.

Artigo 5º

Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Golf a asemblea xeral, a comisión delegada da asemblea xeral e o presidente.

Artigo 6º

Son órganos complementarios dos de goberno e representación, a xunta directiva, o secretario xeral e o xerente, que asistirán o presidente e, xa que logo, han ser elixidos e revogados libremente por este último.

Poderanse crear órganos técnicos que actuarán por delegación dos óganos de goberno da Federación Galega de Golf.

A asemblea xeral.

Artigo 7º

1. A asemblea xeral é o órgano superior da FGG e estará constituída polo presidente da federación e polos representantes dos clubs e entidades deportivas con campo de xogo homologado, e deberán estar previamente inscritos no Libro de Rexistro dos Clubs da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, os deportistas, os técnicos-adestradores e os xuíces-árbitros.

2. A asemblea xeral estará composta por un mínimo de 25 membros e un máximo de 35, e a representación dos estamentos sinalados anteriormente responderá ás seguintes proporcións:

-Clubs e entidades deportivas: 70%.

-Deportistas: 15%.

-Adestradores: 5%.

-Xuíces-árbitros: 5%.

-Outros colectivos: 5%.

En calquera caso garantirase, no caso dos deportistas, un representante por cada provincia, e dis

tribuirase o resto da representación deste sector en proporción ó número de federados que posúa cada provincia, e no caso dos clubs desportivos, un representante por cada un que cumpra coas condicións que se sinalen nestes estatutos, sempre e cando o número de clubs sexa igual ou inferior ó número de postos que lle corresponda na asemblea xeral, distribuíndo, se é o caso, o resto en proporción ó número de socios que reúnan a condición de electores de cada club.

Artigo 8º

Corresponde á asemblea xeral:

a) A elección e cesamento do presidente da federación.

b) A aprobación e modificación dos estatutos.

c) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

d) A aprobación de actos de disposición que atinxen a bens inmobles propiedade da federación, así como de calquera acto de aceptación de empréstitos ou emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial. Sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social. En todo caso cando a súa contía supere o 25% do orzamento anual da federación, ademais do acordo da asemblea xeral, será imprescindible o informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

e) Elixir, de entre os seus membros, unha comisión delegada, que estará composta polo 15% dos membros da asemblea e en ningún caso este número será inferior a 5 nin superior a 15; a súa función consiste en realizar o seguimento da xestión deportiva e económica da Federación Galega de Golf.

Artigo 9º

1. A asemblea xeral reunirase, con carácter ordinario, unha vez ó ano, para a aprobación do orzamento correspondente ó ano en curso, liquidación do orzamento correspondente ó ano anterior e aprobación do calendario oficial de competicións.

2. Poderá reunirse, con carácter de extraordinaria, cando así sexa convocada polo presidente, por pedimento propio ou por instancia dun número de membros da asemblea xeral non inferior ó vintecinco por cento dos seus compoñentes; dado este caso, o presidente deberá convocala no prazo máximo de dez días, e para ser celebrada non máis tarde de vinte días naturais despois da súa convocatoria.

3. As reunións da asemblea xeral, tanto ordinarias coma extraordinarias, serán convocadas cunha antelación mínima de 20 días á data da súa celebración, mediante comunicación que será cursada por fax ou telegrama a tódolos seus membros e na que se expresará a orde do día, lugar, data e hora da celebración, tanto na primeira convocatoria coma na segunda, entre as que deberá mediar polo menos unha hora.

4. Para que as reunións da asemblea xeral fiquen validamente constituídas, cumprirá que concorran, en primeira convocatoria, a maioría dos seus membros, e en segunda sexa cal for o número de asistentes.

5. Os acordos adoptaranse por maioría dos membros presentes en cada reunión, agás os que se refiren ó exercicio das facultades sinaladas no artigo 8º d) destes estatutos, para o que se esixirá a maioría dos dous tercios asistentes á reunión.

O presidente.

Artigo 10º

O presidente da Federación Galega de Golf é o máximo órgano executivo da mesma e posúe a súa representación legal; convoca e preside os órganos de goberno e representación, gozando de voto de calidade en caso de empate, e executa os acordos dos mesmos. Correspóndelle nomear e destituí-los membros da xunta directiva, así como contratar e despedi-las persoas que presten servicios a esta federación.

Artigo 11º

O presidente será elixido cada catro anos, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto polos compoñentes da asemblea xeral. Correspondendo a súa renovación ó mesmo tempo que a da asemblea xeral, salvo que quede vacante a presidencia con anterioridade ó prazo ordinario previsto, caso no que a asemblea xeral procederá á elección do novo presidente, que o será polo tempo que falte ata o remate do prazo correspondente para o mandato ordinario.

Artigo 12º

Non poderá ser elixido presidente da Federación Galega de Golf quen posuíse ininterrompidamente tal condición durante os tres períodos inmediatamente anteriores, calquera que fose a duración efectiva destes.

Artigo 13º

O presidente cesará nas súas funcións:

1. Por transcurso do prazo para o que foi elixido.

2. Por falecemento.

3. Demisión.

4. Por aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

5. Por incorrer nalgunha causa de incompatibilidade legalmente prevista ou de inelixibilidade sobrevida.

Artigo 14º

Vacante a presidencia por algunha das causas previstas no artigo anterior -agás a primeira-, o vicepresidente da Federación Galega de Golf procederá á convocatoria da asemblea xeral para que, no prazo máximo de 30 días, celebre reunión con carácter extraordinario para elixir novo presidente, que o será

polo período que falte ata as eleccións ordinarias seguintes.

Artigo 15º

A moción de censura poderá ser solicitada co apoio de, polo menos, un tercio dos compoñentes da asemblea xeral, por escrito e, onde se faga constar o seu carácter constructivo e candidato alternativo.

Para que prospere, será necesario o voto favorable dos dous tercios dos membros compoñentes da asemblea xeral, en reunión que deberá ser convocada no prazo máximo de 30 días a partir da data da solicitude.

Artigo 16º

O presidente da Federación Galega de Golf, cargo que exercerá con carácter honorífico, está investido das máis amplas facultades de representación, administración e de goberno, correspondéndolle todas aquelas que non estean expresamente reservadas na lei ou nestes estatutos á asemblea xeral e, en especial, correspóndelle:

1. Representar en xeral a Federación Galega de Golf, en xuízo e fora del, perante toda clase de persoas e entidades recoñecidas en dereito.

2. Negociar, concertar e solemnizar toda clase de contratos e adquirir, por calquera título, allear e gravar, por título oneroso, toda clase de bens, xa sexan mobles, inmobles ou dereitos, así como prestar e aceptar garantías persoais ou reais, modificar e cancela-las mesmas, debendo cumprirse sempre o disposto no artigo 8º d) destes estatutos.

3. Contratar e despedi-los empregados da federación, exercendo, en xuízo e fóra del, as accións e dereitos que correspondan en defensa dos intereses desta federación.

4. Promover e interesar expedientes administrativos de calquera clase e seguilos en tódolos seus trámites e instancias e, en particular, tomar parte en poxas, concursos e demais expedientes encamiñados á contratación de obras e servicios e realiza-los actos precisos para a adxudicación e sinatura dos correspondentes contratos, podendo expresamente para tal efecto constituír, modificar e cancelar fianzas e depósitos de todo tipo e facer pagamentos e cobramentos ante calquera organismo, autoridade ou servicio administrativo e aceptar ou impugnar adxudicacións provisionais ou definitivas.

5. Concertar con calquera entidade de crédito ou financeira, pública ou privada, toda clase de operacións bancarias activas ou pasivas, e calquera tipo de contrato de servicio bancario ou de financiamento, incluídos os contratos de fianza, e realizar todo tipo de declaracións cambiarias, intervindo nas mesmas en calquera concepto, mobilizando por medio admitido en dereito os saldos das contas bancarias abertas a nome da Federación Galega de Golf, ingresando nas mesmas os fondos ou valores desta federación.

6. Reclamar ou cobrar calesquera cantidade que se lle deba á Federación Galega de Golf, sexan cales foren os títulos ou concepto xurídico da débeda e a persoa, física ou xurídica, obrigada ó pagamento ou á devolución, incluída a Administración pública.

7. Posuír e outorgar poderes con facultades tan amplas coma for preciso para representar esta federación ante todo tipo de tribunais e xulgados, e comparecer e querelarse nos mesmos en toda clase de procedementos e xuízos, civís, penais, administrativos, contencioso-administrativos, económico-administrativos ou laborais, en calquera concepto, quer como demandante, quer como demandado, e realizando dentro deses procedementos todo tipo de actuacións que conveñan a esta federación, podendo, mesmo, transixi-los xuízos ou procedementos iniciados, e comprometer a Federación Galega de Golf en todo tipo de arbitraxe, posuíndo a súa representación para intervir na forma máis ampla posible en tódalas actuacións arbitrais; transixir fóra do xuízo e outorgar poderes xerais ou especiais para pleitos a avogados e procuradores, con facultades de substitución.

8. Asinar cantos documentos públicos ou privados for necesario para o exercicio das facultades que se lle recoñecen e as demais que exerza como representante da Federación Galega de Golf.

9. Retirar de toda clase de oficinas, públicas ou privadas, as cartas, comunicacións, despachos, mercancías, xiros, pregos e valores, e practicar cantas xestións foren necesarias para a recepción e entrega, mesmo formular para o efecto protestas e reclamacións e, para todo iso, subscribir e asina-los documentos, recibos e resgardos que se lle esixan, podendo levanta-las actas correspondentes.

10. Obter toda clase de concesións, patentes, privilexios, marcas, signos distintivos e dereitos de propiedade industrial e intelectual.

11. Contratar e subscribir seguros contra incendios, accidentes laborais e seguros sociais, así como seguros que cubran calquera outro risco.

12. Outorgar todas ou parte das súas facultades a outras persoas, con carácter solidario ou mancomunado, e revogar tales apoderamentos.

A xunta directiva.

Artigo 17º

Os membros da xunta directiva, órgano colexiado de xestión da Federación Galega de Golf, serán designados e revogados libremente polo seu presidente.

Artigo 18º

A xunta directiva estará formada por un máximo de quince membros, entre os que figurarán, ademais do presidente, que será o da federación, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro, sendo o resto vocais.

Os membros da xunta directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás sesións da asemblea xeral con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 19º

Tódolos cargos da xunta directiva terán carácter honorífico, sen que os que os ocupen poidan percibir remuneración ningunha por iso.

Artigo 20º

1. O vicepresidente primeiro, que deberá ser membro da asemblea xeral, actuará con carácter de suplente ordinario do presidente e substituirao no caso de ausencia, vacancia ou doenza deste último.

2. Correspóndelle ó tesoureiro da xunta directiva formula-los balances que anualmente deberán presentarse á asemblea xeral e autenticar, coa sua sinatura, os orzamentos, balances e contas anuais.

3. O Secretario da xunta directiva, que tamén o será da asemblea xeral, custodiará e levará os libros e documentación da federación, e expedirá as certificacións dos acordos federativos co visto e prace do presidente.

4. Tódolos membros da xunta directiva cooperarán por igual na xestión do goberno que compete á mesma e desempeñarán as misións que especialmente lles encomende o presidente da federación ou a propia xunta.

Artigo 21º

A xunta directiva reunirase, con carácter ordinario, como mínimo unha vez cada tres meses, e con carácter extraordinario sempre que a convoque o presidente, por propia iniciativa ou por solicitude dun tercio dos seus membros.

A convocatoria terá de facerse por escrito, cunha antelación mínima de sete días naturais á data da celebración, agás nos casos de urxencia, nos que poderá ser convocada telegraficamente con 48 horas de antelación.

Artigo 22º

A xunta directiva ficará validamente constituída coa asistencia, como mínimo, do presidente o do vicepresidente, en caso de delegación, e do cincuenta por cento dos vocais. En segunda convocatoria, media hora despois da primeira, calquera que sexa o número de asistentes, sempre que estea presente o presidente ou o vicepresidente expresamente delegado para este acto.

Os acordos tomaranse por maioría simple, sendo o voto da presidencia dirimente en caso de empate.

As deliberacións e acordos dda xunta directiva reflectiranse nun libro de actas que asinarán tódolos asistentes á reunión.

Artigo 23º

Para poder ser membro da xunta directiva da Federación Galega de Golf requírese:

1. Ser maior de idade, posuír plena capacidade xurídica e de obrar, gozar de tódolos dereitos civís e te-la condición civil de galego.

2. Non estar suxeito a sanción deportiva ou penal que leve consigo aparellada a inhabilitación absoluta ou especial para o exercicio de cargo público.

3. Atoparse en posesión da licencia federativa vixente cunha antigüidade mínima dun ano.

4. Non ser membro da xunta directiva doutra federación deportiva.

Artigo 24º

1. Os membros da xunta directiva da Federación Galega de Golf serán considerados en toda clase de actos deportivos relacionados con este deporte, que se desenvolvan dentro da Comunidade Autónoma galega, como convidados de honra.

2. Os membros da xunta directiva terán libre acceso ós campos e instalacións de tódolos clubs e asociacións deportivas afiliadas á Federación Galega de Golf, podendo practica-lo golf na sua condición de convidados de honra.

O secretario xeral.

Artigo 25º

1. O presidente da Federación Galega de Golf, logo de coñecemento da súa xunta directiva, poderá designar un secretario xeral, que asistirá e asesorará a tódolos órganos da Federación Galega de Golf nos aspectos xurídicos da súa respectiva competencia.

2. O cargo de secretario xeral poderá ser remunerado se quen o posúe non é membro da xunta directiva.

O xerente.

Artigo 26º

O xerente, que será contratado polo presidente logo de coñecemento da xunta directiva, garantirá, baixo a superior autoridade do presidente, a boa marcha económica e administrativa da Federación Galega de Golf, preparando a documentación e estudios en tódolos asuntos que lle afecten e vixiará e asegurará o cumprimento das decisións e acordos que adopten os órganos de administración e xestión desta federación.

Artigo 27º

En particular, son competencias do xerente as que seguen:

a) A coordinación xeral das actividades e órganos da Federación Galega de Golf, e da execución dos acordos adoptados que pola súa natureza o presidente lle poida conferir por delegación.

b) A asistencia ó secretario da asemblea xeral e do consello de dirección.

c) Posúe por delegación do presidente a xefatura do persoal da federación.

d) Prepara a resolución e despacho de tódolos asuntos.

e) Prepara-las reunións dos órganos de goberno e dos órganos técnicos. Poderá asistir ás súas reunións con voz pero sen voto.

f) Recibe e expide a correspondencia oficial da federación, e leva un rexistro de entrada e saída dela.

g) Prepara a memoria anual da federación para a súa presentación polo presidente á asemblea xeral.

h) Controla a execución dos acordos económicos e, de xeito especial, vixía con escrupulosidade o adecuado cumprimento dos destinos asignados ás subvencións oficiais.

i) Promove a superior autoridade do presidente, accións encamiñadas á maior divulgación e práctica do golf na Comunidade Autónoma.

j) Inicia accións e prepara acordos con empresas e particulares para a obtención de axudas, promocións e subvencións privadas en beneficio do golf.

k) Representa a Federación Galega de Golf perante autoridades, organismos, tribunais e particulares, nos termos e coas limitacións que determinen os poderes outorgados polo seu presidente e demais órganos superiores.

Artigo 28º

O cargo de xerente poderá ser remunerado se quen o detén non é membro da xunta directiva, e terá a tódolos efectos legais a consideración propia de persoal de alta dirección.

Dos órganos técnicos.

Artigo 29º

Son órganos técnicos da Federación Galega de Golf o comité de asesores, o comité de disciplina deportiva, o comité de árbitros e todos aqueles que o presidente, oída a xunta directiva, coide necesario crear.

Artigo 30º

O consello de asesores, que terá carácter consultivo, exercerá as competencias que se establezan na norma regulamentaria que o regule.

O comité de árbitros terá as funcións que se indican no artigo 26 da Orde de 20 de xullo de 1995 da Consellería da Presidencia e Administración Pública, e contará cun presidente que será designido polo que o sexa da Federación Galega de Golf.

Artigo 31º

1. O comité de disciplina deportiva da Federación Galega de Golf actúa con independencia dos demais órganos da mesma, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e nas cuestións disciplinarias deportivas que o afecten. En primeira instancia o comité de competición o xuíz único e en segunda polo comité de apelación.

2. Estará composto por un número de membros non inferior a tres nin superior a sete, de entre os que se designará un presidente e un vicepresidente, actuando como secretario o que o sexa da federación, que será membro nato deste comité, con voz e voto.

3. Os membros deste comité, agás o secretario, serán elixidos pola asemblea xeral por proposta de xunta directiva, non sendo precisa a condición de compoñente da asemblea xeral para ser elixido para este comité.

4.Cada vez que proceda a renovación da asemblea xeral será renovado o comité de disciplina deportiva na primeira reunión que aquela celebre.

5. O voto do presidente deste comité será de calidade nos casos de empate.

TÍTULO III

Dos comités de competición

Artigo 32º

1. En tódolos clubs deportivos afiliados á Federación Galega de Golf actuará un comité de competición que estará integrado por un mínimo de catro membros, un dos cales o presidirá coa denominación de capitán de campo.

2. Os membros integrantes dos comités de competicións serán propostos á federación galega polas xuntas directivas dos clubs, a cal aceptará ou non as propostas recibidas e as someterá á ratificación da Real Federación Española de Golf.

3. Son funcións dos comités de competición, as seguintes:

a) Organizaren tódalas probas que se van celebrar nas instalacións dos seus respectivos clubs.

b) Decidiren sobre calquera acción cometida ou incidente ocorrido durante a celebración dunha proba en aplicación das regras de golf.

c) Elevaren informe das actuacións de deportistas que puideren ser constitutivas de infracción ó órgano con competencia disciplinaria en cada caso e prestar todo o apoio requirido a el de oficio ou á súa instancia.

4. Contra os acordos dos comités de competición ou do xuíz único, os deportistas poderán recorrer, en primeiro lugar, perante o comité de apelación e, posteriormente, perante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

TÍTULO IV

Dos clubs deportivos

Artigo 33º

Para os efectos dos presentes estatutos, enténdese por club deportivo de golf aquelas asociacións privadas integradas por persoas físicas ou xurídicas que entre os seus fins teñan por obxecto a promoción e práctica do deporte do golf.

Os clubs inscribiranse no correspondente Rexistro de Asociacións Deportivas. Estarán representados perante a Federación Galega de Golf polo seu presidente ou persoa en quen delegue. Poderán acceder ás axudas e prestacións que distribúa a federación de acordo coa Secretaría Xeral do Deporte da Xunta de Galicia.

Os clubs deportivos de Galicia teñen, entre outras, as seguintes obrigas:

a) Poren á disposición da federación galega e da Real Federación Española de Golf os seus campos de xogo e instalacións complementarias para celebraren as probas acordadas polo consello de dirección da federación galega ou pola Real Federación Española de Golf.

b) Organizaren as probas de capacitación e clases de ensinanza teórica e práctica que lles solicite a federación galega ou a Real Federación de Golf.

c) Someteren á Federación Galega de Golf a aprobación dos seus calendarios anuais das probas que desexen celebrar supeditadas ás normas vixentes en cada momento, evitando coincidencias de datas coas probas organizadas pola Real Federación Española ou pola Federación Galega de Golf.

d) Daren conta á federación galega de tódalas modificacións que se introduzan nos seus terreos de xogo e que afecten ó percorrido canto ó seu par de xogo e Standard Scratch Score.

e) Non permitiren a práctica do golf no seu campo de xogo e percorrido ás persoas que non sexan titulares da correspondente licencia federativa. Cando se trate de estranxeiros, estes deberán posuír licencia de xogador do seu país recoñecida pola Real Federación Española de Golf.

f) Contribuíren ás atencións dos orzamentos federativos na forma que lles corresponda, por acordos validamente adoptados pola asemblea por proposta da xunta directiva.

g) Remitirlle á federación, unha vez rematadas as probas deportivas, relación detallada de tódolos participantes.

TÍTULO V

Do réxime económico

Artigo 34º

1. A federación galega poderá ter patrimonio propio. O patrimonio da federación galega estará integrado polos bens dos que lle corresponda a titularidade.

2. Son recursos da federación, entre outros, os seguintes:

a) As subvencións e transferencias que as entidades públicas poden concederlles.

b) A porcentaxe que lle sexa asignado pola Real Federación Española de Golf.

c) As achegas, cotas ou outros dereitos que aboen os xogadores, técnicos árbitros, xuíces, clubs e demais entidades afiliadas, segundo determine a asemblea coa aprobación do orzamento de cada exercicio.

d) Os froitos do seu patrimonio.

e) As doazóns, herdanzas, legados e premios que lle sexan outorgados.

f) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organicen, así como os derivados dos contratos que realicen.

g) Os empréstimos ou créditos que obteñan.

h) As sancións pecuniarias que se impoñan ós seus afiliados, de conformidade coa lexislación vixente.

i) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 35º

1. A federación galega ten orzamento propio. A economía da federación axustarase ó orzamento anual que aprobará a asemblea xeral, por proposta da xunta directiva e co informe favorable da comisión delegada. A federación non poderá aprobar orzamento deficitario.

2. Na administración e xestión do orzamento e patrimonio, a federación poderá:

a). Promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, debendo aplica-los beneficios, se os houber, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

Cando se trate de bens inmobles que fosen financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos do Estado ou da Administración autónoma, será preceptiva, no primeiro caso, a autorización do Consello Superior de Deportes e, no segundo, do órgano autonómico competente, para o seu gravame ou alleamento.

3. A federación non poderá comprometer gastos de carácter plurianual sen autorización do organismo autonómico competente, cando a natureza do gasto ou a porcentaxe del en relación co seu orzamento vulnere os criterios que a normativa vixente estableza.

4. A federación someterase anualmente a auditorías financeiras e, se é o caso, de xestión, así como a informes de revisión limitada, sobre a totalidade dos gastos.

Artigo 36º

A Federación Galega de Golf destinará a totalidade dos seus ingresos e do seu patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto.

TÍTULO VI

Do réxime disciplinario

Artigo 37º

A potestade disciplinaria da Federación Galega de Golf esténdese ás infraccións das regras de xogo e competición e ás das normas xerais deportivas, tipificadas nestes estatutos, de conformidade co previsto na Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, e no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

Artigo 38º

A Federación Galega de Golf exerce a súa potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que forman a súa estructura orgánica; sobre os clubs deportivos galegos e os seus deportistas, técnicos e directivos; os xuíces e árbitros e, en xeral, sobre todas aquelas persoas ou entidades que desenvolven, promoven, practican ou dalgún xeito interveñen no deporte do golf no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 39º

A Federación Galega de Golf elaborará un regulamento de disciplina deportiva, que conterá un cadro de infraccións deportivas, clasificadas como moi graves, graves e leves, coas sancións correspondentes, debendo observar, en todo caso, as prescricións legais que ó respecto establece a Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, o Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva, e a restante normativa de aplicación.

Dos procedementos disciplinarios.

Artigo 40º

O procedemento para a imposición de sancións por infraccións disciplinarias iniciara de oficio o órgano competente, unha vez que teña coñecemento da suposta infracción, quer a consecuencia de denuncia, quer por orde doutro órgano superior.

Artigo 41º

Para a tramitación dos expedientes disciplinarios, ben sexan de carácter ordinario ou extraordinario, seguirase o procedemento establecido nos artigos 31 e seguintes do Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva, sendo de aplicación dito real decreto canto ás notificacións e réxime dos recursos previstos.

Artigo 42º

1. En calquera caso, o comité de disciplina deportiva da Federación Galega de Golf coñecerá, en primeira instancia, das infraccións que contra a disciplina deportiva cometan os membros suxeitos á disciplina desta federación.

2. Os recursos interpostos contra os acordos disciplinarios resolveranos os comiotés de competición e apelación. Esgotada a vía federativa, será competente o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

TÍTULO VII

Do réxime electoral

Artigo 43º

Terán a consideración de electores e elixibles para os órganos de goberno e representación da Federación Galega de Golf:

a) Os deportistas galegos maiores de idade que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria das eleccións e a posuísen durante todo o ano inmediatamente anterior.

b) Os clubs deportivos inscritos nesta federación como mínimo no ano inmediatamente anterior, que conten cun campo homologado no momento da convocatoria para as eleccións e teñan organizado dúas ou máis competicións de carácter oficial.

Corresponderá ás respectivas xuntas directivas dos clubs a designación, de entre os seus socios, de quen, tendo a condición de electores e elixibles, haxan de representalos perante a asemblea xeral, e poderán ser substituídos caso de elección dunha nova xunta directiva do club de que se trate.

c) Os técnicos adestradores e xuíces-árbitros inscritos na federación galega, maiores de idade, que teñan a súa correspondente licencia ó momento de convocarse eleccións e a posuísen durante todo o ano inmediatamente anterior.

d) Os demais colectivos interesados recoñecidos como tales pola federación e inscritos cunha antigüidade mínima de dous anos.

A circunscrición electoral será provincial para os deportistas e autonómica para os técnicos adestradores e xuíces árbitros e demais colectivos.

Artigo 44º

Os membros da asemblea xeral serán elixidos por un período de catro anos, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno.

Artigo 45º

1. O proceso electoral, que deberá principiar polo menos un mes antes da data na que se extinga o mandato da asemblea xeral de que se trate, comezará coa elección da xunta electoral, que estará composta por tres membros da asemblea, de entre quen non se presenten á reelección ou, se é o caso, por tres persoas que reúnan os requisitos de elector e elixibles e que non se presenten á elección de que se trate.

2. Nomeada a xunta electoral, esta procederá á constitución de catro mesas electorais, unha por cada provincia, con sede na súa respectiva capital, que estará formada por dúas persoas designadas pola xunta electoral de entre quen reúnan os requisitos de elector e elixible e non se presenten á elección de que se trate.

Artigo 46º

1. A convocatoria de eleccións realizarase mediante un anuncio que publicará no Diario Oficial de Galicia e en dous diarios dos de maior difusión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha antelación mínima dun mes ó día previsto para a votación.

2. Na convocatoria, da que se dará conta á Secretaría Xeral do Deporte da Xunta de Galicia, e á Real Federación Española de Golf, expresarase, necesariamente:

a) O período hábil para a presentación de candidaturas, que será de dez días e comezará o mesmo día da publicación do anuncio de convocatoria, prazo para a súa aceptación ou rexeitamento e recursos que proceden contra as decisións da xunta electoral nesta sede.

b) O anuncio de exposición do censo electoral, indicando lugar e prazo para a realización de reclamacións.

c) O número de representantes por cada sector e circunscrición electoral.

d) Os lugares, sede da mesa electoral, data e horas de comezo e finalización das votacións.

Artigo 47º

1. As candidaturas serán en lista cerrada, incluíndo tantos candidatos coma postos corresponda elixir por cada sector e circunscrición, ademais dos suplentes -máximo de un por cada candidato-, con expresión da orde de colocación de cada un deles.

2. Ningún candidato pode presentarse en máis dunha circunscrición electoral e candidatura.

3. Ó escrito de presentación da candidatura deberá xuntarse declaración de aceptación de cada candidato e designación do que deberá actuar como representante da candidatura perante a xunta electoral.

Artigo 48º

A proclamación das candidaturas realizarase pola xunta electoral cunha antelación mínima de quince días á data de celebración das votacións e notificaráselle ó representante de cada candidatura, co recurso que proceda para o caso de non aceptación, que deberá presentarse no prazo improrrogable de tres días e resolvido tres días despois da súa interposición.

Artigo 49º

1. De existir unha soa candidatura por sector e circunscrición, os seus candidatos serán proclamados como membros da asemblea xeral pola xunta electoral, e non será necesaria a celebración de eleccións.

2. Se houber máis dunha candidatura por cada sector, constiuirase a mesa electoral e precederase á votación mediante o voto libre, directo, igual e secreto.

3. O voto das entidades e persoas xurídicas requirirá da expresa delegación de tal facultade, que se acreditará oportunamente perante a mesa electoral, posuíndo os clubs deportivos tantos votos coma socios deles reúnan a condición de electores.

4. O escrutinio realizarase consonte o sistema maioritario, sendo elixida, por cada sector e circunscrición, a candidatura que obteña maior número de votos, e tódolos seus candidatos serán proclamados como membros electos da asemblea xeral.

Artigo 50º

Cada mesa electoral recollerá, na acta que levante, cantas incidencias se produzan durante o transcurso da votación, así como o escrutinio realizado, que incluirá o detalle da totalidade dos votos emitidos, os válidos, nulos e en branco, e que, trala sinatura dos compoñentes da mesa, e dos candidatos que actuasen como interventores, será remitida á xunta electoral o mesmo día da votación.

Artigo 51º

Cada mesa electoral resolverá sobre as reclamacións que se formulasen, que se farán constar na acta, o mesmo que a decisión que adoptasen, contra a que procederá recurso perante a xunta electoral, que deberá presentarse no prazo de tres días seguintes á votación e resolvido pola xunta en igual prazo.

Contra as decisións da xunta electoral caberá recurso perante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Artigo 52º

1. Trala votación, a xunta directiva convocará a nova asemblea xeral, que deberá reunirse, en sesión constitutiva, no trixésimo día posterior á celebración das eleccións.

2. Os asistentes acreditarán a súa credencial e personalidade perante a mesa de idade, que estará constituída polos elixidos de maior a menor idade presentes no dito acto e na que actuará, como secretario, o que o sexa da asemblea xeral saínte.

3. Presentes a maioría absoluta dos novos compoñentes da asemblea xeral, a mesa declarará constituída a asemblea xeral, e caso de non cumprirse o dito quórum de asistencia, a sesión constitutiva celebrarase dous días despois, ficando constituída a asemblea xeral calquera que for o número de asistentes.

Artigo 53º

Na sesión de constitución da asemblea xeral procederase, por medio de votación persoal, directa, libre e secreta dos asistentes, á elección do pre

sidente da Federación Galega de Golf, para o que a mesa abrirá un período de dez días para a presentación de candidaturas perante a mesma. Recibidas estas, procédese á sesión constitutiva, sendo elixido como presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos dos membros da asemblea, e se non a obtivese ningún, procederase a unha segunda votación entre os candidatos que obtivesen maior número de votos na primeira, sendo proclamado daquela presidente que obteña maior número de votos. Así mesmo procederase a elixir a comisión delegada.

TÍTULO VIII

Do réxime documental

Artigo 54º

A Federación Galega de Golf levará os seguintes libros:

1. Libro rexistro de tódolos deportistas practicantes deste deporte afiliados á Federación Galega de Golf, facendo consta-lo seu nome e apelidos, enderezo, número de licencia federativa, data de inscrición, hándicap e club ó que pertenza.

2. Libro de rexistro de clubs, no que se fará consta-la súa denominación, domicilio social, nome completo dos membros das súas respectivas xuntas directivas, con expresión do cargo que ocupan e período de duración.

3. Libro de actas, onde deberán consignarse os acordos que adopten os diferentes órganos colexiados de goberno e administración da federación.

4. Libros de contabilidade, que serán levados consonte coa normativa prevista para os da dita clase.

5. Libro rexistro de sancións, no que se fará constar tódolos datos relativos ás sancións que se impuxeren.

6. Libro rexistro de instalacións deportivas, no que se fará consta-lo nome e enderezo dos propietarios das ditas instalacións e do representante da entidade.

7. Libro-inventario dos bens mobles e inmobles.

TÍTULO IX

Da modificación dos estatutos

Artigo 55º

Os estatutos da Federación Galega de Golf só poderán ser modificados por acordo da asemblea xeral, previamente convocada para o efecto, con carácter extraordinario, ficando pendente a eficacia da súa modificación ata a súa aprobación pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

TÍTULO X

Da extinción

Artigo 56º

A Federación Galega de Golf extinguirase polas causas previstas no Real decreto 1835/1991, do 20 de decembro sobre federacións deportivas españolas, sendo necesaria, para o suposto de acordo de extinción adoptado pola asemblea xeral, a ratificación da Secretaría Xeral do Deporte da Xunta de Galicia.

Unha vez ultimada a súa liquidación, o seu patrimonio neto resultante será destinado para os fins de carácter deportivo que determine a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Deberanse afiliar á Federación Galega de Golf que teñan enderezo en Galicia:

a) Tódolos deportistas inscritos en clubs que posúan instalacións dedicadas á práctica do golf e organicen competicións e probas deste deporte.

b) Tódolos clubs que posúan instalacións dedicadas ó golf e organicen competicións e probas deste deporte.

c) Os técnicos-adestradores e xuíces-árbitros con enderezo en Galicia.

Segunda.-Tódolos afiliados están obrigados a contribuír ó sostemento do obxecto e fins desta federación, mediante o pagamento das cotas que estableza a asemblea xeral e someteranse ó disposto nos presentes estatutos e ás normas que os desenvolvan e, nomeadamente, ós regulamentos deportivos, nacionais e estranxeiros, que admita a Real Federación Española de Golf.

Terceira.-Os deportistas afiliados teñen dereito a participar nas probas e competicións que se celebren en Galicia organizadas pola Real Federación Española de Golf e por esta federación, debendo cumprir os regulamentos que para ditas probas se establezan e terán dereito a beneficiarse dos seguros e prestacións da mutualidade deportiva que estableza a federación.

Deberán asistir ás convocatorias da selección deportiva galega cando foren seleccionados para ela, agás causa xustificada.

Disposición transitoria

A actual asemblea xeral cumprirá co período de mandato para o que resultou elixida de acordo coa orde, e convocaranse as novas eleccións, consonte co disposto nos presentes estatutos, unha vez finalice o dito período.

Disposición derradeira

A validez e eficacia dos presentes estatutos está condicionada á aprobación pola Secretaría Xeral do Deporte da Xunta de Galicia e entrarán en vigor ó día seguinte da súa aprobación, sendo publicados no Diario Oficial de Galicia.

1504