Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 05 de marzo de 1997 Páx. 1.951

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 26 de febreiro de 1997 pola que se instrumenta o réxime de axudas ó consumo de aceite de oliva.

No artigo 11 do Regulamento (CEE) 136/1966, do Consello, do 22 de setembro, que establece a Organización Común de Mercados (OCM) no sector de materias graxas, prevese unha axuda ó consumo de aceite de oliva, que poderán percibi-las empresas envasadoras previamente autorizadas, en virtude do disposto no Regulamento (CEE), do Consello, 3089/1978, do 19 de decembro. A sua vez, no Regulamento (CEE) 2677/1985, do 24 de setembro, da Comisión, establécense as modalidades de aplicación do réxime de axuda ó consumo de aceite de oliva e fíxanse os requisitos que han de cumpri-las empresas envasadoras en relación co prazo e forma de presenta-la solicitude das axudas, así como dos anticipos e os controis que deben ser verificados polos Estados membros.

Polo Decreto 76/1996, do 29 de febreiro, asumíronse os servicios transferidos mediante o Real decreto 92/1996, como ampliación de medios en materia de agricultura, concretamente as funcións desenvolvidas polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) (antigo SENPA). Con base nestas funcións, esta Comunidade Autónoma pasou a conceder unha serie de axudas ó sector agrícola e gandeiro que ata entón viñan sendo aboados pola Administración do Estado, ó constituírse a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes como organismo pagador dos gastos relacionados coa Política Agraria Común segundo o disposto no Decreto 359/1996, do 13 de setembro, entre elas a axuda ó consumo de aceite de oliva.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, ten atribuídas, entre outras, competencias para a xestión tras accións derivadas da Política Agraria Común (PAC) e das diversas OCM, o que se desprende tamén do disposto nos decretos 128/1996, do 14 de febreiro, e 388/1996, do 31 de outubro, que establecen a súa estructura orgánica.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e con base nas competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula- la concesión de axudas ó consumo de aceite de oliva segundo os requisitos establecidos na normativa comunitaria e da forma determinada na presente orde.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

As anteditas axudas rexeranse polo disposto nos regulamentos comunitarios 136/1966, do 22 de setembro, e 3089/1978, do 19 de decembro, ámbolos dous do Consello; así como no Regulamento 2677/1985, do 24 de setembro, da Comisión, amais do establecido con carácter xeral para a concesión de axudas e subvencións na Lei 13/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e na respectiva Lei anual de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia no que resulten de aplicación, habida conta da especificidade das axudas con cargo ó FEOGA-Garantía.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las axudas reguladas nesta orde as empresas envasadoras de aceite de oliva debidamente autorizadas para o efecto con carácter previo.

Artigo 4º.-Autorización previa ás empresas envasadoras.

1. Para poder acceder ás subvencións para o consumo de aceite de oliva as empresas interesadas deberán solicitar autorización previa de recoñecemento como empresa envasadora.

2. A dita solicitude presentarase, segundo modelo que se achega como anexo IV á presente orde, nas delegacións provinciais do Ilgga ou do xeito previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude acompañaranse, debidamente cumprimentados, os anexos V e VI a esta orde, así como fotocopias compulsadas dos certificados do Rexistro de Industrias Agrarias e do Rexistro Sanitario de Industrias.

3. Os servicios provinciais do Ilgga, tras examina-lo cumprimento polas empresas solicitantes dos requisitos esixidos no Regulamento (CEE) 2677/1985, da Comisión, efectuarán unha proposta de autorización para actuar como empresa envasadora, autorización que será outorgada polo director do antedito organismo autónomo.

Artigo 5º.-Periodicidade e cantidade mínima que se vai solicitar.

1. As solicitudes de axudas referiranse á cantidade mensual de aceite de oliva [virxe extra, virxe, oliva e oruxo de oliva, segundo o disposto no anexo do Regulamento (CEE) 136/1966] que sexa vendido e teña saída da empresa en envases de capacidade non superior a 5 litros, que leven o número de identificación de empresa envasadora debidamente autorizada.

2. A cantidade mínima para solicita-la concesión de axudas ó consumo terá que ser de 15 toneladas.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses contados desde o remate do mes para o que se solicita a axuda, agás que a cantidade comercializada durante o dito mes non alcance o mínimo de 15 toneladas, caso no que a solicitude se presentará dentro dos dous meses seguintes ó remate daquel no que se alcanzase a dita cantidade mínima.

2. En todo caso, ó remata-la campaña oleícola, as empresas envasadoras, nos dous primeiros meses da campaña seguinte, deberán solicita-la axuda polas cantidades comercializadas na campaña precedente e pendentes de solicitude, aínda que a dita cantidade pendente non alcance o mínimo de 15 toneladas.

3. As empresas envasadoras autorizadas presentarán as solicitudes de axuda da forma prevista no artigo 4.2º, por duplicado exemplar e segundo o modelo que se xunta como anexo I á presente orde.

4. Nas solicitudes reflectiranse os datos relativos ó consumo do aceite de oliva para o cal se pide a axuda.

5. No caso de incumprimento dos prazos previstos anteriormente, aplicarase o disposto no artigo 9, apartado 1º, parágrafo 4º do precitado Regulamento (CEE) 2677/1985.

Artigo 7º.-Concesión.

As axudas serán concedidas polo director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do Ilgga, logo da proposta das delegacións provinciais e da oportuna fiscalización, debéndose realiza-lo pagamento no prazo máximo de 150 días a contados desde a súa presentación, agás no suposto recollido no artigo 9.3º, parágrafo 2º do Regulamento (CEE) 2677/1985, sempre que se estimen cumpridos os requisitos esixidos na normativa de aplicación, vistos os oportunos informes emitidos pola Agencia para el Aceite de Oliva.

Artigo 8º.-Anticipos do pagamento.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, polo órgano neste previsto, poderase conceder un anticipo polo importe total da axuda solicitada sempre que a empresa envasadora achegue a preceptiva garantía,

en contía equivalente ó anticipo solicitado, en forma de aval bancario ou póliza de seguro de caución, presentada ante a delegación provincial do Ilgga, conforme os modelos que se inclúen como anexos II e III, respectivamente, á presente orde.

2. Non obstante, as novas empresas envasadoras, durante o primeiro ano, desde a súa autorización, deberán presentar unha garantía do 130 por 100 do importe de cada un dos anticipos solicitados.

Artigo 9º.-Cancelación da garantía.

1. O delegado provincial do Ilgga liberará a garantía presentada para o anticipo concedido unha vez sexa recoñecido o dereito á percepción da axuda pola cantidade anticipada e, logo da petición do interesado, procederase á súa devolución.

2. Cando o dereito da axuda se recoñeza por unha cantidade inferior á anticipada, o Ilgga executará a garantía pola diferencia entre ambas cantidades.

Artigo 10º.-Obrigas das empresas autorizadas.

1. Estas empresas deberán cumpri-los requisitos e condicións mínimas establecidos na normativa comunitaria, podendo ser retirada a autorización no caso de incumprimento de calquera das condicións esixidas, así como cando se solicite a axuda por un importe superior a aquel para o que se recoñece o seu dereito de acordo cos artigos 5.2º e 12.6º do Regulamento (CEE) 2677/1985.

2. As empresas autorizadas deberán levar unha contabilidade específica de existencias e movementos do aceite de oliva conforme o establecido pola Agencia para el Aceite de Oliva. Así mesmo, quedarán obrigadas a permiti-los controis e inspeccións previstos na normativa en vigor.

Disposicións adicionais

Primeira.-As empresas envasadoras de aceite de oliva autorizadas como tales, con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, non terán que solicita-la autorización previa establecida no artigo 4º.

Segunda.-Para as axudas que se satisfagan con cargo ós orzamentos desta Comunidade Autónoma para 1997, existe dotación orzamentaria adecuada e suficiente no concepto 09.03.614A.779 Axudas comunitarias a productores derivadas da nova P.A.C., dotada con 25 millóns de pesetas para este programa, segundo o disposto na Lei 11/1996, do 30 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do Ilgga para que, dentro do ámbito das súas competencias, dicte as instruccións precisas para execución e cumprimento do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

137