Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 05 de marzo de 1997 Páx. 1.949

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 34/1997, do 20 de febreiro, polo que se regula a organización, as competencias, a composición e o funcionamento do Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición adicional primeira da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, creou o Tribunal Económico-Administrativo e autorizou ó Consello da Xunta de Galicia para que dictase as disposicións regulamentarias necesarias sobre a súa organización, competencias, composición e funcionamento.

En cumprimento do citado mandato legal dictouse o Decreto 215/1993, do 16 de setembro, que constituíu ata a data a norma reguladora na materia.

O dito decreto remitíase en materia revisora ó procedemento contido no Real decreto 2244/1979, do 7 de setembro, e no Real decreto 1999/1981, do 20 de agosto. Derrogado recentemente este último polo Real decreto 391/1996, do 1 de marzo, faise aconsellable adaptar a esta norma a regulación autonómica nos seus aspectos orgánicos e de funcionamento e prever en canto ó procedemento revisor en materia económico-administrativa a oportuna remisión ó novo texto estatal.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Carácter, adscrición e sede do Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. O Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia é o órgano competente para o coñecemento e resolución das reclamacións económico-administrativas, tanto se nelas se suscitan cuestións de feito como de dereito, que se produzan en relación coas seguintes materias:

a) A xestión, inspección e recadación dos tributos propios da facenda da comunidade e, en xeral, de tódolos ingresos de dereito público que correspondan a esta, coa exclusión expresa dos tributos cedidos polo Estado á Xunta de Galicia e dos recargos que se establezan por esta sobre tributos estatais.

b) O recoñecemento ou liquidación por autoridades ou organismos da Consellería de Economía e Facenda de obrigas do Tesouro e da Facenda galega e as cuestións relacionadas coas operacións de pagamento polos ditos órganos con cargo a el.

c) Calquera outra respecto da que por precepto legal expreso así se declare.

2. O tribunal a que se refire o apartado anterior quedará adscrito á Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, como órgano propio dela e terá a súa sede na dos órganos centrais dela.

Artigo 2º.-Competencias

1. Corresponderalle ó Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia o coñecemento e resolución:

a) Das reclamacións económico-administrativas que se interpoñan contra os actos dictados polos órganos centrais da Consellería de Economía e Facenda ou doutras consellerías e os seus organismos autónomos ou entes relacionados coas materias a que se refire o artigo 1º do presente decreto.

b) Das reclamacións económico-administrativas que se interpoñan contra os actos dictados polos órganos periféricos da Administración da Xunta de Galicia ou dos seus organismos autónomos, relacionados coas materias a que se refire o artigo 1 do presente decreto.

c) Dos recursos extraordinarios de revisión promovidos contra os actos firmes, dictados polos órganos a que se refiren as letras a) e b) do presente apartado, e as resolucións do propio tribunal.

2. Os actos dictados polo conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en ningún caso serán susceptibles de reclamación económico-administrativa.

Corresponderalle ó dito conselleiro a competencia para coñecer e resolve-los recursos extraordinarios de revisión que se interpoñan contra os seus propios actos.

Artigo 3º.-Composición e funcionamento.

1. O Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia terá a seguinte composición:

a) O director xeral de Tributos, que ostentará a presidencia.

b) Os subdirectores xerais de Impostos Cedidos, de Taxas, Prezos e demais tributos propios e do Tesouro, como vocais.

c) O asesor xurídico da Consellería de Economía e Facenda, como secretario.

2. No caso de vacante do cargo ó que estea vinculada a vocalía, o conselleiro de Economía e Facenda designará o seu substituto entre os funcionarios das direccións xerais correspondentes, logo de proposta dos directores xerais respectivos.

3. Se algún dos membros do tribunal dictase o acto administrativo obxecto da reclamación participará na deliberación con voz pero sen voto.

4. O tribunal funcionará en sala única composta polo presidente, os vocais e o secretario, todos eles con voz e voto.

5. Nos casos de ausencia ou enfermidade, e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, substituirá ó presidente o máis antigo dos vocais.

6. O presidente poderá convocar ás sesións do tribunal a funcionarios del que non sexan vocais, co fin de que informen sobre os extremos que se estimen convenientes. Os ditos funcionarios non participarán nas deliberacións.

7. Para a preparación dos relatorios poderán adscribirse ó tribunal os funcionarios que se estimen necesarios.

Artigo 4º.-Funcións dos membros do tribunal.

1. Corresponden ó presidente a convocatoria do tribunal, a fixación da orde do día, a dirección das deliberacións e a xefatura superior do persoal adscrito ó tribunal e aqueloutras previstas neste decreto.

2. Corresponden ós vocais do tribunal as seguintes funcións:

a) Posta de manifesto, cando proceda, dos expedientes ós reclamantes para que formulen os escritos de alegacións e achega e proposición de probas.

b) Acordar ou denega-la práctica de probas nos expedientes de que sexan relatores.

c) Redacta-los relatorios de resolución, pasando copia deles, por conducto da secretaría, ós restantes membros do tribunal.

d) Redacta-la resolución definitiva e sometela á conformidade e sinatura dos restantes membros do tribunal.

e) Vixia-lo cumprimento das resolucións e adoptar ou propor ó presidente, segundo proceda, as medidas pertinentes para remove-los obstáculos que se opoñan á execución.

3. Corresponden ó secretario do tribunal as funcións seguintes:

a) Recibi-los escritos que inicien as reclamacións económico-administrativas e reclama-los expedientes a que elas se refiren dos centros ou dependencias en que se encontren, pasándoos para a súa tramitación ó vocal que deba despachalos.

b) Redactar, copiar e cursar tódalas comunicacións e ordes que acorde o tribunal ou o seu presidente.

c) Leva-los libros de rexistro e de ordes e comunicacións, os de actas e de votos particulares e arquivar debidamente encadernadas as testemuñas das resolucións dictadas polo tribunal en cada un dos distintos anos naturais.

d) Practica-las citacións para as reunións do tribunal e facer chegar ó presidente e ós vocais o índice dos relatorios dos asuntos que teñan que examinarse en cada sesión.

e) Notifica-las resolucións ós interesados que compareceran na reclamación e devolve-los expedientes, despois de incorporarlles copia autorizada daquelas ás dependencias de que procedan, para o cumprimento da dita decisión.

f) Poñer en coñecemento do delegado do interventor xeral as resolucións estimatorias que se dicten.

g) Asesorar, verbalmente ou por escrito, ó presidente nos asuntos que este someta á súa consideración.

h) Participar nas deliberacións do tribunal e asesorar en xeral a este en cantas cuestións de dereito se susciten.

i) Dirixi-la tramitación dos expedientes.

k) As demais previstas neste decreto.

Artigo 5º.-Formación da vontade do tribunal.

1. Para a válida constitución do tribunal, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, será necesaria a asistencia do presidente, secretario e dous vocais. Non obstante en materia de suspensión bastará un.

2. Os acordos serán adoptados pola maioría de asistentes, e dirimirá os empates o voto do presidente.

3. Ningún dos membros do tribunal poderá absterse de votar, e o que disinta da maioría poderá formular voto particular por escrito, no prazo de corenta e oito horas, que se incorporará ó expediente sen que se faga mención ningunha nas resolucións nin na notificación dela.

4. En calquera caso, quen formule voto reservado poderá propoñe-la declaración de lesividade da decisión, dirixíndose directamente ó director xeral do centro ó que corresponda a xestión do ramo a que o acto administrativo pertenza, enviándolle copia do acordo ou resolución e do seu voto reservado cos razoamentos que considere oportunos.

Artigo 6º.-Actas das sesións.

1. De cada sesión que celebre o tribunal levantarase acta, que conterá a indicación dos asistentes, lugar e tempo da reunión, mención dos expedientes vistos, resultado das votacións e sentido dos acordos.

2. As actas aprobaranse na mesma ou posterior sesión, asinaranse polo secretario co visto e prace do presidente e conservaranse correlativamente numeradas na secretaría.

3. Consideraranse sesións distintas, aínda que se celebren o mesmo día, e delas levantaranse actas por separado, cada reunión que celebre o tribunal con asistencia de distintos compoñentes.

Artigo 7º.-Recurso contencioso-administrativo.

As resolucións do Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia esgotan a vía administrativa e caberá recurso contra elas en vía contencioso-administrativa perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen prexuízo dos supostos en que caiba o recurso extraordinario de revisión conforme o previsto no artigo 118 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

A tramitación e resolución das reclamacións interpostas contra os actos da Comunidade Autónoma de Galicia que versen sobre as materias ás que se refire o artigo primeiro rexeranse polo disposto no Real decreto 2244/1979, do 7 de setembro, polo que se regulamenta o recurso de reposición previo ó económico administrativo (BOE nº 235, do 1.10.1979), e no Real decreto 391/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de procedemento nas reclamacións económico administrativas (BOE nº 72, do 23.3.1996), coas oportunas adecuacións á organización e estructura da Administración autonómica.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 215/1993, do 16 de setembro, polo que se regula a organización, as competencias, a composición e o funcionamento do Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 189, do 30.9.1993), así como cantas outras normas de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido na presente disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

97-1556