Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 1997 Páx. 1.817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de xaneiro de 1997 pola que se convocan encontros e actividades de formación e de intercambios de experiencias para os responsables e os compoñentes dos equipos de normalización lingüística, e para o profesorado en xeral, dos centros de ensino non universitario públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, encoméndalles ás autoridades educativas que tomen as medidas oportunas para promove-lo uso progresivo do galego no ensino. Ese uso debe contribuír a que os alumnos do ensino non universitario vaian acabando os distintos ciclos cun dominio similar de galego e de castelán.

Entre as medidas que a Administración educativa está levando a cabo figuran a formación do profesorado en lingua galega e a constitución dos equipos de normalización lingüística nos centros educativos. Estes equipos, actualmente regulados polo disposto nos Decretos 324/1996, do 26 de xullo, e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 9 de agosto e do 21 de outubro, respectivamente), teñen como función principal a de potencia-lo uso da lingua galega nos centros de ensino non universitario, e son os encargados de elaborar e dinamizar un plan anual de actividades tendentes á consecución dos obxectivos establecidos polo centro en relación coa normalización do idioma e a cultura de Galicia.

Cómpre entón dinamiza-las actuacións deses equipos, promovendo a formación dos seus membros e o intercambio e a difusión das experiencias dos distintos centros.

Por outra banda, e dado que o labor de promoción lingüística é tarefa xeral de todo o profesorado, é preciso mellora-la formación, especialmente lingüística, non só dos membros deses equipos senón tamén de todo o profesorado en xeral.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Convócanse encontros e actividades de formación e de intercambios de experiencias para os responsables e os compoñentes dos equipos de normalización lingüística constituídos nos centros educativos non universitarios públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, e para o profesorado en xeral deses mesmos centros. Estes encontros e actividades celebraranse ó longo do ano 1997 e financiaranse con cargo á partida 07.06.353F.640.2 do orzamento xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para este mesmo ano.

Artigo 2º

1. A finalidade destes encontros e actividades é a formación do profesorado, para consegui-la normalización lingüística nos centros e a progresiva utilización da lingua galega no ensino en xeral.

2. O contido destes encontros e actividades centrarase fundamentalmente nas competencias que nos decretos 324/1996 e 374/1996 se lles encomenda ós equipos de normalización lingúística, e mais no establecido no Decreto 247/1995.

3. Todo o que se leve a cabo nestes encontros e actividades farase en galego, de acordo co disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega.

Artigo 3º

1. As localidades de celebración, as datas de comezo e mailos horarios dos encontros determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes e a súa distribución xeográfica.

2. Canto ás actividades, tanto os contidos de cada unha delas coma todo o referente á organización anunciaraos a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no primeiro cuadrimestre de 1997.

Artigo 4º

1. As solicitudes presentaranse, utilizando o formulario que figura como modelo no anexo desta orde, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou tramitaranse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro,

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será o dos vinte días naturais seguintes ó do anuncio dos encontros ou actividades.

3. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. O número de asistentes a cada encontro ou actividade será de 15 persoas como mínimo.

Artigo 5º

1. A duración de cada encontro ou actividade poderá variar segundo a programación que se dispoña.

2. A asistencia a tódalas sesións destes encontros e actividades será obrigatoria.

3. Ás persoas que participen nos encontros e actividades outorgaráselles un certificado de asistencia.

Artigo 6º

Os módulos económicos que se fixen para estes encontros e actividades poderán comprender:

-Gastos de desprazamento dos responsables dos encontros e dos profesores docentes, sempre que o concello no que se celebren sexa distinto daquel no que está situado o centro no que teñen destino.

-Retribución ós relatores ou conferenciantes, no caso de que os haxa, polas súas conferencias ou relatorios.

-Dotación específica para material.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

97-1150