Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 27 de febreiro de 1997 Páx. 1.782

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 19 de febreiro de 1997 pola que se dispón o remate do prazo de presentación de solicitudes que se formulen ó abeiro da Orde do 8 de maio de 1996 de axudas a medidas forestais na agricultura, ou da Orde do 13 de maio de 1996 de axudas a accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques.

O Regulamento CEE nº 2080/1992 establece unha serie de medidas para fomenta-la repoboación forestal de terras agrarias marxinais ou ben dedicadas a cultivos excedentarios na Comunidade Europea. O Regulamento CEE nº 1610/1989 indica un réxime de axudas para o desenvolvemento e ordenación dos bosques nas zonas rurais.

O R.D. 378/1993, substituído polo R.d. 152/1996, traspuxo, a nivel estatal, estes regulamentos comunitarios, dando orixe ó Subprograma 1 e ó Subprograma 2 con vixencia no quinquenio 1993-1997. Ó abeiro desa norma e do Decreto 250/1993, do 24 de setembro, da Xunta de Galicia, a Comunidade Autónoma de Galicia e a Secretaría Xeral de Estructuras Agrarias do MAPA, subscribiron un convenio destinado ó financiamento de medidas para o fomento de investimentos forestais en explotacións agrarias. O Real decreto 152/1996, do 2 de febreiro, derroga o R.D. 378/1993, pero establece a vixencia do convenio subscrito anteriormente.

En virtude desta normativa, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes dictou a Orde do 8 de

maio de 1996 de axudas a medidas forestais na agricultura e a Orde do 13 de maio de 1996 de axudas a accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques. Ambas ordes prevían que no ano 1996 se puidesen presentar solicitudes para a execución de traballos durante 1997, remitindo a un anuncio no DOG a determinación da data de remate do devandito prazo.

Tendo en conta estas previsións e o elevado número de peticións presentadas ata a data, e dado que o Programa Europeo do que derivan estas axudas remata o 15 de outubro de 1997, considérase necesario pecha-lo prazo de presentación de novas solicitudes, co obxecto de que os peticionarios dispoñan de tempo suficiente para realiza-los traballos.

Doutra banda, tamén se ten en conta que, ó abeiro das ordes anteriormente ditas, presentáronse moitas solicitudes en tempo e forma que non puideron ser atendidas no ano 1996.

Por todo iso, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.

O prazo de presentación de solicitudes para realizar durante 1997 os traballos previtos na Orde do 8 de maio de 1996 de axudas a medidas forestais na agricultura (artigo 9.5.2) e na Orde do 13 de maio de 1996 de axudas a accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques (artigo 12.4), rematará ós 15 días contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O modelo de solicitude, documentación requirida e o procedemento de xestión das axudas serán os mesmos que os indicados nas ditas ordes de axudas de 1996.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas aprobadas ó abeiro das devanditas ordes do 8 e 13 de maio de 1996 das que o seu pagamento non puido ser atendido, por causas inimputables ós interesados, serán tidas en conta ó abeiro da presente orde, así como tamén aquelas axudas pendentes de aprobación por falta de crédito. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que se encontraran ó remate do exercicio anterior.

Segunda.

1ª. O aboamento das subvencións fixadas na Orde do 8 de maio de axudas a medidas forestais na agricultura financiarase en 1997 con cargo ó concepto orzamentario 09.04.614-C 770.0 por un importe de 1.088.512.235 ptas., coas seguintes porcentaxes de

financiamento: 12,5% Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentació; 12,5% fondos propios da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes; e a 75% restante FEOGA-garantía.

2ª. O aboamento das subvencións fixadas na Orde do 13 de maio de 1996 de axudas a accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques financiarase no ano 1997 con cargo ó concepto 09.04.614-C 770.0 por un importe de 837.591.655 ptas., coas seguintes porcentaxes de financiamento: 27,5% fondo propio da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e a 72,5% restante FEOGA-orientación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

97-1118