Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Martes, 18 de febreiro de 1997 Páx. 1.453

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 5 de febreiro de 1997 pola que se desenvolve o Regulamento xeral da inspección dos tributos no ámbito da competencia da Dirección Xeral de Tributos.

A teor do preceptuado nos artigos 17.1 f) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia y 18.1 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e normas fiscais complementarias, o procedemento de inspección tributaria, en materia de tributos cedidos, e, con carácter supletorio, en materia de tributos propios, rexerase pola Lei xeral tributaria e o Regulamento xeral da inspección dos tributos, esgotándose con isto, conforme o previsto no artigo 9.1 c) desta lei, o desenvolvemento regulamentario.

Non obstante, en cuestións concretas de organización, é necesario que esta consellería dicte normas, que precisen e dean seguridade xurídica en canto á competencia de tales unidades, as súas funcións e atribucións e as distintas facultades dos funcionarios ou persoal que desempeñe os diferentes postos de traballo das ditas unidades, sen que, desde logo, isto condicione o número de dotacións e as características retributivas reflectidas nas correspondentes relacións de postos de traballo, que constitúen o instrumento básico para a creación, modificación, refundición ou supresión dos postos de traballo nas unidades orgánicas.

Procede aproba-las disposicións que regulan as competencias e os servicios dependentes da Dirección Xeral de Tributos, órgano ó que o artigo 6.1.b) do Decreto 13/1997, do 23 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, encomenda a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da inspección dos tributos, tanto propios coma cedidos, tendo presente o sinalado polo artigo 12.3 do mencionado decreto, en referencia ás competencias dos servicios de inspección tributaria.

Por todo isto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Órganos con atribucións propias da inspección dos tributos.

As funcións ou atribucións propias da inspección dos tributos, no ámbito de competencia da Xunta de Galicia, serán exercidas polos seguintes órganos:

a) Na esfera central e respecto de todo o territorio da comunidade:

1. Pola Dirección Xeral de Tributos.

2. Pola Subdirección Xeral de Impostos Cedidos.

3. Pola Subdirección Xeral de Taxas, Prezos e demais Tributos Propios.

4. Polo Servicio de Inspección Tributaria.

b) Na esfera da Administración periférica da Facenda pública galega e sen prexuízo do disposto no apartado primeiro do artigo 17 do Regulamento xeral da inspección dos tributos:

Polos servicios de inspección, respecto da demarcación territorial de cada delegación territorial de Facenda.

Para os efectos do Regulamento xeral da inspección dos tributos e do disposto nesta orde, terán a consideración de órganos ou dependencias inspectoras tódolos órganos ou servicios ós que se refire este artigo.

Artigo 2º.-A Dirección Xeral de Tributos.

A Dirección Xeral de Tributos exercerá as funcións previstas no artigo 6.1.b) e c) do Decreto 13/1997, do 23 de xaneiro, polo que se establece a estructura da Consellería de Economía e Facenda, e en particular:

a) A dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da inspección dos tributos cedidos, así como da inspección dos tributos propios e prezos que correspondan á Xunta de Galicia, ós seus organismos autónomos e demais entidades de dereito público dependentes dela.

Non obstante, en canto ó imposto sobre o patrimonio observarase o preceptuado no artigo 14 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás Comunidades Autónomas e de medidas fiscais complementarias.

b) O impulso e coordinación das relacións de colaboración que en materia tributaria poidan establecerse con outras administracións públicas, e en particular coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Artigo 3º.-A Subdirección Xeral de Impostos Cedidos.

A Subdirección Xeral de Impostos Cedidos exercerá as funcións previstas no artigo 6.2.1 do Decreto 13/1997, e en particular:

a) A coordinación dos servicios de inspección en materia de impostos cedidos.

b) A proposta de adopción de medidas para a racionalización, normalización e unificación de criterios que se utilizarán nas actuacións relativas á inspección dos impostos cedidos.

Artigo 4º.-A Subdirección Xeral de Taxas, Prezos e demais Tributos Propios.

A Subdirección Xeral de Taxas, Prezos e demais Tributos Propios exercerá as funcións previstas no artigo 6.2.2. do Decreto 13/1997, e en particular:

a) A coordinación dos servicios de inspección en materia de taxas, prezos e demais tributos propios.

b) A proposta de adopción de medidas para a racionalización, normalización e unificación de criterios que se utilizarán nas actuacións relativas á inspección das taxas, prezos e demais tributos propios.

Artigo 5º.-O Servicio de Inspección Tributaria.

O Servicio de Inspección Tributaria, adscrito á Subdirección Xeral de Impostos Cedidos, exercerá as funcións previstas no artigo 6.2.1.2 do Decreto 13/1997, e en particular:

a) A análise e proposta dos plans de inspección relativos ós impostos cedidos.

b) O estudio, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se utilizarán nas actuacións de comprobación, investigación e valoración tributaria.

c) A proposta de elaboración do sistema de información e estatística relativa ós resultados das ditas actuacións.

Artigo 6º.-Os servicios de inspección das delegacións territoriais de Facenda.

Os servicios territoriais de inspección realizarán as actuacións de comprobación e investigación recollidas no artigo 2 do Regulamento xeral da inspección dos tributos e para o seu cumprimento ostentarán cantas atribucións lle recoñece á inspección o ordenamento xurídico vixente.

Artigo 7º.-Os equipos de inspección.

1. De acordo co artigo 16 do Regulamento xeral da inspección dos tributos, as actuacións inspectoras serán desenvolvidas polos equipos de inspección que en cada servicio territorial a que se refire o artigo 1.b) desta orde, se configuren. Para estes efectos cada equipo de inspección estará formado por un inspector tributario e o número de subinspectores que as necesidades do servicio ou a dotación de postos de traballo determine.

No suposto de que tódolos postos de traballo reservados a inspectores tributarios no respectivo servicio se atopen vacantes, a dirección e supervisión do equipo exerceraa o xefe de servicio correspondente.

De existiren varios equipos, asumirá as funcións, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o inspector máis antigo.

2. Para os efectos desta orde, tódalas referencias efectuadas no Regulamento xeral da inspección tributaria ós inspectores xefes, entenderanse efectuadas ós xefes de Servicio de Inspección das delegacións territoriais de Facenda.

3. A asignación dos subinspectores ás unidades de inspección será realizada polos xefes de Servicio de Inspección.

4. As actuacións da inspección dos tributos deberán ser ordenadas e dirixidas polo inspector ó que se encomende a dirección do equipo e serán practicadas ben directamente por aqueles ou ben polos subinspectores adscritos a tales unidades.

5. Os inspectores encargados da dirección dos equipos, sen prexuízo de realizaren directamente actuacións inspectoras na súa totalidade ou en parte, asumirán a responsabilidade do cumprimento dos obxectivos encomendados ó equipo, distribuirán entre os membros desta as actividades que se van desenvolver e dirixirán ou controlarán a correcta execución delas.

As actuacións de obtención de información e as demais actuacións que non sexan de comprobación e investigación da inspección dos tributos serán desenvolvidas polos equipos de inspección nos termos que dispoña o inspector encargado da súa dirección atendendo á importancia e significado daquelas.

6. Cando a insuficiencia na dotación de postos de traballo o determine, os inspectores tributarios poderán actuar individualmente, conforme prevén o artigo 16 do Regulamento xeral da inspección dos tributos, levando a cabo as actuacións de comprobación e investigación, obtención de información, valoración, informe a asesoramento segundo a división do traballo que, de conformidade coas directrices da Dirección Xeral de Tributos, realice o xefe de servicio correspondente.

7. Os encargados de cada equipo supervisarán, se é o caso, as actuacións de comprobación e investigación, realizadas totalmente por outros membros do equipo, inmediatamente antes da súa terminación, asegurándose tanto da suficiencia de tales actuacións como da corrección de tales propostas de regularización resultantes. Esta supervisión non suporá acto administrativo ningún nin a súa falta afectará á eficacia das actas ou dilixencias estendidas, sen prexuízo da responsabilidade do funcionario causante da omisión.

8. No marco de cada equipo de inspección os subinspectores adscritos a ela desenvolverán as actuacións concretas e subordinadas a que se refire o artigo 17 da Lei 15/1991, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1991. Neste sentido, desenvolverán as actuacións de comprobación e investigación que dispoña o inspector encargado do equipo. E, cando este así o ordene e logo da súa supervisión, poderán realizar totalmente e ultimar actuacións inspectoras subscribindo as actas correspondentes agás nos seguintes supostos:

a) No imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados:

1º Transmisións patrimoniais onerosas cunha base impoñible superior a 100 millóns de pesetas ou ás que resulte de aplicación o artigo 14.7 do texto refundido da Lei do imposto.

2º Operacións societarias cunha base impoñible superior a 150 millóns de pesetas.

3º Actos xurídicos documentados: documentos mercantís.

b) No imposto sobre sucesións e doazóns:

1º Adquisición de bens a título sucesorio cando o caudal hereditario sexa superior a 150 millóns de pesetas.

2º Adquisicións de bens e dereitos a título gratuíto e intervivos cando a base impoñible sexa superior a 100 millóns de pesetas.

c) Imposto sobre o patrimonio, cando a base impoñible sexa superior a 150 millóns de pesetas.

d) Taxa fiscal sobre o xogo, que grava os celebrados en casinos.

e) Imposto sobre contaminación atmosférica.

f) Canon de saneamento.

Artigo 8º.-Axentes tributarios.

1. Nos órganos ou servicios a que se refire esta orde poderán encomendarse actuacións meramente preparatorias e de comprobación ou proba de feitos ou circunstancias con transcendencia tributaria a funcionarios e persoal laboral que ocupen un posto de traballo que, na relación de postos de traballo, figuren con esa denominación.

Estes axentes tributarios poderán desempeña-las súas funcións nos equipos de inspección ou ben dependendo directamente do xefe de Servicio de Inspección.

2. Os axentes tributarios documentarán o resultado das súas actuacións mediante dilixencia e expedirán as comunicacións que procedan de conformidade cos artigos 45 a 47 do Regulamento xeral da inspección dos tributos.

3. Os axentes tributarios terán a consideración de inspección dos tributos no desempeño das súas funcións, para os efectos dos deberes, consideración ou facultades propias daquela.

En particular, poderán entrar nos predios, locais de negocio e demais establecementos ou lugares en que se desenvolvan actividades ou explotacións sometidas a gravame, nos termos previstos no artigo 141 da Lei xeral tributaria e nos artigos 39 e 40, apartado primeiro, do Regulamento xeral da inspección dos tributos.

Artigo 9º.-Postos de traballo que supoñen o desempeño de funcións inspectoras.

Sen prexuízo do disposto no apartado sexto do artigo 7 do Regulamento xeral da inspección dos tributos, só os funcionarios públicos e persoal laboral que desempeñen os postos de traballo a que se refiren os artigos 7 e 8 desta orde terán as atribucións e facultades propias da inspección dos tributos para os efectos de realizaren as actuacións inspectoras, documenta-los seus resultados e dicta-las liquidacións ou outros actos administrativos que procedan, segundo as tarefas propias de cada posto de traballo.

Artigo 10º.-Documentación das actuacións inspectoras.

As actuacións da inspección dos tributos documentaranse en dilixencias, comunicacións, informes e actas previas ou definitiva, conforme o disposto no título II do Regulamento xeral da inspección dos tributos.

Cando a inspección estime correcta a situación tributaria dun suxeito pasivo expedirá, se procedese, a correspondente acta de comprobado e conforme aínda que aquel non estivese obrigado a presentar declaración polo imposto correspondente. Non obstante, cando investigue a aplicación dalgunha das presuncións de feitos impoñibles a que se refire o artigo 4 da Lei do imposto sobre sucesións e doazóns, e a inspección entenda correcta a situación tributaria, expedirá dilixencia, facendo constar tal extremo, para que o xefe do Servicio de Inspección territorial correspondente dicte a resolución a que se refire o artigo 92 do Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro.

Artigo 11º.-Sinatura das dilixencias e actas polos actuarios e demais persoal inspector.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 8.1 desta orde, as dilixencias da inspección dos tributos serán subscritas polos funcionarios que practiquen as actuacións das que resulten os feitos ou circunstancias que se reflicten naquelas.

No procedemento especial a que se refire o último parágrafo do artigo 10, e a dilixencia que se expida ó abeiro do artigo 17.1, deberá ser asinada, en todo caso, polo encargado do equipo ou inspector que, conforme o disposto no artigo 7.6 desta orde, pode realizar, individualmente, as actuacións de comprobación e investigación.

2. As actas da inspección dos tributos serán asinadas:

a) Polo inspector encargado do equipo de inspección que realizase as correspondentes actuacións de comprobación e investigación.

b) Nos supostos a que se refire o artigo 7.6 desta orde, polo inspector, con carga individualizada do Plan de Inspección.

c) Cando se lle encomendase a un subinspector a realización da totalidade das actuacións comprendidas nos capítulos V e VI do título primeiro do Regulamento xeral da inspección dos tributos sobre un determinado obrigado tributario, asinarán as actas ademais do encargado do equipo, o subinspector sinalado.

Con carácter excepcional, por vacante, ausencia ou enfermidade do encargado do equipo, e non estando dotada a praza de inspector tributario, ou estar este, así mesmo, vacante, ausente ou enfermo, o director xeral de Tributos poderá autoriza-la ultimación de actuacións e sinatura das actas por un subinspector.

Artigo 12º.-Entregas das dilixencias e actas polos actuarios.

1. As dilixencias que expida a inspección dos tributos para permiti-la incoación do correspondente procedemento ou expediente á marxe do propio procedemento inspector, serán entregadas polo equipo de inspección ou inspector con carga individualizada, no prazo de cinco días ó xefe de Servicio de Inspección correspondente, adoptando este as medidas precisas para que se incoen os expedientes que procedan e se dea traslado das dilixencias polo conducto axeitado ás administracións públicas ou órganos competentes.

2. Non obstante, cando unha dilixencia recolla accións ou omisións que poidan ser constitutivas de infraccións simples, se se expedise en presencia e coa sinatura do interesado, entregándose un exemplar, na mesma dilixencia se lle comunicará que, entendéndose incoado o correspondente expediente sancionador, dispón dun prazo de 15 días despois do terceiro seguinte á data daquela, para formular alegacións perante ó xefe do Servicio de Inspección. Estas dilixencias serán entregadas polo equipo de inspección ou inspector con carga individualizada no prazo de 3 días, acompañadas do informe a que se refire a letra f) do apartado segundo do artigo 48 do Regulamento xeral da inspección dos tributos.

No outro caso, deberase comunicar ó interesado a incoación do oportuno expediente para que, sempre logo da posta de manifesto del, se o desexa, formule as alegacións que estime conveniente no prazo de 15 días perante o xefe do Servicio de Inspección.

3. As actas acompañadas de tódolos seus antecedentes serán entregadas polo equipo de inspección ou inspector con carga individualizada, ó xefe de Servicio de Inspección correspondente no prazo de 3 días.

O xefe do Servicio de Inspección, rematadas as correspondentes actuacións inspectoras, custodiará os expedientes en tramitación, impulsará esta, poñerá, se é o caso, os ditos expedientes de manifesto ós interesados e recibirá as alegacións que estes formulen.

Artigo 13º.-Tramitación das dilixencias e actas.

1. Dentro do prazo dos 15 días seguintes ó remate do prazo para formular alegacións, a que se refire o número 2 do artigo 12 desta orde, o xefe do Servicio de Inspección acordará o sobresemento do expediente sancionador ou ben redactará a proposta de resolución e elevará o expediente ó delegado territorial correspondente, cando a sanción consista en multa fixa, quen resolverá dictando o correspondente acto administrativo.

Non obstante, cando o xefe de Servicio de Inspección non teña por certo os feitos alegados polos interesados ou considere procedente formular proposta de resolución, tendo en conta feitos ou probas que non figuren xa no expediente, acordará a apertura dun período de proba por un prazo non superior a 30 días nin inferior a 10, co fin de que poidan practicarse cantas xulgue pertinentes, mesmo a través de actuacións inspectoras, poñendo de novo de manifesto o expediente ós interesados para alegacións nun prazo de 15 días e formulando finalmente a proposta de resolución dentro dos 15 días seguintes.

Acordada a imposición da sanción, notificarase o correspondente acto administrativo ó interesado, logo de fiscalización pola Intervención.

a) Recibidas as actas e os seus antecedentes polo xefe de Servicio de Inspección, se a acta fose de conformidade, examinaraa para os efectos previstos no artigo 60 do Regulamento xeral da inspeccións dos tributos no prazo de 7 días desde a recepción da acta. A continuación, remitirase esta, xunto cos documentos que expida a Inspección, á Intervención para os efectos de contraído e fiscalización debendo remitirse de novo o expediente ó Servicio de Inspección no prazo de 10 días.

b) Cando o xefe de Servicio de Inspección, inicialmente ou como consecuencia dos reparos formulados pola Intervención, dicte acto de liquidación rectificando os erros materiais apreciados na proposta de liquidación formulada na acta, se a rectificación supón unha minoración de débeda tributaria, a nova liquidación notificaráselle ó interesado, logo da súa fiscalización, se é o caso, deixará sen efecto a proposta de liquidación contida na acta e constituirá ó obrigado tributario na obriga de satisface-lo novo importe da débeda tributaria ou das cantidades que procedan nos prazos sinalados no apartado segundo do artigo 20 do Regulamento xeral de recadación, segundo a data de notificación desta liquidación.

Se a rectificación supón un incremento da débeda tributaria, dictarase unha liquidación suplementaria polo exceso que, notificada ó interesado, logo da súa fiscalización, deberá ser pagada por este segundo a data desa notificación; para o pagamento da débeda tributaria resultante da proposta de liquidación contida na acta e agora confirmada, continuarán rexendo, non obstante, os prazos de pagamento en período voluntario determinados polo transcurso dun mes desde a data da acta.

c) Se o xefe de Servicio de Inspección observase na proposta de liquidación formulada na acta erro na apreciación dos feitos en que se funda ou indebida aplicación das normas xurídicas, acordará a incoación do expediente a que se refire o apartado terceiro do artigo 60 do Regulamento xeral da inspección dos tributos.

A acta incoada servirá como soporte documental do dito expediente, pero quedará sen efecto a proposta de liquidación nela notificada ó obrigado tributario.

d) O xefe de Servicio de Inspección pode deixar plenamente sen efectos a acta incoada e ordenar que se completen as actuacións practicadas durante un prazo non superior a tres meses.

e) Cando a acta sexa de disconformidade, transcorrido o prazo de alegacións, o xefe de Servicio de Inspección dictará a liquidación ou o acordo que proceda.

O acto de liquidación, logo da súa fiscalización, notificaráselle ó interesado conforme a dereito. Procederá xa, se é o caso, a aplicación do disposto no número 3 do artigo 82 da Lei xeral tributaria en canto este acto de liquidación supoña a aceptación das alegacións do interesado, aplicándose aquela circunstancia sobre a parte da débeda tributaria liquidada conforme as alegacións do interesado. Se posteriormente este estendese o recurso ou a reclamación que interpoña á parte da cifra total liquidada considerando aquela circunstancia, procederase a esixi-la parte reducida da sanción.

Cando o xefe de Servicio de Inspección, á vista do actuado, considerase que podería ser procedente dictar unha liquidación modificando a proposta contida na acta en extremos non contravertidos no expediente, e non fose necesaria a realización de actuacións complementarias, expedirá a proposta de liquidación que ó seu xuízo proceda, poñendo de novo o expediente completo de manifesto ó interesado por un prazo de 15 días, resolvendo dentro do mes seguinte. Se o interesado prestase a súa conformidade á nova proposta de regularización formulada, a liquidación que se practique terá en conta o preceptuado no artigo 82.3 da Lei xeral tributaria, para os efectos da reducción da sanción.

Se o xefe de Servicio de Inspección o estima necesario, poderá, dentro do mes seguinte ó termo para formular alegacións, acordar que se complete o expediente en calquera dos seus extremos, ordenando que a Inspección practique as actuacións que procedan nun prazo non superior a tres meses. Neste suposto, o acordo adoptado notificaráselle ó interesado, e interromperá o cómputo do prazo para resolver. Finalizadas as actuacións complementarias, documentaranse a teor dos seus resultados. Se se incoase acta, esta substituirá en tódolos seus extremos á anteriormente formalizada e tramitarase segundo proceda a teor dos seus resultados; noutro caso, poñerase de novo de manifesto o expediente completo ó interesado por un prazo de quince días, resolvendo o inspector xefe, dentro do mes seguinte.

f) Sendo a acta de proba preconstituída, o xefe de Servicio de Inspección, transcorrido o prazo de alegacións, procederá de acordo co disposto no apartado anterior.

Artigo 14º.-Actuación de colaboración.

1. Cando a Inspección dos Tributos do Estado incoe unha acta polo imposto sobre o patrimonio, unha vez recibido o expediente no servicio territorial de Inspección competente da Comunidade Autónoma, o xefe de servicio exercerá as funcións a que se refire o artigo 60 do Regulamento xeral da inspección dos tributos.

2. Se no curso das súas actuacións a Inspección tivese coñecemento dalgún acto, feito, circunstancia ou elemento que integre ou condicione o feito impoñible dun tributo, e a competencia corresponde ó Estado ou a unha entidade local, expedirá dilixencia, que será remitida á Facenda correspondente polo delegado territorial da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 15º.-Sancións tributarias especiais.

1. Cando os feitos e circunstancias recollidas nunha dilixencia ou nunha acta determinasen, a xuízo dos actuarios, a imposición de sancións non consistentes en multas por infraccións tributarias simples ou graves, aqueles propoñerán a iniciación do expediente separado que proceda mediante moción dirixida ó xefe de Servicio de Inspección, acompañada do testemuño da dilixencia ou da acta estendida e demais antecedentes.

2. Con este fin, se os correspondentes feitos ou circunstancias constasen nunha dilixencia, ó entregar esta ó xefe de Servicio de Inspección, o equipo de inspección ou actuario con carga individualizada do Plan de Inspección, xunto coa dilixencia en que consten os feitos constitutivos da infracción simple presuntamente cometida e os demais documentos ou antecedentes relativos a aquela, acompañará a moción e o testemuño ós que se refire o apartado anterior, así como calquera outro antecedente ou elemento que deban formar parte deste expediente.

3. Se os feitos ou circunstancias aparecesen recollidos nunha acta ó entregar esta o equipo de inspección ou actuario con carga individualizada, xunto coa acta en que consten os feitos constitutivos da infracción grave presuntamente cometida e os demais documentos ou antecedentes, acompañará a moción e o testemuño citados xunto cos demais antecedentes ou elementos que deban formar parte dese expediente.

4. Acordada polo xefe de Servicio de Inspección a incoación do expediente, notificaralle ó interesado a dita incoación, advertíndolle da posibilidade de alegar canto conveña ó seu dereito, logo da posta de manifesto do expediente se o desexa, durante o prazo de 15 días; e á vista das alegacións formuladas, se é o caso, e en todo caso transcorrido o período de alegacións, dicta-lo acordo ou resolución que proceda.

5. Se a mesma Inspección fose competente para impoñer, se é o caso, a sanción, o xefe do Servicio de Inspección adoptará o acordo que proceda que

producirá efecto desde o día seguinte á data da súa notificación, sen prexuízo da súa posible suspensión en caso de recurso ou reclamación.

A resolución do expediente de imposición dunha sanción que non consista en multa, só se realizará, se é o caso, unha vez firme o expediente administrativo do que se derive aquel.

6. Se fose outro o órgano competente para impoñe-la sanción non consistente en multa, recibido o expediente para a súa resolución polo xefe de Servicio de Inspección, este, á vista daquel, acordará a súa tramitación ou sobresemento. No primeiro caso, firme o expediente administrativo do que se deriva o que ten por obxecto a imposición dunha sanción non consistente en multa, o xefe de Servicio de Inspección elevará este último expediente polo conducto axeitado ata o órgano competente para impoñe-la sanción.

7. Antes de adopta-lo acordo que proceda ou ordena-la remisión do expediente o xefe de Servicio de Inspección poderá acordar que este se complete segundo o previsto no parágrafo segundo do apartado primeiro do artigo 13 desta orde.

Artigo 16º.-Actuacións inspectoras dos xefes do Servicio de Inspección.

1. Incumbe ós xefes de Servicio de Inspección: planificar, dirixir e controla-las actuacións dos equipos de inspección e inspectores con carga individualizada do Plan de Inspección dos correspondentes servicios territoriais, así como exercer cantas facultades lles atribúe no procedemento inspector tanto o Regulamento xeral da inspección dos tributos como esta orde.

2. Ademais, por necesidades do servicio, e conforme o preceptuado no parágrafo terceiro do apartado primeiro do artigo 7 desta orde, poderán realiza-las actuacións previstas no artigo 9 do Regulamento xeral da inspección dos tributos, e en particular as de comprobación e investigación, os xefes de servicio que, por estaren vacantes as prazas de inspector tributario, dirixan o equipo de inspección, non podendo, en tales casos, dicta-las liquidacións tributarias e os demais actos administrativos que procedan. Tales actos administrativos dictaranse, nos termos establecidos nesta orde, por outro xefe de Servicio de Inspección que se determine para o efecto.

3. Tanto nos supostos de actuacións inspectoras realizadas polos xefes de Servicio de Inspección, como nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, as liquidacións tributarias e demais actos administrativos que procedan poderán ser dictados polos xefes de Servicio de Inspección Tributaria de calquera das outras delegacións territoriais, por designación do director xeral de Tributos.

Artigo 17º.-Actuacións relativas a posibles delictos contra a Facenda pública.

1. Cando os equipos de inspección ou inspectores con carga individualizada do Plan, aprecien a existencia de feitos que, obxectivamente considerados, puidesen ser constitutivos de delictos contra a Facenda pública galega, mediante dilixencia de constancia de

feitos, suspenderán as súas actuacións, dando traslado do expediente ó xefe de Servicio de Inspección territorial correspondente, acompañado das dilixencias incoadas, e o informe sobre a presunta concorrencia nos feitos, dos elementos constitutivos do delicto contra a Facenda pública a que se refire o artigo 10.2 do Real decreto 2631/1985, do 18 de decembro.

2. O xefe do Servicio de Inspección valorará a existencia dalgún dos supostos de exención de responsabilidade penal, prevista nos artigos 349.3 e seguintes da Lei orgánica 6/1995, do 29 de xuño, pola que se modifican determinados preceptos do Código Penal relativos ós delictos contra a Facenda pública, ou no artigo 77.4 da Lei xeral tributaria.

Se da citada apreciación entende procedente a incoación dunha acta de rectificación, dictará un acordo motivado, dando traslado do expediente ó actuario para a continuación das actuacións administrativas.

Noutro caso, dictará acordo que será notificado ó interesado, dando traslado do expediente coas dilixencias incoadas e informe emitido á Dirección Xeral de Tributos da Xunta de Galicia.

3. A Dirección Xeral de Tributos, logo do informe do Servicio de Inspección Tributaria desta, e da Asesoría Xurídica da Consellería de Economía e Facenda, acordará, de forma motivada:

1. Se non existen dúbidas en canto á inexistencia de dolo, a súa remisión ó Servicio de Inspección territorial competente para a continuación das actuacións administrativas.

2. De persisti-las dúbidas, en canto á existencia de dolo, solicitar informe da Asesoría Xurídica da Xunta, para a súa eventual remisión ó Ministerio Fiscal, a teor do preceptuado no artigo 22 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias.

Artigo 18º.-Delegación de atribucións.

1. Delégase no director xeral de Tributos a competencia para designa-lo xefe de Servicio de Inspección que haxa de dicta-los actos administrativos no suposto de actuacións inspectoras realizadas polo xefe de Servicio de Inspección doutra delegación.

2. O exercicio desta delegación axustarase ó disposto no artigo 13 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19º.-Suplencias.

No suposto de ausencia, vacante ou enfermidade, o director xeral de Tributos designará a persoa que deba supli-lo titular do Servicio de Inspección, a teor do preceptuado no parágrafo segundo do apartado primeiro do artigo 17 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición transitoria

Os actos administrativos, aínda de trámite, dictados en execución de disposicións derrogadas en virtude desta orde, non perderán a súa eficacia polo mero feito da dita derrogación e en tanto así proceda de acordo co disposto na presente orde.

Disposición derradeira

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-O director xeral de Tributos dictará as resolucións e instruccións precisas para a execución desta orde.

Disposición derrogatoria

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 28 de xullo de 1995.

Segunda.-Quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

1091