Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 1997 Páx. 1.366

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 5 de febreiro de 1997 pola que se determinan as competencias en materia de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, no seu artigo 20.5º, establece a posibilidade de que se poidan aprazar ou fracciona-las cantidades debidas á Facenda da Comunidade Autónoma nos casos e cos procedementos que regulamentariamente se establezan.

Polo tanto, e facendo uso das competencias conferidas polo artigo 7 da citada Lei 11/1992,

DISPOÑO:

Primeiro.-As débedas tributarias e demais de dereito público que teñan a súa xestión recadatoria atribuída ós órganos da Consellería de Economía e Facenda, poderán ser aprazadas ou fraccionadas polo director xeral de Tributos, delegados territoriais, xefes do Servicio de Recadación e xefes do Servicio de Xestión Tributaria, de acordo coas seguintes contías, natureza das débedas e tipos de garantía esixibles:

A) Director xeral de Tributos.

Correspóndelle a resolución das solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento cando, non estando expresamente atribuída a outros órganos,

a) A contía da débeda exceda de 50.000.000 de ptas.

b) Se solicite a dispensa total ou parcial de garantías.

B) Delegados territoriais.

Correspóndelles a resolución dos aprazamentos e fraccionamentos de pagamento cando, non estando expresamente atribuída a outros órganos, a débeda non exceda de 50.000.000 de ptas.

C) Xefes do Servicio de Recadación.

Correspóndelle-la resolución dos aprazamentos e fraccionamentos de pagamento cando a contía total da débeda pendente acumulada non exceda de 500.000 ptas. e lles sexa de aplicación a exención de garantías.

D) Xefes do Servicio de Xestión Tributaria.

Correspóndelle-la resolución de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento solicitados que, ó abeiro do disposto na normativa reguladora dos impostos sobre sucesións e doazóns e transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, se atribúen especificamente ós órganos competentes para a xestión e liquidación destes.

Segundo.-O director xeral de Tributos poderá avoca-la competencia para acorda-lo aprazamento ou fraccionamento de pagamento en expedientes nos

que a súa especial transcendencia o aconselle e que a súa xestión lle corresponda ós órganos de recadación.

Terceiro.-As solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento, con independencia do órgano competente para a súa resolución, presentaranse perante o Servicio de Recadación da delegación territorial da que proceda o acto que orixina a débeda.

Disposición transitoria

Os procedementos de resolución de solicitudes de aprazamento e fraccionamento iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde tramitaranse conforme o disposto nela.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Resolución do 17 de maio de 1988, da Dirección Xeral de Presupostos e do Tesouro, sobre aprazamentos e fraccionamentos de pagamento de débedas tributarias.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

705