Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 1997 Páx. 1.363

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 23/1997, do 30 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico das xuntas electorais intervenientes nas eleccións a cámaras agrarias.

A Lei 8/1996, do 17 de outubro, reguladora das eleccións a cámaras agrarias, prevé no seu artigo 4 a constitución dunha xunta electoral galega e xuntas electorais provinciais. Estes órganos están chamados a desenvolver un papel fundamental no proceso que conducirá á renovación das cámaras agrarias, dentro do cumprimento das pautas impostas pola normativa básica de aplicación. O devandito rol medra no que atinxe ás primeiras eleccións que se han celebrar tras case dúas décadas, que esixen ademais a imprescindible elaboración de censos provinciais actualizados que satisfagan as regras impostas pola lexislación concorrente.

Con ese ánimo, e tendo presente o establecido na disposición transitoria primeira da supracitada Lei 8/1996, integrada coa habilitación efectuada a prol do Consello da Xunta pola disposición derradeira primeira do mesmo texto legal, cómpre desenvolve-lo réxime xurídico das xuntas electorais.

Na súa virtude, consonte coa normativa vixente, logo do sometimento ó parecer das organizacións profesionais agrarias, a proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1) O presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento do réxime xurídico das xuntas electorais intervenientes nas eleccións a cámaras agrarias.

2) Ó abeiro dos artigos 4, 5 e 6 da Lei 8/1996, do 17 de outubro, reguladora das eleccións a cámaras agrarias existirán unha Xunta Electoral galega e unha Xunta Electoral por cada provincia.

Artigo 2º

A Xunta Electoral galega é o órgano central da Administración electoral e ten carácter permanente. Supervisa o correcto desenvolvemento do procedemento de elección dos vocais dos plenos das cámaras agrarias provinciais. Así mesmo, garante a transparencia e obxectividade do proceso electoral e do principio de igualdade nese ámbito.

Artigo 3º

Os integrantes da Xunta Electoral galega serán designados mediante orde do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, dentro dos noventa días seguintes á sesión constitutiva do último pleno de

cámara agraria provincial que a celebre, e terá a seguinte composición:

-Presidente: secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Vicepresidente: director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Secretario: asesor xurídico da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que actuará con voz e voto.

-Vocais: seis, dos que dous serán funcionarios da Comunidade Autónoma pertencentes ó corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, licenciados en dereito, e os outros catro xuristas de recoñecido prestixio por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias.

Artigo 4º

As xuntas electorais provinciais son órganos periféricos e non permanentes da Administración electoral, e os seus integrantes serán designados mediante orde do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, de aacordo coa seguinte composición:

-Presidente: delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Vicepresidente: secretario da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Secretario: xefe do Servicio Técnico Xurídico da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que actuará con voz e voto.

-Vocais: dous xuristas de recoñecido prestixio, por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias.

Artigo 5º

1) Para os efectos do indicado nos artigos anteriores entenderase por:

a) Organizacións profesionais agrarias propoñentes:

As organizacións profesionais agrarias, as súas federacións e as agrupacións de electores que tiveran representación nos plenos das cámaras agrarias provinciais.

Para o caso da Xunta Electoral galega, por cada provincia proporase un vocal de xeito conxunto, que se indicará en escrito dirixido ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes suscrito por tódolos membros do pleno da respectiva cámara que asistiran á correspondente xuntanza na que se debatera este punto. A devandita proposta deberá efectuarse no termo do mes seguinte á sesión constitutiva do pleno da respectiva cámara agraria provincial. Se non se realizase nese período, darase un novo termo improrrogable de quince días, e no caso de non formalizarse a proposta, cada organización profesional acreditada proporá dous vocais, sendo elixidos ó chou de entre tódolos propostos nun sorteo ó que serán convidados as organizacións propoñentes, presidido polo secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e actuará como secretario o asesor xurídico desta.

Para o caso das xuntas electorais provinciais, a respectiva cámara proporá do mesmo xeito e naquel pleno unha lista de ata cinco xuristas, ordenándoos de xeito prelativo. A devandita lista será ratificada polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, e será publicada no Diario Oficial de Galicia, pasando a integrarse na respectiva xunta cando esta se constitúa. De non acadarse unanimidade na proposta, cada organización profesional proporá un vocal, sendo elixidos ó chou de entre tódolos propostos.

b) Xuristas de recoñecido prestixio:

Aqueles de acreditada competencia con máis de dez anos de exercicio profesional. Esta circunstancia deberá figurar no documento de aceptación da proposta que deberá asinar individualizadamente cada un deles perante o secretario da correspondente cámara agraria provincial, asesor xurídico da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou outro fedatario público.

2) En ningún caso poderán ser propostas aquelas persoas que fosen integrantes de plenos de cámaras agrarias nin persoal ó seu servicio, así como tampouco aqueles xuristas que tiveran relación laboral ou profesional coas organizacións profesionais agrarias, nin as persoas que pretendesen concorrer ó proceso electoral.

Artigo 6º

1) A Xunta Electoral galega saínte continuará no exercicio das súas funcións ata a constitución da nova .

2) Logo da publicación no Diario Oficial de Galicia da Orde do Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes na que se inserirá a relación nominal dos integrantes da Xunta Electoral galega, estes tomarán posesión dos seus cargos perante do conselleiro na data que sinale a propia orde. De seguido realizarase a xuntanza constitutiva, coa presencia de tódolos seus membros.

3) A Xunta Electoral galega terá a súa sede nos servicios centrais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que porá a disposición daquela os medios persoais e materiais precisos para o exercicio das súas funcións.

4) A Xunta Electoral galega procederá a publica-las súas resolucións ou o contido das consultas realizadas no Diario Oficial de Galicia, por orde do seu presidente, cando o seu carácter xeral o faga conveniente.

Artigo 7º

1) As xuntas electorais provinciais constituiranse o terceiro día seguinte a da convocatoria das eleccións, concluíndo o seu mandato cen días despois da celebración destas.

2) As xuntas electorais provinciais terán a súa sede nas respectivas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que porán a disposición daquelas os medios persoais e materiais precisos para o exercicio das súas funcións.

3) As xuntas electorais provinciais exporán nas súas sedes as resolucións ou o contido das consultas que realicen, por orde dos seus presidentes, cando o carácter xeral o faga conveniente.

Artigo 8º

1) As vacantes que puidesen producirse nas xuntas electorais deberán ser cubertas do mesmo xeito en que se provisen. Tratándose dos vocais das xuntas electorais provinciais, seguirase a orde prelativa da lista proposta polas organizacións profesionais agrarias.

2) Os membros das xuntas electorais só poderán ser suspendidos por delictos ou faltas electorais, logo de expediente aberto e tramitado pola Xunta Electoral galega, mediante acordo da maioría absoluta dos seus compoñentes e sen prexuízo do procedemento xudicial correspondente. Nas mesmas condicións, a Xunta Electoral galega é competente para acorda-la suspensión dos seus propios membros.

3) As sesións das xuntas electorais serán convocadas polos seus presidentes, de oficio ou por petición da metade dos seus integrantes. Os vicepresidentes substituirán ós presidentes no exercicio da devandita competencia cando estes non puidesen actuar por causa xustificada.

4) Para que calquera xuntanza se celebre validamente, cómpre que concorran polo menos a metade máis un dos integrantes de dereito da respectiva xunta electoral.

5) Tódalas citacións realizaranse por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción, da data, da orde do día e demais circunstancias da sesión á que se convoca.

6) A asistencia ás sesións é obrigatoria para os membros das xuntas debidamente convocados, e incorren en responsabilidade se deixan de asistir sen se ter escusado e xustificado oportunamente. A inasistencia inxustificada a tres sesións continuas ou seis alternas, computables no prazo dun ano para a Xunta Electoral galega, será causa de cesamento, que será acordado pola Xunta Electoral galega, e desenvolvido por medio de orde do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes. Polo exercicio das súas funcións, os integrantes das xuntas percibirán as seguintes indemnizacións por día:

a) Xunta Electoral galega:

-Presidente: 8.300 pesetas.

-Vicepresidente: 8.000 pesetas.

-Secretario: 8.000 pesetas.

-Vocais: 5.500 pesetas.

b) Xuntas electorais provinciais:

-Presidente: 7.500 pesetas.

-Vicepresidente: 7.000 pesetas.

-Secretario: 7.000 pesetas.

-Vocais: 5.500 pesetas.

7) Non obstante o disposto nos números anteriores, as xuntas enténdense convocadas e quedan validamente constituídas para tratar calquera asunto cando estiveren presentes tódolos membros e estes acepten unanimemente a súa celebración.

8) Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos membros presentes, sendo de calidade o voto do presidente.

Artigo 9º

A Xunta Electoral galega terá as seguintes funcións:

1) Resolve-las queixas, reclamacións e recursos que se lle dirixan contra os acordos das xuntas electorais provinciais. A resolución dos recursos porá fin á vía administrativa.

2) Resolver, con carácter vinculante, as consultas que lle eleven as xuntas provinciais.

3) Revogar en calquera tempo, de oficio ou por instancia de parte interesada, dentro dos prazos legais, as decisións das xuntas electorais provinciais, cando se opoñan á interpretación da normativa electoral realizada pola Xunta Electoral galega.

4) Unifica-los criterios interpretativos das xuntas electorais provinciais, en aplicación da normativa electoral.

5) Aprobar, por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, os modelos de actas de constitución de mesas electorais, de escrutinio, de sesión, de escrutinio xeral e de proclamación de electos.

6) Cursar instruccións de obrigado cumprimento ás xuntas electorais provinciais en calquera materia electoral.

7) Exerce-la potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que interveñan con carácter oficial nas operacións electorais.

8) Corrixi-las infraccións que se produzan no proceso electoral, sempre que non sexan constitutivas de delicto, e impoñe-las multas recollidas na Lei orgánica de réxime electoral xeral.

9) Supervisar e exerce-la alta dirección e inspección na elaboración dos censos electorais.

10) Desenvolver calquera outra función e competencia non atribuida expresamente a outro órgano da Administración electoral.

Artigo 10º

As xuntas electorais provinciais terán como funcións:

1) Resolve-las reclamacións sobre inclusión ou exclusión nos censos electorais.

2) Garanti-la existencia en cada mesa electoral dos medios necesarios para o correcto exercicio do dereito de sufraxio.

3) Resolve-las consultas que lle presenten os electores, candidaturas e membros das mesas electorais.

4) Tramitar e informar preceptivamente sobre os recursos dirixidos á Xunta Electoral galega.

5) Instruí-los expedientes sancionadores en materia electoral, elevando proposta de resolución á Xunta Electoral galega.

6) Realiza-las operacións necesarias para garanti-lo correcto desenvolvemento das eleccións que lles encomende a Xunta Electoral galega.

7) Proclama-las candidaturas e candidatos electos, podendo ser os acordos obxecto de recurso perante a Xunta Electoral galega.

8) Aqueloutras que lles delegue a Xunta Electoral galega.

Disposicións transitorias

Primeira.-Para as primeiras eleccións a cámaras, os vocais xuristas de recoñecido prestixio que deberán integrarse nas distintas xuntas electorais, serán designados por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas ó día da entrada en vigor da Lei 8/1996, do 17 de outubro. Non acadándose unanimidade na proposta, cada unha das organizacións profesionais proporá dous vocais para a Xunta Electoral galega e un vocal para as xuntas electorais provinciais, sendo escollidos ó chou entre tódolos propostos, para cada caso. Os procedementos, criterios e demais elementos concorrentes nas propostas, sorteos e nomeamento ateranse ó previsto nos artigos concorrentes deste decreto, reducíndose non obstante os prazos á metade e considerando como dies a quo o da súa publicación.

Segunda.-Para as primeiras eleccións a cámaras, tanto a Xunta Electoral galega coma as xuntas electorais provinciais, constituiranse no prazo de tres meses, contados desde a entrada en vigor da lei supracitada. As xuntas electorais provinciais rematarán o seu mandato cen días despois de celebradas as eleccións.

Terceira.-Para as primeiras eleccións a cámaras é competencia das xuntas electorais provinciais, oídas as organizacións profesionais agrarias:

a) A elaboración dos censos electorais.

b) A determinación das mesas electorais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para dictar cantas disposicións fosen necesarias para asegura-lo correcto desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

955