Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 1997 Páx. 1.261

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 22 de xaneiro de 1997 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundación Antonio López Rodríguez.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Antonio López Rodríguez, con domicilio na Coruña, r/ Canceliña nº 1, 4º E.

Supostos de feito

Primeiro.-Antonio Masdías Quintela, na súa calidade de vicepresidente do padroado da fundación, en escrito do 23 de abril de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 13 de marzo de 1996, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Federico Maciñeira Quintela co número setecentos trinta e tres do seu protocolo por: Antonio López Rodríguez, Lucía López Sánchez, Antonio Enrique Masdías Quintela, María del Carmen Bonome Sánchez, que interveñen todos no seu propio nome e dereito, facéndoo ademais Antonio Enrique Masdías Quintela como mandatario verbal en nome e representación de María del Rosario Castells Vila, Angel Padín Panizo e Manuel Rodríguez Maneiro.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Antonio López Rodríguez, dado o seu obxecto

e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 3 de decembro de 1996 (DOG do 11 de decembro) clasificouse como de interés cultural a Fundación Antonio López Rodríguez, tendo en conta o disposto no artigo 32.3.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo catro dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a conservación e exaltación do patrimonio do pintor e escultor Antonio López Rodríguez para elevar así o acervo artístico e cultural da Coruña e de Galicia en xeral e o fomento da cultura a través de conferencias, cursos, publicacións, exposicións permanentes e itinerantes e calquera outra actuación encamiñada a este fin.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Antonio López Rodríguez, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por Antonio López Rodríguez como presidente, María del Rosario Castells Vila como presidenta de honra, Antonio Enrique Masdías Quintela como vicepresidente, María del Carmen Bonome Sánchez como secretaria, Manuel Rodríguez Maneiro como tesoureiro e Lucía López Sánchez e Angel Padín Panizo como vocais.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.2º6 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3 a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Antonio López Rodríguez, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó amparo do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do presuposto de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da sección de fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Antonio López Rodríguez.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dárlle-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

819