Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 1997 Páx. 1.260

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 22 de xaneiro de 1997 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundación Luis Seoane.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Luis Seoane, con domicilio na Coruña, Casa da Cultura, Salvador de Madariaga, en r/ Durán Loriga, 10.

Supostos de feito

Primeiro.-José Luis Méndez Romeu, na súa calidade de vicepresidente da fundación, en escrito de 5 de setembro de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada na Coruña, o día 2 de agosto de 1996, ante o notario do Ilustre Colexio de A Coruña Pablo Valencia Ces, co número mil trescentos oitenta e cinco do seu protocolo por: Francisco Vázquez Vázquez e María Elvira Fernández López, intervindo o primeiro en nome e representación do Concello da Coruña e a segunda no seu propio nome e dereito.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como de interese cultural a Fundación Luis Seoane, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 4 de decembro de 1996 (DOG do 18 de decembro) clasificouse como de interese cultural a Fundación Luis Seoane, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é entre outros o fomento do estudio e difusión do conxunto da obra e personalidade de Luis Seoane, arquivo e divulgación dela tanto nos aspectos artísticos como intelectuais, deseñísticos e sociais, políticos ou biográficos, enfocando estas cuestións xa desde unha perspectiva teórica e de pensamento, xa desde os ámbitos da creatividade e do sociocultural.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Luis Seoane, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído polas persoas indicadas nos artigos 16 e 17 dos estatutos da fundación.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Luis Seoane, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó amparo do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da sección de fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Luis Seoane.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección de fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dárlle-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

728