Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 1997 Páx. 1.262

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de xaneiro de 1997 sobre delegación de competencias en órganos periféricos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Co fin de acadar unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos atribuídos ó titular da consellería, que beneficia tanto á Administración como ós administrados, sen esquece-lo debido respecto ós principios informadores do procedemento administrativo e sen mingua das garantías xurídicas establecidas, os órganos da Administración utilizan a fórmula da delegación competencial.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38 e 43 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procecemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Delégase nos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a tramitación e resolución das acreditacións de cursos de carácter sanitario reguladas na Orde do 18 de xullo de 1991.

Artigo 2º

Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 3 da Orde do 18 de xullo de 1991, que queda redactado do seguinte xeito:

«Para solicita-la acreditación dos cursos, dirixiráse instancia ó delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais competente, polo menos cún mes de antelación á data fixada para o seu comezo, na que se fará constar:»

Artigo 3º

Modifícase o parágrafo segundo do artigo 4 da Orde do 18 de xullo de 1991, que queda redactado do seguinte xeito:

«Se non se cumprisen os devanditos requisitos procederase, logo dos informes que se estimen necesarios, a revoga-la acreditación provisional».

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais procederá a remiti-las solicitudes de acreditación para cursos, xa presentadas, que se vaian celebrar a partir do 1 de marzo de 1997, á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios

Sociais competente, para a súa tramitación e resolución.

Segunda.-As solicitudes de acreditación provisional e definitiva dos cursos de carácter sanitario presentaranse conforme os modelos recollidos nos anexos I e II da presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

952