Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 03 de febreiro de 1997 Páx. 1.109

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a modificación das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Tarrío, no río Asma, concello de Chantada, provincia de Lugo, e se aproba o seu proxecto de execución. (Expediente CH-LU 1/1997).

Visto o escrito presentado por Jaime Salorio Ozores en representación de Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. con domicilio para efectos de notificacións na Fernando Macías, 2, 15004 A Coruña, por medio do que se solicita autorización administrativa para a modificación da instalación e aprobación do proxecto das novas instalacións electromecánicas da central

hidroeléctrica de Tarrío, sita no río Asma, concello de Chantada, provincia de Lugo, téñense en conta os seguintes,

Feitos.

Primeiro: o 1 de outubro de 1990 a Confederación Hidrográfica do Norte resolveu outorgarlle a Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. unha concesión para aproveitar 1580 l/seg de auga, do río Asma, no termo municipal de Chantada, provincia de Lugo, con destino a producción de enerxía eléctrica, central de Tarrío, ampliando o 31 de marzo de 1992 o caudal concedido ata 1780 l/seg.

Segundo: o 19 de novembro de 1992, a Comisión Galega de Medio Ambiente formulou declaración de efectos ambientais do proxecto aproveitamento hidroeléctrico de Tarrío, no río Asma, concello de Chantada (Lugo), promovido por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. establecendo as medidas correctoras, de protección e control ambiental, así como o plan de vixilancia ambiental e os condicionantes que ten que cumpri-lo promotor, tanto na fase de cosntrucción como na de explotación das instalacións.

Terceiro: o 21 de xuño de 1993, a Dirección Xeral de Industria validou a resolución da Delegación Provincial de Lugo, do 18 de outubro de 1991, pola que se aproba o proxecto de execución das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Tarrío, sita no río Asma, no termo municipal de Chantada, provincia de Lugo e outorgou a autorización administrativa das ditas instalacións a favor da empresa propietaria Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. sendo explotadora da dita instalación a empresa Minicentrales MN, S.A..

As características da dita instalación eran as seguintes: Turbina Peltón de eixe horizontal, salto bruto de 252, 89 metros, caudal de 1,78 m/seg., potencia 4,418 kW, alternador trifásico síncrono de 4.000 kVA, cos fi 0,9, tensión 6 kV, transformador de potencia de 4.000 kVA, relación 20+-2x2,5%/6 kV e liñas de media tensión.

Cuarto: o 25 de outubro de 1995, Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. solicitou a ampliación do caudal concesional ata 2.260 l/seg., cunha potencia que se vai instalar de 5.000 kVA, acolléndose a súa tramitación ó establecido no artigo 14 do Real decreto 916/1985, do 25 de maio, sobre tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos con potencia non superior a 5.000 kVA, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de maio.

Quinto: o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 19 de xuño de 1996, acepta a ampliación de caudal nos meses de xaneiro e febreiro, sempre que se instalen mecanismos de control para respecta-la concesión actual o resto do ano.

Sexto: o 23 de decembro de 1996 a Comisaría de Augas da Confederación Hidrográfica do Norte

resolveu modifica-la concesión da que é titular Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. ampliando o caudal concesional ata 2.260 l/s do río Asma, con destino a producción de enerxía eléctrica, central de Tarrío, no termo municipal de Chantada. O caudal máximo de 2.260 l/s, só poderá ser derivado durante os meses de xaneiro e febreiro. O resto do ano, o caudal máximo que se vai derivar será o anteriormente concedido de 1.780 l/s.

Sétimo: as instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Tarrío, segundo o seu proxecto de execución asinado polo enxeñeiro industrial Ángel Montalvo Garrido, constan dun equipo productivo, que se vai situar nun edificio de 15,00x9,50 m, constituído polos seguintes elementos:

-Unha turbina tipo Peltón, de eixe horizontal, para un salto bruto de 252,97 metros, un caudal de deseño de 2,26 m/s., unha velocidade nominal de 428,57 r.p.m. e dous inxectores.

-Un alternador síncrono horizontal, ensamblado directamente á turbina, sen vasoiriñas do 5.000 kVA de potencia, tensión de xeración 6.000 V e 50 Hz de frecuencia.

-Un transformador de potencia trifásico en baño de aceite de 6.000 kVA, grupo de conexión YNd11, relación de transformación 6/20 kV.

-Unha ponte guindastre birrail, de 12 m, de luz entre carrís, percorrido de gancho de 7 m e peso máximo de izado 33.000 kg.

-Celas de medida, de interruptor de liña, de disxuntor de máquina, de trafo de servicios auxiliares, de neutro.

-Instalacións de medida, control, protección e manobra.

Oitavo: o 13 de xaneiro de 1997, o delegado provincial de Industria e Comercio de Lugo emite informe favorable, propoñendo a aprobación do proxecto modificado de instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Tarrío, no río Asma, termo municipal de Chantada, provincia de Lugo, propiedade de Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. e arrendataria Minicentrales MN, S.A.

Fundamentos de dereito.

Primeiro: a Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente consonte o Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e Real decreto 916/1985, do 25 de maio, xa citado.

Segundo: cumpriuse a tramitación regulamentaria disposta no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro e Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o antedito e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos reflectidos no proxecto de instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Tarrrío, no río Asma, concello de Chantada, provincia de Lugo.

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica referida.

Queda obrigada a empresa titular da instalación a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha; a Administración autonómica poderá deixar sen efecto a presente resolución, despois do oportuno expediente, no momento en que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico, debendo cumprir rigorosamente as medidas correctoras e de protección ambiental, así como manter un plan de vixilancia ambiental e cumpri-los condicionantes impostos na declaración de efectos ambientais segundo os acordos da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 19 de novembro de 1992 e do 19 de xuño de 1996.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

468