Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 03 de febreiro de 1997 Páx. 1.090

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 1997 pola que se anuncia o IV curso de especialización en linguaxe administrativa galega para funcionarios de Administración local.

A Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística, na súa sesión do 4 de maio de 1990, acordou impulsa-la normalización lingüística na Administración local mediante un plan que ten por obxectivo que en tódalas corporacións locais galegas exista, polo menos, un funcionario que se responsabilice da traducción dos documentos a que se refire o artigo 1 da Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.

En execución deste plan, correspóndelle á EGAP o desenvolvemento dos cursos de especialización en linguaxe administrativa galega.

De conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, que no seu artigo 3.1º i) lle atribúe á escola «a difusión e a normalización do idioma galego na Administración pública, a capacitación lingüística do persoal e maila participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega», dispoño convoca-lo referido curso, que se desenvolverá segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Completa-la formación dos alumnos que superaron os dous cursos anteriores, prestando especial atención ó coñecemento das linguaxes administrativa e xurídico-administrativa local.

Segunda.-Destinatarios.

Poderán participa-los alumnos que superaron as probas establecidas pola Dirección Xeral de Política Lingüística para os cursos básico e medio convocados entre os anos 1990 e 1996 pola Consellería da Presidencia e Administración Pública dentro do plan integral de estudios iniciados por Orde do 23 de maio de 1990.

Terceira.-Desenvolvemento dos cursos.

3.1. Duración: 100 horas, distribuídas do seguinte xeito:

-75 horas lectivas.

-10 horas de exames.

-15 horas de elaboración e defensa de traballos.

3.2. Número de prazas: 30 por curso. En función do número de solicitudes organizaranse un ou varios grupos en cada localidade.

3.3. Lugares de realización.

A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra. A EGAP resérvase a facultade de modifica-los lugares de realización en cada provincia así como a de anular aqueles cursos nos que o escaso número de solicitudes non xustificase a súa celebración.

3.4. Datas: a partir do 10 de marzo de 1997.

3.5. Horarios: en sesións de tarde, de 17 a 20 h, a razón de 2-3 días por semana.

Cuarta.-Solicitudes.

Os interesados en participar neste curso deberán presentar, cuberta en tódolos epígrafes que lles correspondan, a instancia que figura como anexo desta convocatoria, xuntando fotocopia da certificación acreditativa de ter superado o nivel medio dos cursos ós que se fai referencia na base 2ª.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 24 de febreiro.

A dita documentación dirixirase ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, s/n, 15703 Santiago de Compostela, e presentarase no rexistro da escola ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Quinta.-Notificacións.

A escola publicará a lista dos seleccionados no seu taboleiro de anuncios e nos das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia e Administración Pública, sen prexuízo de comunicárllelo directamente ós interesados.

Sexta.-Certificacións.

Ós alumnos que, no prazo e nas condicións que se establezan, acrediten un coñecemento adecuado das materias obxecto deste curso, poderá outorgárselle-lo diploma que os habilite para exerce-las tarefas de traducción dos documentos sinalados no artigo 1 da Lei 5/1988.

A avaliación dos coñecementos realizarase a través da realización das probas e da presentación dos traballos que se determinen, en tódolos casos en lingua galega.

A inasistencia ó vinte por cento das horas lectivas programadas, sexa cal sexa a causa, impedirá a emisión do diploma.

Séptima.-Axudas ós alumnos.

Para facilita-la participación no curso dos alumnos que se teñan que desprazar fóra do municipio onde radique o seu posto de traballo establécense as seguintes axudas, para tódolos conceptos, que percibirán os asistentes ó remate do curso e que se reducirán nun 50% para os que o realicen por segunda vez:

Distancias desde o concello ou deputación de orixe ata o lugar de realización do curso:

-Inferior a 30 km: 20.000 ptas.

-Entre 30 a 60 km: 40.000 ptas.

-Máis de 60 km: 50.000 ptas.

Oitava.-Contido.

A linguaxe xurídico-administrativa. Análise lingüística e xurídica da linguaxe administrativa: especial referencia ós documentos sinalados no artigo 1 da Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais. A traducción xurídico-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 1997.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

551