Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 03 de febreiro de 1997 Páx. 1.092

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 1997 pola que se convoca e regula a concesión de axudas a organizacións de consumidores e usuarios, para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 1997.

A convocatoria de axudas constitúe unha medida adecuada para promove-las accións de información, educación e defensa dos intereses dos consumidores, favorecendo ó mesmo tempo a colaboración das asociacións co Instituto Galego de Consumo neste obxectivo común.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 27 e concordantes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o Decreto 95/1984, do 24 de maio, sobre rexistro de organizacinós de consumidores e usuarios de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-As organizacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser beneficiarias de axudas para actuacións de promoción e defensa dos consumidores e usuarios galegos durante o ano 1997, con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.343A.480.0 de orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 1997.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin, e en todo caso o importe do crédito non poderá supera-la cantidade de 38.000.000 de ptas.

Se unha vez adxudicadas as axudas resultase remanente de crédito, este Instituto Galego de Consumo reserva para si a facultade de incrementa-la contía das axudas previstas nesta orde, ou efectuar convocatorias complementarias.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións de consumidores e usuarios de Galicia, inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio, e ademais deben cumpri-las seguintes condicións:

a) Dispoñer de oficina aberta ó público 4 horas diarias como mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin co Instituto Galego de Consumo.

Artigo 3º.-Obxecto.

O obxecto das axudas a que se refire o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de funcionamento, infraestructura e equipamento das oficinas de información ó consumidor.

b) Utilización de servicios técnicos xurídicos, concertados con profesionais, que resulten precisos para o desenvolvemento das actividades de información, asistencia e mediación en conflictos ou litixios de consumo.

c) Organización e participación en sesións informativas, xornadas, cursos e seminarios relacionados co consumo.

d) Realización de traballos monográficos, publicacións e enquisas sobre temas de consumo.

e) Participación en certames feirais.

f) Promoción e funcionamento, do sistema arbitral de consumo, a través da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse conforme o modelo normalizado do anexo I desta resolución, nos servicios provinciais de consumo ou nos servicios centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administativo común. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes irán acompañadas coa seguinte documentación:

a) Memoria das actividades realizadas pola organización durante o exercicio anterior.

b) Proposta descritiva de cada unha das accións e programas específicos que se pretenden realizar, coa súa valoración. (Anexo II).

c) Certificación do secretario/a da organización onde conste o número de socios. (Anexo III).

d) Balance da situación económica o 31 de decembro de 1996, onde se farán consta-los ingresos e os gastos, agrupados por partidas específicas segundo a súa orixe e finalidade. (Anexo IV).

e) Declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos para a mesma finalidade pretendida. (Anexo V).

f) Certificacións xustificativas de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e certificación acreditativa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

g) Certificación do secretario/a da organización na que se faga consta-lo horario no que a oficina permanece aberta ó público para atende-las consultas, reclamacións e denuncias de consumidores

e usuarios que se lles presenten, e que será polo menos de catro horas diarias.

h) Certificación do secretario/a da organización sobre o organigrama xerárquico e funcional da oficina de información ó consumidor.

i) Se a axuda solicitada está destinada á realización dos distintos programas de actividades ós que se alude nos apartados c), d), e), e f) do artigo 3º, memoria explicativa da actividade que se vai desenvolver (Anexo VI).

Artigo 5º.-Tramitación.

Os servicios centrais e provinciais de consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentada reúne os requisitos esixidos na presente resolución, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non se fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

1. Realizado o trámite anterior, as solicitudes pasarán para o seu exame á comisión de valoración, que, unha vez estudiada cada solicitude e logo da consulta previa de existencia de crédito, efectuará proposta de resolución que elevará ó presidente do Instituto Galego de Consumo, como órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: o xerente do Instituto Galego de Consumo, que actuará como presidente, o xefe de Servicio de Protección ó Consumidor, o xefe de Servicio de Información e Educación, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo xerente, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente, ou persoa na que delegue, un vocal e o secretario.

3. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o xerente do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 7º.-Contía.

A contía das axudas axustarase ás seguintes porcentaxes e cantidades:

a) Para gastos de funcionamento, equipamento e infraestructura das oficinas de información ó consumidor ata un 70% do custo.

b) Por utilización de servicios técnicos xurídicos, concertados con profesionais, que resulten precisos para o mellor desenvolvemento da acción social pretendida, ata un 70% do custo, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

c) Organización e participación en sesións informativas, xornadas, cursos e seminarios sobre consumo, ata un 70% do custo, cun máximo de 500.000 ptas. por actividade.

d) Realización de traballos monográficos, publicacións, enquisas, etc. sobre consumo, ata un 70% do custo, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

e) Por participación en certames feriais ata un 50% do custo, cun máximo de 300.000 ptas. por participación.

f) Promoción e funcionamento do sistema arbitral de consumo ata un 75% do custo, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

Artigo 8º.-Criterios de adxudicación das axudas.

As axudas ás organizacións de consumidores outorgaranse atendendo ós criterios seguintes:

a) Número de socios.

b) Implantación territorial da organización solicitante e da acción que se vai realizar.

c) Achega da propia asociación para levar a cabo os programas.

d) O grao de adecuación dos programas ó plan de actuacións do Instituto Galego de Consumo.

e) Número de reclamacións que lle foron presentadas e as tramitadas, así como as denuncias efectuadas pola propia asociación.

f) Investigación ou estudios realizados sobre temas de consumo.

g) Presencia nos medios de comunicación co fin de desenvolve-la súa actividade de información ós cidadáns como consumidores.

Artigo 9º.-Resolución.

O presidente da comisión de valoración remitirá proposta de resolución, logo do informe técnico, ó presidente do Instituto Galego de Consumo, que dictará a resolución que proceda.

Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaia resolución expresa no prazo de tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

A resolución seralles notificada ós beneficiarios no prazo de 10 días a partir da data na que se dicte.

As axudas serán compatibles con calquera outra axuda que puidese outorgarse para tales fins, e sempre que o importe total subvencionado non exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario e da porcentaxe máxima establecida nesta orde; no caso contrario procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

Artigo 10º.-Pagamento.

a) Para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, e librarase o 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida.

b) Nos demais casos poderán acordarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os gastos a conta da liquidación, de ata o 80 % da axuda concedida.

Artigo 11º.-Xustificación.

Para a xustificación da axuda concedida, a organización de consumidores e usuarios deberá presentar antes do 30 de novembro de 1997 a seguinte documentación:

a) Relación numerada e circunstanciada das facturas xustificativas do gasto realizado, e os documentos de pagamento correspondentes. (Anexo VII).

b) Memoria explicativa da realización das actividades ou programas subvencionados.

c) Memoria analítica dos resultados obtidos.

Artigo 12º.-Obrigas.

1. Será requisito para a súa percepción a aceptación expresa do beneficiario e a acreditación de acordo co artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, de que se atopan ó corrente de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas.

Artigo 13º.-Control.

O Instituto Galego de Consumo poderá realiza-las comprobacións que coide oportunas respecto ás axudas económicas concedidas e terá acceso a toda a documentación xustificativa delas.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co preceptuado no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, procederase ó reintegro das cantidades percibidas e á esixencia dos xuros de demora logo de audiencia dos interesados, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación e demais obrigas esixidas nesta resolución.

b) Obte-la axuda sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que se concede a axuda á que está sometida a presente resolución.

As cantidades que teñan que reintegra-los adxudicatarios terán a consideración de ingresos de dereito público.

Artigo 14º.-Con independencia do establecido na presente resolución, aplicarase en todo caso o disposto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 1997.

Francisco Gallegos Martínez

Presidente do Instituto Galego de Consumo

559