Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 1997 Páx. 787

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Billar.

Vistos os estatutos da Federación Galega de Billar e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 16-11-1996.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de

xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e a demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar, con efectos desde a aprobación da súa asemblea, os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Billar

Capítulo I

Da federación en xeral

Artigo 1º.-Denominación.

A federación denomínase Federación Galega de Billar (en adiante FGB), e rexerase polas seguintes disposicións:

-Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte.

-Real decreto 1835/1991, do 20 de decembro, sobre federacións deportivas españolas.

-Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

-Orde 228/1994, do 14 de xullo (secretaría xeral).

-Polos presentes estatutos.

-As demais disposicións que sexan de aplicación.

Artigo 2º.-Natureza xurídica.

A FGB é unha entidade asociativa de carácter xurídico-privada, sen ánimo de lucro, con exercicio de funcións públicas, de carácter administrativo. Ten plena capacidade xurídica de obrar, e patrimonio propio e independente do dos seus asociados.

Artigo 3º.-Obxecto e duración.

A FGB ten como obxecto tutelar, promover, regulamentar e organiza-lo deporte de billar en todo o territorio galego. A súa duración será indefinida.

Artigo 4º.-Domicilio social.

A FGB terá o seu domicilio social na rúa Santo André, 36-baixo-15003 A Coruña. Mediante acordo adoptado pola comisión delegada da asemblea xeral, a FGB poderá establecer locais sociais noutras cidades, así como traslada-lo seu domicilio a calquera outro punto dentro do municipio. O cambio de domicilio a outro municipio deberá ser acordado pola asemblea xeral.

Os cambios de domiclio seranlle comunicados, en todo caso, á Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 5º.-Composición e modalidades deportivas.

A FGB está integrada por todos aqueles deportistas, clubs deportivos, xuíces árbitros, monitores, e, en xeral, por tódalas persoas físicas ou xurídicas, que teñan por obxecto a promoción, práctica, organización e desenvolvemento do deporte do billar.

Dentro da FGB están integradas as seguintes modalidades deportivas, con independencia de cantas se practiquen dentro do territorio galego:

-Billar Carambolas.

-Billar Pool.

-Billar Snooker.

-Billar Quillas.

-Chapó.

-Multicolor.

-Pirámide.

-E calquera outra modalidade que se xogue nunha mesa de billar e dentro das direfentes disciplinas que as desenvolven.

Cada unha das modalidades antes citadas, virá estructurada e regulada nos seus regulamentos particulares, pero sempre baixo a autoridade técnico deportiva da FGB.

A FGB desempeña respecto dos seus asociados, as funcións de tutela, control e supervisión que lle recoñece o ordenamento xurídico deportivo.

Artigo 6º.-Competicións oficiais.

A FGB é a única entidade competente dentro de Galicia para a organización, tutela e control das competicións oficiais.

As competicións oficiais de ámbito autonómico deberán estar abertas ós deportistas e clubs deportivos da Comunidade Autónoma, sen discriminación ningunha, a excepción das derivadas das condicións técnicas de carácter deportivo.

Para a participación en actividades ou competicións deportivas oficiais é preciso estar en posesión dunha licencia en vigor expedida pola FGB ou pola Federación Española de Billar.

O réxime disciplinario deportivo aplicable nas competicións oficiais será o regulado nos presentes estatutos e no regulamento de réxime disciplinario da FGB.

Artigo 7º.-Principio de non discriminación.

A FGB non admite ningún tipo de discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Capítulo II

Das competencias

Artigo 8º.-A FGB ademais das súas actividades propias de goberno, administración, xestión, organización e regulamentación, exerce baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

1. Cualificar e organizar, se é o caso, actividades e competicións oficiais de ámbito autonómico.

2. Actuar para a promoción xeral das súas modalidades deportivas en todo o territorio galego.

3. Deseñar, elaborar e executa-los plans de preparación dos deportistas de alto nivel, así como participar na elaboración das súas listas anuais.

4. Colaborar coa Administración autonómica na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos e métodos non regulamentarios no deporte.

5. Formar, titular e cualifica-los árbitros e técnicos no ámbito das súas competicións.

6. Outorgar graos e titulacións de ámbito nacional de calquera clase, polo procedemento e na forma que se estableza.

7. Organiza-las competicións de carácter estatal que se celebren dentro do territorio galego.

8. Ostenta-la representación de Galicia nas actividades deportivas oficiais de carácter estatal celebradas dentro do territorio español. Será competencia da FTGB a selección de deportistas que teñan que integra-las seleccións galegas.

9. Exerce-la potestade disciplinaria deportiva, nos termos establecidos na Lei do deporte, Regulamento de disciplina deportiva, e nos seus estatutos e regulamentos.

10. Leva-lo control das subvencións que lles asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

11. Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

12. Levar a cabo as actividades propias de goberno, administración, xestión, organización e regulamentación.

13. Calquera outro fin lícito en relación coa actividade do deporte do billar ó abeiro da lei.

Capítulo III

Da organización territorial

Artigo 9º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial de actuación da FGB no desenvolvemento das competencias que lle son propias de defensa e promoción xeral do deporte federado de ámbito autonómico de billar, comprende a totalidade de Galicia.

Capítulo IV

As licencias

Artigo 10º.-Licencias en xeral.

Para a participación en actividades ou competicións deportivas oficiais, será preciso estar en posesión dunha licencia en vigor expedida pola FEB ou pola FGB, de acordo coas seguintes condicións mínimas:

1. As licencias teñen prezos uniformes para tódalas modalidades deportivas, a contía será fixada pola asemblea xeral, de acordo con cada estamento e categoría.

2. O contido das licencias será, así mesmo, uniforme para as distintas categorías deportivas.

A FGB expedirá as licencias no prazo de 15 días contados a partir do día seguinte ó da solicitude, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos establecidos nos estatutos e regulamentos de aplicación.

Capítulo V

Dos clubs

Artigo 11º

Terán a consideración de clubs deportivos de billar as asociacións privadas, integradas por persoas físicas

ou xurídicas, que teñan por obxecto a promoción do deporte do billar, a práctica destas polos seus asociados, así como a participación en actividades e competicións deportivas.

O recoñecemento para efectos deportivos dun club acreditarase mediante certificación da súa inscrición no correspondente Rexistro de Asociacións Deportivas.

Para a participación en competicións de carácter oficial, os clubs deberán inscribirse previamente na federación correspondente.

Capítulo VI

Dos órganos de goberno e representación

Artigo 12º.-Administración e goberno da FGB.

Son órganos de goberno representación da FGB:

-A asemblea xeral e a súa comisión delegada.

-O presidente, asistido pola xunta directiva.

Artigo 13º.-Membros electorais e elixibles.

Poderán ser membros elixibles e electores da FGB, as seguintes persoas e entidades:

1. Os deportistas que cumpran os seguintes requisitos o día en que se celebren as eleccións:

-Ser español ou nacional dun país pertencente á Comunidade Europea.

-Ser maior de idade para ser elixible e para ser elector.

-Posuír licencia da FGB ou FEB no momento das eleccions, e tamén posuíla durante a tempada deportiva anterior.

-Ter participado en actividades ou competicións oficiais de ámbito autonómico.

-Non estar inhabilitado deportivamente por comisión de falta grave.

2. Os clubs deportivos inscritos na FGB, nas mesmas circunstancias sinaladas no punto anterior, entendéndose que un club participou en actividades ou campionatos de ámbito autonómico, cando algun dos seus deportistas participase.

A persoa física que ostentará a representación de cada club deportivo será o presidente, ou un representante elixido polo órgano colexiado.

3. Os técnicos, xuíces e árbitros, que cumpran as circunstancias sinaladas no punto 1 para os deportistas.

O procedemento electoral que hai que seguir para a elección ou renovación dos membros da asemblea xeral e da comisión delegada regularase regulamentariamente.

Artigo 14º.-Duración dos cargos.

Os membros dos órganos federativos, desempeñarán os seus cargos por un prazo de catro anos, coincidindo o período do cargo co dos Xogos Olímpicos de inverno e poderán, se é o caso, ser reelixidos sucesivamente por períodos de igual duración.

No suposto dos membros que non terminen no cargo para o que foron elixidos polo período de catro años, os que ocupen a vacante do cargo farano polo tempo que reste ata finaliza-lo dito período.

Artigo 15º.-Dereitos e deberes dos membros dos órganos da FGB.

Son dereitos dos membros pertencentes a algún dos órganos da FGB:

a) Tomar parte nas deliberacións, expresando as súas opinións en cantos asuntos sexan obxecto de tratamento ou debate no seo do órgano do que sexa membro.

b) Exercita-lo dereito de voto de forma persoal e expresa, facendo constar, se é o caso, a razón particular do voto emitido. En ningún caso será válida a emisión do voto por correo.

c) Colaborar nas tarefas federativas propias do cargo ou intervir na función que ostenten, cooperando na xestión do órgano ó que pertenzan.

d) Coñece-lo contido das actas das sesións do órgano do que formen parte.

e) Os demais dereitos que, se é o caso, se establezan regulamentariamente ou de forma específica nos presentes estatutos.

Son obrigas dos membros da FGB:

a) Concorrer, cando sexan formalmente citados para iso, ás sesións ou reunións, salvo por causas de forza maior.

b) Desempeñar con dilixencia e responsabilidade os traballos que lles sexan encomendados.

c) Colaborar eficazmente na xestión federativa.

d) Garda-lo segredo profesional e non divulgar aquelas deliberacións que inflúan na actividade federativa.

e) As demais que lle sexan asignadas de forma expresa ou se prevexan nos presentes estatutos o nos regulamentos que resulten de aplicación.

Artigo 16º.-Causas de cesamento dos membros dos órganos a FGB.

Os membros dos órganos da FGB cesarán polas seguintes causas:

a) Expiración do período de mandato.

b) Demisión.

c) Incapacidade sobrevida, que impida o normal desempeño do cargo.

d) Incompatibilidades das previstas legal ou estatutariamente.

Artigo 17º.-Responsabilidade dos membros pertencentes ós órganos da FGB.

O presidente e tódolos membros da xunta directiva, desempeñarán os cargos coa máxima dilixencia, e responderán perante a asamblea xeral da FGB e perante terceiros, polos prexuízos económicos que puidesen causar por neglixencia, malicia ou abuso de facultades.

As responsabilidades non acadarán a aqueles membros da xunta directiva que salvasen o seu voto de forma expresa nos acordos causantes dun posible prexuízo.

Os membros da asemblea xeral e da comisión delegada desempeñarán os seus cargos coa máxima dilixencia posible, e responderán perante a propia asemblea xeral na forma e polas causas inciadas anteriormente.

Así mesmo, estarán exentos de responsabilidade os membros da asemblea xeral e da súa comisión delegada que salvasen co seu voto o acordo causante de prexuízo.

Artigo 18º.-Convocatoria dos órganos.

A convocatoria dos órganos da FGB realizaraa o presidente mediante telegrama, telex, fax, o por correo con xustificante de recepción, segundo se considere conveniente. A convocatoria deberá notificárselles ós interesados, xunto coa orde do día, polo menos, con dez días de antelación ó da celebración, salvo nos casos de extraordinaria urxencia ou necesidade, debidamente xustificados, nos que a convocatoria poderá realizarse cun aviso mínimo de dous días.

Sen embargo, a convocatoria da xunta directiva e comités federativos constituídos poderá ser realizada directamente polo presidente ou por persoa delegada mediante chamada telefónica ó interesado con 48 horas de antelación.

Non obstante, os órganos colexiados de goberno e de representación da FGB quedarán validamente constituídos, aínda que non fosen cumpridos os requisitos de convocatoria, cando concorran a totalidade dos seus membros, e así o acorden por unaminidade.

Sección primeira

Da asemblea xeral

Artigo 19º.-Composición da asemblea xeral.

A asemblea xeral debidamente convocada e constituída, é órgano supremo da FGB e as súas decisións serán obrigatorias nos asuntos propios da súa competencia, mesmo para os disidentes ou non asistentes. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos presentes ou representados, salvo que se estableza outra nestes estatutos, decidindo en caso de empate o voto de calidade do presidente.

O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto excepto o correspondente ós clubs deportivos que poderá exercelo o seu presidente ou a persoa na que delegue, sempre que non sexa membro da asemblea da federación, de acordo co seus propios estatutos con carácter expreso e escrito para cada reunión. Ningún poderá ostentar máis dunha delegación de voto.

A asemblea xeral está composta por vintecatro membros distribuídos da seguinte forma:

-Representantes dos clubs deportivos un 75%.

-Representantes dos deportistas un 20%.

-Representantes dos árbitros un 5%.

No número de asembleístas non se computará o presidente da FGB, se este non ostenta a calidade de membro da asemblea xeral.

A variación do número total de membros da asemblea xeral non implica modificación estatutaria, sempre e cando non se modifiquen as porcentaxes de representación de cada un dos estamentos.

Ás sesións da asemblea xeral poderán asistir, con voz pero sen voto, os presidentes saíntes do último mandato.

As vacantes producidas na asemblea xeral poderán ser cubertas por proposta do presidente mediante o proceso electoral establecido para designa-los seus membros, sempre que as vacantes dun estamento existentes nese momento sexan superiores ó 25% dos representantes deste.

Artigo 20º.-Competencias da asemblea xeral.

A asemblea xeral poderase reunir en pleno ou en comisión delegada. Correspóndelle á asemblea xeral en reunión plenaria e con carácter necesario:

a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) A aprobación do calendario deportivo.

c) A aprobación e modificación dos estatutos.

d) A elección e cesamento do presidente.

e) A elección da comisión delegada na forma prevista nos presentes estatutos.

f) A fixación das custas que hai que satisfacer en concepto de licencia.

Así mesmo é competencia da asemblea xeral:

a) A autorización do desafiuzamento ou hipoteca de bens inmobles, cando a operación sexa igual ou superior ó 10% do seu orzamento.

b) A aprobación da remuneración do cargo de presidente da FGB.

c) A resolución das propostas que lle someta a xunta directiva da FGB, ou os asambleístas que representen polo menos un 25% da asemblea xeral.

d) Aprobación da inclusión de modalidades de billar de ámbito autonómico.

Artigo 21º.-Clases de asembleas xerais.

As asembleas xerais poden ser ordinarias ou extraordinarias.

1. Ten carácter de xeral ordinaria a que se celebrará necesariamente unha vez ó ano dentro do primeiro trimestre de cada exercicio para aproba-lo plan xeral de actuación da federación, coñece-las contas do exercicio, aprobar, se é o caso, o balance e os orzamentos de ingresos e gastos, e fixa-las cotas ordinarias que hai que pagar polas licencias.

Toda asemblea distinta da prevista no parágrafo anterior terá a consideración de asemblea extraordinaria.

2. A asemblea xeral reunirase en sesión extraordinaria cando o acorde a comisión delegada por maioría, a iniciativa do presidente ou cando o soliciten cando menos ó 25% dos seus membros.

Artigo 22º.-Convocatoria e constitución das asembleas xerais.

As convocatorias das asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, serán realizadas por escrito, coa sinatura do presidente, expresando o lugar, data e hora da reunión, así como a orde do día proposta por ela.

Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da asemblea xeral terán que mediar, polo menos, dez días, podendo, así mesmo, facerse consta-la data na que se reunirá a asemblea xeral en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra reunión poida mediar un prazo inferior a unha hora.

Cando a convocatoria da asemblea xeral se realice a petición do número de membros previsto no artigo anterior, o presidente está obrigado a convocala no prazo dos vinte días contados desde o que recibiu a solicitude.

As asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a elas, presentes ou representados, a maioría dos membros, e en segunda convocatoria, 1/3 dos membros.

Artigo 23º.-Designación dos cargos na asemblea xeral.

As asembleas xerais estarán presididas polo presidente da xunta directiva, no seu defecto, polo vicepresidente 1º; a falta deste polo vicepresidente 2º, e en ausencia de todos eles por calquera membro da xunta directiva. Como secretario actuará o que o sexa da xunta directiva, e no seu defecto, calquera membro da xunta directiva.

Sección segunda

Da comisión delegada

Artigo 24º.-Composición da comisión delegada.

A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral, e estará composta por:

* O 15% dos membros da asemblea.

* Sendo o seu número un máximo de 15 e un mínimo de 5 mailo presidente.

Os membros da comisión delegada, que serán membros da asemblea xeral, elixiranse cada catro anos, mediante sufraxio, o seu mandato coincidirá, en todo caso, coa asemblea xeral, podéndose substituír anualmente as vacantes existentes.

Artigo 25º.-Competencias da comisión delegada.

Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A modificación do calendario deportivo.

b) A modificación dos orzamentos.

c) A aprobación e modificación dos regulamentos.

A proposta de modificación corresponderalle exclusivamente ó presidente ou á comisión delegada, cando esta última o acorde por maioría de dous tercios dos seus membros.

Así mesmo a comisión delegada é competente para:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) O seguimento da xestión deportiva e económica da FGB mediante a elaboración dun informe anual á asamblea xeral, sobre a memoria das actividades e a liquidación do orzamento.

Artigo 26º.-Funcionamento da comisión delegada.

A comisión delegada reunirase, como mínimo, unha vez cada catro meses, por proposta do presidente da FGB, quen deberá realiza-la convocatoria con dez días de antelación. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos presentes ou representados.

En todo caso, a comisión delegada reunirase antes da celebración da asemblea xeral, co fin de debater e aproba-la orde do día, e elaborar posteriormente o correspondente informe.

Sección terceira

Do presidente

Artigo 27º.-Competencias do presidente da FGB.

O presidente é o órgano executivo da FGB. Ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación, e executa os acordos deles.

Por iso, exerce a dirección económica, administrativa e deportiva da FGB, de acordo co establecido nos presentes estatutos.

O presidente terá as seguintes facultades:

1) Representar á FGB en calquera clase de actos, e perante todo tipo de autoridades e persoas sen ningunha excepción.

2) Decidir, co seu voto de calidade, en caso de empate, nas deliberacións da asemblea xeral, a comisión deportiva e a xunta directiva.

3) Convocar, presidir e levanta-las sesións da asemblea xeral, a comisión delegada e a xunta directiva, e dirixi-las deliberacións dunha e outra.

4) Asistir ás reunións dos órganos federativos

5) Cantas facultades e atribucións deleguen nel él a asemblea xeral, a comisión delegada e a xunta directiva.

Artigo 28º.-Elección do presidente.

O presidente será elixido cada catro anos, coincidindo o mandato cos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto polos membros da asemblea xeral.

Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán ser presentados como mínimo polo 10% dos membros da asemblea, e a súa elección levarase a cabo polo sistema de dobre volta, no caso de que na primeira volta ningún candidato acade a maioría absoluta dos votos emitidos.

Non poderá ser presidente quen tivese ostentado sen interrupción tal condición durante os tres períodos inmediatamente anteriores, calquera que fose a duración efectiva deles.

Artigo 29º.-Remuneración do presidente.

O cargo de presidente da FGB poderá ser remunerado, sempre que tal acordo, así como a contía da remuneración, sexa aprobada polos 2/3 dos membros presentes na asemblea xeral. A remuneración bruta, incluídos os gastos sociais legalmente establecidos, non poderán ser satisfeitos con cargo ás subvencións públicas que reciba a FGB.

A remuneración do presidente concluirá co fin de seu mandato; non poderá estenderse tal remuneración mais alá da data de seu cesamento.

Artigo 30º.-Moción de censura.

A moción de censura do presidente deberá ser proposta por petición de 1/3 dos membros da asemblea xeral. Será necesaria a presentación dun escrito ó presidente, alegando de forma razoada e motivada as causas que xustifiquen a moción. O presidente convocará a asemblea xeral con carácter extraordinario no prazo de quince días desde a recepción do escrito.

A moción de censura deberá ter un candidato alternativo que, de prosperar, sairá elixido.

Se o presidente non convocase a asemblea xeral no prazo indicado, poderase solicitar por escrito á Secretaría Xeral para o Deporte que convoque a asemblea xeral no prazo máximo de dez días.

A sesión da asemblea xeral na que se debata a moción de censura será presidida polo membro asistente de maior idade. Para a aprobación da moción de censura é necesario o voto de 2/3 dos membros presentes na asemblea, que deberán representar, como mínimo a metade máis un dos membros. Entre unha moción de censura e a seguinte terá que mediar un prazo mínimo dun ano.

Sección cuarta

Da xunta directiva

Artigo 31º.-Composición da xunta directiva.

A xunta directiva é o órgano colexiado complementario dos do goberno e representación, que asiste ó presidente, e a quen corresponde a opción de constituíla.

Estará constituída por 6 membros elixidos libremente polo presidente, e a súa competencia é a de nomear, e, se é o caso, destituí-los membros da xunta directiva.

A xunta directiva estará formada por:

-O presidente.

-Tres vocais.

-O tesoureiro.

-O secretario.

-Un vicepresidente 1º, cargo que recaerá nun dos tres vocais, que deberá ser membro da asemblea xeral, e en caso de ausencia ou incapacidade temporal do presidente substituirao, logo do acordo da xunta directiva.

-Un vicepresidente 2º.

Os cargos que compoñen a xunta directiva non terán remuneración, salvo o establecido para o presidente, no artigo 29º.

Non poderán pertenecer á xunta directiva aquelas persoas sobre as que pese algunha incompatibilidade legal por razón de traballo ou emprego público, político ou por calquera outro motivo, en especial os traballadores ou empresarios relacionados co billar.

Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral terán acceso ás sesions desta con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 32º.-Competencias da xunta directiva:

Son competencias da xunta directiva:

a) Prepara-los relatorios e documentos que lles sirvan de base á asemblea xeral e á comisión delegada para o exercicio das súas funcións.

b) Establece-las datas e a orde do día das convocatorias da asemblea xeral e da comisión delegada.

c) Propoñerlle á comisión delegada a aprobación dos regulamentos internos da FGB, en materia técnica e deportiva así como as súas modificacións.

d) Colaborar co presidente da FGB na dirección económica, administrativa e deportiva, así como na execución dos acordos adoptados polos órganos colexiados.

e) Cualifica-las competicións oficiais de ámbito autonómico, segundo os principios e criterios que regulamentariamente se establezan.

f) Controla-lo desenvolvemento das competicións de carácter autonómico e nacional.

g) Conceder honores e recompensas.

h) Determinar, por proposta do presidente, o lugar de celebración das competicións autonómicas.

i) Publicar, mediante circular, as disposicións dictadas pola propia xunta directiva e os acordos públicos que adopte no exercicio das súas funcións.

Artigo 33º.-Funcionamento da xunta directiva.

A xunta directiva reunirase como mínimo unha vez ó mes. Dos acordos que se adopten levantarase acta que será asinada polo secretario co visto e prace do presidente.

A convocatoria, así como a determinación da orde do día, correspóndenlle ó presidente. O prazo mínimo da comunicación da convocatoria será de corenta e oito horas.

Os acordos da xunta directiva serán adoptados por maioría simple de asistentes, decidindo en caso de empate, o voto de calidade do presidente.

Sección quinta

Do secretario xeral

Artigo 34º.-Nomeamento e competencias.

O presidente da FGB poderá nomear un secretario xeral que exercerá as funcións de asesor federativo, e en particular, as siguintes funcións:

a) Levantar actas das sesións da asemblea xeral, da comisión delegada, da xunta directiva, do comité de competición e disciplina, e demais comités constituídos pola FGB.

b) Expedi-los certificados oportunos dos actos dos órganos de goberno e administración.

c) Informa-lo presidente da xunta directiva nos casos que fora requirido para iso.

d) Resolver sobre os asuntos de trámite no funcionamento diario da federación.

e) Exerce-la xefatura de persoal da FGB.

f) Velar polo cumprimento dos acordos dos órganos federativos.

g) Asinar comunicacións e circulares.

h) Coidar do arquivo e documentación dos asuntos da FGB.

i) Enviarlle á Secretaría Xeral para o Deporte actas das reunións da asemblea xeral no prazo de 15 días desde a súa celebración.

O nomeamento do secretario será facultativo para o presidente da FGB quen, se non efectuase tal designación, será o responsable das funcións propias daquel, podendo delegar nas persoas que considere oportuno.

Artigo 35.-As actas.

As actas realizadas polo secretario deberán conte-los seguintes puntos:

a) Lugar e data da reunión do órgano federativo.

b) Nome, apelidos e cargo dos asistentes.

c) Resume dos temas tratados e das intervencións, así como das demais circunstancias que se considere oportuno incluír.

d) Texto dos acordos adoptados.

e) Resultado das votacións, con mención expresa dos votos a favor, en contra, particularidades e das abstencións.

f) Sinatura do secretario co visto e prace do presidente.

Sección sexta

Do tesoureiro

Artigo 36º

O tesoureiro da FGB é o órgano de administración da FGB. A súa designación correspóndelle ó presidente.

Son funcións propias do tesoureiro:

a) Leva-la contabilidade da FGB.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos federativos.

c) Exerce-lo control das subvencións.

d) Informar por requirimiento da asemblea xeral, da súa comisión delegada, do presidente e da xunta directiva sobre as cuestións que se consideren relevantes para a boa orde económica da FGB.

e) Cantas funcións lle sexan atribuídas polo presidente.

Sección sétima

Do comité técnico de xuíces e árbitros

Artigo 37º

O comité técnico de árbitros atende directamente ó funcionamento do colectivo federativo de áribtros e xuíces, e correspóndelle baixo o control e dependencia do presidente da FGB, o goberno, representación e administración das funcións atribuídas a eles. O presidente do comité de árbitros será elixido polo que o é da FGB.

As funcións deste comité serán:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os xuíces ou árbitros, propoñendo a súa adscrición á categoría correspondente.

c) Propoñe-los candidatos a xuíz ou árbitro estatal.

d) Aproba-las normas administrativas reguladoras da arbitraxe.

e) Designa-los colexiados nas competicións de ámbito autonómico profesionais ou non profesionais.

Na designación de árbitros no se poderá exerce-lo dereito a recusación polos interesados, salvo no suposto previsto por causa legal; e por tanto, os que resultasen nomeados, non poderán absterse de arbitra-la competición de que se trate, excepto nos supostos legais e de forza maior, que deberá ser avaliado polo comité.

A composición e réxime de funcionamento do comité determinarase regulamentariamente.

Capítulo VII

Do réxime disciplinario

Artigo 38º.-Lexislación aplicable.

O réxime disciplinario da FGB rexerase polo disposto na Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, o Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva, por estes estatuttos e polo Regulamento de desenvolvemento.

A FGB exerce a potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que forman parte da súa estructura orgánica, os deportistas, clubs, técnicos, xuíces, árbitros, e en xeral sobre todas aquelas persoas ou entidades que, estando adscritas á FGB, desenvolvan funcións ou exerzan cargos.

Artigo 39º.-Do comité de competición e disciplina en xeral.

O comité de competición e disciplina da FGB é o órgano xurisdiccional de primeira instancia da FGB, que exercerá as súas funcións e competencias con absoluta liberdade e independencia desta. O seu ámbito de actuación esténdese a todo o territorio galego e terá a súa sede na Coruña, co mesmo domicilio cá federación para tódolos efectos.

A FGB dotará o comité de competición e disciplina de tódolos medios materiais, técnicos e humanos necesarios para o seu normal funcionamento.

Artigo 40º.-Composición do comité de competición e disciplina.

O comité de competición e disciplina estará composto por un presidente e dous vocais, e serán designados por proposta do presidente da FGB e coa aprobación da asemblea xeral.

Así mesmo formará parte do comité de disciplina, o secretario, que asistirá ás reunións con voz pero sen voto.

Os cargos dos membros do comité non serán remunerados, pero poderán percibir axudas de custo por asistencia ás súas reunións, nos termos que se establezan regulamentariamente.

Artigo 41º.-Competencias do comité de disciplina.

O comité de disciplina terá como funcións:

a) Tramita-los expedientes disciplinarios iniciados de oficio, por solicitude do interesado ou por requirimiento da Secretaría Xeral para o Deporte.

b) Resolver, se é o caso, en primeira e segunda instancia os expedientes disciplinarios.

c) Informa-lo presidente da FGB e a súa xunta directiva dos expedientes en curso de tramitación ou resolución.

O funcionamiento e organización do comité de disciplina determinarase regulamentariamente, así como a tipificación das infraccións ou sancións.

Contra as resolucións definitivas da federación en materia disciplinaria cabe recurso en última instancia perante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Capítulo VIII

Do réxime económico

Artigo 42º.-Fins.

A FGB é soberana na administración dos seus recursos, estando soamente supeditada á lei e ó cumprimento dos fins recollidos nos presentes estatutos.

A FGB destinará a totalidade dos seus recursos á consecución dos fins propios do seu obxecto.

Artigo 43º.-Recursos económicos.

Son recursos económicos previstos para o cumprimento dos fins:

1. As subvencións que as entidades públicas concedan.

2. As doazóns, herdanzas, legados ou premios que lle sexan outorgados.

3. As custas das licencias, acordadas pola asemblea xeral.

4. Os créditos ou préstamos que obteñan.

5. As sancións pecuniarias que se lles impoñan ós afiliados.

6. Os productos de bens ou dereitos que lle correspondan.

7. Os beneficios obtidos na organización e promoción de actividades e competicións deportivas.

8. Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído á FGB por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 44º.-Administración.

A administración dos fondos da FGB estará suxeita a intervención e publicidade suficiente, co fin de que os membros poidan ter coñecemento periódico do destino dos fondos.

A FGB non poderá aprobar orzamentos deficitarios, salvo autorización expresa da Secretaría Xeral para o Deporte.

A administración do orzamento responderá ó principio de caixa única, debendo dedica-los seus ingresos propios, de forma prioritaria ós gastos de estructura.

A contabilidade adaptarase ás normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade das federacións deportivas españolas, que aprobe o Instituto de Contabilidad e Auditoría de Contas do Ministerio de Economía e Facenda.

Para a disposición de fondos das contas da FGB, e para proceder ós pagamentos pertinentes, será necesaria a sinatura conxunta de dous dos seguintes cargos:

-O presidente.

-O tesoureiro.

-O vicepresidente 1º.

-O secretario.

Capítulo IX

Do réxime documental

Artigo 45º

O réxime documental de FGB estará formado polos seguintes libros:

1. Libro rexistro de clubs, no que constará a denominación, domicilio social e a identificación dos pre

sidentes e membros da xunta directiva, sinalando as datas de toma de posesión e cesamento nos seus cargos.

2. Libro rexistro de actas, no que se transcribirán as actas das reunións da asemblea xeral, da comisión delegada, da xunta directiva e demais comités.

3. Libros de contabilidade, entendéndose por tales os esixidos no Código de Comercio para estas entidades.

4. Os demais libros que legalmente puidesen ser esixidos.

A publicidade dos libros queda restrinxida á petición por escrito dos interesados, que deberá ser acordada pola xunta directiva. O exame destes producirase na sede da FGB en presencia do secretario, quen poderá expedir unha certificación sobre o seu contido.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá supervisar en todo momento o contido dos libros indicados.

Capítulo X

Da modificación de estatutos e regulamentos federativos

Artigo 46º

Os estatutos e regulamentos poderán ser modificados por acordo de 1/3 da asemblea xeral, por proposta do presidente ou de 2/3 dos membros da comisión delegada.

A proposta de modificación deberá ser formulada mediante informe debidamente motivado, e deberá ser incluída na orde do día da asemblea xeral ordinaria que se celebre con posterioridade, ou da asemblea xeral extraordinaria que se convoque para o efecto.

Aprobada a modificación, comunicaráselle o acordo á Secretaría Xeral para o Deporte, para os efectos que legalmente procedan. A entrada en vigor producirase o día seguinte ó da súa aprobación pola asemblea xeral da FGB, sen prexuízo da súa posterior inscrición e publicación.

Capítulo XI

Da disolución e liquidación

Artigo 47º

A FGB disolverase polas seguintes causas:

1. Acordo da asemblea xeral, adoptado por maioría de 2/3 dos seus membros.

2. Resolución xudicial firme.

3. Revogación do seu recoñecemento

4. Por integración noutra federación

5. Polas demais causas previstas no artigo 11 de Real decreto 1835/1991, de federacións deportivas.

Cando a disolución sexa por consecuencia de acordo da asemblea xeral nomearase unha comisión liquidadora que se fará cargo dos fondos existentes, para satisface-las obrigas pendentes. O remanente, se o houber, destinarase ós fins deportivos que, se é o caso, determine a asemblea xeral ou a Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo XI

Das disposicións en xeral

Artigo 48º.-Submisión á arbitraxe.

Toda dúbida, cuestión ou diverxencia entre a FGB e os seus membros, ou entre estes como tales, xa sexa durante o funcionamento da FGB, como durante o período de liquidación, será resolta mediante arbitraxe de equidade de tres árbitros, conforme o establecido polo artigo 34 e seguintes do Real decreto 1835/1991, do 20 de decembro, sobre federacións deportivas españolas e na Lei do 5 de decembro de 1988, reguladora da arbitraxe de equidade.

Artigo 49º.-Interpretación dos presentes estatutos.

A xunta directiva será o órgano competente para interpreta-los preceptos contidos nos presentes estatutos e cubri-las lagoas someténdose sempre á lexislación vixente na materia.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ó da súa aprobación pola asemblea xeral da FGB, sen prexuízo da súa ratificación pola Comisión Directiva da Secretaría Xeral para o Deporte.

97-387