Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 1997 Páx. 795

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 6/1997, do 9 de xaneiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo de 6.307,29 m aproximadamente en Chousas de Vilaxoán, parroquia e termo municipal de Foz (Lugo), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a ampliación do centro de ensino secundario.

O Pleno da corporación municipal de Foz (Lugo), reunido en sesión extraordinaria e urxente celebrada o 4 de outubro de 1996, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 6307,29 m aproximadamente para a ampliación do centro de ensino secundario.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu Regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma Lei e 38.1º do Regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Foz acordou a cesión, logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día nove de xaneiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo primeiro

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 63 áreas, 7 centiáreas e 29 dm aproximadamente en Chousas de Vilaxoán, parroquia e termo municipal de Foz e pertencente ó dito Concello, que linda: norte, Ramón e Manuel Posada Doce; sur, Manuel Rodríguez Rodríguez e camiño de servicio; leste, terreo do instituto e mais de herdeiros de Manuel Rodríguez Rodríguez; e oeste, herdeiros de Ramón Posada e muro vello que separa de Vicente Díaz De Nois.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Mondoñedo, no tomo 611 do arquivo, libro 144 de Foz, folio 47, predio nº 19.841, inscrición 1ª.

Artigo segundo

O inmoble cedido destinarase á ampliación do centro de ensino secundario de Foz.

Artigo terceiro

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, nove de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

300