Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 1997 Páx. 748

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 13 de xaneiro de 1997 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para mellora-la eficiencia e a infraestructura enerxética de Galicia.

Un dos obxectivos da Consellería de Industria e Comercio no campo da política enerxética é lograr uns índices de calidade da subministración eléctrica adecuados e unha utilización máis racional da enerxía, non só reducindo o consumo, senón tamén mellorando a eficiencia enerxética.

A Lei 40/1994, do 31 de decembro de 1994, de ordenación do sistema eléctrico nacional prevé que as distintas administracións no ámbito das súas respectivas competencias territoriais, poderán instrumentar programas de actuación e adoptar medidas que incentiven a mellora do servicio ós usuarios, así como a eficiencia e o aforro enerxético.

Numerosas entidades locais están afectadas polas carencias existentes na actual infraestructura eléctrica e necesitan realizar fortes investimentos, en relación cos seus orzamentos, para dotar de subministración eléctrica adecuada os servicios públicos existentes nos núcleos de poboación que, ó non seren de gran relevancia, tanto polo número de habitantes como polo seu desenvolvemento industrial, carecen dunha infraestructura eléctrica adecuada. Noutras ocasións, como consecuencia do desenvolvemento das cidades e, por motivos de interese social, é preciso realizar modificacións na infraestructura eléctrica que implican elevados investimentos.

Un primeiro paso para consegui-lo aforro e a diversificación é un estudio que analice a estructura do consumo enerxético, a súa distribución e as posibilidades de reducción, en función de melloras en equipos e procesos, así como a introducción de innovacións nas instalacións que aumenten o rendemento enerxético.

As instalacións eléctricas municipais son en moitos casos susceptibles de modificacións en orde a unha mellora na eficiencia enerxética, que de acordo co estado actual da técnica, permitan un sensible aforro no consumo de enerxía.

A mellora da calidade da electrificación no medio rural de Galicia é un obxectivo primordial, xa que tanto a calidade de vida das persoas como o desenvolvemento de industrias e das explotacións agropecuarias, dependen en boa medida dun bo servicio eléctrico, que hoxe en moitos lugares é deficiente.

A Comunidade Económica Europea estalles dando un gran pulso ás enerxías renovables e ós programas de eficiencia enerxética, a través dos programas SAVE, ALTENER, JOULE, THERMIE e, por outra banda, o Plan Enerxético Nacional 1991-2000 ten un programa específico dedicado ó aforro enerxético e enerxías renovables, o PAEE. En liña co establecido polas ditas administracións, debe prestárselles apoio ós proxectos innovadores no uso racional da enerxía.

Como medio e instrumento para favorece-las actuacións indicadas, a Consellería de Industria e Comercio considera necesario establecer un sistema de axudas económicas para promove-la realización de investimentos, encamiñados a consegui-los fins expostos.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Auditorías enerxéticas

Artigo 1º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo ó programa 631-B, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0, «Iluminación pública e aforro enerxético» establece axudas ós concellos e entidades públicas, así como a empresas privadas para a realización de auditorías enerxéticas das súas instalacións.

As auditorías enerxéticas consistirán, ademais das revisións e actualización dos datos existentes, no estudio exhaustivo das posibilidades de mellora-la eficacia enerxética das instalacións, de acordo co seguinte plan:

a) Recompilación da información básica xeral, na que se recollerán as características de tódalas instalacións das que é titular o concello.

b) Informe técnico económico no que se detallarán tanto os consumos instantáneos, perdas e rendementos enerxéticos, como as medidas que se deben adoptar para mellora-las deficiencias enerxéticas, establecéndose un plan de aforro ordenado en función do período de amortización.

Artigo 2º

A subvención ós Concellos e organismos públicos poderá acordar un máximo do 50% do custo da auditoría, modulando a porcentaxe en función do seus recursos económicos.

Nos demáis supostos, o importe da subvención no poderá supera-lo o 30% do custo da auditoria.

Artigo 3º

As auditorías serán realizadas por empresas que, por criterio da Consellería de Industria e Comercio, ofrezan garantías e experiencia suficientes neste campo específico en Galicia e deberán ser asinadas por técnico titulado competente.

Artigo 4º

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo, cos requisitos sinalados no capítulo VII desta orde, especificando a empresa que realizará a auditoría enerxética para a súa aceptación pola Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 5º

O pagamento das subvencións efectuarase unha vez entregada, por triplicado exemplar, a auditoría coas

facturas emitidas pola empresa auditora, aprobadas polo órgano competente do concello, ou ben coa xustificación do pagamento, na correspondente delegación provincial desta consellería e logo do informe favorable dos servicios técnicos competentes.

Capítulo II

Instalacións eléctricas municipais e aforro enerxético

Artigo 6º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0, «Iluminación pública e aforro enerxético» establece axudas ós concellos que precisen realizar ou modificar infraestructuras eléctricas de servicios públicos ou realizar investimentos co obxecto de reduci-la incidencia do factor enerxético na súa estructura de custos.

Non se subvencionará en ningún caso a electrificación de urbanizacións e vivendas illadas dedicadas a segunda residencia.

Artigo 7º

A axuda poderá acadar ata o 50% do investimento total, modulando a porcentaxe en función do seu interese social, das dispoñibilidades orzamentarias da entidade local e da propia dispoñibilidade orzamentaria da consellería.

Artigo 8º

A solicitude, que deberá acompañarse dos documentos citados no capítulo VII da presente orde, deberá axustarse ó modelo que se acompaña como anexo desta orde e nela farase constar:

-Memoria do investimento, con indicación do núcleo, lugar, parroquia e municipio.

-Se é o caso, convenio subscrito coa empresa distribuidora da enerxía eléctrica.

-Para instalacións de aforro e mellora da eficiencia enerxética, auditoría enerxética realizada por unha empresa consultora establecida en Galicia con recoñecida experiencia na materia.

Artigo 9º

Os criterios que servirán de base para darlles prioridade ás peticións formuladas serán os seguintes:

-Núcleos de poboación de menos de dous mil habitantes, segundo o censo municipal.

-Interese social do servicio público, de acordo co descrito na memoria.

-Eficiencia enerxética da instalación de acordo co recollido na auditoría ou proxecto correspondente.

-Recursos económicos da entidade local.

-O grao de cumprimento da entidade local solicitante nas subvencións outorgadas pola Consellería de Industria e Comercio en exercicios anteriores.

-No caso das instalacións eléctricas, ter subscrito un convenio ou acordo coa empresa distribuidora de enerxía eléctrica, de forma tal que posibilite a utilización conxunta e indistinta dos postes, tanto para a iluminación rural municipal (iluminación pública)

como para o paso das liñas de distribución de subministración eléctrica.

-No caso de instalacións de iluminación pública, adecuación ó proxecto tipo de iluminación pública recollido no convenio subscrito entre empresas eléctricas e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Capítulo III

Adecuación de instalacións eléctricas

Artigo 10º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.631-B.770.0, «Plan de mellora eléctrica de Galicia», establece axudas ós titulares de instalacións de distribución de enerxía eléctrica no que o seu contorno sufrisen modificacións significativas, sexa necesaria a súa adecuación e o concello correspondente asuma a execución da obra civil necesaria, segundo proxecto aprobado pola Delegación de Industria e Comercio.

Artigo 11º

A contía máxima da subvención será do 25% do importe de execución do proxecto.

Capítulo IV

Axudas para a mellora da calidade de subministración eléctrica no medio rural

Artigo 12º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.631-B.770.0, «Plan de mellora eléctrica de Galicia», establece axudas para a mellora e adecuación de instalacións de transporte, transformación e distribución de enerxía eléctrica no medio rural.

Artigo 13º

Poderán acollerse a estas axudas as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica, non incluídas no convenio para o desenvolvemento da electrificación rural de Galicia subscrito co Ministerio de Industria y Energía o 10 de abril de 1996, e que presenten un plán técnico de obras aprobado pola Consellería de Industria e Comercio.

A contía máxima das axudas será do 50% do investimento total.

Esta contía aplicaráse sobre o orzamento resultante de aplicárlle-los prezos aprobados pola Consellería de Industria e Comercio ás unidades de obra de cada proxecto.

Artigo 14º

Unha vez finalizado o período de solicitude tendo en conta as necesidades existentes e a proposta efectuada polas empresas distribuidoras, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio, logo do informe, resolverá o que proceda e elaborará unha lista básica de obras por importe do orzamento disponible.

Artigo 15º

Para a elaboración destas listas daráselles prioridade ás obras que inclúan os seguintes aspectos:

1. Que dispoñan das correspondentes servidumes de paso co obxecto de axiliza-la execución das obras.

2. Zonas de desenvolvemento industrial e/ou con instalacións agrarias.

3. Que sexa complementaria doutras instalacións enerxéticas de prioridade municipal.

4. Que cubra o maior número de habitantes en relación co investimento.

Artigo 16º

Os investimentos subvencionables, que se van realizar durante 1997, seranlles comunicados pola Consellería de Industria e Comercio ás empresas eléctricas solicitantes, indicando a contía das axudas aprobadas, así como as condicións técnicas e administrativas para a realización das obras.

Capítulo V

Formación en materia de gas

Artigo 17º

Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0, «Iluminación pública e aforro enerxético», establécense axudas a empresas e asociacións empresariais que realicen ou contraten actividades de formación tecnolóxica en materia de gas.

Artigo 18º

Serán subvencionables os investimentos e actuacións dirixidas a difundi-las técnicas e tecnoloxías en materia de gas canalizado, puidendo incluirse investimentos en equipamento ou organización de cursos de formación ou actividades de fomento e difusión en relación co gas canalizado.

Artigo 19º

A contía da subvención poderá acada-lo 45% do investimento.

Artigo 20º

Poderán realizarse pagamentos parciais da subvención de acordo co establecido na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

A periodicidade dos pagamentos, a coordinación das actividades que se van desenvolver ou calquera outra cuestión relativa a este programa de formación regularanse na resolución de outorgamento da subvención.

Capítulo VI

Eficiencia enerxética

Artigo 21º

Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0, «Iluminación pública e aforro enerxético», establecense axudas a empresas, entidades públicas ou privadas e persoas físicas para a execución de proxectos que fagan posible a reducción do consumo de enerxía e das emisións atmosféricas contaminantes mediante unha mellora técnica e económica da eficiencia no consumo de enerxía.

Artigo 22º

Poderán ser obxecto de subvención as actuacións de rehabilitación de instalacións que conteñan a aplicación dunha das seguintes tecnoloxías:

-Caldeiras de alto rendemento.

-Acumulación térmica.

-Coxeración con absorción ou con combustibles renovables.

-Sistemas de xestión integrada de instalacións, sempre que se inclúan programas de optimización enerxética e de mantemento.

-Calquera outro proxecto, de carácter singular, que supoña unha mellora substancial da eficiencia enerxética.

En todo caso, deberá presentarse unha auditoría enerxética cos resultados obtidos.

Artigo 23º

A contía máxima das axudas será do 30% do investimento total subvencionable.

Capítulo VII

Tramitación das solicitudes

Artigo 24º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25º

As solicitudes axustaranse ó modelo que se xunta como anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, acompañadas dos documentos seguintes:

a) Acreditación da condición requirida.

b) Copia compulsada do DNI, CIF ou NIF segundo o caso.

c) Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou administración pública.

d) Memoria descritiva da actuación que se vai desenvolver, finalidade e prazo de execución.

e) Orzamento de gastos.

f) Certificado expedido polo delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio de inscrición no Rexistro Industrial e a súa actualización. Desta condición, quedan excluídos os concellos e demais entidades que de acordo coa lexislación vixente non están obrigadas á dita inscrición.

g) Declaración expresa de non ter contraída ningunha debeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 26º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior e os esixidos para cada caso concreto por esta orde, o interesado será requerido para que, nun prazo de dez días emende

a falta ou achege os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Examinada a documentación, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se incluan na resolución.

Artigo 27º

A ausencia de notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta e quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 28º

Nun prazo de 3 meses a partir da notificación da subvención, o beneficiario deberá remitirlle á Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio unha copia do proxecto de execución, cando este sexa necesario, asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente e certificación da iniciación da obra; se esta fose realizada por terceiros, a documentación que acredite que a obra foi adxudicada e a acreditación do adxudicatario para realizala.

A non presentación desta documentación suporá a anulación da subvención concedida, logo da audiencia do interesado.

Artigo 29º

Para o pagamento das axudas indicadas será indispensable a presentación, antes do 15 de novembro de 1997, perante a delegación provincial correspondente de tres exemplares da memoria da actividade realizada, xunto con xustificantes debidamente acreditados do investimento realizado.

Para o libramento e posterior aboamento da subvención, uniráselle á documentación que se sinala no apartado anterior, certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen que se levou a cabo a realización do investimento de acordo co proxecto presentado.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes que consideren conveniente e, no caso de non ser remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se lle sinale, considerarase que renuncia á subvención.

Artigo 30º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a subvención que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Cando, por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido da Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

Artigo 31º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme ó previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro e Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5 do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro. As cantidades que se van reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 de dita lei.

Artigo 32º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 33º

Con independencia do establecido nesta orde, en todo caso observarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei de presupostos xerais para 1997 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición final

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

97-294