Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 1997 Páx. 719

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 1996, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolve a clasificación do monte das Casiñas, da parroquia de Salcedo, do concello de Pontevedra.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992 do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Na cidade de Pontevedra, ás dezasete horas do día 18 de novembro de 1996, nos locais da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo da citación para o efecto reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común coa asistencia das seguintes persoas:

Presidente: José Luis Díez Yáñez.

Vicepresidente: José Juan Barreiro Prado.

Vocais: Teodoro Arribas Serrano, Luis Mª Muíños Vidueira e Serafín Quinteiro Blanco.

Vocais representantes da parroquia de Salcedo, Pontevedra: Pastor Torres Carro.

Secretaria: Ramona Celia Fernández Álvarez.

Antecedentes de feito

Primeiro.-Formulada solicitude de clasificación do monte das Casiñas, da Parroquia de Salcedo, per

tencente ó concello de Pontevedra, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común na súa reunión de data 20-6-1995, acordou inicia-los trámites para a clasificación do monte das Casiñas, así como a remisión da solicitude e documentación ó Servicio de Montes e Industrias Forestais para o seu estudio e informe.

Segundo.-Unha vez evacuado o preceptivo informe polo Servicio de Montes e Industrias Forestais, no expediente seguíronse os trámites previstos na Lei 13/1989, do 10 de outubro, do Parlamento de Galicia de Montes Veciñais en Man Común, así como no seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992 do 4 de setembro, facéndose as correspondentes publicacións no DOG, solicitándose a oportuna anotación preventiva, ó Rexistro da Propiedade, abrindo un prazo dun mes de información pública para a práctica de alegacións, outorgándolle igual período ós interesados asi como ó alcalde-presidente do Concello de Pontevedra, a quen se lle remitiu o correspondente edicto para a súa fixación nos lugares de costume do núcleo veciñal.

Terceiro.-O monte das Casiñas, obxecto do presente expediente de clasificación correspóndese coa seguinte descrición:

Concello: Pontevedra.

Parroquia: Salcedo.

Nome do monte: Monte das Casiñas.

Cabida: 3.245 m/2.

Lindes: norte, estrada comarcal-Palacio; leste, predios particulares e camiño; sur, predios particulares; oeste, camiño veciñal.

Descrición do perímetro: comezando no NO da parcela atopamos, no cruzamento da estrada comarcal-palacio, cun camiño veciñal a partir dese punto, en dirección leste seguímo-la estrada ata un camiño e predios particulares. Neste punto o perímetro toma dirección sur seguindo un camiño e o limite con predios particulares de Dorinda Lores, Dolores Pereira, Agustín Malvar, Valentín Malvar e Manuel Pérez Liaño, onde torce en dirección oeste polo lindeiro do predio particular de Antonio Malvar ata atopar un camiño veciñal. A continuación segue en dirección norte polo camiño veciñal ata cerra-lo perímetro no punto de partida.

Antecedentes de dereito

1.-Compételle ó xurado conforme reiterada xurisprudencia e interpretación da normativa sobre montes veciñais en man común, analizar como cuestión de feito a pertenza dos montes dos que se pretende a clasificación ós veciños agrupados en parroquias, aldeas, lugares, etc., e por outra parte o aproveitamento consetudinario e exclusivo destes polos integrantes das anteditas agrupacións, en réxime de comunidade sen asignación de cotas (Sentencia do 21/1/1986 da sala cuarta do Tribunal Supremo e Sentencia 18/6/1991 da sala terceira do mesmo tri

bunal), coa correspondente valoración para este da correspondente proba (Sentencia da sala terceira do Tribunal Supremo de data 9/3/1993).

II.-Despois dun minucioso exame da documentación no que consta expediente, así como a través dunha vista xirada sobre o terreo segundo sinala o relator do expediente efectuada por el mesmo, hai que advertir que a superficie vén sendo obxecto de ocupacións polos veciños colindantes utilizando estas para as súas propias necesidades en pequenos resios, ou «eidos», quedando descartado un aproveitamento indiviso ou de propiedade xermánica.

En consecuencia, os membros do xurado de maneira unánime acordan a non clasificación como veciñal en man común ó monte das Casiñas, da parroquia de Salcedo, concello de Pontevedra na superficie, lindes e perímetro que se recollen nos antecedentes de feito da presente resolución, tendo en conta que o artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o mesmo número do seu regulamento aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, esixe un aproveitamento consutudinario en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, circunstanciaesta última que non concorre na petición formulada.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, desde a notificación desta ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 58 da Lei reguladora da antedita xurisdicción en relación co artigo 12 da Lei 13/1989, do Parlamento de Galicia, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o artigo 29 do seu regulamento aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, modificados ambos preceptos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Pontevedra, 16 de decembro de 1996.

José Luis Díez Yáñez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

151