Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 1997 Páx. 718

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 1996, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolve a clasificación dos montes Trascoco e Devesas do Brixoi, solicitada polos veciños de Zobra, concello de Lalín.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais, en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día 18 de novembro de mil novecentos noventa e seis, nos locais da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo da citación para o efecto reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común coa asistencia das seguintes persoas:

Presidente: José Luis Díez Yáñez.

Vicepresidente: José Juan Barreiro Prado.

Vocais: Teodoro Arribas Serrano, Luis Mª Muiños Vidueira, Serafín Quinteiro Blanco.

Vocais representantes da parroquia de Zobra. Lalín: José Dobarro Casal, Samuel Crespo Dobarro.

Vocais representantes da parroquia da Madalena. Forcarei: Edelmiro Cerdeira Viéitez.

Secretaria: Ramona Celia Fernández Álvarez.

1. Os veciños da parroquia de Santa María de Zobra, do concello de Lalín, solicitaron a clasificación como veciñais en man común dos montes Trascoco e Devesas do Brixoi, na actualidade no concello de Forcarei, cunha superficie de 280 has., acompañando plano topográfico destes e documentación histórica que consta no arquivo municipal.

2. No expediente cumpríronse as prescricións do capítulo II do regulamento que desenvolve a Lei

13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, comparecendo naquel como partes interesadas os concellos de Lalín e Forcarei, e os veciños da parroquia da Madanela, onde figuran situados os montes dos que se pretende a súa clasificación, aportando documentación ó respecto e facendo alegacións en contra da clasificación a favor da comunidade solicitante.

3. Solicitada anotación preventiva no Rexistro da Propiedade fai constar o rexistrador que, no ano 1974, se realizou unha anotación preventiva de suspensión por falta da previa inscrición do monte denominado Trasdomonte, da parroquia da Madanela, no que poden estar incluídos os montes dos que se pretende a súa clasificación. A dita anotación preventiva foi realizada con motivo do expediente de clasificación iniciado polo Xurado Provincial nesas datas, procedéndose á súa cancelación por caducidade.

4. Os montes obxecto do expediente son os que a continuación se describen:

Concello: Forcarei.

Parroquia: A Madanela.

Nome do monte: Trascoco e Devesas do Brixoi.

Cabida: 280 ha.

Lindes.

Norte: monte clasificado de Vilariño.

Oeste: monte de Vilariño e monte situado na parroquia da Madanela.

Sur: monte clasificado de Graña e monte situado na parroquia da Madanela.

Leste: monte da Zobra (concello de Lalín) e O Irixo da provincia de Ourense.

5. O relator expúxolles ós restantes membros do xurado a súa proposta de desestimación da solicitude de clasificación formulada polos veciños da parroquia de Zobra, por canto segundo a documentación que consta no expediente sinalando de maneira particular ó informe emitido polo Servicio de Montes e Industrias Forestais, o monte Trascoco e Devesas do Brixoi, non só está situado no concello de Forcarei, senón que o seu aproveitamento non lles corresponde ós veciños de Zobra, existindo en consorcio de parte deste monte co concello de Forcarei, proveniente do monte de U.P. 283-u, atribuíndolle ó catálogo a súa pertenza á parroquia da Madanela, determinándose que, no lindeiro leste, o fai coa parroquia de Zobra.

De acordo coa referida exposición, os membros do xurado de maneira unánime acordan: a non clasificación do monte Trascoco e Devesas do Brixoi, solicitada polos veciños da parroquia de Zobra, concello de Lalín, na superficie e lindeiros referidos no número 4 da presente resolución, por quedar suficientemente acreditado no expediente que esta parroquia, non realiza nin realizou aproveitamento ningún no referido monte, sendo esta unha circuns

tancia imprescindible de conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o mesmo artigo do Real decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da referida lei.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, desde a notificación desta perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 58, da Lei reguladora da antedita xurisdicción, en relación co artigo 12 da Lei 13/1989, do Parlamento de Galicia, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o artigo 28 do seu regulamento aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, modificados ámbolos preceptos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Pontevedra, 16 de decembro de 1996.

José Luis Díez Yáñez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

126