Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 1997 Páx. 684

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 13 de xaneiro de 1997 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas que realicen investimentos, estudios e xestión de residuos industriais encamiñados a mellorar e controla-lo medio ambiente industrial, así como a empresas mineiras ou asociacións de empresas para o desenvolvemento de accións encamiñadas a diminuí-la deterioración que as actividades mineiras causan no medio ambiente, para 1997.

Dentro das competencias que ten asignadas a Consellería de Industria e Comercio figuran a evaluación e control dos niveis de emisión e inmisión das industrias, regulados no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, e o control ou xestión dos residuos tóxicos e perigosos, regulados polo Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, así como a Orde do 28 de febreiro de 1989, do Ministerio de Obras Públicas, Transportes y Medio Ambiente, pola que se regula a xestión dos aceites usados.

As industrias deben adaptarse ás esixencias impostas pola lexislación comunitaria en materia de contaminación atmosférica, polo que se fai necesario un apoio eficaz e selectivo por esta Administración para que nos procesos productivos se eliminen ou limiten, na medida do posible, os efectos contaminantes. No ámbito dos residuos tóxicos e perigosos, o Consello de Ministros aprobou o 17 de febreiro de 1995 o Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000 e o Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados 1995-2005. A Consellería de Industria e Comercio pretende acada-los obxectivos fixados polos ditos plans tanto para a recuperación dos emprazamentos inventariados como contaminados como en materia de reducción, reutilización e reciclaxe de residuos tóxicos e perigosos no ámbito desta comunidade autónoma.

No ámbito mineiro, a conservación do medio natural debe ser unha aspiración irrenunciable. Nesa liña establécense axudas económicas que incentiven a execución de investigacións encamiñadas á mellora do medio ambiente mineiro, tanto máis necesarias canto supoñen actividades de escasa rendibilidade e atractivo investidor, que permiten, sen embargo, entre outros beneficios, a creación dunha desexable tecnoloxía propia. Así, un dos problemas de carácter ambiental que ocasiona a minería é a deterioración das zonas circundantes. A Lei de minas, do 21 de xullo de 1973, está imbuida dunha filosofía conservadora do ambiente, coa idea de conxuga-la obtención de recursos naturais mineiros coa preservación do espacio natural afectado pola dita actividade, o que deu orixe á promulgación do Real decreto 2994/1982, do 15 de outubro, sobre restauración do espacio natural afectado polas actividades mineiras a partir da súa entrada en vigor.

Co fin de preservar no posible o espacio natural, o que en definitiva redunda nunha mellor calidade de vida que a sociedade demanda, faise preciso que

as empresas mineiras tamén acometan as investigacións e a rehabilitación de zonas explotadas con anterioridade á entrada en vigor do real decreto aludido, así como nas de gran concentración de explotacións onde o impacto producido multiplica.

Por outro lado, tanto a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia como o Real decreto 85/1996, do 26 de xaneiro, polo que se establecen normas para a aplicación do Regulamento CEE 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño, polo que se permite que as empresas do sector industrial se adhiran con carácter voluntario a un sistema comunitario de xestión e auditoría medioambiental, inciden na importancia de incentiva-los sistemas de ecoxestión e ecoauditorías voluntarias nas empresas.

Na súa virtude, e en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.342-A.770.0 «subvencións en materia de medio ambiente, establécense axudas económicas para as empresas, así como para as agrupacións ou asociacións de empresas que, estando situadas ou se implanten na Comunidade Autónoma galega, realicen investimentos en procesos industriais que teñan como obxectivos a minimización, prevención e reducción en orixe, corrección da contaminación de orixe industrial e descontaminación de solos; actividades de xestión de residuos industriais; proxectos de I+D e estudios encamiñados a diminuír e controla-la contaminación procedente dos citados procesos.

Estas axudas tamén irán destinadas a aquelas empresas ou asociacións de empresas explotadoras de dereitos mineiros en Galicia que realicen investigacións e estudios encamiñados á mellora do medio ambiente mineiro e traballos de restauración do espacio natural.

Capítulo II

Axudas en materia de medio ambiente industrial

Artigo 2º

As axudas para a mellora e control do medio ambiente industrial están destinadas ás empresas e agrupacións ou asociacións de empresas que realicen actividades encadradas dentro do presente capítulo.

Artigo 3º

1. Son subvencionables os investimentos que se encamiñen ós seguintes obxectivos:

a) Prevención e reducción en orixe de residuos perigosos.

b) Instalacións para a adecuada xestión dos residuos industriais (transporte, almacenamento e eliminación) que se encontren dentro dos obxectivos da Comunidade Autónoma de Galicia e definidos no Plan Galego de Residuos Industriais.

c) Instalacións de reciclaxe e/ou reutilización e/ou minimización de residuos tóxicos e perigosos in situ ou de tratamento externo, como construcción de plantas de tratamento e depósitos de seguridade para eles.

d) Descontaminación e restauración de solos contaminados por actividades industriais, sempre que estean incluídos no inventario nacional de solos contaminados de Galicia.

2. As axudas establecidas poderán acadar ata o 50% do investimento subvencionable.

Artigo 4º

1. Entenderase por proxectos de I+D subvencionables aqueles dirixidos á mellora dos procesos productivos para reduci-lo seu poder contaminante e para o deseño e implantación de tecnoloxías limpas, así como aqueles proxectos referentes a novas tecnoloxías nas que se prime a minimización a través da prevención e recuperación in situ, o reciclado e o tratamento externo dos residuos.

Serán subvencionables as seguintes fases:

a) Adquisición do coñecemento:

-Gastos de persoal implicado no proxecto de investigación.

-Instrumental de investigación e control necesario para o desenvolvemento do proxecto.

b) Aplicación dos coñecementos adquiridos:

-Gastos de definición do proceso de fabricación ata a elaboración do prototipo.

2. Nos casos en que os resultados de investigación incorporada á empresa se obtivesen a través dun convenio de colaboración con centros públicos de investigación ou departamentos universitarios, será subvencionable o importe da participación da empresa no dito convenio, sendo necesaria a presentación dunha copia deste xunto coa solicitude de subvención.

3. As axudas destinadas ós proxectos de I+D definidos no presente artigo poderán acadar ata o 70% dos custos para o apartado a) e ata o 45% para o apartado b).

Artigo 5º

1. No ámbito da xestión de residuos industriais subvencionaranse as operacións encamiñadas á minimización, valorización, tratamento, eliminación e depósito controlado daqueles residuos incluídos no Plan de Xestión de Residuos Perigosos de Galicia ou residuos especiais de consumo masivo.

2. A contía da axuda poderá acadar ata o 75% do investimento subvencionable.

Artigo 6º

1. Enténdese por estudios subvencionables os estudios de empresas, así como de agrupacións ou asociacións de empresas, encadrados nas seguintes materias:

-Estudios encamiñados á prevención, reducción en orixe, reutilización, reciclaxe, tratamento in situ ou externo e adecuada xestión de residuos industriais.

-Estatísticas e bases de datos relacionadas co Plan de Xestión de Residuos Perigosos.

-Estudios que teñan como obxectivo o inventario, recuperación ou eliminación dos espacios contaminados polas actividades industriais.

-Estudios que sirvan de apoio ós plans de residuos industriais e de solos contaminados de Galicia.

2. As axudas destinadas ós estudios definidos no apartado anterior poderán acadar ata o 100% do custo do proxecto.

Artigo 7º

1. Apoiaranse economicamente as empresas para a formación especializada de persoal no programa de medio ambiente industrial, e particularmente en materia de residuos perigosos. Tamén se apoiarán as tarefas de comunicación e difusión de conceptos básicos en materia de medio ambiente industrial.

2. A contía das axudas citadas anteriormente poderá acadar, como máximo, o 50% do custo do programa de formación aprobado.

Artigo 8º

1. Establécense axudas para as empresas que pretendan adherirse con carácter voluntario a un sistema comunitario de xestión e auditorías medioambientais.

2. A contía da axuda poderá acadar un máximo do 50% do custo da auditoría.

Capítulo III

Axudas en materia de medio ambiente mineiro

Artigo 9º

1. As axudas establecidas para a mellora e control do medio ambiente mineiro estarán destinadas a aquelas empresas privadas ou asociacións de empresas explotadoras de dereitos mineiros en Galicia que realicen investigacións e estudios dirixidos á mellora do medio ambiente mineiro e traballos de restauración do espacio natural afectado en zonas explotadas con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 2994/1982, do 15 de outubro, así como nas de gran concentración de explotacións onde o impacto ambiental é considerable.

2. Os traballos de restauración mineira deberán contar, na data de solicitude da axuda, co informe

favorable da Secretaría da Comisión Galega de Medio Ambiente.

Artigo 10º

A contía máxima das subvencións no ámbito mineiro poderá acadar ata o 100% dos custos de investigación e estudios e ata o 25% dos custos de restauración.

Capítulo IV

Tramitación administrativa

Artigo 11º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, acompañadas dos seguintes documentos:

-Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver.

Nas solicitudes referentes ós estudios definidos no artigo 6º desta orde indicarase a metodoloxía do equipo de traballo e obxectivos, enxeñería ou ECA (entidade colaboradora da Administración) que realizará o estudio.

-Orzamento detallado do investimento.

-Copia cotexada do NIF ou CIF.

-Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó corrente nas obrigacións fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificado expedido polo delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio de inscrición no Rexistro Industrial e a súa actualización, nos casos en que proceda.

-Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para a mesma actividade en calquera outra institución, organismo ou Administración pública.

Artigo 13º

As solicitudes ás que fai referencia o artigo 3º acompañaranse, ademais do previsto no artigo anterior, dos seguintes documentos:

-Proxecto do investimento.

-Autorización de productor ou xestor (segundo os casos) para RTP.

-Acreditación de estar ó día no cumprimento do programa de autocontrois de emisións á atmosfera, cando proceda.

Artigo 14º

As solicitudes referentes á xestión de residuos industriais en virtude do previsto no artigo 5º irán acompañadas, ademais do previsto no artigo 12º, dos seguintes documentos:

-Indicación da cantidade de residuos que se prevén xestionar ata o 30 de novembro de 1997 e a xustificación da contía da subvención que se solicita.

-Autorización de xestor outorgada polo órgano competente da Comunidade Autónoma.

-Estudio económico-financeiro e de estructuras de custos da actividade relacionada especificamente coa xestión do residuo, de tal forma que a Administración poida precisa-los custos reais da xestión que non estean cubertos realmente pola actividade. O dito estudio deberá estar debidamente autorizado polo apoderado ou representante da empresa.

Artigo 15º

En relación coa formación de personal, xunto á solicitude e documentación que corresponda do artigo 12º, deberase presentar:

-Memoria técnica explicativa da formación que se vai impartir, programa e temario desenvolvido.

-Orzamento.

-Acreditación e experiencia na materia da empresa encargada da citada formación.

Artigo 16º

As solicitudes para realizar ecoauditorías deberán incorporar, ademais do establecido no artigo 12º, os seguintes documentos:

-Acreditación do verificador medioambiental que realice as actividades.

-Proxecto de implantación do sistema de xestión medioambiental.

Artigo 17º

As solicitudes encadradas no ámbito mineiro deberán acompañarse, ademais do previsto no artigo 12º desta orde, dos seguintes documentos:

a) Os proxectos de investigación deberán contar, polo menos, cos seguintes epígrafes:

-Memoria, con indicación dos fins que se pretenden.

-Medios técnicos e humanos para a súa realización.

-Orzamento detallado.

-Toda aquela información que o solicitante crea de interese para xuntar ó proxecto.

b) Os proxectos de restauración deberán contar, como mínimo, cos seguintes epígrafes, dos cales se

omitirán os non aplicables segundo se trate de explotacións antigas ou grandes concentracións en actividades:

-Descrición do medio físico, con referencia á xeoloxía, á hidroxeoloxía, á superficie vexetal, á paisaxe e ós demais elementos que permitan defini-la configuración do medio.

-Definición do medio socioeconómico que inclúa a relación de usos e aproveitamentos preexistentes, as propiedades, a obra de infraestructura, as instalacións e réximes xurídicos especiais, se é o caso, aplicables á zona.

-Descrición das características do aproveitamento mineiro previsto, así como dos seus servicios e instalacións.

-Planos e documentación relativos ós aspectos considerados nos parágrafos anteriores.

-Acondicionamento da superficie do terreo, xa sexa vexetal ou doutro tipo.

-Medidas para evita-la posible erosión.

-Estudio do impacto ambiental da explotación sobre os recursos naturais da zona e sobre as medidas previstas para a súa protección.

-Proxecto de almacenamento dos residuos mineiros que se xeren e sistemas previstos para palia-la deterioración ambiental por este concepto.

-Calendario de execución e orzamento detallado dos traballos de restauración.

-Toda aquela información que o solicitante da subvención crea de interese acompaña-lo proxecto.

Artigo 18º

1. Servirán de base para avalia-la prioridade das peticións no ámbito industrial os seguintes criterios:

a) Investimentos.

-Investimentos para a prevención e reducción en orixe de residuos industriais.

-Investimentos que teñan por finalidade a reciclaxe ou a reutilización de residuos.

-Investimentos para o tratamento externo adecuado dos residuos xerados.

-Investimentos na instalación de industrias con novas tecnoloxías para a eliminación dos residuos industriais e que pola importancia da actividade de xestión sexa de interese para a mellora do medio ambiente galego.

b) Estudios.

-Estudios para a prevención, reducción en orixe, reutilización, e reciclado de residuos industriais.

-Estudios que propoñan solucións de tratamento in situ dos residuos tóxicos e perigosos.

-Estudios de novas tecnoloxías limpas nos diferentes procesos industriais.

c) Formación.

-A existencia ou non en Galicia de persoas xa formadas na materia.

-A calidade da formación que se vai impartir.

2. Terán prioridade aquelas solicitudes das empresas que, cumprindo cos límites establecidos na lexislación vixente, presenten proxectos para reduci-lo seu impacto ambiental.

Artigo 19º

No ámbito mineiro, a avaliación das solicitudes seguirá a seguinte orde de prioridades:

-Proxectos formulados para zonas de gran deterioración ambiental e os de recuperación de residuos mineiros para o seu uso económico.

-Calidade dos proxectos e a súa adecuación ó medio obxecto de protección.

-Proxectos que poidan ter unha aplicación e un desenvolvemento inmediatos.

Artigo 20º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos sinalados no articulado desta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falla ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

Examinada a documentación e logo da emisión do informe técnico que proceda, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provincias ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de quince días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

Artigo 21º

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 22º

1. Para acredita-lo devengo das axudas indicadas será indispensable a presentación, antes do 31 de outubro de 1997, ante a delegación provincial correspondente ou ante a Dirección Xeral de Industria, de tres exemplares da memoria final e do custo dos traballos realizados, para o seu exame e análise, así como dos xustificantes debidamente acreditados do investimento solicitado.

No caso de xestión de residuos, o prazo previsto neste apartado amplíase ata o 30 de novembro de 1997, debendo presenta-lo beneficiario da axuda os correspondentes documentos de control e seguimento, mediante os cales se xustifique a xestión realizada.

No caso das ecoauditorías medioambientais deberá incluírse a declaración medioambiental validada polo verificador medioambiental.

2. Os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio analizarán a memoria xustificativa e, unha vez verificado que os investimentos están debidamente realizados e acreditados, proporán o pagamento da subvención.

No caso de que os investimentos sexan traballos propios para o inmobilizado, estes deberán ser comprobados e certificados por persoal técnico da consellería.

3. Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes que consideren convenientes e, no caso de non seren remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, considerarase que renuncian á subvención.

Artigo 23º

Para o libramento e posterior aboamento da subvención, unirase á documentación que se sinala no artigo anterior certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó corrente nas obrigacións tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 24º

No caso de xestión de residuos poderanse efectuar pagamentos trimestrais para cada partida pola que se solicite o pagamento, sempre e cando se xustifiquen mediante os documentos acreditativos os residuos xestionados no período solicitado.

Artigo 25º

1. No caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a subvención que se conceda se verá diminuída nunha porcentaxe proporcional.

2. Cando concorran outras subvencións ou axudas polos mesmos conceptos, procederase a deduci-la contía recoñecida ou percibida do importe total da subvención concedida pola presente orde ou se é o caso, o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que poidesen derivarse.

Artigo 26º

1. No caso de que o beneficiario da subvención incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, instruirase un expediente sancionador, conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro e Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5 do artigo 78º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. As cantidades que hai que reingresar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 27º

No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 28º

Con independencia do establecido nesta orde, en todo caso se aplicará o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición final

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 1997

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

291