Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 1997 Páx. 681

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 27 de decembro de 1996 pola que se regula a concesión de subvencións para investimentos con destino á promoción de mercados retallistas, zonas peonís-comerciais e outros equipamentos comerciais de carácter social.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto dispón, no seu artigo 1º que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vai materiaza-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da comunidade que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación.

Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 3.2º da devandita orde, a autorización do gasto e a contracción da obriga demorarase ata a aprobación do crédito que vai ampara-lo gasto.

Un dos obxectivos da Consellería de Industria e Comercio é a promoción e mellora de equipamentos comerciais de uso colectivo e de carácter social mediante a concesión de subvencións ós concellos galegos para a realización destes investimentos, e no proxecto de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia para o ano 1997 existe a partida orzamentaria 08.03.521-A.761.0 «Transferencias de capital. Corporacións locais. Equipamentos comerciais de carácter social» e con cargo á devandita aplicación, a Consellería de Industria e Comercio convoca as subvencións que regula a presente orde. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Establécense subvencións ós concellos galegos, artelladas para a mellora e modernización de equipamentos comerciais municipais de uso colectivo e de carácter social: mercados retallistas, prazas de abastos e zonas e rúas de uso peonil-comercial, que se realicen durante o ano 1997.

2. As subvencións establecidas serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.521-A.761.0 «Transferencias de capital. Corporacións locais. Equipamentos comerciais de carácter social», e estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin, podéndose adquirir compromisos de gasto de carácter plurianual con suxeición ó disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. A contía de cada subvención non poderá superar, en ningún caso, o 70% do importe do investimento

realizado. A suma desta e doutras subvencións concedidas para o mesmo fin non poderá supera-lo 90% do investimento.

Artigo 2º

1. As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes rematará o día 28 de febreiro de 1997.

Artigo 3º

A documentación, que deberá xuntarse por triplicado á solicitude en documentos orixinais ou copias cotexadas polo funcionario habilitado para o efecto, é a seguinte:

a) Instancia segundo o modelo descrito no anexo.

b) Certificación do acordo de aprobación, polo correspondente órgano municipal, do proxecto de investimento, da solicitude de subvención e do plan de financiamento do proxecto.

c) Memoria na que se xustifique a necesidade do investimento, os obxectivos perseguidos e as datas de comezo e remate previstas. Deberá incluír, ademais, o estado actual do mercado ou zona urbana peonil-comercial con detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación ás súas necesidades e funcións.

d) Indicación expresa de se solicitou ou non, ou se ten previsto solicitar, algún tipo de axuda para o mesmo fin e, en caso afirmativo, indicación da contía e organismo do que se solicita.

e) Fotocopia da tarxeta indicativa do código de identificación fiscal do Concello.

Artigo 4º

Así mesmo, presentarase a seguinte documentación na forma prevista no artigo anterior nos supostos que se relacionan:

a) No caso de obras xuntarase copia do proxecto da obra realizada por técnico facultativo, visado polo colexio correspondente.

b) No caso de equipamentos, factura pro forma que indique as características e orzamentos dos investimentos que se van realizar.

c) No caso de edificacións e instalacións, título de propiedade ou documentos acreditativos da concesión administrativa do terreo ou inmobles nos que estea previsto realiza-lo investimento.

d) No caso de investimento en rúas ou zonas de uso peonil-comercial, estudio técnico da viabilidade do proxecto.

Artigo 5º

1. Se a solicitude e a documentación anexa non reúnen os requisitos sinalados nos artigos 2, 3 e 4, requiriranse os concellos solicitantes para que, nun prazo de dez días, emenden os defectos e xunten

os documentos preceptivos con indicación de que, no caso de non cumprilo, se procederá ó arquivo da solicitude sen ulterior trámite, de conformidade co establecido no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán reclamar dos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 6º

1. Os servicios centrais e, se é o caso, os das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, analizarán as solicitudes de acordo coas prioridades sinaladas no seguinte parágrafo e a importancia social e comercial do equipamento.

2. Terán prioridade para a obtención das subvencións:

a) Os proxectos destinados á adecuación de edificios, instalacións e equipos no caso de mercados municipais retallistas e de abastos nos municipios con poboación de dereito superior ós 5.000 habitantes.

b) Os proxectos de obras e instalacións de rúas e prazas de uso peonil-comercial, cando estean situadas en núcleos urbanos que teñan gran densidade comercial.

Artigo 7º

1. O conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, á vista dos informes de avaliación, e daqueloutros que sexan de interese, dictará a resolución que proceda, que esgotará a vía administrativa e que lles será notificada ós beneficiarios.

2. A efectividade da devandita resolución queda condicionada a que o interventor municipal certifique, no prazo máximo dun mes desde a notificación da dita resolución, a existencia de consignación orzamentaria para a realización do proxecto obxecto da solicitude, concretando a partida e dotación orzamentaria destinada para tal fin.

3. A non notificación da resolución, no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude, determinará a súa desestimación presunta, nos termos sinalados nos artigos 43 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do Decreto 268/1994, do 29 de xullo, polo que se aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Industria e Comercio, e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Artigo 8º

As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez presentados por triplicado os documentos que acrediten a realización do investimento ou adquisición dos equipamentos, así como a certificación

acreditativa do investimento realizado e serán minoradas proporcionalmente no caso de que o investimento xustificado sexa inferior ó orzado ou anuladas, se é o caso, por incumprimento das condicións sinaladas na resolución. Así mesmo, procederá o reintegro da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora, nos casos recollidos no parágrafo 5 do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo de audiencia ó interesado.

Artigo 9º

1. O libramento da subvención farase nun único pagamento unha vez finalizado e xustificado o investimento.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó que estableza a Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

3. No caso de obras, os documentos xustificativos serán os seguintes:

a) Certificación acreditativa da adxudicación que indique o nome do contratista, o importe líquido da adxudicación e, se é o caso, a baixa na licitación.

b) Proxecto de obras que serviu de base para a adxudicación.

c) Certificación de obra realizada ou expedida polo técnico facultativo e aprobada polo órgano competente do concello solicitante.

4. As certificacións de obra deberán facerse conforme o proxecto e modificacións autorizadas, se é o caso.

Artigo 10º

Calquera modificación que sexa preciso introducirlle ó proxecto investidor posterior á concesión da subvención, deberá ser autorizada polo conselleiro de Industria e Comercio e, se é o caso, polo delegado provincial, debendo presentar para tal efecto o proxecto reformado aprobado polo órgano competente do concello.

Artigo 11º

Os investimentos deberán estar rematados e xustificados antes do 30 de novembro de 1997.

Artigo 12º

As solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 29 de febreiro de 1996 e ás que non lles foi concedida a subvención peticionada por falta de crédito, poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, sempre que así o faga consta-lo interesado.

Artigo 13º

Para todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ó que estableza a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 1.996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

290