Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 1997 Páx. 690

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 13 de xaneiro de 1997 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para a creación, ampliación e mejora de talleres artesáns e de apoio á investigación de actividades tradicionais.

A artesanía, como sistema tradicional de producción e creación, contribuíu historicamente ó desenvolvemento económico e cultural de Galicia. Actualmente o fomento das actividades artesanais constitúe un elemento dinamizador para o aproveitamento dos recursos económicos do territorio e para a creación de riqueza.

En Galicia o sector artesanal resulta de gran importancia desde o punto de vista industrial e económico, é un sector en ebulición cunha gran variedade de oficios en tódolos terreos e usos, moitos deles condensan boa parte dos valores culturais do pobo, o que fai que os seus productos sexan cada vez máis apreciados pola sociedade.

Constitúe obxectivo da presente orde o desenvolvemento e promoción da artesanía, coadxuvando á realización de accións que permitan a súa potenciación. Así mesmo, dada a súa importancia socio cultural e histórica, é necesario a realización de accións, encamiñadas á priorización e fomento das actividades tradicionais.

Por outra banda, esta orde ten tamén por obxectivo desenvolver, en determinados ámbitos, o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con cargo á partida orzamentaria 08.02.711-D.770. «Empresas privadas. Axudas á artesanía galega» convócanse axudas destinadas á creación, ampliación e mellora de talleres artesáns e de apoio á investigación de actividades tradicionais.

Artigo 2º

Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns individuais, empresas artesás, asociacións ou cooperativas de producción artesanal, sempre que estean en Galicia e inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 3º

Para a concesión das axudas valoraranse prioritariamente as accións presentadas por artesáns ou talleres artesáns que exerzan algunha das seguintes actividades tradicionais: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardería, oleiros,

forxa, artesanía de folla de lata, caldeirería, afiado, cestería e labores de palla.

Tamén se considerará especialmente a realización, por parte de talleres artesáns, de estudios ou proxectos que contribúan a mellorar e impulsa-las produccións artesanais que se relacionan no páragrafo anterior, así como á súa potenciación.

Artigo 4º

A contía da subvención poderá acadar ata o 50% do investimento subvencionable para talleres artesáns.

No caso de estudios ou proxectos poderá acadar ata o 45% dos custos e gastos de realización do estudio ou proxecto.

Artigo 5º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos Servicios Centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar, conforme o modelo que se achega como anexo, acompañadas da seguinte documentación:

-As solicitudes de axudas deberán acompañar fotocopia do documento de cualificación de taller artesanal ou certificado de inscrición do taller no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, excepto cando se trate da creación dun taller artesanal que se presentará a fotocopia da carta de artesán.

En cualquera dos casos estes documentos deberán acreditarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

As asociacións e cooperativas artesanais presentarán ademais, certificación ou documento acreditativo da súa constitución legal.

- Memoria detallada do investimento que se vai realizar, con copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice, ou factura proforma de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir, elaborada pola empresa subministradora.

En cualquera dos casos, o proxecto ou a factura proforma irá dirixida ó solicitante da axuda e contará coa sinatura e DNI ou CIF/NIF de quen elabora o orzamento.

-Memoria das actividades profesionais realizadas, asinada polo solicitante.

-Documentos que acrediten a propiedade do terreo ou inmoble no que se pretende face-la obra ou auto

rización expresa asinada polo propietario, con fotocopia do seu DNI.

-Copia autenticada do último recibo do imposto de actividades económicas que ampara a actividade de que se trate e do NIF/CIF do solicitante.

-Declaración doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en cualquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

-Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Documento público acreditativo do poder co que actúa o solicitante, se se trata dunha persoa xurídica.

Artigo 7º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior, o solicitante será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido na súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 8º

Analizada a documentación, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial correspondente, logo do correspondente informe técnico, emitirá a resolución que proceda, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A non resolución expresa no prazo de tres meses contados desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 9º

Para o libramento da subvención o beneficiario deberá achegar, por triplicado, a documentación acreditativa do investimento realizado e no caso de estudios ou proxectos, deberán presentarse tres exemplares destes, antes do día 31 de outubro de 1997, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, detallando os investimentos e gastos realizados cos respectivos xustificantes.

Para o aboamento da subvención unirase á documentación que se sinala no apartado anterior, certificación da conta bancaria onde debe realizarse o aboamento, expedida pola propia entidade ban

caria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 10º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto a axuda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia realiza-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuizo duotras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 11º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, e Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do precedimento para o exercicio da potestade sancionadora.

Nos supostos previstos no apartado 5º do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora correspondentes, tendo as cantidades a reintegra-la consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 12º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 13º

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facultase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

334