Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 1997 Páx. 624

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de comercio de alimentación na provincia da Coruña.

Visto o expediente de comercio de alimentación que tivo entrada nesta delegación provincial o día subscrito pola comisión paritaria o día 15-11-1996 subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Supermercados e Autoservicios da Coruña, e día parte social, por USO, CC.OO., UGT e CIG, o dái 14-11-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primero.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 19 de novembro de 1996.

Mª Reyes Carbel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do comercio alimentación da Coruña

Artigo 1º.-Ámbito.

a) Territorial: o presente convenio colectivo é de aplicación en toda a provincia da Coruña.

b) Funcional: o presente convenio colectivo é de aplicación en tódalas empresas dedicadas ó comercio de alimentación, como son as empresas encadradas nas agrupacións de almacenistas de alimentación, retallistas de ultramarinos e similares (ultramarinos, comestibles, chacinerías, friamerías e xamonerías), supermercados e autoservicios, cooperativas de consumo e economatos laborais, así como as empresas pertencentes ás agrupacións de caramelos e chocolates, torrefactores de café e, en xeral, para todo o comercio retallista que en razón da verdadeira actividade que desenvolva, debe figurar encadrado neste convenio colectivo.

c) Persoal: o presente convenio colectivo afecta a tódolos traballadores das empresas incluídas no ámbito funcional.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será desde o 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1997.

Artigo 3º.-Denuncia e os seus efectos.

A denuncia do convenio entenderase validamente efectuada por calquera das partes sempre que medie comunicación por escrito á outra parte antes do último mes de vixencia ordinaria do convenio.

Producida a denuncia do convenio, nos termos establecidos no parágrafo primeiro, as partes comprométense a constituí-la comisión negociadora na segunda quincena do mes de xaneiro e inicia-la negociación efectiva na primeira quincena do mes de febreiro inmediatamente seguintes.

Artigo 4º.-Organización do traballo.

A ordenación do traballo é facultade do empresario ou persoa en quen este delegue, que debe exercerse con suxeición ó establecido no presente convenio e demais normas aplicables.

O traballador está obrigado a cumpri-las ordes e instruccións do empresario no exercicio regular das súas facultades directivas, debendo executar cantos traballos, operacións ou actividades se lle ordenen dentro do xeral cometido da súa categoría profesional.

A dirección da empresa informará ós representantes dos traballadores dos sistemas de racionalización, automatización e modernización que xulgue necesarios, así como os métodos que poidan conducir a un progreso técnico e económico da empresa, sen prexuízo da formación profesional que tódolos empregados teñen o deber e o dereito de completar mediante a aprendizaxe teórica e práctica e o estudio persoal.

Artigo 5º.-Clasificación do persoal.

O persoal ó servicio das empresas afectadas por este convenio colectivo queda encadrado nalgúns dos seguintes grupos profesionais en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida.

As definicións contidas para cada grupo profesional non son exhaustivas, senón meramente enunciativas.

Grupo I. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, con alto grao de autonomía, a partir das directrices xerais. Exercen a supervisión a través de mandos intermedios, co fin de consegui-los obxectivos operacionais marcados.

Grupo II. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que teñan unha actividade desenvolta baixo especificacións precisas e con certo grao de autonomía, podendo coordina-lo traballo dun equipo, e para este desenvolvemento requírese unha pericia ou habilidade sistemática en actividades e/ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos estando ou non estandarizados.

Grupo III. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores en postos que se executan baixo instruccións concretas con dependencia xerárquica e funcional total. Esíxese o coñecemento total do seu oficio e as funcións poden implicar incomodidade temporal ou esforzo físico.

A precedente definición de grupos profesionais non implica a derrogación das categorías profesionais e a súa definición funcional contidas na vixente ordenanza laboral de comercio.

Artigo 6º.-Período de proba.

O ingreso entenderase provisional ata tanto non se cumprise o período de proba que, para cada grupo profesional dos enumerados no artigo 5, se detalla a continuación.

Grupo I: 6 meses.

Grupo II: 3 meses.

Grupo III: 1 mes.

No suposto de que a duración do contrato dun traballador do grupo terceiro sexa igual ou inferior a oito meses, o período de proba será de 15 días.

Artigo 7º.-Modalidades de contratación.

A) Contratos de aprendizaxe.

Poderán efectuarse contratos de aprendizaxe para tódalas categorías profesionais, excepto para as de mozo e mozo especializado.

Poderanse celebrar contratos de aprendizaxe con traballadores maiores de dezaseis e menores de vintetrés anos.

O salario de contratación destes traballadores será igual ó 85%, 90% e 100% do salario base da súa categoría profesional e do plus de transporte durante, respectivamente, o primeiro, o segundo ou o terceiro ano de vixencia do contrato.

b) Contratos en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 85% ou do 95% do salario base da súa categoría profesional e do plus de transporte durante, respectivamente, o primeiro ou o segundo ano de vixencia do contrato.

c) Contratos de duración determinada.

Regulados en artigo 15b) Estatuto dos traballadores.

Contrato por circunstancias do mercado.

Contrato de longa duración.

Exposición de motivos:

As partes asinantes do convenio constatan a existencia dun ciclo económico estatal levemente expansivo, que polo momento non se traduce nunha tendencia ó crecemento xeral do mercado no referente ó consumo privado.

Sobre o anterior inciden unhas especiais circunstancias propias do sector, derivadas da recente normativa estatal sobre comercio (L.O. 2/1996, do 15 de xaneiro, e Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, que propicia unha progresiva liberalización do sector,

co seu conseguinte auxe, que culminará por aplicación do artigo 3.1º a L.O. 2/1996, a partir do 1 de xaneiro do ano 2001.

Polo que respecta a Galicia e máis concretamente á provincia da Coruña, concorre co esperado incremento xeral do consumo a influencia cada vez máis acusada no sector de comercio de alimentación das grandes superficies comerciais tanto no referente á diversificación da oferta como respecto á recente ou inminente apertura de novos establecementos.

Todo iso provoca a necesidade de adecua-los parámetros da xestión empresarial, incluído o laboral, no sector do comercio de alimentación, a estas especiais circunstancias do mercado, o que se manifestaría nunha reordenación de carácter organizativo e comercial, xa en marcha na xeneralidade do sector (segundas marcas, redistribución de puntos de venda, política de imaxe de empresa, etc), completada no aspecto laboral cunha maior estabilidade no emprego, estabilidade que propiciará o incremento da profesionalidade do persoal ó mesmo tempo que eliminará, no posible, a precariedade laboral derivada da contratación temporal do ciclo curto.

En consecuencia:

De conformidade co establecido no artigo 15.1.B do Estatuto dos Traballadores na procura dunha menor precarización do emprego, e buscando aproveitar ó máximo as posibilidades de emprego que se derivan do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias do mercado a que se refire o dito artigo poderá celebrarse por períodos que, un a un ou no conxunto, non superen os catro anos dentro dun ciclo de cinco anos.

A duración mínima inicial do contrato será de seis meses, e poderase realizar un máximo de cinco prórrogas. Se non se concertase expresamente a súa prórroga, ó remate do contrato inicial ou dalgunha das súas prórrogas, e o traballador continuase prestando servicios na empresa, entenderase o contrato prorrogado ata o límite máximo de catro anos.

O seu réxime xurídico, excepto no regulado no presente artigo, será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó desfrute de beneficios salariais (antigüidade, réximes de complementos) e non salariais (permisos, licencias, indemnización de 45 días por ano de servicio no caso de despedimento declarado improcedente, etc.).

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción, con esixencia de aviso previo escrito con polo menos quince días de antelación, fixando unha indemnización para o traballador de conformidade coa seguinte escala:

Se a extinción se produce nos dous primeiros anos de contrato, 15 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores ó ano.

Se a extinción se produce transcorridos dous anos e ata o termo de vixencia de catro anos, 12 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores ó ano.

No suposto de non producirse a extinción, logo do correspondente aviso previo, ó termo da vixencia

máxima desta (4 anos), se o traballador segue prestando servicios á empresa o contrato transformarase en indefinido.

O presente contrato só se poderá celebra-la xornada completa, e no seu texto deberá figurar unha referencia expresa ó presente artigo. As partes comprométense a lles recomendar ós seus afiliados a utilización deste tipo de contrato de longa duración, sempre que resulte aplicable, en lugar doutras modalidades de contratación temporal actualmente en vigor.

Independentemente da vixencia pactada para o resto do convenio, o presente artigo terá unha vixencia de cinco anos.

Ó remate da vixencia da presente cláusula as empresas do sector comprométense á transformación en fixos dun 25% dos contratos que cada unha delas realizase desta modalidade, agás que a dita porcentaxe de fixos se alcance computando as transformacións en indefinidos xunto cos desta modalidade as doutros contratos de calquera modalidade de contratación temporal.

As partes asinantes do presente convenio amosan a súa vontade de que a figura contractual prevista neste artigo se instrumentalice de acordo coa declaración de motivos contida nel. Para tal efecto, a comisión paritaria do convenio fará un seguimento específico, nos termos previstos no artigo 30º deste texto, a través de reunións que se celebrarán por instancia dunha das partes asinantes.

Artigo 8º.-Mobilidade xeográfica.

A) Desprazamento: as empresas poderán despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos daquel en que presten os seus servicios, fundamentando o dito desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou de contratación.

B) Traslado: enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique un cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamento implica cambios de domicilio cando o centro de traballo de novo destino diste a máis de 40 Km do seu centro actual ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos recollidos na lei, establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

-Intervención dos mecanismos do AGA, en caso de desacordo da comisión paritaria.

-Recuperación do posto de traballo anterior no caso de laudo ou sentencia favorable.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

-Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de 3 anos.

-Se por traslado un dos cónxuxes muda de residencia, o outro, se fose traballador da mesma empresa, terá dereito ó traslado á mesma localidade.

Os casos de traslados darán lugar ó devengo polo traballador trasladado dos seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para o traballador e os familiares que vivan ás súas expensas.

-Transporte de mobiliario, roupa, enxoval do seu fogar.

-Indemnización consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional, nun único pagamento.

-Compensación durante doce meses da diferencia de custo de vivenda en alugueiro (vivenda das mesmas características).

Notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción do seu contrato percibindo unha indemnización de 25 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano, e cun máximo de 12 mensualidades.

Artigo 9º.-Estructura salarial.

A estructura de retribucións deste convenio, represéntase e defínese de acordo co seguinte:

a) Salario base de grupo: retribución establecida por cada grupo profesional e nivel retributivo.

b) Complemento de salario: cantidades que neste caso deben adicionarse ó salario base de grupo por algúns dos seguintes conceptos:

-Persoais: antigüidade.

Por calidade ou cantidade de traballo: horas extras, pluses, etc.

De vencemento superior ó mes: pagas de beneficios, xullo e Nadal.

Devengos non salariais: plus de transporte.

Artigo 10º.-Salario hora profesional.

Para a súa determinación teranse en conta os seguintes conceptos:

a) Salario base.

b) As pagas extraordinarias de beneficios, xullo e Nadal

c) Antigüidade tal e como se pacta no convenio.

d) Pluses de natureza salarial.

Os conceptos anteriores refírense ás xornadas de traballo actual de 1.826,27 horas.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse tres pagas extras que se farán efectivas nos días laborables inmediatamente anteriores ó 22 de xullo e 22 de decembro, e a de beneficios que se fará efectiva dentro do primeiro trimestre do ano.

A contía das pagas será de 30 días de salario real.

Artigo 12º.-Plus de transporte.

Establécese o plus de transporte por unha cantidade de 6.793 ptas. mensuais para axudar a gastos de desprazamentos aboadas en 12 pagas.

Por razón da súa natureza non salarial, este plus non será absorbible nin compensable en ningún concepto.

Artigo 13º.-Plus de antigüidade.

O plus de antigüidade aboarese de acordo co importe do cuadrienio fixado para cada grupo profesional e nivel retributivo nas táboas salariais anexas.

Artigo 14º.-Xornada de traballo.

A xornada máxima de traballo queda establecida en 1.826,27 horas ó ano, corenta horas en cómputo semanal. Se como consecuencia dalgunha norma de carácter xeral e rango superior se decretase a reducción da xornada, reducirase, nos termos que estableza a dita norma, a xornada establecida no presente convenio.

Respectando o número de horas anuais de traballo convidas, así como os períodos mínimos de descanso diario ou semanal, cada empresa poderá realizar unha distribución irregular de xornada en períodos de catro meses.

En cada período cuadrimestral a distribución semanal poderá supera-las 40 horas de traballo co límite de 9 horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarase nos períodos de menor traballo.

Antes do inicio de cada período de distribución irregular de xornada, que como mínimo deberá comprender un período de catro meses, publicarase o calendario correspondente ó dito período. Esta publicación realizarase como mínimo con 15 días de antelación ó inicio do dito período.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

A teor do exposto, neste sector, as horas extraordinarias aboaranse cun recargo do 75% do seu valor. As horas extraordinarias realizadas en domingos e festivos aboaranse cun recargo do 175% do seu valor.

Por común acordo entre empresa e traballador poderase substituí-la compensación económica destas horas extras, por descanso compensatorio na mesma porcentaxe de recargo en que están retribuídas.

Ámbalas dúas partes acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, de acordo cos seguintes criterios:

1. Horas extraordinarias habituais: supresión.

2. Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios urxentes, así como no caso de risco de perda de materias primas: realización.

3. Horas extraordinarias estructurais que son as necesarias para pedidos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate; mantemento sempre que non caiba da utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas na lei.

Sera obrigado facer constar na nómina oficial de salarios o número e importe das hroas extraordinarias realizadas.

Artigo 16º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de 31 días de vacacións retribuídas. Os traballadores coñecerán as datas das súas vacacións dous meses antes, polo menos do comezo do desfrute destas.

Artigo 17º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración por algúns dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Dezaseis días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto o prazo será de catro días.

No caso de falecemento de parentes de terceiro grao, un día.

c) Dous días por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable, de carácter público ou persoal.

No suposto de que o traballador por incumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para ralizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legalmente.

f) As traballadoras, por lactanción dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

g) Quen, por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psiquíco que non desempeñe outra actividade retribuída terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración desta.

h) Os traballadores disporán de tres días, ó longo do ano, por asuntos propios, sen necesidade de xustificar. Estes días non se poderán acumular ás vacacións nin desfrutar en pontes entre festivos. O desfrute destes días acordarase coa suficiente antelación para a organización do traballo.

Artigo 18º.-Enfermidade, accidente e maternidade.

As empresas aboarán ó traballador en situación de baixa por IT, accidente ou maternidade e por un período máximo de 12 meses, un complemento que sumado á prestación da Seguridade Social alcance o 100% do importe íntegro das súas retribucións económicas.

En calquera dos supostos a empresa aboará un complemento do 15% da base reguladora entre o mes 13º ata o termo do mes 15º e un 10% desde o mes 16º ata o termo do mes 18º.

Non obstante, nos supostos en que o traballador permaneza hospitalizado aboaráselle un complemento do 20% entre o mes 13º e o 18º, en tanto dure a hospitalizaión.

O importe que vai percibir non poderá nunca ser superior ó que se perciba en situación de alta no traballo.

Artigo 19º.-Roupas de traballo.

Entregaráselles a tódolos traballadores dúas pezas de roupa ó ano, como mínimo e cando o necesite en función da actividade que vai desenvolver e de acordo coas normas de seguridade e hixiene no traballo.

Artigo 20º.-Período de xubilación anticipada e voluntaria.

As empresas aboarán un complemento de xubilación a aqueles traballadores que, con dez anos de antigüidade como mínimo nesta se xubilen de mutuo acordo coa empresa. A súa contía irá en pesetas. As cantidades para cada tramo de idade son as seguintes:

-Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 675.000 pesetas.

-Por xubilación voluntaria ós 61 anos: 600.000 pesetas.

-Por xubilación voluntaria ós 62 anos: 525.000 pesetas.

-Por xubiliación voluntaria ós 63 anos: 475.000 pesetas.

-Por xubilación voluntaria ós 64 anos: 400.000 pesetas.

A xubilación será obrigatoria ós 65 anos para tódolos traballadores ós que a súa base de cotización lles permita xubilarse co 100% da base reguladora. Neste caso a empresa aboará un complemento do seguinte modo:

Unha paga consistente en 3 veces o salario base de grupo e a antigüidade.

Unha vez fixada a contía do premio, a empresa poderá fracciona-lo pagamento ó longo dun máximo de 6 meses.

Para a súa recepción haberá de solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente. Se cumpridos 64 anos de idade e seis meses máis, o traballador non solicitase a xubilación perderá o dereito a este complemento.

Este artigo quedará en suspenso no caso de que por disposición de rango superior se reducise a idade de xubilación.

Artigo 21º.-Xubilación ós 64 anos.

Os traballadores de acordo coa empresa poderán acollerse á xubilación especial ós 64 anos, ó 100% dos dereitos pasivos, con simultánea contratación doutros traballadores desempregados, rexistrados na oficina de emprego en número igual ó de xubilacións

anticipadas que se pacten por calquera das modalidades vixentes na actualidade, excepto as contratacións a tempo parcial, cun período mínimo de duración en todo caso superior ó ano, e tendo ó máxmo legal respectivo, sempre e cando legalmente se estableza tal posibilidade de xubilación especial ós 64 anos en consonancia co antes sinalado.

Artigo 22º.-Despedimento por restructuración do cadro de persoal.

As empresas quedan obrigas á readmisión prioritaria dos traballadores despedidos no caso dunha nova ampliación do cadro de persoal.

A antigüidade no caso de que percibiseu indemnización, será da data de reintegro, en caso contrario, respectarase a antigüidade primitiva.

Artigo 23º.-Dereitos sindicais.

As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores a sindicárense libremente, admitirán que os traballadores afiliados a un sindicato poidan celebrar reunións, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo e sen perturaba-la actividade normal das empresas; non poderán suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncia á súa afiliación sindical e tampouco despedir a un traballador ou prexudicalo de calquera outra forma, a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

Os sindicatos poderán remitirlles información a todas aquelas empresas nas que dispoñan de suficiente e apreciable afiliación, co fin de que sexa distribuída fóra das horas de traballo e sen que, en todo caso, o exercicio de tal práctica puidera interrompe-lo desenvolvemento do proceso productivo. Nos centros de traballo que posúan un cadro de persoal superior a 50 traballadores, existirán taboleiros de anuncios nos que os sindicatos debidamente implantados poderán inseri-las súas comunciacións, e para este efecto difundirán copias delas previamente á dirección ou titularidade do centro.

a) Delegados sindicais.

Naqueles centros de traballo con cadro de persoal que exceda de 250 traballadores a representación do sindicato ou central será ostentada por un delegado.

O sindicato que alegue posuír dereito a acharse representado mediante titularidade persoal en calquera empresa, deberá acreditalo perante esta de modo que faga fe, recoñecento esta, acto seguido ó citado delegado a súa condición de reperesentante do sindicato para tódolos efectos.

O delegado sindical deberá ser traballador en activo das respectivas empresas, e designado de acordo cos estatutos da central ou sindicato a quen represente.

Funcións dos delegados sindicais.

1. Representar e defende-los intereses do sindicato a quen represente, e ós afiliados del na empresa, e servir de instrumento de comunicación entre a súa central sindical e o sindicato e a dirección das respectivas empresas.

2. Poderán asistir ás reunións do comité de empresa, comités de seguridade e hixiene no traballo e comités paritarios de interpretación con voz e sen voto.

3. Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa debe poñer a disposición do comité de empresa, de acordo co regulado a través da lei, estando obrigados a gardar sixilo profesional nas materias nas que legalmente proceda. Posuirán as mesmas garantías e dereitos recoñecidos pola lei e convenio colectivos ós membros do comité de empresas.

4. Serán oídos pola empresa no tratamento daqueles problemas de carácter colectivo que afecten ós traballadores en xeral e ós afiliados do sindicato.

5. Serán, así mesmo, informados e oídos pola empresa con carácter previo:

a) Respecto dos despedimentos e sancións que afecten ós afiliados ó sindicato.

b) En materia de reestructuracón do cadro de persoal, regulacións de emprego, traslado de traballadores, cando revista carácter colectivo, ou do centro de traballo xeral e, sobre todo, proxecto ou acción empresarial que poida afectar substancialmente ós intereses dos traballadores.

c) A implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo ou calquera das súas posibles consecuencias.

6. Poderán recadar cotas ós seus afiliados, repartir propaganda sindical e manter reunións con estes, todos eles fóra das horas efectivas de traballo.

7. Coa finalidade de facilita-la difusión daqueles avisos que puidesen interesar ós respectivos afiliados ó sindicato e ós traballadores en xeral, a empresa poñerá a disposición do sindicato que o delegado estea representando, un tabolerio de anuncios que deberá establecerse dentro da empresa e en lugar de fácil acceso a el por tódolos traballadores.

8. En materia de reunións, ámbalas partes, en canto ó procedemento se refire, axustará a súa conducta á normativa legal vixente.

9. Os delegados cinguirán as súas tarefas á realización das funcións sindicais que lles sexan propias.

10. Cota sindical.-Por requirimento dos traballadores afiliados ás centrais ou sindicatos que ostenten a representación a que se refire este apartado, as empresas descontarán na nómina mensual dos traballadores, o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realizazión de tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato a que pertence, a contía da cota, así como o número da conta corrente ou libreta de caixa de aforros á que debe ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán as anteditas detraccións, agás indicación en contrario, durante períodos dun ano.

11. A dirección da empresa entregará copia da transferencia á representación sindical da empresa, se a houber.

12. Excedencias. Poderá solicita-la situación de excedencia aquel traballador en activo que ostentara cargo sindical de relevancia provincial ou autonómico a nivel de secretario de sindicato respectivo e nacional en calquera das súas modalidades. Permanecerá en tal situación mentres se atope no exercicio do dito cargo, reincorporándose á súa empresa se o solicitara no termo dun mes ó finaliza-lo desempeño deste. Nas empresas con cadro de persoal superior a 50 traballadores, os afectados polo termo da súa excedencia cubrirán a primeira vacante que do seu grupo profesional se produzan nos seus cadros de persoal de permanencia, agás pacto individual en contrario.

13. Participación nas negociacións de convenios colectivos. Para os delegados sindicais ou cargos de relevancia nacional ou autonómica das centrais recoñecidas no contexto do presente convenio implantadas a nivel nacional ou autónomico, e que participen nas comisións negociadoras de convenios colectivos, mantendo a súa vinculación como traballadores en activo nalgunha empresa, seranlles concedidos permisos retribuídos por estas, co fin de facilitárlle-lo seu labor como negociadores e durante o transcurso da antedita negociación, sempre que a empresa estea afectada pola negociación en cuestión.

b) Dos comités de empresa.

1. Sen prexuízo dos dereitos ou facultades concedidas polas leis recoñeceselles ós comités de empresa as seguintes funcións:

a) Ser informado pola dirección da empresa.

1. Trimestralmente, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, sobre a evolución dos negocios e a situación da producción e vendas da entidade. Sobre o seu programa de produción e evolución probable do emprego na empresa.

2. Anualmente, coñecer e ter á súa disposición o balance, a conta de resultados, a memoria e no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións, de tantos documentos se dean a coñecer ós socios.

3. Con carácter previo á súa execución pola empresa sobre as reestructuracións de cadro de persoal, peches totais ou parciais, definitivos ou temporais, as reduccións de xornada, sobre o traslado total ou parcial das instalacións empresariais, sobre os plans de formación profesional da empresa.

4. En función da mateira de que se trata:

-Sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo e calquera das súas posibles consecuencias: estudios de tempo, establecementos de sistemas de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

-Sobre a fusión e absorción ou dosificación do status xurídico da empresa, cando iso supoña calquera incidente que afecte ó volume de emprego.

-O empresario facilitaralle ó comité de empresa o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente empregue, estando lexitimado o comité para efectua-las reclamacións oportunas perante a empresa e, se é o caso, a autoridade laboral competente.

-Sobre sancións impostas por faltas moi graves e, en especial, no suposto de despedimento.

-Nos referentes ás estatísticas sobre índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, os índices de sinistrabilidade, o movemento de ingresos e cesamentos e os ascensos.

b) Exercer un labor de vixilancia sobre as seguintes materias:

1.-Cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como o respecto dos pactos, condicións ou usos de empresa en vigor, formulando, se é o caso, as accións legais oportunas perante a empresa e os organismos ou tribunais competentes.

2) A calidade da docencia e a efectividade desta nos centros de formación e capacitación da empresa.

3) As condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo na empresa.

c) Participar, como regulamentariamente se determine na xestión de obras sociais establecidas na empresa en beneficio dos traballadores e dos seus familiares.

d) Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo cumprimento de cantas medidas procuren o mantemento e o incremento da productividade na empresa.

e) Recoñéceselle ó comité de empresa capacidade procesual, como órgano colexiado para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ó ámbito da súa competencia.

f) Os membros do comité de empresa e este, no seu conxunto, observarán sixilo profesional en todo o referente ós apartados 1, 2, e 3 do punto a) deste artigo aínda despois de deixar de pertencer ó comité de empresa e en especial en todas aquelas materias sobre as que a dirección sinale expresamente o carácter reservado.

g) O comité velará non só porque nos procesos de selección de persoal se cumpra a normativa vixente ou paccionada, senón tamén polos principios de non discriminación, igualdade de sexo e fomento da política racional de emprego.

h) Garantías:

1) Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte ó seu cesamento, agás que este se produza por revogación ou remisión e sempre que o despedimento ou a sanción se baseen na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedecesen a outras causas, deberá tramitarse expediente con

tradictorio nel serán oídos, á parte do interesado, o comité de empresa ou restantes delegados de persoal, e o delegado do sindicato ó que pertenzan no suposto de que se achara recoñecido como tal na empresa.

Posuirán prioridade de permanencia na empresa os restantes centros de traballo respecto dos demais traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

2). Non poderán ser discriminadas na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón de desempeño da súa representación.

3). Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo aquelas publicacións de interese laboral ou social comunicando todo iso previamente á empresa e exercendo tales tarefas de acordo coa norma legal vixente para o efecto.

4). Disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determina. Así mesmo, non se computarán dentro do máximo legal de horas, o exceso que sobre el se produza con motivo da designación de delegados de persoal e membros de comités, como compoñentes de comisións negociadoras de convenios colectivos nos que sexan afectados e polo que se refire á celebración de sesións oficiais a través das cales transcorran tales negociacións e cando a empresa en cuestión se ve afectada polo ámbito de negociación referido.

5). Sen revasa-lo máximo legal poderán ser consumidas as horas retribuídas de que dispoñen os membros de comité ou delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia deles a cursos de formación organizados polos seus sindicatos, institutos de formación ou outras entidades.

6). O total das horas retribuídas da representación dos traballadores a que se refire o apartado 4 poderá acumularse para ser desfrutado por un ou varios representantes, en supera-lo máximo total sempre que medie acordo ó respecto, do comité de empresa con oito días de antelación ó mes de que se trate e non supoña alteración grave do réxime laboral dela.

Nos aspectos non recollidos neste artigo entenderase aplicable o disposto na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 24º.-Cláusula de desenganche salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula regulada no presente artigo establécense os seguintes mecanismos:

1. Comisión paritaria do convenio.

2. Negociación coa representación legal dos traballadores.

3. Mecanismos do AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente achegarase a seguinte documentación:

-Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos tres últimos exercicios nos que se demostre que durante estes se producen perdas reais.

-Plan de viabilidade para o período para o que se pretende a aplicación da dita cláusula de exención e a xustificación económica e a súa repercusión real no melloramento global dos resultados da empresa.

Na súa aplicación poderán pactarse reduccións sobre as porcentaxes de incrementos negociados ou a súa total inaplicación polo período que se determine, neste último caso aplicaranse os aspectos económicos nos mesmos termos que figuran no convenio anteriormente vixentes.

Os representantes legais dos traballadores, membros da comisión paritaria, así como os seus asesores están obrigdos a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos a que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, respecto de todo iso, sixilo profesional.

Artigo 25º.-Axudas de custo para desprazamento.

A contía delas será a seguinte:

-Media axuda de custos: 1.000 ptas.

-Axuda de custos completa: 4.000 ptas.

Sen prexuízo das axudas de custo establecidas por acordo entre traballador e empresa, en lugar das ditas cantidades aboáranse os gastos producidos logo da xustificación.

Artigo 26º.-Cláusula de non discriminación.

Ninguén será discriminado na retribución que lle correspondería de acordo ó seu grupo profesional e nivel retributivo, en función da súa idade.

Artigo 27º.-Cláusula de submisión.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, as partes asinantes deste convenio durante a vixencia del acordan someterse ás disposicións contidas no AGA, nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 28º.-Condicións económicas.

Para o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1996 e o 31 de decembro de 1996 as táboas salariais increméntanse nun 4,2%.

O salario base e o valor do cuadrienio para cada categoría detállase na táboa salarial anexa.

O plus de transporte queda establecido en 6.793 ptas. mensuais, aboadas en 12 pagas.

Para o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1997 e o 31 de decembro de 1997 as táboas salariais increméntanse 0,6% puntos por enriba da

previsión de IPC para 1997, realizada polo goberno na elaboración dos orzamentos xerais do Estado.

Artigo 29º.-Revisión salarial.

Establécese unha revisión salarial para o ano 1996 se o índice de prezos ó consumo (IPC) acumulado entre o 1 de xaneiro de 1996 e o 31 de decembro de 1996, incrementable por riba do 3,5% e na contía da diferencia resultante.

Para o ano 1997 establécese unha revisión salarial se o IPC acumlado entre o 1 de xaneiro de 1997 e o 31 de decembro de 1997 é superior ó previsto polo goberno para ese mesmo período e na contía da diferencia resultante.

Artigo 30º.-Comisión mixta.

Cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir entre as partes na aplicación e intrepretación do convenio serán sometidas e como trámite previo á comisión mixta que estará integrada por tres delegdos de USO e dous de CC.OO., un da CIG e un de UGT e sete representantes dos empresarios presentes na negociación do convenio. Ámbalas partes poderán ser asesoradas polos técnicos que consideren necesarios.

Artigo 31º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual verbais ou físicas serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito (*). Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou con persoas de contrato laboral non indefinido a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, delegado de persoal, sección sindical e dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballdor/a afectado, procurando silencia-la súa identidade, cando así for preciso.

(*) Poderá seguirse o réxime disciplinario establecido no acordo para a substitución da ordenanza.

Artigo 32º.-Convenio galego.

As partes asinantes do presente convenio comprométense ó termo da presente negociación colectiva a establece-los mecanismos necesarios para inicia-la negociación dun convenio do sector de ámbito galego.

Artigo 33º.-Traballadores en cámaras de conxelación.

O traballador que traballe en cámaras de conxelación, con permanencia nestas por un tempo como mínimo do 25% da súa xornada laboral, con independencia de que sexa dotado de pezas de roupa adecuadas ó seu cometido, percibirá un plus do 25% do seu salario regulamentario.

Artigo 34º.-Axuda escolar.

Todo traballador que teña fillos realizando estudios de ensino obrigatorio, percibirá como axuda escolar a contía de 8.000 ptas. anuais por cada fillo. A dita contía aboarase ó comeza-lo curso académico. Será requisito indispensable que o traballador teña un ano de antigüidade na empresa. Naqueles casos en que ámbolos cónxuxes traballen na mesma empresa, só exercerá este dereito un deles.

Disposición transitoria

Normas supletorias.

Consideraranse normas supletorias deste convenio as de carácter xeral, o acordo para a substitución da ordenanza do comercio, asinado o 6 de marzo de 1996 pola Confederación española de comercio e os sindicatos CC.OO. e UGT, (segundo Resolución do 21 de marzo de 1996 da Dirección Xeral de Traballo, BOE número 86 de 9 de abril de 1996 así como os regulamentos de réxime interior daquelas empresas que o teñan en vigor, máis todo o que en materia teña plena vixencia e non vaia en contra do pactado neste convenio colectivo.

Disposición adicional

Primeira.-Aboamento de axuda familiar.

Acórdase aboa-la axuda escolar establecida no artigo 34º deste texto correspondente á 1996 independentemente da data de publicación oficial deste convenio.

Convenio colectivo de comercio de alimentación. A Coruña 1996

Incremento sobre 1995 4.20%

Taboas salariais

Grupo profesionalNivel retributivoCategorías incluídasSalario baseSalario anualValor cuadrienio

IA)Director112.4851.687.2744.499

B)Xefe de persoal105.3441.580.1624.323
Xefe de ventas105.3441.580.1624.323
Xefe de compras105.3441.580.1624.323

C)Xefe administrativo102.9981.544.9634.201
Xefe de almacén102.9981.544.9634.201
Coordinador xeral102.9981.544.9634.201

Grupo profesionalNivel retributivoCategorías incluídasSalario baseSalario anualValor cuadrienio

IIA)Xefe Sec. administrativa100.7481.511.2184.090
Xefe sección mercantil100.7481.511.2184.090
Xefe sección servicios100.7481.511.2184.090
Xefe de sucursal100.7481.511.2184.090

B)Encargado establecemento95.2891.429.3323.801
Viaxante95.2891.429.3323.801
Contable-caixeiro95.2891.429.3323.801

C)Oficial administrativo92.2371.383.5523.757
Programador92.2371.383.5523.757
Comprador92.2371.383.5523.757

IIIA)Dependente91.5491.373.2363.717
Profesional oficio 1ª91.5491.373.2363.717
Capataz ou encargado91.5491.373.2363.717

B)Auxiliar de caixa87.1321.306.9813.717
Auxiliar administrativo87.1321.306.9813.717
Profesional de oficio 2ª87.1321.305.9813.717
Mozo especializado87.1321.306.9813.717
Operador87.1321.306.9813.717

C)Axudante de dependente85.2871.279.3003.717
Envasador, repoñedor, marcador85.2871.279.3003.717
Profesional de oficio 3ª85.2871.279.3003.717
Cobrador, conserxe, vixilante85.2871.279.3003.717
Mozo85.2871.279.3003.717

Plus de transporte6.793

9665