Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 1997 Páx. 579

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de decembro de 1996 pola que se convocan axudas para o mantemento de centros de atención á primeira infancia dependentes das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Por outra banda o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais é o órgano da Administración do Estado ó que lle corresponde a promoción e o fomento dos programas sociais no marco das obrigas estatais e da cooperación coas comunidades autónomas, coofinanciando estas axudas en materia de primeira infancia (0-3) xunto coa Comunidade Autónoma de Galicia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ó capítulo IV, no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se materialice a prestación.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da comunidade autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no Proxec

to de Lei de presupostos xerais da Comunidade galega para o ano 1997, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 11 de outubro de 1996.

Con este fin no devandito proxecto de lei nas aplicacións orzamentarias 14.02.212A.461.0 e 14.02.212D.460.0 existen partidas orzamentarias consignadas para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1.-A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para subvenciona-lo mantemento de centros dedicados á atención á primeira infancia dependentes das corporacións locais que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, da Consellería da Presidencia e Administración Pública e na Orde do 29 de febreiro de 1996 da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia, e que presten atención educativa e asistencial preferentemente a nenos de 0 a 3 anos.

2.-Quedan excluídos da presente orde todos aqueles programas de atención á primeira infancia que polas súas propias características non se apoien para a súa execución en centros municipais.

Artigo 2º.-Criterios de concesión.

Serán criterios preferentes para a concesión das axudas previstas nesta orde, e co obxecto de dar continuidade ós centros en funcionamento:

a) Aqueles centros que fosen cofinanciados en anos anteriores con cargo ó Programa de Atención á Primeira Infancia (0-3) polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a comunidade autónoma e a corporación local.

b) Os centros de atención á primeira infancia que recibiron subvencións da Consellería de Familia, Muller e Xuventude en anos anteriores e obtiveran unha valoración satisfactoria.

c) As novas solicitudes atenderanse en función da dotación de recursos e criterios de necesidade e poboación.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de mantemento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 4º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1.-Os módulos de referencia para o cálculo da axuda serán os seguintes:

a) Contía da subvención en función do nº de prazas da gardería.

De 0 a 20 prazas: 13.500 ptas./praza.

De 21 a 30 prazas: 12.500 ptas./praza.

De 31 a 40 prazas: 11.600 ptas./praza.

De 41 a 52 prazas: 10.500 ptas./praza.

Máis de 52 prazas: 6.500.000 ptas.

b) Contía da subvención en función da renda per cápita da unidade familiar.

-Por cada neno atendido, integrante dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 35.000 ptas. = 4.000 ptas.

A aquelas garderías que debido ó intervalo aplicado conforme o punto 4.1 do baremo establecido nesta orde, lles resulte a contía que se vai subvencionar inferior a aquela que lle conrrespondería a outra gardería que se atope no límite superior do intervalo inmediatamente inferior, recibirán o importe que lle correspondería a esta última.

2.-En caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a tódolos concellos que resulten beneficiarios.

Artigo 5º.-Financiamento.

Os concellos deberán participar no financiamento do mantemento do centro alomenos cun 20% do seu orzamento total.

Artigo 6º.-Solicitude e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañada da seguinte documentación:

1.-Proxecto educativo do curso 1996/1997 e previsións ou modificacións para o curso 1997/1998.

2.-Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada ó mantemento do centro de atención á primeira infancia no presente exercicio económico.

3.-Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II).

4.-Memoria do centro do curso escolar 1995/1996.

5.-Fotocopia compulsada da solicitude de permiso de inicio das actividades de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 5 da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996.

6.-Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

7.-Os documentos xa aportados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35º.f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8.-As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta no modelo oficial conforme o anexo IV da presente orde.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1.-A solicitude e maila documentación requirida presentaranse na Dirección Xeral da Familia, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Tramitación.

1.-Os órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que estes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta e/ou documentos preceptivos para completa-los expedientes, co apercibimento de que se así non o fixesen nun prazo de 10 días, considérase que desistiron da súa petición, arquivándose sen máis trámite segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión central de valoración que terá a función de propoñe-la concesión ou denegación das axudas ó órgano competente para a súa resolución.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: a directora xeral da Familia.

Vocais: 3 funcionarios designados pola conselleira por proposta da directora xeral, actuando un deles como secretario.

Á dita comisión poderá asistir, con voz pero sen voto un representante da intervención competente.

Artigo 9º.-Resolución.

1.-A resolución das axudas por proposta da comisión de valoración e unha vez fiscalizadas pola intervención, correspóndelle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, no prazo máximo dun mes contado a partir da data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

2.-As resolucións serán notificadas ós interesados e deberán ser motivadas as de carácter denegatorio.

3.-O órgano competente poderá modifica-las devanditas resolucións se houbese alteración nas circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento.

4.-As resolucións concedidas serán comunicadas ó Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais para o seu coñecemento.

Artigo 10º.-Convenios de colaboración.

A concesión das axudas poderase suxeitar á formalización dun convenio de colaboración coa corporación local beneficiaria, de acordo coas esixencias establecidas legalmente.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

1.-Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación, agás nos casos de formalización de convenios en que se terá en conta o que nel se dispoña.

2.-As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido no Proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997 da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas (1.000.000 de ptas) poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola corporación local certificación de que foi realizada a actividade cun gasto igual ou superior á axuda concedida e que esta foi destinada ó fin para o que foi outorgada.

Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades.

b) Ata o seguinte 50% da subvención sempre que presente certificación emitida polo órgano competente de que os gastos realizados son iguais ou superiores ó 80% da cantidade concedida, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida; neste caso, procederase ó aboamento do 100% da subvención tal e como se específica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade subvencionada cun gasto igual ou superior á axuda concedida.

En todo caso, a última certificación do gasto deberá presentarse antes do 31 de decembro de 1997.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa

de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

Artigo 12º.-Outras obrigas.

Os concellos estarán, ademais, obrigados a:

a) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude respecto dos centros subvencionados.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Disposicións adicionais

Primeira.

De acordo co disposto no artigo 3.2 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, a autorización do gasto e a contracción da obriga demoraranse ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

Segunda.

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins.

Terceira.

As entidades locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acorda-la Consellería de Familia, Muller e Xuventude, así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería e Economía e Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Cuarta.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica o local, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, modificada pola Lei 14/1992, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais para 1993.

Disposicións derradeiras

Primeira.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.

Facúltase a directora xeral da Familia para dictar cantas disposicións sexan precisas en relación coa presente orde.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

148