Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 1997 Páx. 406

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo marco do Concello de Oleiros e sindicatos sobre condicións de traballo na función pública local.

Visto o texto do acordo marco do Concello de Oleiros-sindicatos sobre condicións de traballo na función pública local para o período 1996-1999, ratificado por acordo plenario adoptado o día 25 de outubro de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinación das condicións de traballo e particapación do persoal ó servicio das administracións públicas.

Esta delegación provincial,

RESOLVE:

Primeiro.-Admiti-lo depósito do citado acordo na Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 22 de novembro de 1996.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Acordo marco do Concello de Oleiros e sindicatos sobre condicións de traballo na función pública local 1996-1999

Dilixencia.-Para facer constar que o presente acordo marco foi ratificado por acordo plenario adoptado o día 25 de outubro de 1996.

Oleiros, 7 de novembro de 1996.

Marta Bosch Pibernat

Secretaria accidental

Principio de acordo Concello de Oleiros-sindicatos sobre condicións de traballo na función pública local para o período 1996-1999

En Oleiros, dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis, dunha parte, o Concello de Oleiros, representado pola súa alcaldesa, Esther Pita Pita, con DNI nº 32330198, en cumprimento do acordo adoptado polo Concello Pleno con data do veintiseis de xaneiro de mil novecientos noventa e seis, doutra parte, as organizacións sindicais:

-Unión Xeral de Traballadores (UXT), representada por Emilio Martínez Rodríguez, DNI nº: 32429358.

-Comisións Obreiras (CC.OO.), representada por Eugenio López Lucio, DNI nº: 2501321.

-Confederación de Sindicatos Independentes e Sindical de Funcionarios (CSI-CSIF), representada por Eva Mª Vidal Carneiro, DNI nº: 32652218.

-Confederación Intersindical Galega (CIG), representada por Elvira Patiño Ojea, DNI nº:32418482.

E ademais, os representantes dos traballadores do Concello de Oleiros:

-Da xunta de persoal, Joaquín Reiríz Vargas, DNI nº 32756176.

-Do comité de empresa, José Antonio López Becerra, DNI nº 32363502.

Manifestan:

1. Toda estratexia de transformación dunha organización esixe impulsar políticas de persoal que consideren os recursos humanos como o factor clave. As melloras conseguidas ata o momento no conxunto das administracións públicas amosan que non é posible avanzar nun proceso de cambio sen o apoio e o compromiso dos empregados públicos; a súa implicación na consecución dos obxectivos estratéxicos da organización resulta esencial. Conscientes desta análise, é preciso definir, entre a Administración e os sindicatos, un modelo de función pública que resposte ás necesidades da Administración actual e satisfaga as expectativas e intereses profesionais dos empregados públicos. Este modelo deberase axustar a unha administración que debe atender demandas económicas e sociais cada vez máis complexas e diferenciadas, ás que é preciso dar resposta áxil en termos de calidade e eficiencia; debe ser compatible cunha administración desenvolvida na que, a necesidade de acadar unha maior productividade, a

fai precisar de regras de funcionamento máis flexibles. Será un modelo no que se perseguirá un maior grao de profesionalización dos empregados públicos, facendo da formación unha peza clave do novo modelo de carreira administrativa.

Baixo estas premisas e en liña de coherencia co sinalado no documento denominado Marco xeral de organización e relacións laborais no Concello de Oleiros, aprobado polo Pleno da corporación municipal con data do veintiseis de xaneiro de mil novecentos noventa e seis, parece claro que as referencias externas básicas cara ó deseño do marco xeral de relacións laborais e de condicións de traballo do Concello, son:

a) Acordo Administración-sindicatos para o período 1995-1997, sobre condicións de traballo na función pública subscrito o quince de setembro de 1994.

b) Principio de acordo FEMP-sindicatos sobre condicións de traballo na función pública local para o período de 1995-1997.

c) Acordo de formación continua para as administracións públicas (AFCAP).

d) Acordo da comisión de formación continua da administración local.

No acordo administración-sindicatos ponse de manifesto que non sendo este de aplicación directa no ámbito municipal, «é desexo, en todo caso, das

partes asinantes que o presente (...) inspire os que poidan concertarse nos ámbitos de negociación das (...) corporacións locais». En idéntico sentido maniféstase o acordo FEMP-sindicatos que lles recomenda «ás administracións locais españolas e ás súas representacións sindicais que consideren a súa incorporación como acordo propio a través do correspondente acordo local».

Os acordos anteriormente citados deben operar, por tanto, como un marco de referencia axeitado para a negociación colectiva no Concello de Oleiros; especialmente o acordo FEMP-sindicatos, xa que neste se fixo un grande esforzo de adaptación do acordo, do 15 de septembro de 1994, ás especificidades do ámbito local. Sen embargo, considerando que no ámbito da Administración local existe unha dinámica de negociación colectiva distinta, así como a inaplicabilidade material dalgunhas previsións en ámbitos organizativos moi diferentes, non é posible unha integración acrítica e mimética deste acordo no corpo normativo municipal.

2. O pasado quince de setembro de 1994 subscribiuse un acordo administración-sindicatos para o período 1995-1997 sobre condicións de traballo na función pública. Nel abórdanse cuestións de carácter xeral que afectan ó réxime común dos funcionarios públicos e dos traballadores ó servicio das administracións públicas; pero tamén a aspectos particulares directamente vencellados ás características diferenciais da Administración do Estado.

O seis de outubro do mesmo ano, a FEMP asinou un protocolo de adhesión a ese acordo. No protocolo, a FEMP e os sindicatos asinantes, xunto co Ministerio para as administracións públicas, comprometéronse a iniciar un proceso de negociación para adapta-lo mencionado acordo para efectos da súa aplicación no ámbito local. Este obxectivo culmínase coa sinatura do principio de acordo FEMP-sindicatos sobre condicións de traballo na función pública local para o período 1995-1997.

3. A primeira cuestión que debe terse en conta ó proceder á adaptación antes mencionada é o feito de que o acordo estatal cumpre no ámbito da Administración central o papel dun convenio sobre condicións de traballo, mentres que no ámbito da Administración local existe unha dinámica de negociación colectiva que non pode ser descoñecida.

Por isto, o acordo estatal debe operar como un marco de referencia que permita unha marxe suficiente para a negociación en cada unha das administracións locais.

Por todo isto, as partes asinantes,

ACORDAN:

1. Aproba-lo acordo anexo e recomenda-lo seu desenvolvemento a través de addendas que plasmen os contidos concretos deste acordo marco.

2. Co fin de reforza-la estructura da negociación e garantir procedementos máis axeitados, créase, derivada da mesa xeral prevista no acordo subscrito entre

o MAP e os sindicatos, unha mesa xeral de negociación colectiva composta por representantes da Administración do Concello de Oleiros e os sindicatos asinantes.

3. Na devandita mesa xeral de negociación colectiva, negociaranse, entre outras, as seguintes materias:

a) Os criterios ós que deberán axustarse os plans de emprego citados nos capítulos X e XI do acordo anexo, en especial o que se refire á aplicación de políticas de desenvolvemento de recursos humanos e ó tratamento dos procesos de mobilidade.

b) Os procedementos de provisión de postos de traballo e, en especial, o sistema de concursos, procurando unha maior homoxeneidade no tratamento das cuestións comúns, e, ó mesmo tempo, unha maior adecuación ás distintas áreas de actividade e funcionais.

c) Os criterios xerais ós que deberán axustarse a oferta de emprego público e os aspectos desta que repercutan sobre as condicións de traballo dos empregados públicos da corporación local.

d) O estudio do réxime de protección social dos empregados públicos co fin de melloralo.

e) A adaptación ó ámbito do Concello de Oleiros dos procesos que se deriven do desenvolvemento do acordo Administración-sindicatos, do quince de setembro de 1994.

f) Todas aquelas materias que afecten directa ou indirectamente, de forma substancial, ás condicións de traballo dos empregados públicos do concello.

4. O Concello de Oleiros e os sindicatos asinantes deste acordo, partindo do recoñecemento da autonomía das corporacións locais, consideran desexable unha ordenación da negociación colectiva que permita dar pasos na homoxeneización das condicións de traballo dos empregados públicos locais.

ACORDO

Título I

Ámbito de aplicación

Capítulo I

Ámbito de aplicación

1. O presente acordo será de aplicación ó persoal da corporación e das súas entidades e organismos dependentes.

2. As materias que son obxecto de acordo, e como tal, asumidas pola corporación e a súa respectiva representación sindical, non serán obxecto de negociación durante a vixencia do presente acordo, excepto no que se refire á concreción e aplicación do pactado.

3. O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP e estenderá a súa eficacia ata o quince de xuño de 1999.

4. O presente acordo ten unha duración de 3 anos, desde o 15 de xuño de 1996 ata o 15 de xuño de 1999.

Título II

Retribucións

Capítulo II

Incremento de retribucións para 1996

1. Tendo en conta o acordo subscrito entre a Administración do Estado e os sindicatos, o incremento de retribucións durante o ano 1996 será igual ó incremento do IPC previsto na Lei de orzamentos xerais do Estado para o dito exercicio.

2. Este incremento aplicaráselle ó persoal funcionario e laboral da corporación local na forma que se estableza mediante negociación, en función das súas propias peculiaridades e sen prexuízo da lexislación vixente.

Capítulo III

Fondo para o mantemento do poder adquisitivo

1. Xerarase un fondo específico para o mantemento do poder adquisitivo se, o 31 de decembro de 1996, o crecemento do IPC resultase superior ó previsto para esa data e a masa salarial do persoal da corporación incluído no ámbito deste acordo, en termos homoxéneos de efectivos, tivese crecido por debaixo de citado índice durante 1996, e isto en consonancia co que se dispoña para o persoal ó servicio da Administración do Estado.

2. Os criterios de aplicación do fondo acordaranse, na mesa xeral de negociación colectiva. Os seus efectos económicos serán do 1 de xaneiro de 1997 e terán carácter consolidable.

Capítulo IV

Negociación das condicións retributivas

1. A corporación negociará coa representación sindical as modificacións de complemento de destino e complementos específicos asignados ós diferentes postos de traballo, tendo en conta as modificacións legais que poidan producirse e, se é o caso, os acordos que se acaden na mesa de administración local.

2. A Mesa xeral de negociación colectiva prevista no presente acordo efectuará o seguimento do disposto neste apartado.

3. O previsto neste apartado sobre modificacións retributivas e aplicación de incentivos ó rendemento, non se lles aplicará ós postos de traballo que teñan asignado un complemento de destino igual ou superior ó 26 nin ó persoal que os desempeñe. Quedan excluídas dos aspectos organizativos e económicos deste acordo as personas que desempeñen postos de persoal directivo e de libre designación, entendendo por persoal directivo aquel que non teña como superior xerárquico nada máis que ó alcalde, tenente de alcalde ou concelleiro delegado de servicio.

Capítulo V

Programas para 1996-1997 sobre ordeación de retribucións

1. Durante 1996-1997 levarase a cabo un estudio sobre as retribucións complementarias, por se fose conveniente a súa reordenación co fin de conseguir unha axeitada distribución de contías retributivas

entre os distintos conceptos. Estudiaranse con especial atención os criterios de asignación individualizada dos incentivos de productividade. A metodoloxía empregada nestes traballos será dictaminada pola Mesa xeral de negociación colectiva e ratificada pola alcaldía.

2. Especificamente neste programa incluirase o estudio dos postos de niveis mínimos de determinados colectivos que presenten desequilibrios retributivos respecto doutros postos da área correspondente.

3. Así mesmo, abordarase o estudio da estructura retributiva dos postos de traballo, especialmente de niveis superiores, con obxecto de reforza-lo compoñente de grao persoal e facilita-la implantación dun novo modelo de carreira administrativa.

Capítulo VI

Incremento de retribucións para 1996-1997

1. As retribucións dos empregados públicos locais para 1996-1997 experimentarán un incremento segundo o previsto no acordo Administración-sindicatos, do 15 de setembro de 1994.

2. A aplicación dos incrementos retributivos, sen prexuízo das orientacións que se establezan na Mesa de Administración Local, será obxecto de negociación entre a corporación e a representación sindical na Mesa xeral de negociación colectiva.

3. Para cada exercicio prevese a constitución dun fondo para o mantemento do poder adquisitivo coas características previstas no capítulo III deste acordo.

Capítulo VII

Programa de aumento de productividade

1. Co fin de determina-lo incremento anual de retribucións para 1997, 1998 e 1999 e a súa diferente aplicación, observarase a Lei de orzamentos correspondente e teranse en conta os proxectos ou programas que se elaboren na corporación local para aumenta-la calidade dos servicios públicos que se presten, ou as iniciativas que se desenvolvan para aumenta-la eficiencia e, especialmente, para lograr unha mellor utilización e cualificación dos recursos humanos a través do plan de emprego.

2. Os proxectos e programas ós que se refire o apartado anterior concretarán os obxectivos que se persigan e establecerán parámetros ou índices que permitan avalia-lo seu grao de cumprimento.

Para 1996-1997 estudiaranse iniciativas coma as seguintes:

-Posta en funcionamento dun sistema de planificación e xestión de recursos humanos a través do plan de emprego que terá que desenvolve-la corporación.

-Aumento dos esforzos en formación derivados do incremento de horas lectivas e da configuración dun plan de formación, sen que isto deba dar lugar a un aumento de efectivos.

-Racionalización da estructura dos recursos humanos e da composición do cadro de persoal a través

dunha oferta de emprego público selectiva por categorías e grupos profesionais.

Capítulo VIII

Incremento global de retribucións para operíodo 1996-1999 relacionado con programas de aumento da productividade

1. Tendo en conta que para o período 1996-1999 se ten previsto un cambio de tendencia, con crecementos sostidos do PIB, débese considera-la participación dos empregados públicos nas melloras xerais que se derivan desta nova situación, en función da mellora da productividade no emprego público, de acordo coas previsións que en cada caso se fagan nas sucesivas leis de orzamentos.

De igual xeito, tomarase en consideración a situación económica concreta da Administración municipal, así como a distribución relativa do gasto público.

2. Neste sentido procederase á revisión global dos incrementos retributivos dos empregados públicos ó final do período 1996-1999.

O cálculo da citada revisión farase considerando, por unha banda, a masa salarial do conxunto dos empregados públicos da corporación incluídos no ámbito do presente acordo, o 31 de decembro de 1996, actualizada coa evolución acumulada do IPC real, o 31 de decembro de 1999 e, por outra, a masa salarial real dese colectivo nesta última data.

A diferencia resultante aplicarase nos termos previstos para o fondo para o mantemento do poder adquisitivo.

3. Tendo en conta que, entre os obxectivos deste acordo e en función dos criterios previstos neste título, se persegue que non se produza perda de poder adquisitivo ó final do período, considerarase na corporación a situación específica daqueles colectivos respecto dos que non se acade esta previsión.

Título III

Emprego público

Capítulo IX

Criterios aplicables ás políticas de emprego público durante o período 1996-1999

1. As políticas de emprego público durante este período estarán presididas polos seguintes criterios:

-Verificación da racionalidade da distribución do emprego na corporación co obxecto de optimiza-la estructura ocupacional en cada servicio, e o obxecto tamén de respostar mellor ás expectativas dos empregados públicos incrementando as súas oportunidades de promoción.

-Consolidación do emprego temporal converténdoo en fixo na medida en que os postos de traballo atendan necesidades ou cometidos de carácter permanente e non conxuntural.

-Racionalización do emprego a través da oferta de emprego público, polo que para o referido efecto a entrada de novos empregados terá carácter selectivo e se concentrará principalmente en sectores e cate

gorías que se consideren prioritarios, tendendo a ser globalmente inferior á taxa de reposición de efectivos.

Capítulo X

Planificación integral de recursos humanos. Plans de emprego

1. A planificación integral dos recursos humanos e do emprego do Concello de Oleiros desenvolverase, se é o caso, a través de plans de emprego.

A planificación de recursos humanos e do emprego estará vinculada á planificación de actividades e tarefas do ámbito a que se refiran.

2. Os plans de emprego, como instrumentos de planificación integral, conterán, polo menos, as seguintes previsións e medidas:

-Dimensión e estructura da cadro de persoal que se considere axeitada para o sector ou área de que se trate.

-Medidas de carácter cuantitativo e, especialmente, cualitativo que se precisen para adaptar e axusta-lo cadro de persoal inicial á prevista no plan.

-Políticas de persoal e plans parciais de xestión ou operativos derivados destas previsións e medidas.

-Medidas e procesos de xestión que deban levarse a cabo en materia de formación, promoción, mobilidade, ingreso e modificación ou distribución de postos de traballo.

3. O acordo Administración-sindicatos prevé que o Ministerio para as Administracións Públicas poida establece-lo marco xeral á sistemática á que deberán axustarse os plans de emprego e os procedementos para o seguimento e avaliación da súa execución.

O Concello de Oleiros e os sindicatos asinantes acordan que o citado marco xeral sirva de referencia no ámbito desta Administración, sendo adaptado, se é o caso, na Mesa xeral de negociación colectiva.

Capítulo XI

Políticas de desenvolvemento de recursos humanos

1. Na planificación de recursos humanos abordaranse de forma especial os aspectos cualitativos e as políticas de desenvolvemento destes.

2. Os plans de emprego terán como fin primordial aumenta-la capacidade de traballo e as oportunidades profesionais dos empregados públicos locais e, fundamentalmente, asignarlles un traballo efectivo e axeitado.

3. Nos plans de emprego integraranse os plans de formación e as previsións e medidas de promoción que se precisen.

-Os plans de emprego incluirán, se é o caso, as previsións e medidas necesarias para transformar emprego temporal en fixo, así como a ordenación de procesos de xestión para que o persoal afectado poida acceder a unha situación de fixeza.

-Poderán incluír, así mesmo, a previsión e os procesos de funcionarización que procedan.

4. Os plans de emprego tratarán as medidas de mobilidade que se precisen, desde unha perspectiva positiva, como instrumento necesario para asignar traballo apropiado. Primarán e incentivarán a mobilidade voluntaria e procurarán que a xestión deste proceso se leve a cabo de forma persoalizada e con acompañamento das accións de formación necesarias.

5. Da negociación dos plans de emprego cos sindicatos e para os efectos do seu seguimento xeral, daráselle conta destes á Mesa de administración local, unha vez que estes sexan aprobados.

Os sindicatos asinantes terán coñecemento de toda a información relacionada cos plans de emprego e, sen prexuízo das facultades de autoorganización que lle corresponden á Administración, negociarán todas as repercusións que en materia de persoal poidan te-las medidas previstas no plan de emprego.

Capítulo XII

Procesos de xestión de persoal

1. En consonancia coa implantación de sistemas integrais de planificación de recursos humanos e de emprego, debe desenvolverse un sistema de xestión de persoal máis operativo e acorde cos principios que implica a planificación.

2. En particular procurarase:

-Asignarlles metas claras e non burocráticas ós distintos procesos de xestión de persoal.

-Utilizar medios máis áxiles e flexibles na xestión de persoal, tanto no referente ás personas coma ós postos de traballo.

-Poñer en primeiro plano a preocupación pola implantación de políticas activas en materia de desenvolvemento, formación e promoción do persoal.

Capítulo XIII

Oferta de emprego público

1. Durante o período 1996 -1999, a oferta de emprego público terá carácter selectivo e concentrarase principalmente naqueles sectores funcionais e categorías profesionais que se consideren prioritarios.

2. A oferta de emprego público incluirá, ademais da definición das necesidades de persoal para cubrir no correspondente exercicio por persoal externo, as políticas que se prevexa desenvolver durante o exercicio en materia de emprego público.

As necesidades e as previsións que se conteñan nos correspondentes plans de emprego servirán, se é o caso, de base para elabora-la oferta de emprego público relativa ós exercicios de 1997, 1998 e 1999.

3. Nas ofertas de emprego público darase cumprimento ó disposto na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, en relación coa integración laboral das persoas con discapacidades.

A corporación, xunto cos representantes sindicais, determinarán os sectores e as áreas funcionais nas que resulte máis factible aplica-la reserva de prazas para este colectivo.

Capítulo XIV

Conversión de prazas temporais en fixas

1. Durante o período 1997-1999 culminarase un programa de conversión de emprego de carácter temporal en fixo iniciado en 1994, naqueles casos en que as tarefas teñan carácter permanente e non conxuntural, co obxecto de impulsar de forma decisiva a solución deste problema durante o referido período.

2. A transformación de prazas de carácter temporal en fixas poderase levar a cabo mediante a creación de prazas de carácter laboral naqueles sectores ou áreas funcionais nos que esta medida poida resultar axeitada. Estas prazas poderán crearse co carácter de «a extinguir».

Para proceder á transformación de prazas de carácter temporal en fixas, terá que formularse un proxecto onde se analice globalmente o emprego na corporación. Este proxecto terá que formar parte do plan ou da oferta de emprego correspondente.

3. Os contratos para cubrir necesidades estacionais finalizarán automaticamente ó vence-lo seu prazo temporal.

4. O persoal de carácter temporal e os funcionarios interinos poderán continuar prestando servicios durante este período de tres anos salvo que, tendo en conta as cargas de traballo da unidade correspondente, deixen de ser necesarios os seus servicios ou puidesen ser substituídos polo persoal fixo ou de novo ingreso.

Para dar efectividade á continuidade poderanse utiliza-las figuras xurídicas que procedan en cada caso.

5. A adquisición de fixeza efectuarase a través dos sistemas previstos na lexislación e nos termos nos que se prevesa, se é o caso, nos correspondentes convenios colectivos.

Título IV

Carreira e promoción

Capítulo XV

Criterios sobre a carreira administrativa

1. O novo modelo de función pública deberase caracterizar por unha ordenación dos grupos máis acorde co novo modelo de organización que a Administración precisa e pola definición dun sistema moderno de carreira.

A estructura profesional deste novo modelo debe posibilitar maior flexibilidade no desempeño de postos e un maior grao de adecuación ás expectativas profesionais dos empregados públicos.

2. As accións en materia de carreira dirixiranse, fundamentalmente, cara a estes obxectivos:

-Reforza-lo grao como posición profesional.

-Definir áreas de actividade e ámbitos funcionais que delimiten a carreira profesional.

-Lograr unha maior conexión entre os grupos profesionais, establecendo mecanismos más áxiles e prácticos que posibiliten a promoción.

Capítulo XVI

Promoción

1. A promoción profesional terá que constituír un instrumento indispensable nun modelo avanzado de carreira, especialmente no ámbito dunha Administración desenvolvida na súa dimensión e nas súas áreas funcionais.

Limitados os procesos selectivos de novo ingreso, a adaptación da estructura profesional da función pública deberá efectuarse, en boa medida, a través dos mecanismos e procesos de promoción.

2. Como criterios xerais en materia de promoción teranse en conta os siguientes:

-A promoción deberá ser instrumento para incrementa-la capacidade de traballo dos empregados públicos e, en definitiva, os seus niveis de motivación e integración.

-A promoción deberá basearse no esforzo profesional, o historial profesional e a carreira, e a formación e cualificación adquiridas, debendo ser tamén obxecto de consideración a antigüidade.

3. En consonancia con estes criterios, a partir da entrada en vigor deste acordo, efectuaranse procesos de promoción, separados dos de ingreso, que se desenvolverán en convocatorias independentes, salvo que, logo da negociación cos representantes do persoal, se inclúan nas convocatorias da oferta de emprego, dentro das cotas legais de reserva para a promoción interna.

4. Dentro das previsións dun plan de emprego, e no marco da legalidade vixente, poderán autorizarse procesos específicos de promoción no contexto da ordenación global dos seus efectivos e dos seus postos de traballo, con independencia dos procesos de promoción que se leven a cabo con carácter xeral.

Capítulo XVII

Criterios de carreira aplicables ó grupo E

1. Promoveranse medidas que intensifiquen os procesos de promoción interna dos funcionarios do grupo E ó grupo D nas correspondentes áreas funcionais.

2. A convocatoria de promoción do grupo E ó D efectuarase mediante concurso-oposición, nos termos da legalidade vixente en cada momento.

Na fase de concurso valoraranse méritos relacionados cos postos de traballo desempeñados, co nivel de formación e coa antigüidade.

Na fase de oposición esixiranse fundamentalmente coñecementos especializados da área ou áreas ás que pertenzan as prazas.

Capítulo XVIII

Criterios de carreira aplicables ó grupo D

1. As convocatorias de acceso ós corpos ou escalas do grupo D esixirán coñecementos e capacidades axeitados a este nivel profesional e á área de actividade ou funcional á que correspondan as prazas convocadas.

Procurarase unha maior cualificación e especialización deste grupo.

2. O acceso a corpos e escalas do grupo C levarase a cabo prioritariamente a través da promoción desde o grupo D da correspondiente área de actividade ou funcional.

Cando a legalidade o permita, os funcionarios do grupo D, que carezan do título de bacharel ou equivalente, poderán participar nas convocatorias de promoción ó grupo C, sempre que teñan unha antigüidade de dez anos no grupo D, ou de cinco anos neste maila superación dun curso específico de formación. O acceso a este curso basearase en criterios obxectivos.

3. A convocatoria de promoción do grupo D ó C efectuarase polo sistema de concurso-oposición, nos termos da legalidade vixente en cada caso.

Na fase de concurso valoraranse méritos relacionados coa carreira e postos desempeñados, co nivel de formación e tamén coa antigüidade.

Na fase de oposición esixiranse fundamentalmente coñecementos especializados da área ou áreas ás que pertenzan as prazas.

Capítulo XIX

Criterios de carreira aplicables ó grupo C

1. Nunha nova estructura profesional, os funcionarios do grupo C deberán constituír un sector cualificado da área profesional executiva.

A política de persoal potenciará as accións de formación para este grupo, limitándose paulatinamente a sobreposicións profesionais, en cometidos e desempeño de postos, cos funcionarios do grupo D.

Nos concursos nos que os funcionarios do grupo C compitan con outros do grupo D, primarase a pertenza ó grupo superior.

2. No contexto dun novo modelo de función pública, considerarase a posibilidade de que, na participación dos funcionarios do grupo C nas convocatorias de acceso ou promoción a corpos e escalas do grupo B, se supla a carencia do nivel de titulación correspondente pola superación de cursos específicos impartidos ou programados por institutos ou centros de formación da Administración pública.

Esta previsión non será de aplicación para o acceso a corpos ou escalas nos que se precise un título académico para o exercicio profesional ou que pertenzan a áreas funcionais nas que esta previsión non resulte axeitada.

Capítulo XX

Criterios de carreira aplicables ó grupo B

1. Os funcionarios do grupo B, nunha nova estructura profesional, deberán constituír un sector da área profesional técnica e executiva.

Definiranse vías de promoción para acceder ó sector superior dentro desta área.

2. En consonancia co punto anterior desenvolveranse durante 1996 as seguintes accións:

-Analizaranse os postos desempeñados por funcionarios do grupo B ós que poden acceder en concorrencia co grupo A, para determinar aqueles que deban adscribirse en exclusiva ó grupo B.

-Tratarase de analiza-los postos desempeñados por funcionarios do grupo B en áreas especializadas para proceder a un tratamento máis idóneo da carreira destes.

-Limitaranse progresivamente as sobreposicións profesionais co grupo C, tanto en cometidos como en desempeño de postos.

Nos casos de concorrencia de funcionarios do grupo B cos do grupo C para a ocupación de postos, primaraselles ós funcionarios do grupo superior.

3. As partes asinantes terán en consideración os resultados da negociación entre a Administración do Estado e os sindicatos sobre a promoción do grupo B ó A. Se é o caso poderá proporse a reserva dunha cota de prazas para a promoción por vía separada, particularmente naqueles casos en que un curso selectivo forme parte do proceso.

Capítulo XXI

Criterios de carreira aplicables ó grupo A

1. No ámbito profesional do grupo A ponse de manifesto a insuficiencia do actual modelo de carreira.

Neste sentido, aínda cando resulte complexo aplicar modificacións parciais fóra dun novo marco da función pública, as accións que se desenvolvan no futuro neste ámbito estarán orientadas a reforza-las posicións profesionais definidas polo grao persoal e a ordena-las retribucións de acordo con este criterio.

2. A Administración local e a representación sindical coinciden na conveniencia e oportunidade de estructurar un sector de persoal directivo e unha carreira directiva dentro da función pública.

Con esta medida preténdese aumenta-lo grao de profesionalización da área directiva da Administración pública local e, con isto, os niveis de eficacia no seu funcionamento.

Capítulo XXII

Promoción do persoal laboral fixo

1. Os criterios que sobre promoción se conteñen no presente acordo inspirarán as previsións que sobre promoción profesional se establezan para o persoal laboral nos convenios colectivos.

2. Cando existan categorías de persoal laboral que desempeñen funcións afíns ás de corpos ou escalas de funcionarios, o ingreso nestes corpos ou escalas poderá efectuarse mediante o sistema de concurso-oposición, valorándose en fase de concurso a experiencia e o historial profesional destes candidatos.

Para estes efectos, o persoal laboral cando as súas funcións sexan afíns ás desempeñadas por funcionarios do grupo E, terá o mesmo tratamento que estes para o acceso ó grupo D, segundo o previsto no capítulo XVII do presente acordo.

Capítulo XXIII

Funcionarización

1. A corporación, logo da negociación coa representación sindical, definirá todos aqueles postos de traballo que teñan que ser desempeñados por persoal funcionario.

2. Ós procesos de funcionarización que puidesen establecerse, aplicaránselles, como mínimo os seguintes criterios:

-As probas serán axeitadas ó nivel profesional do corpo ou escala correspondente.

-Como norma xeral, as convocatorias faranse de forma sectorializada e esixiranse coñecementos relacionados coas tarefas que se desenvolvan na área de actividade correspondente.

-Procurarase facilitarlles ós candidatos a formación necesaria para presentárense ás probas en condicións idóneas.

3. Os plans de emprego poderán establecer criterios específicos sobre a funcionarización, en especial sobre as oportunidades dos candidatos e as probas selectivas.

Título V

Formación

Capítulo XXIV

Obxecto e finalidade das políticas de formación

1. A función pública debe abordar, cada vez de forma máis acusada, problemas de tipo cualitativo, derivados da necesidade de adaptarse ás novas demandas da sociedade.

Precisanse coñecementos renovados e a adaptación de valores e actitudes profesionais.

Neste contexto a formación debe ser considerada como unha necesidade e unha obriga profesional.

2. A formación constitúe un elemento esencial na estratexia de cambio da Administración pública, un factor básico para incrementa-la motivación e a integración dos empregados públicos e un mecanismo eficaz e indispensable para articula-la mobilidade e a promoción.

En consecuencia, a formación terá que pasar a un primeiro plano na preocupación da corporación, polo que esta, se compromete a mante-la oferta de formación de 1995, aumentándoa na medida do posible e vinculándoa ó desenvolvemento da carreira administrativa e á promoción.

3. Por outro banda, coa sinatura do Acordo Nacional de Formación Continua e do Acordo Tripartito en materia de Formación Continua dos traballadores ocupados, o 16 de diciembre de 1992, así como o Acordo da Comisión Tripartita do 15 de xullo de 1994, para amplia-la aplicación destes acordos ó persoal das administracións públicas, ábrense novas posibilidades de actuación para as políticas de formación neste ámbito, en especial no que respecta á participación dos sindicatos no seu desenvolvemento.

Corporación e representación sindical coinciden en manifestar que a coparticipación de tódolos axentes administrativos e sociais, incluídos os correspondentes ó ámbito local, na planificación, xestión e impartición da formación continua nas administracións públicas, aportará un clima de colaboración e de implicación dos empregados públicos no desenvolvemento deste

programa, de forma que deberá de influír moi positivamente no cumprimento satisfactorio dos seus obxectivos. Para tal efecto, constituíuse a mesa da formación continua do Concello de Oleiros con representación da Administración e dos sindicatos asinantes do AFCAP.

Capítulo XXV

Plans de formación

1. A formación, que terá que ser abordada de forma sistemática e non conxuntural, debe constituír un proceso constante, dinámico e actualizado, orientado á consecución de resultados, integrándose e complementándose co resto de políticas de persoal. Por isto debe ser obxecto de plans específicos.

2. A corporación municipal elaborará anualmente, durante o período de vixencia deste acordo, un plan de formación anual que estará vinculado á planificación integral de recursos humanos.

3. Con independencia destes, manteranse vixentes os acordos de formación subscritos nos distintos ámbitos.

Capítulo XXVI

Financiamento dos plans de formación

1. Os plans de formación que elabore a corporación poderán financiarse, ademáis de coas súas correspondentes partidas orzamentarias, a través dos fondos para a formación continua provenientes da cotización por formación profesional, na forma que se determine na Comisión xeral para a formación continua.

Capítulo XXVII

Oferta formativa e tempos para formación

1. A Administración local, conxuntamente cos sindicatos, comprométense a manter, durante o período 1996-1999, o nivel de accións formativas e o número de horas de formación acadado en 1995 (aumentándoa na medida do posible), para logra-los obxectivos previstos no presente acordo.

Durante este período utilizaranse, ademais dos créditos que figuren nos orzamentos da corporación para financiar accións formativas, fondos para a formación continua procedentes da cotización por formación profesional.

Ó longo do período de vixencia deste acordo, a corporación e a representación sindical poderán negocia-lo incremento do número de horas lectivas para a formación.

2. Nos cursos que programe a Administración para a capacitación profesional ou para a adaptación dun novo posto de traballo, o tempo de asistencia considerarase tempo de traballo para tódolos efectos.

3. Para facilita-la formación profesional, o Concello de Oleiros, no marco do Convenio 140 da OIT, comprométese a adopta-las seguintes medidas concretas:

-Concesión de permisos retribuídos para concorrer a exames finais e probas de aptitude e avaliación para a obtención dun título académico ou profesional.

-Concesión de corenta horas ó ano (como máximo) para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, cando se celebren fóra da Administración

e o contido deste estea directamente relacionado co posto de traballo ou a súa carreira profesional na Administración, sempre que a organización do servicio o permita. A concesión destas corenta horas enmarcarase nas accións previstas no plan de formación.

-Concesión de permiso non retribuído, dunha duración máxima de tres meses, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, sempre que a xestión do servicio e a organización do traballo o permitan.

Capítulo XXVIII

Xestión da formación continua

1. No relativo á xestión dos plans de formación continua, a súa presentación, aprobación e requisitos, haberá que aterse ó que se determine na Comisión xeral para a formación Continua.

Título VI

Outras materias

Capítulo XXIX

Saúde laboral e acción social

1. Se consideramos que os empregados públicos locais teñen dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e da súa saúde no traballo, e que a Administración ten o deber de promover, formular e aplicar unha axeitada política de prevención de riscos, as partes asinantes comprométense a colaborar estreitamente para eleva-los niveis de saúde e seguridade no traballo no concello.

2. Para tal efecto, tomaranse en consideración as prescricións sinaladas na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e na instrucción, do 26 de febreiro de 1996, da Secretaría de Estado para a administración pública, para a aplicación da Lei 31/1995, do 8 de novembre, de prevención de riscos laborais na Administración do Estado.

3. No primeiro semestre de 1997, a mesa xeral de negociación colectiva analizará e avaliará os programas de acción social que se veñan desenvolver na corporación municipal.

4. Co fin de mellora-lo benestar social dos empregados públicos locais, a corporación local, durante a vixencia do presente acordo, destinará unha cantidade de, polo menos, o 0,8% da masa salarial de todo o seu persoal, incluído o dos seus organismos autónomos, para financiar accións e programas de carácter social.

Capítulo XXX

Calendario laboral

1. A distribución da xornada e a fixación dos horarios de traballo realizaranse mediante o calendario laboral. A corporación aprobará cada ano un calendario laboral.

-A aprobación do calendario laboral farase logo da negociación coa representación sindical asinante.

-O calendario laboral determinarase en función do número de horas anuais, sen que a súa distribución e aplicación poida modifica-lo número de días de vacacións.

Capítulo XXXI

Absentismo

1. A Administración local e a representación sindical coinciden na necesidade de poñer en práctica medidas contra o absentismo.

2. En colaboración coa representación sindical asinante deste acordo efectuaranse os estudios necesarios sobre as causas e extensión do absentismo así como as medidas sistemáticas que poidan aplicarse para a súa gradual eliminación.

3. A Administración local, logo da negociación coa representación sindical, e á vista das conclusións que se deriven deste estudio, impulsará accións homoxéneas para desenvolver nas distintas unidades.

Capítulo XXXII

Recursos en vía administrativa en materia de persoal

1. Sindicatos e Administración coinciden na insuficiencia do actual sistema de recursos en materia de persoal, non só para os interesados senón tamén para a Administración.

Parece, por tanto, conveniente a busca de novas solucións que preserven as garantías dos empregados públicos, incrementando a axilidade na resolución dos recursos.

2. Ámbalas partes coinciden en que sería beneficioso, tanto para a Administración como para os interesados, facilita-la rápida resolución dos recursos e a homoxenezación dos criterios en materia de xestión de persoal.

3. Ámbalas partes están de acordo na conveniencia de estudia-la aplicación das novas fórmulas que se estudian no ámbito da Administración do Estado, entre as que podería ter cabida a configuración dunha instancia interna para a resolución dos recursos administrativos de carácter especializado, profesionalizada, non suxeita ó principio de xerarquía nas súas resolucións e que estas puxesen fin á vía administrativa.

Esther Pita Pita, alcaldesa de Oleiros.

Emilio Martínez Rodríguez, Unión Xeral de Traballadores.

Eva Mª Vidal Carneiro, Confederación de Sindicatos Independentes-CSIF.

Eugenio López Lucio, Comisións Obreiras.

Elvira Patiño Ojea, Confederación Intersindical Galega.

Joaquín Reiriz Vargas, Xunta de Persoal.

José A. López Becerra, comité de empresa.

0164