Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 1997 Páx. 389

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 26 de decembro de 1996 pola que se establecen subvencións para investimento, mantemento e promoción de actividades destinadas á prestación de servicios sociais polas asociacións e outras entidades de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, recolle no seu artigo 49 que a Administración autonómica poderá establecer subvencións a entidades prestadoras de servicios sociais.

De conformidade co Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, correspóndenlle a esta competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII, no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel en que se materialice a prestación.

Na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, establécense os requisitos xerais aplicables ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Con este fin, no citado Proxecto de Lei de orzamentos, nas aplicacións:

-11.02.212A.486.0

-11.02.212A.780.1

-11.02.212D.480.1

-11.02.212D.482.1

-11.02.212D.482.2

-11.02.212D.484.1

-11.02.212D.485.0

Existen partidas orzamentarias consignadas para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas ás entidades que presten os servicios sociais seguintes:

1.1. Servicios sociais de axuda a domicilio.

1.2. Centros e servicios para minusválidos.

1.3. Centros e servicios para a terceira idade.

1.4. Centros e servicios de prevención da delincuencia e tratamento de delincuentes, de atención a internos e de reinserción de expenados.

1.5. Centros e servicios para persoas en estado de necesidade e marxinados.

2. A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto da presente orde axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ó Proxecto de Lei de orzamentos da Comunidad Autónoma galega para 1997 e á orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicita-las subvencións contidas na presente orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social que sexan titulares dos centros, presten algún dos servicios establecidos no artigo anterior ou realicen calquera outra actividade relacionada cos distintos sectores sociais enumerados, sempre que se atopen inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior, ou que teñan presentada a correspondente solicitude de inscrición, aínda que non se poderá aboa-lo importe das referidas axudas ata que non estean debidamente inscritas.

2. Quedan excluídas da presente convocatoria, no relativo ás subvencións para mantemento, todas aquelas asociacións ou entidades que teñan subscrito convenio de colaboración para mantemento de centros de minusválidos psíquicos dependentes de institucións de iniciativa social.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De investimento.

-Adquisición, construcción, reforma, ampliación ou mellora de inmobles.

-Equipamento e moblaxe.

b) De mantemento.

-De centros e servicios así como do programa de axuda a domicilio.

-De asociacións e outras entidades.

c) De promoción de actividades.

-De integración social.

-De carácter asociativo ou comunitario.

-De carácter formativo e científico.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) Tódalas axudas reguladas na presente orde, por criterio da consellería, poderán estar suxeitas á formalización dun convenio entre a institución beneficiaria e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que poderá ser prorrogado para futuros exercicios nas condicións legalmente previstas.

b) Tanto para as subvencións de investimento como para as de mantemento e promoción de actividades, a subvención poderá significa-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos, percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

c) As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderán efectua-las comprobacións que consideren oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento ás asociacións de iniciativa social.

d) A súa concesión axustarase ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, e ó que estableza a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán nas delegacións provinciais, servicios centrais ou servicios comarcais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como en calquera das oficinas de información administrativa e atención ó cidadán da Xunta de Galicia. A devandita solicitude deberá ir acompañada ademais de pola documentación requirida para as distintas axudas, pola documentación estatística relativa á institución e ós distintos centros ou servicios xestionados, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme os anexos VI, VII e VIII da presente orde.

1. Documentos comúns a tódalas axudas.

a) Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

b) Memoria da institución segundo o modelo oficial (anexo II).

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo oficial (anexo III).

d) Certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

e) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Declaración das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

2. Documentos específicos para cada tipo de subvención.

2.1. Para subvencións de mantemento.

Carpeta na que conste a identificación do centro, descrición técnica deste, cadro-resumo do persoal, relación de beneficiarios e orzamento de mantemento (anexo IV).

Cando se trate de servicios nos que, polo seu carácter ambulatorio, transitoriedade ou natureza da atención prestada, non sexa posible ou conveniente identificar concretamente as persoas atendidas, substituirase o cadro-resumo e a relación de beneficiarios por unha certificación do director do centro, co visto e prace do presidente da institución, na que se indique o número de beneficiarios ou a frecuencia dos servicios que se prestan, segundo proceda.

No caso dos servicios de axuda a domicilio, a certificación fará referencia ó número de beneficiarios e de horas prestadas.

2.2. Para subvencións de promoción de actividades.

a) Programa pormenorizado das actividades que se pretenden realizar.

b) Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento.

c) Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudios e publicacións, así como de presentar un informe destes.

2.3 Para subvencións de investimento.

2.3.1. Adquisición de bens inmobles.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste a favor do vendedor.

b) Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e a forma de pagamento.

c) Informe técnico sobre o estado do inmoble.

2.3.2. Construcción, reforma, ampliación ou mellora.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do inmoble polo solicitante ou, se está en alugueiro ou cedido, certificado do propietario facendo consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor

permiten a realización da obra que se proxecta e que esta cumpre cos requisitos establecidos no Decreto 286/1992, do 8 de outubro, de accesibilidade e eliminación de barreiras.

c) Memoria das obras que se van realizar, co orzamento incorporado.

d) Plan de financiamento da obra.

2.3.3. Equipamento

a) Orzamento do importe das adquisicións que se pretenden realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construcción do centro, acreditación de que a obra está totalmente rematada.

Artigo 6º.-Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 7º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais ou servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sendo de aplicación, en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano encargado do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve ó anterior, emitirá unha certificación relativa ás entidades inscritas e ás que solicitaron a inscrición pero están pendentes de resolución no rexistro nesa data, para o efecto de comproba-lo disposto no artigo 2º, e remitirállela a tódalas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servicios centrais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde, e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados os datos, documentos e aclaracións que consideren necesarios para completa-lo expediente, co apercibimento de que, se así non o fixesen nun prazo de dez días, serán considerados desistidos da súa petición, e arquivarase sen máis trámite segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, seranlle remitidos á Comisión Provincial ou Central de Valoración de Axudas Institucionais, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das subvencións, segundo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

4. A composición das comisións de valoración será a seguinte:

a) Na esfera central:

-Presidente: o director xeral de Servicios Sociais.

-Vocais: o subdirector xeral de Acción Social e o subdirector xeral de Administración e Inspección; actuando como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta do director xeral de Servicios Sociais. Poderá asistir, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Delegada.

b) Na esfera provincial:

-Presidente: o delegado provincial.

-Vocais: dous funcionarios da Área de Servicios Sociais, designados pola delegación provincial. Actuará como secretario un dos vocais. Poderá asistir, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente da respectiva comisión e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servicio có substituído.

Artigo 9º.-Criterios de prioridade na valoración das axudas institucionais.

a) Axudas de investimento:

-O déficit ou a insuficiencia de recursos na zona de influencia.

-A adaptación dos centros e servicios ó cumprimento dos requisitos esixidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e á correspondente normativa en función do tipo de centro.

b) Axudas de mantemento e promoción de actividades:

-A prestación de servicios sociais de atención directa de forma continuada en calquera das áreas de actuación a que fai referencia o artigo 1º da presente orde.

-O desenvolvemento de programas e a realización daquelas actividades que tendan a posibilitar e fomenta-lo desenvolvemento persoal e a integración social dos colectivos recollidos nesta orde.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución das axudas por proposta da comisión de valoración competente, correspóndelles ós delegados provinciais da consellería, despois da súa fiscalización pola Intervención Territorial, salvo aquelas destinadas a subvencionar investimento, mantemento

e actividades de asociacións ou entidades de ámbito supraprovincial que serán resoltas polo conselleiro de sanidade e servicios sociais, de conformidade co establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións.

2. As resolucións recaídas seranlles notificadas ós interesados para a execución da axuda outorgada. As resolucións denegatorias deberán ser sempre xustificadas.

3. Do mesmo xeito, poderán ser modificadas as devanditas resolucións no caso de alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. De conformidade co establecido no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997, as asociacións e outras entidades de iniciativa social quedan exentas de acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás no caso daquelas subvencións ou axudas para investimento por unha contía superior ás 250.000 ptas.

2. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ó pagamento e xustificación na forma que a continuación se indica, agás nos casos nos que se establezan convenios, nos que se aplicará o que neles se sinale.

2.1 Subvencións de promoción de actividades e mantemento.

Ó abeiro do establecido no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, e polo disposto por acordo do Consello da Xunta de Galicia con data 29 de novembro de 1996, o pagamento destas axudas poderá facerse segundo se establece a continuación:

Para aquelas subvencións que non superen o importe de 1.000.000 de ptas., poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata 80%, e librarase o 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida.

Nos demais casos, o pagamento das axudas poderá facerse nos seguintes prazos:

a) Un primeiro, de ata o 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo a conta da liquidación, que poderá acordarse no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo deberán presentarse os seguintes medios documentais provisionais de xustificación:

1. Para as subvencións de mantemento, certificación ou declaración xurada, se é o caso, do director ou responsable da entidade dos gastos realizados durante o exercicio e as cantidades pendentes de pagamento.

2. Para as subvencións de promoción de actividades, certificación ou declaración xurada, se é o caso, do director ou responsable da entidade do inicio das actividades.

b) Ata o 80% da subvención concedida poderán acordarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique ter realizado un gasto equivalente mediante certificación do director o responsable da entidade.

c) O 20% restante farase efectivo, unha vez xustificada a aplicación da totalidade da subvención para o fin para o que foi concedida, mediante un balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou responsable da entidade no que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ó importe total da axuda.

En todo caso, unha vez recibida a resolución da concesión de axuda para mantemento e promoción de actividades, a entidade beneficiaria deberá remitir no prazo dun mes certificación acreditativa de que foi aceptada a subvención.

Así mesmo, a entidade deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural conforme o anexo V, así como unha memoria no caso de promoción de actividades. Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

2.2. Subvencións de investimento.

No suposto de subvencións para gastos de investimento, o pagamento e a xustificación efectuaranse de acordo co establecido no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

En todo caso deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Subvención para adquisición de inmobles. O aboamento da subvención efectuarase unha vez presentada ante a entidade que a concedeu unha copia da escritura pública de compravenda, que recollerá unha cláusula na que se faga constar que o inmoble obxecto da subvención deberá de manterse, polo menos durante trinta anos, destinado á finalidade que serviu de fundamento á petición.

b) Subvencións para construcción, reforma, ampliación ou mellora de inmobles.

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificado ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Nas subvencións para a construcción de nova planta, presentarase compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o inmoble se destinará, durante 30 anos, á finalidade que serviu de fundamento á petición.

c) Subvención para equipamento e moblaxe.

-Certificado do representante da entidade no que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

Nos dous apartados anteriores, as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro, (BOE 312, do 30-12-1985) e nas súas modificacións posteriores.

En todo caso, para facer efectivo o pagamento das subvencións por gastos de investimento será imprescindible a presentación dos citados documentos xustificativos antes do 30 de novembro de 1997.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

a) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

c) Autoriza-la inspeción dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais sobre os seus centros e actividades.

d) Acreditar ante a entidade concesora a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determine a concesión da axuda ou subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para estes fins nos orzamentos desta Comunidade Autónoma para o ano 1997.

2. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio, agás as de promoción de actividades, para as que, en casos excepcionais e debidamente xustificados, abondará con que se inicien no exercicio e rematen, en todo caso, antes do 30 de xuño de 1998.

Segunda.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/1992, do 25 de decembro, de presupostos xerais para 1993.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

8891