Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 1997 Páx. 382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 20 de decembro de 1996 pola que se anuncia a apertura do prazo de presentación de solicitudes para a realización de contratacións laborais de carácter temporal correspondentes ós servicios de defensa contra incendios forestais durante 1997.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ten encomendada a execución das medidas e accións contra os incendios forestais que corresponden á Xunta de Galicia segundo os plans Infoga, para o que é preciso efectuar contratos de traballo de duración determinada para obra ou servicio ó abeiro do establecido no artigo 15 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, tal como ten establecido a xurisprudencia (sentencias do Tribunal Supremo do 10 de xuño e 3 de novembro de 1994, e do 10 de abril de 1995, entre outras, en recursos de casación para a unificación de doutrina).

A devandita xurisprudencia tamén resaltou a autonomía e substantividade que, en relación á actividade normal da Administración, ten cada unha das campañas que organiza, a súa duración incerta, así como a peculiaridade propia de cada unha delas, depen

dendo do seu condicionante orzamentario, de factores climáticos e do específico e concreto obxectivo a que atende.

O acordo sobre aplicación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia ós traballadores contratados eventualmente para obra ou servicio determinado do plan Infoga, establece no apartado II.2 que o sistema de selección terá carácter anual e baremo propio no que se prime a experiencia e o coñecemento do terreo, para garanti-la eficiencia e rapidez da mobilización do persoal comprendido entre os 18 e 65 anos, sempre que acrediten, na forma que se estableza, a capacidade física precisa para o desempeño do traballo, sen prexuízo dos cambios que poidan producirse en función dos específicos e concretos obxectivos anuais, e que este sistema de acceso ós contratos para obra ou servicio determinado realizarase con respeto ós principios de mérito e capacidade, e só se terá en conta para acceder ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, así como que na orde anual na que se concrete o devandito sistema de selección regularanse as condicións e requisitos da mobilidade funcional, que

responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible.

Por todo o exposto, consonte o disposto nos artigos 27.30 e 30.1.3 dos Estatuto de autonomía de Galicia, e 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como no Decreto 205/1990, do 15 de marzo, na Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 13 de decembro de 1993, no acordo sobre aplicación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia ós traballadores contratados eventualmente para obra ou servicio determinado do plan Infoga, na restante normativa de aplicación, e oído o Comité intercentros do Persoal Laboral da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Para a provisión de efectivos eventuais nos servicios de defensa contra incendios forestais durante o ano 1997, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes confeccionará as pertinentes relacións de persoal capacitado para realiza-las diferentes tarefas, ordenándoas de xeito prelativo. Elaboraranse tantas relacións como comarcas, zonas, concellos ou, se é o caso, provincias, segundo as necesidades que haxa de actuación de defensa contra incendios forestais, e dentro delas agruparanse por categorías profesionais.

Para a execución dos traballos propios do servicio de defensa contra incendios forestais corresponderalle á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes o transporte do referido persoal, que poderá efectuarse tanto por medios aéreos coma terrestres.

Por necesidades do servicio debidas a circunstancias imprevisibles, o persoal contratado poderá desenvolve-los seus labores en zonas distintas a aquelas ás que estivese adscrito.

Artigo 2º

1. Os solicitantes deberán reuni-los seguintes requisitos de carácter xeral:

-Ser maior de idade

-Non padecer lesións nin enfermidades que a xuízo de facultativo, impidan ou limiten o desenvolvemento dos traballos de defensa contra incendios na categoría concreta á que se opta.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario

2. Os requisitos particulares para acceder ás distintas categorías, que a continuación se detallan, serán os seguintes:

a) Técnico forestal de defensa contra incendios forestais.-Grupo II: enxeñeiro técnico forestal e carné de conducir B-1. Para estes efectos, considerarase habilitante a titulación de enxeñeiro de montes.

b) Xefe de cuadrilla de defensa contra incendios forestais.-Grupo III: capataz forestal ou ter participado, desde o ano 1991, en tres campañas de máximo risco completas nesta, análoga ou superior categoría profesional na defensa contra incendios forestais na Xunta de Galicia, e carné de conducir B-1, cunha antigüidade mínima de dous anos.

c) Operador/codificador de datos de defensa contra incendios forestais.- Grupo IV: graduado escolar ou FP1 (rama administrativa).

d) Conductor de autobomba de defensa contra incendios forestais.- Grupo IV: graduado escolar ou ter participado, desde o ano 1991, en tres campañas de máximo risco completas nesta, análoga ou superior categoría profesional na defensa contra incendios forestais na Xunta de Galicia, e carné de conducir C-1.

e) Emisorista de defensa contra incendios forestais.- Grupo V: certificado de escolaridade.

f) Vixilante fixo de defensa contra incendios forestais.- Grupo V: certificado de escolaridade.

g) Vixilante móbil de defensa contra incendios forestais.- Grupo V: certificado de escolaridade e carné de conducir B-1, cunha antigüidade mínima de 3 anos.

h) Peón conductor de defensa contra incendios forestais.- Grupo V: certificado de escolaridade e carné de conducir B-1, cunha antigüidade mínima de tres anos.

i) Peón non conductor de defensa contra incendios forestais.-Grupo V: certificado de escolaridade.

Artigo 3º

A partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ábrese un prazo de quince días hábiles para que as persoas interesadas presenten as súas solicitudes con vistas a realiza-las contratacións laborais de carácter temporal dependentes desta consellería que se establezan con motivo da cam

paña de loita contra os incendios forestais durante 1997.

Artigo 4º

1. Os candidatos deberán dirixi-la súa solicitude, segundo o modelo establecido no anexo I, á Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes que corresponda, e poderá presentarse en calquera dos rexistros ou oficinas enumeradas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Cada persoa só poderá presentar unha única solicitude referida a unha soa comarca, zona, concello ou provincia, segundo corresponda de conformidade co anexo III, e a unha soa categoría profesional; o incumprimento do anterior será causa de exclusión de tódalas solicitudes formuladas.

3. A relación das distintas categorías profesionais de cada comarca, zona, concello ou provincia de que se trate, publicarase nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e das oficinas provinciais e comarcais do servicio de defensa contra incendios forestais. O número máximo de prazas para cubrir en cada categoría será a fixada no plan Infoga 1997.

4. Xunto coa solicitude normalizada, os aspirantes deberán achegar:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Fotocopias dos requisitos de titulación e do permiso de conducción da categoría C-1 ou B-1 esixidos en cada caso.

c) Fotocopia da documentación acreditativa dos méritos alegados e que se sinalan no baremo inserto no anexo II. Aqueles méritos alegados e non xustificados documentalmente non serán tidos en conta.

d) Certificado médico en impreso oficial, onde se acredite que o aspirante reúne os requisitos de saúde establecidos con carácter xeral no artigo 2º.1.

e) Xustificante de ter aboadas as taxas por inscrición nas convocatorias para selección de persoal da Xunta de Galicia, expedido pola entidade bancaria correspondente, na contía sinalada na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

De se-lo caso, tamén deberán aboarse os gastos de transferencia que correspondan, utilizándose para todo o exposto o impreso de autoliquidación de taxas sinalado no anexo IV.

O citado impreso seralles facilitado ós interesados nos rexistros das respectivas delegacións provinciais da consellería, e deberá cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo IV.

O importe aboado como taxa, en concepto de dereitos de inscrición, devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes que resulten excluídos por non reuniren os requisitos da convocatoria e que o soliciten no prazo dun mes a partir da exposición das correspondentes relacións.

5. Os aspirantes deberán achegar cotexados tódolos documentos dos que facilitaren fotocopia.

Artigo 5º

As solicitudes correctamente presentadas serán analizadas baixo a dirección e supervisión da comisión de avaliación constituída en cada provincia, que estará composta por cinco membros, dos que dous serán designados polo Comité de Empresa e os outros tres pola Secretaría Xeral da Consellería. A dita comisión deberá constituírse e comeza-los traballos no prazo máximo de vinte días desde a data en que finalice o período de presentación de instancias.

A confección das distintas relacións farase segundo os ámbitos territoriais e categorías profesionais establecidos, ordenando os aspirantes capacitados de acordo coa puntuación obtida de maior a menor pola aplicación do baremo recollido no anexo II da presente orde e coa que, no caso de que a Administración así o considere, resulte da superación daquelas probas prácticas, que para tal efecto tamén se recollen no devandito anexo II, que poidan celebrarse. No caso de empate, este dirimirase pola maior puntuación obtida como consecuencia da experiencia profesional, e de persistir este, será dirimido pola puntuación obtida no apartado de circunstancias persoais.

Artigo 6º

As relacións de aspirantes admitidos nas distintas categorías profesionais de cada zona de traballo publicaranse nos taboleiros de anuncios a que se refire o artigo 4º, apartado 3.

Artigo 7º

1. Os aspirantes, antes de seren requiridos para a súa incorporación efectiva, deberán superar unha proba física de capacitación, que será especificada nos taboleiros de anuncios ós que se refire o artigo 4º, apartado 3, co resultado de apto ou non apto, conforme os parámetros e condicións fixados pola comisión central, co asesoramento de persoal especializado.

2. Do citado no apartado anterior, exceptúanse os aspirantes incluídos nas listas de operador-codificador de datos e de emisorista de defensa contra incendios.

Artigo 8º

1. Conforme vaia sendo necesaria a contratación do persoal previsto no plan Infoga e si as dotacións orzamentarias o permiten, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes contratará, pola súa orde estricta, o persoal que, unha vez superada a correspondente proba física, se é o caso, figure na respectiva relación.

2. Para o chamamento poderase utilizar calquera medio, e no suposto de que o empregado non fora suficiente, serán practicadas por calquera outro que permita ter constancia da súa recepción polo interesado no prazo máis breve posible. A contestación ó devandito chamamento deberá producirse no prazo máximo de corenta e oito horas desde a súa recepción. Transcorrido este sen producirse, consideraranse decaídos no seu dereito e serán eliminados da correspondente relación.

3. No suposto de situacións de extrema urxencia e necesidade que demanden unha citación inmediata, bastará a declaración xurada de dous funcionarios da consellería no sentido de que tal chamamento foi efectuado.

4. No suposto de esgotarse o persoal que figure na relación dunha comarca, zona, concello ou provincia, segundo se trate, seguirase o procedemento previsto no artigo 7.6.b) do III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, coa excepción de que o órgano de selección e o baremo serán, en todo caso, os establecidos na presente orde.

Artigo 9º

Sen prexuízo de que se poida rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes, a convocatoria, as súas bases e cantos actos se deriven dela e da actuación dos órganos de selección, poderán ser impugnados polos interesados no prazo e na forma establecida na lexislación que sexa de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para os efectos de unifica-los criterios referentes á confección das correspondentes relacións en toda a Comunidade Autónoma, crearase unha comisión central, composta por dous representantes do Comité Intercentros e tres representantes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes designados pola Secretaría Xeral.

Segunda.-As contratacións que poidan derivarse desta orde faranse, se existe habilitación legal e dispoñibilidades orzamentarias para iso, en función do ritmo que impoñan as necesidades do servicio de defensa contra incendios forestais.

Disposición transitoria

En tanto non sexan elaboradas as relacións de persoal declarado apto, a contratación do persoal imprescindible efectuarase utilizando as relacións confeccionadas en 1996.

Disposición derradeira

A presente orde terá efectos desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1996.

P.D. (Orde do 13-12-1993, DOG nº 239 do 14-9)

Antonio Luis Rosón Pérez

Secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO I

Modelo de solicitude para contratacions laborais temporais dos servicios de defensa contra incendios forestais.

1. Categoría profesional á que se opta (unha única categoría).

2. Concello, zona, comarca ou provincia, segundo corresponda, no que se desexa traballar (un único concello, zona, comarca ou provincia).

3. Datos e circunstancias persoais:

-Apelidos e nome:

-Enderezo:

-Concello de residencia:

-Teléfono de contacto:

-Lugar e data de nacemento:

-Fillos:

-DNI:

-Nº de afiliación á Seguridade Social:

-Desemprego (antigüidade):

-Nº de persoas sen ingresos ó seu cargo:

-Nº de persoas diminuídas ó seu cargo:

4. Datos académicos:

-Título oficial ou habilitante na especialidade do posto de traballo ó que se opta:

-Outras titulacións:

-Cursos:

-Denominación... Duración do curso... (horas).

5. Experiencia profesional:

-Posto de traballo na Administración:

-Categoría:

-Data de inicio e remate da relación profesional:

En..., ... de... de 199...

Asdo.: ...

Sr. Delegado Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes en ....

ANEXO II

Baremo de méritos para as contratacións temporais dos servicios de defensa contra incendios forestais.

1. Datos e circunstancias persoais:

A) Residencia habitual en calquera dos concellos, zona, comarca ou provincia á que se opta (xustificada mediante certificación do padrón municipal): 2,00 puntos.

B) Desemprego:

Por cada mes: 0,01 puntos ata un máximo de 0,4 puntos.

C) Situación familiar:

Por cada persoa sen ingresos ó seu cargo (menor de 18 anos): 0,25 puntos.

Por cada persoa diminuída ó seu cargo e sen ingresos superiores ó S.M.I.: 0,50 puntos.

A puntuación máxima deste apartado será de 4 puntos.

2. Méritos académicos:

A) Titulación oficial de capataz forestal na categoría de xefe de cuadrilla: 15,00 puntos.

B) Cursos homologados de defensa contra incendios forestais:

De ata 10 horas: 0,10 puntos.

De 10 a 20 horas: 0,20 puntos.

De máis de 20 horas: 0,50 puntos.

A puntuación máxima por estes cursos será de 4 puntos.

C) Outros cursos relacionados coa categoría á que se opte e impartidos ou homologados por organismos oficiais:

De ata 10 horas: 0,10 puntos.

De 10 a 20 horas: 0,20 puntos.

De máis de 20 horas: 0,50 puntos.

A puntuación máxima por estes cursos será de 1 punto.

D) Cursos de galego recoñecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

De iniciación: 0,25 puntos.

De perfeccionamento: 0,50 puntos.

(Non se valora o de iniciación se concurso co de perfecionamento).

3. Experiencia profesional:

A) Exercicio profesional desde o ano 1991 na mesma ou análoga categoría á que se opta, na defensa contra incendios forestais na Xunta de Galicia: 0,75 puntos (por mes ou fracción).

B) Exercicio profesional desde o ano 1991 en categoría distinta á que se opta, na defensa contra incendios forestais na Xunta de Galicia: 0,15 puntos (por mes ou fracción).

C) Exercicio profesional desde o ano 1991 na mesma ou análoga categoría á que se opta, na defensa contra incendios forestais noutras administracións públicas: 0,10 puntos (por mes ou fracción).

4. Coñecementos prácticos:

Só para as categorías de: operador/codificador, conductor de autobomba, emisorista, vixilantes fixo e móbil e técnico.

Proba práctica eliminatoria sobre as funcións e maquinaria que hai que empregar en cada caso, sendo 4 puntos a puntuación mínima esixida: de 0 a 10 puntos.

-Operador/codificador de datos: coñecemento práctico dos sistemas operativos MS-DOS e UNIX e, ademais, experiencia en base de datos relacional INFORMIX.

-Conductor de autobomba (C-1): coñecemento práctico no manexo de autobombas dos servicios de defensa contra incendios forestais e vehículos todoterreo, comportamento do lume e seguridade persoal.

-Emisorista: coñecemento práctico de transmisión e recepción das comunicacións vía radio-telefónica utilizadas nos servicios de defensa contra incendios forestais.

-Vixilante fixo e móbil: coñecemento práctico do terreo e a súa representación cartográfica, así como dos procedementos de aviso e detección utilizados nos servicios de defensa contra incendios forestais.

-Técnico: estructura do S.D.C.I.F., comunicacións, organización operativa, comportamento do lume e seguridade persoal.

ANEXO III

Zonificación da provincia da Coruña

ComarcaZona Concellos

ArzúaMelide* Arzúa, Melide, O Pino, Santiso, Touro.
Sobrado* Boimorto, Curtis, Sobrado, Toques, Vilasantar.

BetanzosAranga* Aranga, Coirós, Betanzos, Oza dos Ríos, Cesuras.
Pontedeume* Pontedeume, Miño, Vilarmaior, Monfero, Irixoa, Paderne.
As Pontes de García Rodríguez*As Pontes de García Rodríguez, Capela, Cabanas.

CarballoCambre* Cambre, Oleiros, Sada, Bergondo,Abegondo, Carral.
Laracha* A Coruña, Culleredo, Laracha, Arteixo.
Coristanco* Coristanco, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso.

NoiaNegreira* Val do Dubra, A Baña, Ames, Brión, Negreira, Outes.
A Pobra do Caramiñal* Boiro, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira.
Padrón* Dodro, Lousame, Noia, Padrón, Rois.

OrdesSantiago de Compostela* Boqueixón, Oroso, Santiago de Compostela, Teo, Vedra
Tordoia*Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Tordoia, Trazo.

OrtigueiraCedeira* Cariño, Cedeira, Mañón, Ortigueira.
Moeche* Moeche, Cerdido, Valdoviño, As Somozas, San Sadurniño.
Ferrol* Narón, Neda, Fene, Ferrol, Mugardos, Ares.

VimianzoDumbría* Camariñas, Dumbría, Muxía, Vimianzo.
Mazaricos* Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muros.
Santa Comba* Cabana de Bergantiños, Laxe, Santa Comba, Zas.

Zonificación da provincia de Lugo

ComarcaZona Concellos

BecerreáBecerreá* Baralla, Becerreá, As Nogais, Pedrafita.
Cervantes* Cervantes, Navia de Suarna.

ChantadaChantada* Carballedo, Chantada, O Saviñao
Monterroso* Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Taboada.

A FonsagradaA Fonsagrada* A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira.

LugoO Corgo* Castroverde, O Corgo, Lugo.
Palas de Rei* Friol, Guntín, Palas de Rei.

MeiraCospeito* Abadín, Cospeito, A Pastoriza.
Meira* Castro de Rei, Meira, Pol, Ribeira de Piquín.

MondoñedoA Pontenova* Mondoñedo, A Pontenova, Riotorto.
Ribadeo* Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada.

Monforte de LemosQuiroga* Quiroga e Ribas de Sil.
A Pobra de Brollón* A Pobra de Brollón e Folgoso do Courel.
Monforte de Lemos* Monforte de Lemos, Bóveda, Pantón e Sober.

SarriaSamos* O Incio, Samos, Triacastela.
Sarria* Láncara, Paradela, Páramo, Sarria.

VilalbaBegonte* Begonte, Guitiríz, Outeiro de Rei, Rábade.
Vilalba* Vilalba, Xermade.

ViveiroCervo* Alfoz, Cervo, Foz, O Valadouro.
Viveiro* Muras, Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove.

Zonificación da provincia de Ourense

ComarcaZona Concellos

BandeEntrimo* Entrimo, Lobeira, Lobios.
Muíños* Bande, Muíños.
Celanova* Celanova, A Bola, Verea.

O Barco de ValdeorrasA Rúa* Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Bolo.
A Veiga* A Veiga.
O Barco de Valdeorras* Barco de Valdeorras, Rubiá, Carballeda de Valdeorras.

O CarballiñoAvión* Avión, Beariz, Boborás, O Irixo.
Ribadavia* Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Leiro, Melón, Punxín, Ribadavia, San Amaro.
Vilamarín* Amoeiro, O Carballiño, Coles, Maside, A Peroxa, Piñor, San Cristovo de Cea, Vilamarín.

Castro CaldelasManzaneda* Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río.
Montederramo* Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira.

MacedaAllariz* Allariz, Baños de Molgas, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía.
Vilar de Barrio * Maceda, Vilar de Barrio, Xunqueira de Espadanedo.

OurenseCortegada* A Arnoia, Cartelle, Castrelo de Miño, Cortegada, Gomesende, A Merca, Padrenda, A Pontenova, Quintela de Leirado, Ramirás, Toén.
Nogueira de Ramuín* Barbadás, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, O Pereiro de Aguiar, San Cribrao das Viñas, Taboadela.

VerínLaza* Laza, Cualedro.
Vilardevós* Verín, Vilardevós, Riós.
Castrelo do Val* Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra.

Viana do BoloA Gudiña* A Gudiña, A Mezquita.
Vilariño de Conso * Viana do Bolo, Vilariño de Conso.

Xinzo de LimiaBaltar* Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira.
Sarreaus* Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmirás, Vilar de Santos, Xinzo de Limia.

Zonificación da provincia de Pontevedra

ComarcaZona Concellos

LalínA Estrada* Cerdedo, A Estrada, Forcarei.
Rodeiro* Dozón, Lalín, Rodeiro.
Silleda* Agolada, Silleda, Vila de Cruces.

PonteareasA Cañiza* Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente.
Mondaríz* Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas.
Salvaterra de Miño* As Neves, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño

RedondelaCotobade* Cotobade, A Lama e Ponte-Caldelas.
Mos* Mos, Redondela, Vigo e Nigrán.
Pazos de Borbén* Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Soutomaior.

TomiñoGondomar* Baiona e Gondomar..
O Rosal* A Guarda, O Rosal e Oia.
Tomiño* Tomiño e Tui

Vilagarcía de ArousaCangas* Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Pontevedra, Vilaboa.
Meaño* Cambados, Catoira, O Grove, Meaño, Meis, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.
Moraña* Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas, Valga.

0045