Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 1997 Páx. 310

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de decembro de 1996 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Mario Puentes.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Mario Puentes, con domicilio en Pontevedra.

Supostos de feito.

1. Manuel Zúñiga Fernández, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito de dezasete de outubro de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o día doce de xullo de 1996 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Alejo Calatayud Sempere co número dous mil noventa e nove do seu

protocolo, por Manuel Zúñiga Fernández, Alfonso Ventoso Castro, Susana Puentes Aballe, Agustín Beiro Iglesias, Mario Puente Abelle, María Elena Puentes Cabreira, Manuel Puentes Cabreira e Manuel Gámez Carreira, intervindo no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, a promoción, fomento e sostemento do deporte, así como de actividades culturais relacionadas coa historia e costumes galegos.

4. O padroado da fundación estará constituído polas persoas indicadas nos artigos 16 e 17 dos estatutos da fundación.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Mario Puentes, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vintetrés de decembro de 1996.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Mario Puentes e adscribila á Consellería de Cultura

e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9605