Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 08 de xaneiro de 1997 Páx. 220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 19 de decembro de 1996 pola que se regulan axudas e subvencións para a creación de empresas e a integración laboral da muller como estímulo a mulleres emprendedoras de Galicia (programa EMEGA).

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, determina no artigo 1 que a dita consellería é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de familia, menores, muller, xuventude, formación ocupacional e promoción do emprego, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía e nos termos sinalados na Constitución española.

Ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Conselleria de Familia, Muller e Xuventude, creado por Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans ponte para fomenta-lo emprego e facilita-la formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

Por outra banda, no II plan de igualdade de oportunidades para as mulleres galegas, con vixencia para 1995-97, dedícase unha área específica á formación e o emprego e dentro dela, un dos obxectivos prioritarios é o fomento do acceso das mulleres ó emprego e á creación de empresas.

Se ben é certo que a Consellería de Familia, Muller e Xuventude vén promulgando anualmente unha serie de ordes dirixidas á promoción do emprego, resulta conveniente elaborar unha orde específica que permita incorpora-la muller ó mercado laboral en igualdade de condicións có home e que, ó mesmo tempo, contribúa a supera-la situación de illamento e marxinación en que moitas veces se atopan as ditas mulleres.

Esta orde pretende acuña-lo concepto de muller emprendedora, estimulándoa mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se estableza como empresaria e deste xeito acade a súa propia integración laboral e contribúa á creación de postos de traballo.

As iniciativas empresariais que ó abeiro desta orde poidan promove-las mulleres baixo fórmulas de asociación en cooperativas, sociedades anónimas laborais e autoemprego como traballadoras autónomas ou mediante a constitución de calquera tipo de sociedades normativamente previstas, son medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos e corrección de desequilibrios rexionais que sirvan para reduci-la taxa de paro femínino que, certamente, segue sendo máis elevada cá do home.

De conformidade co establecido no artigo 1.1 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gastos imputables ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que

se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta, no que se vai materializa-la contraprestación e que o proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997 foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 11 de outubro de 1996, existindo fondos suficientes para iso.

As accións incluídas nesta orde financiaranse con cargo á consignación orzamentaria 14.50.212A.470.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a súa debida aplicación nos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde de convocatoria, que se rexerá polo disposto na Lei 11/1992 de réxime financeiro e orzamentario e no Decreto 258/1990, do 27 de abril, é conceder axudas e subvencions para o establecemento da muller como empresaria, no exercicio actual, como medio axeitado para a súa integración laboral, baixo calquera forma de sociedade mercantil, cooperativa, ou establecemento como traballadora autónoma, con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos.

Poderán acceder a estas axudas:

a) As mulleres individualmente consideradas que se atopen en situación de desemprego, e as que, atopándose na dita situación, se unan ou asocien.

b) As mulleres ou persoas xurídicas constituídas maioritariamente por mulleres que creen unha empresa, sempre que os postos de traballo que se orixinen sexan desempeñados por mulleres que se atopen en situación de desemprego.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As axudas consistirán nunha subvención a fondo perdido que, como máximo, será de tres (3.000.000) millóns de pesetas. Esta subvención non poderá supera-lo 50% do orzamento total do proxecto, e a súa concesión será compatible con calquera outra axuda establecida con cargo a outros programas elaborados polas administracións públicas, sen que a suma total das axudas percibidas para o desenvolvemento do presente programa poidan exceder do 100% do custo total do proxecto, tendo en conta o establecido no artigo 4º da presente orde.

2. Con carácter xeral, a axuda irá destinada a sufraga-los gastos derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa durante o ano 1997, quedando excluídos das axudas os gastos relativos a persoal, os que se deriven das obrigas tributarias, taxas por autorizacións administrativas e todos aqueles que poidan ser considerados como investimentos en capital fixo. Non obstante, algún destes gastos, ou outros, poderán acollerse ás medidas do

Instituto Galego de Promoción Económica ou outros organismos públicos de acordo coa súa normativa específica.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Unha vez determinada a viabilidade do proxecto, a concesión e contía da axuda fixaranse seguindo preferentemente os criterios seguintes:

a) O interese da acción que se vai executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada, para os efectos da cal se terán en conta aquelas empresas que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego na actividade que se pretenda desenvolver, tanto no ámbito urbano coma no rural.

b) O carácter innovador do proxecto e a incorporación de tecnoloxía avanzada.

c) O número de postos de traballo que se vaian crear, na súa totalidade e con consideración especial para aqueles que vaian ser desempeñados por mulleres.

d) No suposto previsto no apartado b) do artigo 2 que as mulleres que se van contratar sexan paradas de longa duración.

e) A contribución de carácter privado que efectuará o promotor do proxecto, que como mínimo terá que ser por unha contía igual ó importe da axuda solicitada ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

f) A utilización de materias primas autóctonas.

g) Adaptación e mellora medioambiental.

h) Localización dos proxectos de nova instalación en parques empresariais.

Artigo 5º.-Solicitudes.

A solicitude deberá presentarse en unión do anexo II desta orde, por triplicado exemplar, acompañada da documentación seguinte:

a) Acreditación da personalidade e representación, se é o caso, da solicitante.

b) Acreditación por calquera dos medios establecidos da situación de desemprego, ben da solicitante ou compromiso expreso de que a persoa que se vaia contratar estea nesa situación.

c) Memoria descritiva do proxecto da actividade, que permita a avaliación da súa viabilidade, e na que se farán constar como mínimo:

-A localización.

-Descrición da actividade que se vai desenvolver, indicando características técnicas e de mercado.

-Formación e capacidade do promotor para desenvolve-lo proxecto.

-Previsión de prazos para a execución do proxecto.

-Postos de traballo que se crean inicialmente así como os previstos a medio ou longo prazo.

-Memoria económica do proxecto, que incluirá:

1. Orzamento de investimentos.

2. Orzamento de ingresos e gastos.

3. Programa de financiamento previsto.

-Especificación dos gastos para os que se solicita a presente subvención.

d) Relación das subvencións que se solicitasen ou obtivesen das administracións públicas.

e) Certificado bancario de existencia de conta.

f) Declaración expresa de aceptación das actuacións de comprobación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 6º.-Obrigas.

As solicitantes, no caso de obte-la subvención prevista, quedarán obrigadas a inicia-la actividade durante o ano 1997 e a comunicar calquera variación orzamentaria que se produza na posta en marcha da empresa.

Así mesmo, quedará obrigada a face-lo investimento previsto para a creación da empresa, e terá que devolve-lo importe da subvención ou axuda no suposto de que o dito investimento non fose realmente efectuado, ou non tivese unha permanencia na actividade mínima de dous anos.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes, cubertas no modelo normalizado que figura como anexo I da presente orde poderanse presentar no rexistro xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, as cales as remitirán ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller o día seguinte ó da súa presentación, ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas da documentación sinalada no artigo 5º.

Artigo 8º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 31 de xullo.

2. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados na presente orde ou a documentación sexa insuficiente ou conteña erros, procederase na forma prevista no artigo 10.2º do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 9º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido nos artigos 9 e seguintes do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados nos parágrafos 1º e 2º do artigo 10 do mencionado decreto, os expedientes remitiranse á comisión de valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ó órgano competente para resolver.

3. Para o disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración estará composta pola Secretaría Xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que a presidirá, e serán vocais o xefe de Servicio de Cooperación, Estudios e Pro

gramas e o xefe de Servicio de Xestión Económica, que actuará como secretario.

4. A comisión de valoración, á hora de barema-las solicitudes, terá en conta os criterios fixados no artigo 4º desta orde.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución de subvencións, unha vez emitido informe pola comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola intervención delegada, correspondelle á directora do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte ó final do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectua-las dentro dél por existiren fondos provenientes de recursos de subvencións inicialmente concedidas.

Artigo 11º.-Requisitos para o pagamento.

Certificación de que as solicitantes se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como certificación acreditativa do cumprimento total do orzamento previsto no proxecto e documentación xustificativa da execución dos gastos para os que se concedeu a subvencion. Para estes efectos, necesariamente se remitirá ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller acreditación da alta fiscal da empresa no imposto de actividades económicas, inscrición da empresa no sistema da Seguridade Social. No suposto de que a empresaria fose persoa física, acreditación da alta no réxime especial de traballadores autónomos ou mutualidades profesionais, alta dos traballadores da empresa na Seguridade Social, o que se xustificará coa relación nominal de traballadores cotizantes (T.C.2).

Artigo 12º.-Pagamento.

O pagamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata un 50% do total do orzamento de gastos subvencionables, en concepto de anticipo, no momento en que se reciba no Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller certificación do solicitante da subvención que notifique o inicio das obras ou actividades para a posta en marcha da acción, así como da necesidade de efectuar pagamentos inmediatos para o seu comezo. O inicio da actividade será comprobado polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

b) O resto, unha vez recibida a documentación indicada no artigo anterior e tendo en conta que a xustificación deberá referirse a gastos efectuados ata o 31 de decembro de 1997, xustificación que nece

sariamente se presentará antes do 28 de febreiro de 1998.

Artigo 13º.-Publicidade.

Nas accións que se leven a cabo deberá figurar, no lugar onde se realicen e de forma visible, un cartel publicitario no que se indique que a acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia, Muller e Xuventude, Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e Fondo Social Europeo, cos seus respectivos anagramas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda ou o seu uso fraudulento constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992

Terceira.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Cuarta.-A concesión da subvención regulada nesta orde terá como límite global o crédito consignado nos orzamentos xerais para 1997 da Comunidade Autónoma para o fin que se persegue e os compromisos que se reflicten no marco comunitario de apoio, provenientes do Fondo Social Europeo.

Quinta.-Se por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario/a do mesmo servicio có substituído.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9253