Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Xoves, 02 de xaneiro de 1997 Páx. 33

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 9 de decembro de 1996 pola que se convocan axudas para a formación e asistencia técnica a entidades asociativas do sector marisqueiro.

A modernización do proceso productivo no sector marisqueiro, coa utilización de novas formas de explotación dos recursos e bancos marisqueiros, das innovacións tecnolóxicas, e a necesidade de incorpora-los procesos de comercialización como un factor decisivo na regulación da producción, obrigan a unha formación permanente dos dirixentes, técnicos e socios das entidades asociativas do sector. Esta formación permanente é necesario que se acompañe de asistencia técnica para a definición e posta en marcha de plans de explotación dos recursos e zonas xestionados polas ditas entidades.

A nova regulamentación do marisqueo, ó esixi-la presentación cada ano do Plan Xeral de Explotación Marisqueira das autorizacións, vén incrementa-las necesidades existentes, ó facer necesario un maior nivel de organización do sector para poder establece-las medidas autorreguladoras da explotación. A isto úneselle o feito de que a producción vai estar condicionada non só por factores biolóxicos senón comerciais, polo que un adecuado nivel de formación dos asociados e persoal directivo é imprescindible para o éxito destas entidades. A posibilidade de contar con asistencia técnica exterior facilita o logro destes obxectivos. Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas para a formación e asistencia técnica a entidades asociativas no sector marisqueiro, conforme as normas contidas na presente orde, dentro dos preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 012. 04. 481.0 do programa 612.B do proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 2º.-Fins.

As axudas terán por obxecto a realización das actividades formativas nas áreas de comercialización e explotación dos recursos e para dar a coñece-los plans de explotación dos recursos das súas propias autorizacións entre os socios, así como a realización de informes técnicos, plans de explotación dos recursos e plans de comercialización da súa producción.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1. As confrarías de pescadores.

2. As organizacións de productores pesqueiros recoñecidas.

3. As agrupacións ou asociacións de mariscadores.

Tódolos beneficiarios relacionados anteriormente deberán te-lo seu enderezo social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía e límites da axuda.

As axudas concederanse para as distintas finalidades nas contías e cos límites máximos que se indican:

1. Os gastos de realización dos informes e plans ata o 70% do importe global, cun límite máximo de 800.000 pesetas.

2. Actividades formativas para os socios ata a totalidade do importe global, cun límite máximo de 1.500.000 pesetas.

Ós beneficiarios poderalles ser concedida a axuda, soamente para unha das finalidades descritas anteriormente.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o seu conxunto non supere as limitacións establecidas na disposición cuarta desta orde. No caso de que fosen superadas estas limitacións, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura minorará o importe da axuda concedida ata alcanza-los máximos permitidos.

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que se poderá recoller nos servicios centrais ou nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e deberán ser presentadas nas delegacións territoriais correspondentes, ou ben a través do mecanismo establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará ós 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación.

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2. Fotocopia compulsada dos estatutos da sociedade, certificacion do órgano competente na que se espe

cifique o acordo polo que se lle concede autorizacion para face-la solicitude ó asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia e xuntando unha certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal, ou NIF, segundo se trate de persoas xurídicas ou físicas.

4. Fotocopia compulsada do documento que acredite a inscrición no rexistro de asociacións, se é o caso.

5. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

6. Memoria que conteña unha descrición detallada do programa de actividades, do calendario, do persoal, dos medios necesarios, do material educativo e calquera outro aspecto que se considere de interese.

7. Plan económico que indique a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional.

Os solicitantes que xa tivesen presentadas solicitudes no ano 1996 quedarán eximidos de presentaren a documentación dos puntos 3,4 e 5, deberán presentar unha certificación do órgano competente na que se indique que non se modificaron en absoluto as circunstancias existentes desde entón.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Á vista das solicitudes e documentación presentadas, a Sección de Formación Pesqueira e Investigación das delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, solicitará a ampliación de datos ou os informes que considere necesarios, e efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente formularalle a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude ó delegado territorial, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

O delegado territorial correspondente dictará resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de tres meses desde o remate do de presentación de solicitudes. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos de prioridade.

1. Para a resolución dos expedientes de adxudicación das axudas daranse prioridades tendo en conta os seguintes criterios:

a) Terán prioridade as solicitudes que teñan como finalidade a posta en marcha do Plan de Explotación Marisqueira da zona.

b) Terase en conta en caso de coincidencia no criterio anterior, o seguinte:

-Que a solicitude proveña dunha entidade de zonas sen explotación organizada.

-O numero de mariscadores con permiso de explotación da entidade solicitante.

No caso de igualdade de condicións, valorarase o interese para a zona onde se vaia realizar.

2. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación establecerá as liñas marco de asignación de axudas, e distribuirá a contía global existente no concepto orzamentario correspondente entre as delegacións territoriais.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade obxecto da axuda será fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 31 de decembro do ano 1997. Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade obxecto da axuda.

O delegado territorial dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada, non poderá exceder de dous meses a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Control das actividades obxecto da axuda.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través das súas delegacións territoriais, reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que coide oportuno.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos, ademais de ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria de solicitude, ou calquera outra modificación, seralle comunicada á delegación territorial coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

As delegacións territoriais establecerán as medidas necesarias para efectos de face-la comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado, ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar na delegación territorial correspondente

dentro do prazo dun mes, a seguinte documentación:

a) Facturas orixinarias dos gastos realizados, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamentos de salarios, gratificacións, etc., deberá consta-la retención correspondiente polo IRPF, así como unha fotocopia cotexada do documento que acredite o ingreso del na delegación de Facenda.

b) Declaración responsable na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autónomo, local ou institucional.

c) Memoria sinxela de realización da actividade, indicando datas de realización, número de asistentes e outros aspectos de interese, á que se xuntará documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

A Sección de Formación Pesqueira e Investigación de cada delegación territorial certificará a execución completa das actividades obxecto da axuda despois de realiza-las comprobacións oportunas.

Artigo 14º.-Pagamentos con carácter de anticipo.

Os beneficiarios poderán solicitar pagamentos parciais con carácter de anticipo, ata o 80% da axuda concedida. O seu aboamento farase en dous pagamentos, o primeiro por un 40 % no momento da concesión e outro, unha vez xustificado o anterior, de acordo co establecido no artigo 13º.a).

Para o primeiro pagamento, á solicitude xuntáraselle unha memoria, así como facturas proforma, orzamentos ou documentos similares que xustifiquen os gastos nos que se incorra, e a declaración xurada do artigo 13º.b).

O resto da axuda expedirase unha vez rematada a actividade, segundo o disposto no parágrafo anterior.

Artigo 15º.-Outras condicións.

En toda a documentación pública relacionada coas actividades obxecto da axuda, farase constar que estas se realizan cunha axuda da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Disposición transitoria

A tramitación dos expedientes farase ó amparo do sinalado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto (Art. 3º.1), e quedará este condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 1997, en trámite parlamentario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

8870