Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Martes, 31 de decembro de 1996 Páx. 12.077

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 19 de decembro de 1996 pola que se regulan as axudas para investimento en centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gastos imputable ó capítulo VII, no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se materialice a prestación.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónomas galega para o ano 1997, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia de 11 de outubro de 1996.

Con este fin, no devandito proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1997, na aplicación 14.02.212D.780 existe partida orzamentaria consignada para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para investimento en centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades de iniciativa social, que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, da Consellería da Presidencia e Administración Pública e na Orde do 29 de febreiro de 1996 da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia que presten atención educativa e asistencial preferentemente a nenos/as de 0 a 3 anos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que, cumprindo os obxectivos anteriores, desenvolven as súas actividades na Comunidade Autónoma e estean debidamente inscritas no

Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de investimento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

- Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Gastos de equipamento e mobiliario.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

A) Documentación xeral:

1. Ficha bancaria (anexo II).

2. Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

3. Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

4. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

5. Declaración das subvencións obtidas doutros entes públicos ou privados para a mesma finalidade ou negativa, se é o caso.

6. Fotocopia compulsada da solicitude de permiso para o inicio das actividades de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 5 da Orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996.

Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

Os documentos xa aportados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35.f) de Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

B) Documentación específica:

B.1. Para subvencións de reforma e adecuación.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do solicitante do inmoble ou, se este está en alugueiro ou cedido, certificado do propietario

facendo consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

c) Características técnicas do centro para o que se propón a súa reforma e memoria explicativa dos fins concretos que se perseguen.

d) Memorias das obras que se van realizar, cun orzamento incorporado.

e) Plan de financiamento da obra.

f) No caso de que a reforma ou adecuación supoña unha modificación substancial do centro, segundo establece o artigo 14.2º do Decreto 243/1995, é necesario presentar copia da solicitude da oportuna autorización administrativa.

B.2. Para subvencións de equipamento.

a) Orzamento do importe das adquisicións que se pretendan realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía, con xustificación da súa necesidade.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construcción ou reforma do centro, acreditación de que a obra estea totalmente rematada.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, sendo de aplicación en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 6º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamar por escrito ós interesados a falta e os documentos preceptivos para completalos, co apercibimento de que, se non se fixese así, no prazo de dez días arquivarase o expediente sen máis trámite.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidente: xefe do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario con voz pero sen voto. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

A concesión de subvencións resolverase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios de preferencia:

A. Adecuación ós requisitos que, sobre instalacións e condicións materiais, establece a normativa vixente. Valoranse en especial as seguintes actuacións:

1. Reforma e equipamentos nas aulas destinadas a nenos/as menores de 2 anos para habilitar áreas diferenciadas para descanso e hixiene dos pequenos.

2. Creación de espacios axeitados para preparación de alimentos, nos centros que atenden nenos/as menores de 1 ano, con capacidade para equipamentos que determina a normativa vixente.

3. Habilitación dun aseo por sala para nenos/as de 2 a 3 anos que deberá ser visible e accesible desde esta.

4. Creación de comedores escolares.

B. Obras de ampliación de infraestructura que, respectando a normativa vixente, permita o aumento do número de prazas ou de grupos de idade ata cubri-la completa atención ó primeiro ciclo de educación infantil (0-3 anos).

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle ós delegados provinciais da consellería, que deberán resolver no prazo dun mes contado a partir da data de finalización do prazo de solicitudes. As solicitudes non resoltas neste prazo teranse por desestimadas.

2. As resolucións serán notificadas ós interesados, debendo ser motivadas as de carácter denegatorio.

Artigo 9º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

A subvención aboarase conforme o disposto no proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1997 unha vez efectuado o gasto e presentada ante a delegación provincial da

consellería a seguinte documentación, segundo os casos:

a) Subvención para reforma e adecuación de centros:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificación ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Autorización administrativa do órgano competente, se é o caso.

b) Subvención para equipamento:

-Certificado do representante da entidade no que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

Nos dous apartados anteriores, as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro (BOE 312, do 30-12-1985).

Ademais, os beneficiarios de axudas superiores ás 250.000 ptas. deberan presentar antes do seu cobro os correspondentes xustificantes de atoparse ó día nas súas obrigas tributarias, sociais e de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

Artigo 11º

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicidade da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.2º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, a autorización do gasto e a contracción da obriga demorarase ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

Segunda.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral da Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

96-9603