Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Martes, 31 de decembro de 1996 Páx. 12.077

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 443/1996, do 13 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización de rúas perimetrais do antigo cárcere da Parda.

O Concello de Pontevedra, en sesión celebrada o día 26 de setembro de 1996, acordou aproba-lo proxecto de urbanización de rúas perimetrais do antigo cárcere da Parda e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de novembro de 1996 baixo o número 12.082.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de novembro de 1996, nº 12.107.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque vén xustificada pola necesidade de que as rúas perimetrais ó novo edificio dos xulgados (situado nunha parcela cedida gratuítamente por acordo do Pleno da Corporación do 30 de maio de 1996 á Xunta de Galicia) estean totalmente urbanizados antes da finalización das obras de construcción deste, xa que na licencia urbanística concedida para tal fin se estableceu un

prazo de execución das obras de 24 meses, polo que se fai totalmente indispensable que as rúas que circundan o novo edificio dos xulgados estean totalmente urbanizadas e dotadas de tódolos servicios, e deberá acreditarse a plena dispoñibilidade dos terreos antes de comeza-la execución das obras de urbanización, que teñen unha duración prevista de seis meses.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Pontevedra, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización de rúas perimetrais do antigo cárcere da Parda.

Santiago de Compostela, trece de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais

9538