Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Luns, 30 de decembro de 1996 Páx. 11.959

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 17 de decembro de 1996 pola que se anuncian e regulan axudas para actividades programadas por entidades xuvenís ou entidades prestadoras de servicios á xuventude.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude considera obxectivo prioritario potencia-la actividade asociativa xuvenil para promove-lo desenvolvemento comunitario e a participación da xuventude na vida social, política, económica e cultural. Para conseguir este obxectivo é fundamental prestar apoio ás entidades que traballan neste eido, posibilitando a realización de actividades que sexan de interese para a poboación xuvenil, fomentando e potenciando dese xeito o seu nivel participativo. Por isto, establécense as presentes axudas dirixidas a posibilitala realización de actividades de información xuvenil, de carácter socioeducativo dirixidas a incrementa-la concienciación social sobre as distintas problemáticas que afectan á xuventude, de animación sociocultural, e aqueloutras dirixidas a incrementa-la formación integral da xuventude así como as relacións e intercambios con outros grupos doutros ámbitos territoriais e culturais.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto. O artigo 1º.1 desta orde establece que os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación.

A aplicación desta orde supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución orzamentaria, beneficiando moi especialmente ós propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, toda vez que o artigo 3º.2 dispón que, no suposto de subvención, a autorización do gasto e a contracción da obriga demoraranse ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º-Obxecto das subvencións.

1. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997, concederá subvencións para a realización de actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades:

a) Promoción do asociacionismo xuvenil.

b) Realización de actividades de carácter socioeducativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan á xuventude, con especial incidencia no tema do alcoholismo.

c) Campañas informativas de carácter socioeducativo dirixidas á promoción do respecto polos valores e dereitos humanos, enmarcados dentro do Ano Internacional contra o Racismo proclamado pola Unión Europea.

d) Programas destinados á promoción da información xuvenil en xeral.

e) Actividades de formación dirixidas á xuventude.

f) Programas de animación sociocultural en xeral.

g) Actividades de aire libre, medio ambiente e natureza.

h) Intercambios con entidades xuvenís doutras comunidades autónomas e países estranxeiros.

i) Calquera programa polivalente de actividades que incidan na formación integral da xuventude.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvencións as organizacións xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude inscritas no correspondente censo, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, (Orde do 21-3-1991, DOG do 4 de abril), extremo que deberán facer constar no impreso de solicitude no espacio reservado para tal fin. Non poderán solicitar subvención aquelas entidades nas que a súa inscrición no dito censo se atope en trámite o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

2. Será requisito imprescindible para a concesión de subvención ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano.

Artigo 3º-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes dirixiranse á consellería de Familia, Muller e Xuventude, cando se trate de entidades de ámbito superior a unha provincia, ou ó correspondente delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, no caso de entidades de ámbito provincial ou inferior.

Poderán presentarse no rexistro xeral desta consellería, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa que subscribe a solicitude e acreditación da súa lexitimación como representante da entidade, mediante certificación do secretario da entidade ou fotocopia compulsada da acta na que se recolla a composición do órgano de dirección.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Breve memoria explicativa do proxecto de actividades que se pretenden realizar, especificando para cada unha delas: actuacións que comprenderá a realización da actividade, nº estimado de beneficiarios, lugar e datas de realización, obxectivos perseguidos e orzamento de gastos por capítulos, con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por outros organismos públicos ou privados.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Por parte da Dirección Xeral de Xuventude ou das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, poderá requirirse, se fose necesario, a corrección dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º Criterios de valoración.

Na valoración dos proxectos presentados terán consideración prioritaria os recollidos nos apartados a, b, c e d do artigo 1º.2. A avaliación dos proxectos presentados efectuarase conforme os seguintes criterios preferentes:

-Aqueles con finalidade formativa, educativa ou informativa.

-O número de destinatarios e a proxección social das actividades propostas.

-Os programas promovidos por entidades de ámbito rural, sendo destinataria principal a mocidade deste medio.

-Os destinados ós alfoces urbanos desasistidos ou grupos marxinais.

-O carácter continuado e non meramente ocasional das actividades programadas.

-O número de asociados.

Artigo 5º-Contía máxima obxecto de subvención.

A contía da axuda concedida non poderá exceder do 75% do orzamento total da actividade subvencionada.

Artigo 6º-Resolución.

1. No caso das entidades de ámbito superior a unha provincia, unha vez emitido informe sobre as solicitudes polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude, o director xeral de Xuventude elevará a correspondente proposta á consellería de Familia, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, o informe corresponde ós servicios técnicos da correspondente delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e a resolución será dictada polo delegado provincial da consellería.

3. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

4. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude reserva para si o dereito de orientar tecnicamente as actividades e comproba-los datos económicos, así como de espallar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

5. Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da recepción da notificación, para retira-la documentación presentada. Trascorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Artigo 7º-Obrigas dos beneficiarios.

As entidades beneficiarias das axudas quedarán obrigadas:

1. A non modificar, sen autorización expresa do director xeral de Xuventude ou do delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, segundo o caso, o programa de actividades inicialmente previsto.

2. A admiti-la comprobación da execución dos proxectos subvencionados por parte da Dirección Xeral de Xuventude ou por parte dos órganos territoriais da consellería.

3. A facer constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron axuda da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, empregando para isto a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 8º-Xustificación da subvención.

A xustificación das axudas efectuarase antes do día 31 de outubro de 1997, mediante calquera dos seguintes procedementos:

1. Mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias, que virán recollidas nunha relación na que figurarán todas elas xunto co seu importe, relación que deberá ser asinada pola persoa responsable da entidade subvencionada.

No caso de presentar fotocopias das facturas, estas irán acompañadas dos orixinais e unha vez compulsadas pola unidade administrativa, logo do aboamento da taxa correspondente, procederase á devolución dos orixinais.

Para os efectos de xustificación soamente se admitirán os recibos ou facturas que se aporten e que figuren na relación, especificando cada un deles a actividade realizada, data da súa execución, así como o NIF do que subscribe, que deberá ser persoa allea á entidade receptora.

2. Mediante certificación expedida polo secretario da entidade, e visto e prace do presidente, na que fará consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado, que incluirá así mesmo unha relación na que figurarán tódalas facturas, xunto co seu importe.

Para calquera dos procedementos xustificativos que se adopten, ademais deberase presentar así mesmo unha sucinta memoria na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto de subvención.

Artigo 9º-Pagamento da subvención.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 8º, poderase proceder ó pagamento da subvención.

Non obstante, unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, o órgano competente, segundo o caso, poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, e a conta da liquidación ata unha porcentaxe do 80% da subvención concedida, podendo autorizarse, non obstante, un anticipo do 10% de acordo co disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997.

Para os efectos de facer efectivo o anticipo do 10% previsto para aquelas subvencións que superen o millón de pesetas, será preciso remitir, como requisito previo, certificación do secretario da entidade beneficiaria co visto e prace do presidente na que se faga consta-la necesidade do anticipo para poder inicia-las actividades obxecto de subvención.

2. No caso de non aplicar ó fin previsto a totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude só aboará a parte proporcional do investimento real proxectado.

Artigo 10º-Posible anulación da subvención.

No caso de que o beneficiario da axuda incrumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Familia, Muller e Xuven

tude poderá anular total ou parcialmente a subvención concedida, e solicita-la devolución das cantidades percibidas, de habelas, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposición adicional

No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito da súa competencia, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polas entidades solicitantes, desde o 1 de xaneiro de 1997, se son actividades que se consideran importantes para a xuventude e cumpren os requisitos esixidos e condicións establecidas nesta orde.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9457