Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Luns, 30 de decembro de 1996 Páx. 11.963

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 18 de decembro de 1996 pola que se regulan as axudas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gastos imputable ó capítulo IV, no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se materialice a prestación.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade galega para o ano 1997.

Con este fin, no devandito proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997, na aplicación 14.02.212A.482.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 176.747.000 ptas. para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ó que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, da Consellería da Presidencia e Administración Pública, e na Orde de 29 de febreiro de 1996, da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia, e presten atención educativa e asistencial preferentemente a nenos/as de 0 a 3 anos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que, cumprindo os obxectivos anteriores, desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma e estean debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de mantemento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 4º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Para cuantificar economicamente as axudas teranse en conta os seguintes módulos:

Módulo A: centros que posúan unidades de atención a nenos e nenas de 0 a 1 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Calcúlase o custo máximo para subvencionar por neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo B: centros que dispoñan de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Calcúlase o custo máximo para subvencionar por neno/mes en 15.000 ptas.

Módulo C: aplicarase no caso de nenos e nenas de 1 a 3 anos que presenten minusvalideces físicas, psíquicas ou sensoriais, debidamente diagnosticadas polos equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e que utilicen os servicios de comedor. Calcúlase o custo máximo para subvencionar por neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo D: centros que dispoñan de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que non ofrezan servicio de comedor. Calcúlase o custo máximo para subvencionar por neno/mes en 10.000 ptas.

Complemento adicional: aqueles centros que posúan servicio de transporte e/ou horario ampliado, entendendo por tal aquel que exceda en 40 horas mensuais o mínimo establecido, percibirán un complemento adicional máximo para subvencionar por neno/mes calculado en 1.000 ptas.

2. Estas axudas calcularanse en función dos nenos atendidos integrantes dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 35.000 ptas., estando, en todo caso, supeditada a súa concesión á existencia de crédito suficiente.

3. En caso de non existir crédito suficiente, deberán reducirse proporcionalmente a contía das axudas de

xeito tal que estas sexan iguais por cada neno-módulo para tódalas entidades que resulten beneficiarias.

4. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá formalizar convenio con aquelas entidades ou asociacións que concorran a esta convocatoria e reunindo as condicións nela esixidas, posúan centros ou garderías infantís que cumpran os seguintes requisitos:

a) Horario de, polo menos, 10 horas diarias ininterrompidas.

b) Que oferten servicio de comedor.

Artigo 5º

Cando as contías das axudas non sexan suficientes para cubri-lo custo total das prazas, os centros e servicios subvencionados poderán completalo con cotas dos pais. Neste caso as cotas complementarias que aboen os pais, en ningún caso poderán supera-los prezos máximos establecidos pola normativa vixente, para as garderías infantís dependentes desta consellería (Decreto 179/1992, do 26 de xuño).

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

a) Proxecto educativo do ano 1996-97 e previsións ou modificacións para o ano 1997-98.

b) Ficha bancaria (anexo II).

c) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida agás no caso de que se manteña unha conta anterior, xa certificada; neste caso será suficiente unha declaración xurada nese sentido.

d) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

e) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

f) Declaración das subvencións obtidas doutros entes públicos ou privados para a mesma finalidade ou negativa, se é o caso.

g) Fotocopia compulsada da solicitude de permiso para o inicio das actividades, de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 5 da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996.

6.1. As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta, no modelo oficial conforme ós anexos IV e V da presente orde.

6.2. Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

6.3. Os documentos xa aportados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35.f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.4. Os documentos que se aporten deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, sendo de aplicación en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta e/ou os documentos preceptivos para completalos, co apercibimento de que, se non se fixese así, no prazo de dez días arquivarase o expediente sen máis trámite.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas solicitadas.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidente: xefe/a do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelles ós delegados provinciais da consellería, que deberán resolver no prazo dun mes contado a partir da data de finalización do prazo de solicitudes. As solicitudes non resoltas neste prazo teranse por desestimadas.

2. No caso de que segundo o artigo 4º.4 a axuda se formalice mediante convenio, este será asinado pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

3. As resolucións seranlles notificadas ós interesados, debendo ser motivadas as de carácter denegatorio.

Artigo 10º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se conceda a subvención procederase ó pagamento e xustificación, da forma que se indica a continuación, agás nos casos nos que se establezan convenios, nos que se aplicará o que neles se sinale.

2. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1997 da seguinte forma:

Para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade certificación de que foi realizado o gasto por un importe igual ou superior á axuda concedida e que este foi destinado ó fin outorgado.

Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 50% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión, logo da presentación pola entidade do certificado que acredite o inicio das actividades.

b) O 50% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria o documento acreditativo de que foi realizado un gasto igual ou superior ó da axuda concedida e que esta foi destinada ó fin outorgado.

3. A entidade receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III. O cumprimento deste trámite considérase requisito previo para a concesión das subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 11º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

Artigo 12º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicidade da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.2º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, a autorización do gasto e a contracción da obriga demoraranse ata a aprobación do crédito que vai ampara-lo gasto.

Segunda.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral da Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

8784