Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Luns, 30 de decembro de 1996 Páx. 11.919

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de decembro de 1996 pola que se convocan e se aproban as bases que rexen as convocatorias de axudas e bolsas correspondentes á promoción xeral do coñecemento.

A coordinación do sistema universitario e a coordinación dos recursos de investigación son dous grandes obxectivos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se están a concretar en diversas accións.

A experiencia das convocatorias de anos anteriores, as suxestións feitas polas universidades e outros organismos de investigación e moi especialmente a valoración que fixo das convocatorias a Comisión de Selección de Política Científica, contribuíron á introducción de modificacións en aspectos concretos nalgunha das accións que se van financiar. Concretamente, desde a perspectiva da súa estructura, as accións convocadas responden ó principio de complementariedade, porque

estas accións non só veñen complementa-lo espectro de accións que cobren outras institucións senón que tamén veñen complementa-lo número de axudas que se conceden para Galicia. O principio de complementariedade quere dicir, polo tanto, máis financiamento para cada acción e máis accións financiadas.

Este principio supón un uso coordinado dos recursos, de xeito tal que as universidades e os centros de investigación poderán financiar aquela parte de proxectos e solicitudes que, sendo cualitativamente viables, quedan sen financiamento externo por límites de orzamento.

Faise, así mesmo, necesario establecer un mecanismo de homoxeneidade nos formatos de solicitudes para que, coas mínimas modificacións, as mesmas peticións poidan concorrer ás convocatorias internacionais, estatais ou galegas e, así mesmo, se adapten ás esixencias do sistema de xestión de procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Tanto os obxectivos comentados como as modificacións introducidas están orientadas nas accións deste ano a mellora-la contribución ó desenvolvemento de Galicia desde a política científica.

Polo que antecede, esta consellería

DISPON:

Artigo 1º.-Convócanse as bolsas e axudas que a continuación se indican para apoio e fomento da investigación e apróbanse as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos á presente orde:

1. Axudas para a realización de proxectos de investigación (novos equipos e equipos consolidados. Anexo I).

2. Axudas para equipamento de infraestructura de investigación e bibliotecaria. (Anexo II).

3. Bolsas para persoal auxiliar de investigación (técnicos especialistas de FP-2. Anexo III).

Artigo 2º.-Para a concesión das axudas convocadas nos anexos I e II da presente orde destinarase unha cantidade total de 1.830.000.000 ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria 07.05.431A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 1997, 1998 e 1999 de acordo coas seguintes anualidades: 1.400 millóns de pesetas en 1997; 400 millóns de pesetas en 1998 e 30 millóns de pesetas en 1999. Para as bolsas convocadas no anexo III destinaranse 82.000.000 ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.431A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1997. Nembargantes as cantidades antes citadas poderanse incrementar ata un máximo dun 20% en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos. O gasto citado queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1997, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 3º.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán

ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/92, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de 12 meses, de conformidade co establecido no decreto 267/1994, do 29 de xullo, polo que se aproba a relación de procedementos iniciados a solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro l996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Axudas para a realización de proxectos de investigación

Estas axudas teñen unha dobre finalidade:

1. Fomenta-la creación de novos equipos de investigación con vistas a conseguir:

a) A diversificación e o incremento do persoal investigador da Comunidade Autónoma.

b) Darlle pulo á súa competitividade para que poidan participar en convocatorias de ámbito nacional e internacional.

2. Prestarlles apoio a aqueles equipos de investigación xa consolidados no desenvolvemento das súas liñas de investigación que sexan de interese, tanto no ámbito da investigación científica básica e aplicada como no ámbito da investigación tecnolóxica e que contribúan ó desenvolvemento industrial e productivo de Galicia.

1. Modalidades.

Convócanse dous tipos de axudas:

-Modalidade A: axudas para a realización de proxectos de investigación por parte de novos equipos de investigación (equipos de iniciación á investigación).

-Modalidade B: axudas para a realización de proxectos de investigación por parte de equipos consolidados.

2. Duración e contía máxima da axuda.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto de investigación por un período máximo de 3 anualidades e, en todo caso, o proxecto deberá estar rematado antes do 1 de decembro de 1999. A contía das axudas durante o citado período, agás circuns

tancias excepcionais que o aconsellen, non superará os límites seguintes:

-Modalidade A: máximo 6.000.000 ptas.

-Modalidade B: máximo 15.000.000 ptas.

3. Requisitos e solicitudes.

3.1. Requisitos xerais.

As axudas poderán ser solicitadas polo persoal docente e investigador das universidades de Galicia ou por outros investigadores do cadro de persoal de centros públicos de investigación establecidos na Comunidade Autónoma, sempre que se atopen en situación administrativa de servicio activo e prestando servicios nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia ou nun centro público de investigación establecido na Comunidade Autónoma.

Non poderán participar nesta convocatoria aqueles investigadores que figuran como investigadores principais en proxectos de 2 ou 3 anos de duración, financiados por esta consellería na convocatoria do ano 1996 (resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación do 16 de outubro de 1996, (DOG do 24 de outubro). Os restantes investigadores poderán participar nesta convocatoria sempre que cumpran os requisitos específicos da modalidade elixida (tipo A ou tipo B) e dispoñan de horas libres para investigación descontadas as que dedican a outros proxectos vixentes financiados por esta consellería ou por outros organismos públicos ou privados tendo en conta o seguinte:

-O número máximo de horas que poden dedicarse á investigación cando esta actividade se realiza de forma exclusiva é de 40 semanais.

-Os investigadores que sexan profesores de universidade poderán asignarse ata un máximo de 32 horas semanais para actividade investigadora. Cando se atopen en situación de dedicación a tempo parcial deberán desconta-las horas lectivas da súa dedicación e nunca poderán figurar con máis de 16 horas semanais.

-Cada investigador poderá participar só nun proxecto dos que se presenten a esta convocatoria.

3.2. Requisitos específicos para as axudas da modalidade de tipo A.

a) O equipo estará formado por un mínimo de 3 investigadores (incluído o investigador principal). Ó modelo de solicitude xuntarase fotocopia do DNI de cada un dos investigadores.

b) O investigador principal do proxecto terá que ser doutor. Os restantes investigadores deberán estar en posesión do título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto por unha facultade ou escola técnica superior e deberán ter acadada a suficiencia investigadora (prevista no Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios posgraduados) ou, no seu defecto, deberán estar matriculados nos estudios de terceiro ciclo.

c) Tódolos membros do equipo, incluído o investigador principal, deberán dedicar, cada un deles, un mínimo de 25 horas semanais ó proxecto e ningún deles poderá desempeñar cargos nos equipos rectorais nin te-la condición de decano ou director de centro.

d) Non poderán participar nesta modalidade como investigadores aqueles que formaran parte como investigadores principais de equipos que teñan recibido dúas ou máis axudas deste tipo en convocatorias anteriores. Este aspecto farao constar cada un dos membros do equipo, utilizando o modelo de declaración xurada que se inclúe na páxina 3 do documento número 1 do modelo de solicitude.

e) Xuntarase declaración de todo o financiamento vixente do que dispón cada un dos membros do equipo investigador, segundo o modelo que se inclúe na páxina 4 do documento número 1 do modelo de solicitude.

3.3. Requisitos específicos para as axudas da modalidade de tipo B.

a) O equipo deberá estar formado polo menos por dous doutores e os restantes investigadores deberán ter acadada a suficiencia investigadora prevista no Real decreto 185/1985. O equivalente xornada completa (EXC) do proxecto non poderá ter valor inferior a 2,5. Xuntaráselle ó modelo de solicitude fotocopia do DNI de cada un dos investigadores.

b) Para os investigadores que sexan doutores requírese unha dedicación mínima de 16 horas semanais. Os restantes investigadores deberán dedicar un mínimo de 25 horas semanais ó proxecto.

c) Xuntar declaración de todo o financiamento vixente de que dispón cada un dos membros do grupo investigador segundo o modelo que se inclúe na páxina 4 do documento número 1 do modelo de solicitude.

3.4. Solicitudes

As solicitudes, no modelo oficial número 1 (do que a carátula externa se publica como anexo V á presente orde e á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), presentaranse por triplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992. Este modelo número 1 consta de 3 documentos:

-Documento nº 1: datos xerais do proxecto e do equipo investigador.

-Documento nº 2: memoria do proxecto de investigación.

-Documento nº 3: currículum vitae. En particular, na páxina 2ª indicaranse as publicacións resultantes de proxectos financiados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desde o ano 1990. No caso de que esta páxina non se cubra entenderase que non se dispón de ningunha publicación destas características.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da

lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (Disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Calquera solicitude deberá ser presentada co visto e prace do representante legal do organismo correspondente (rector no caso das universidades).

As solicitudes acompañaranse da correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta, para efectos de xustificante de recepción.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de xaneiro de 1997.

As axudas solicitadas deberanse referir a algún dos seguintes conceptos:

-Material inventariable.

-Material funxible.

-Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

-Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

4. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos. Efectuada a valoración, a Comisión de Selección de Política Científica procederá a selecciona-los beneficiarios das axudas e elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

Na selección dos beneficiarios, a Comisión de Selección de Política Científica considerará como áreas de especial interese as de dereito, económicas e empresariais e as técnicas. Así mesmo, a Comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas peticións que se propoñan ó amparo dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia e un centro de investigación no exterior. Ademais teranse en conta, entre outros criterios, os seguintes:

Para a modalidade A:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) Daráselles prioridade a aqueles proxectos que supoñan unha relación cos proxectos de investigación dos equipos tipo B.

Para a modalidade B:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) Daráselles prioridade a aqueles proxectos de investigación que supoñan o traballo conxunto entre equipos de investigadores de tipo B.

c) Daráselles prioridade a aqueles proxectos de investigación que, sendo presentados ás convocatorias de ámbito estatal e obtendo avaliación positiva, non acadaron financiamento.

5. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ó libramento dos fondos será necesario que a universidade ou organismo correspondente expida a certificación expresiva da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o compromiso de facelo, acompañada dos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houbese.

6. Seguimento do proxecto.

As axudas concedidas son incompatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto. A Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. Antes do 31 de marzo de 2000, o investigador principal presentará o informe final, máximo 3 folios, a través do Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A non presentación do dito informe poderá condiciona-la concesión de futuras axudas.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores; no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e deberán enviar a través do Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria 1 exemplar das correspondentes publicacións.

7. Incidencias.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da Dirección Xeral de Universidades e Investigación, resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas de conformidade co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

ANEXO II

Axudas para equipamento de infraestructura de investigación e bibliotecaria

A finalidade destas axudas é mellora-lo equipamento científico dos centros de investigación e a adquisición de fondos bibliográficos ou documentais.

As peticións deberanse referir necesariamente a algún dos apartados seguintes:

a) Adquisición e instalación de instrumentación científica en xeral (material inventariable), imprescindible para o desenvolvemento das investigacións en curso ou, de se-lo caso, de material complementario de equipamento científico xa existente.

b) Adquisición de fondos e material bibliográfico ou documental para investigación.

1. Solicitudes.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberá adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 31/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

1.1. Instrumentación científica.

Establécense dúas modalidades de solicitudes:

Modalidade A: Solicitudes presentadas institucionalmente polas universidades do sistema universitario de Galicia así como solicitudes presentadas polos servicios de apoio ó sistema universitario de Galicia.

Modalidade B: Solicitudes de grupos de investigación pertencentes a centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma.

Modalidade A.

As axudas, no modelo oficial que se publica como anexo VI á presente orde, poderán ser solicitadas, únicamente, polas universidades de Galicia e polos responsables dos servicios de apoio ó sistema universitario de Galicia.

As solicitudes deberán referirse a servicios xerais e acompañaranse da seguinte documentación:

-Material solicitado e descrición pormenorizada del (folletos descritivos), con indicación do servicio xeral ó que se destinará.

-Relación do material de que dispón o servicio xeral correspondente con indicación de: data de adquisición, entidade financiadora e custo.

-Relación do persoal destinado de forma permanente no servicio xeral.

-Fotocopia do libro de usuarios do servicio durante o ano 1996.

Cada universidade ou servicio de apoio ó sistema universitario de Galicia presentará unha única solicitude, que poderá referirse a un ou varios servicios xerais, entendéndose que a documentación sinalada no parágrafo anterior se refire de forma individual a cada petición.

A contía global da solicitude non poderá ser superior a 60 millóns de pesetas e ningún dos instrumentos solicitados será de contía inferior a 5 millóns.

Modalidade B.

As axudas, no modelo oficial nº 3 (do que a carátula externa se publica como anexo VII a presente orde e a disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades

e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), poderán ser solicitadas polos grupos de investigación pertecentes a centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma (máximo 4 grupos). Non poderán participar na composición dos grupos solicitantes aqueles investigadores que asinaron solicitudes de instrumentación científica que foron financiadas na convocatoria do ano 1996 (resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación do 9 de xullo de 1996, DOG 22 de xullo).

A contía da solicitude deberá ser dun mínimo de cinco millóns de pesetas (enténdese este relativo a un único instrumento), e non poderá supera-los quince millóns de pesetas.

Os impresos de solicitude deberán incluí-la seguinte documentación:

a) Descrición do material que se solicita e xustificación da súa necesidade respecto da investigación que se realiza.

b) Relación do/dos grupo/s de investigación que usarán ordinariamente o material solicitado. Poderán participar como máximo 4 grupos en cada solicitude. Considérase a composición dos grupos pechada de modo que ningún dos seus membros poderá figurar incluído noutro grupo. Ademais, cada grupo poderá participar soamente nunha solicitude.

c) Relación das 5 publicacións máis salientables, dos 3 últimos anos, de cada un dos grupos solicitantes. Documentarase mediante fotocopia da primeira páxina da publicación ou daquela na que figuren os datos significativos dela (autor/es, título, editorial, revista, etc.)

d) 3 orzamentos de instrumentos ou equipos equivalentes mediante as correspondentes facturas proforma.

e) De se-lo caso, certificación expedida polo organismo competente relativa ó cofinanciamento externo ó solicitante, que se aporta para a adquisición do material solicitado.

Calquera solicitude deberá ser presentada a través do organismo que posúa personalidade xurídica propia, co visto e prace do seu representante legal (rector no caso das universidades).

As solicitudes acompañaranse da correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta, para efectos de xustificante da recepción.

1.2. Fondos bibliográficos ou documentais para investigación.

As solicitudes, no modelo oficial que se publica como anexo VI á presente orde, terán carácter institucional e serán presentadas unicamente polo responsable dos fondos bibliográficos ou documentais da correspondente institución tendo en conta o seguinte:

a) Cada institución só poderá presentar unha solicitude e a súa contía global non poderá ser superior a 60 millóns de pesetas. Non obstante, a solicitude

poderá conter unha relación de peticións parciais relativas a centros ou organismos dependentes da institución solicitante, pero neste caso as peticións parciais deberán presentarse sumadas e priorizadas pola institución solicitante e o seu total non superará a contía global xa citada.

b) A solicitude, sexa única ou resultado da suma de varias peticións parciais, deberá indica-la relación de fondos solicitados e o lugar onde serán situados e acompañarase de:

-Factura proforma detallada dos fondos solicitados.

-Aval, se é o caso, da correspondente comisión de biblioteca.

-Certificación da correspondente institución na que conste que os fondos solicitados están destinados á investigación.

-Certificación da correspondente institución na que conste que os fondos solicitados non supoñen duplicidade dentro dela, se ben poderán ser admitidas excepcións sempre que sexan debidamente xustificadas.

c) Non se admitirán solicitudes que estean destinadas a aboar subscricións a publicacións períodicas, de tal maneira que a adquisición de fondos retrospectivos non implicará nunca compromiso de subscrición, o mantemento da cal deberá correr a cargo da correspondente institución.

2. Formalización das solicitudes.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

O prazo de presentación das solicitudes remata o día 7 de febreiro de 1997.

3. Resolución

A selección dos beneficiarios das axudas será realizada pola Comisión de Selección de Política Científica que elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A Comisión poderá solicitar calquera información de expertos, establecendo os contactos necesarios que conduzan a unha acertada distribución dos fondos dedicados a esta convocatoria. A avaliación das solicitudes será realizada atendendo:

a) Ó cofinanciamento, externo ó solicitante, que se aporta para a adquisición do material solicitado.

b) Á incidencia que na investigación e desenvolvemento científico e técnico de Galicia pode te-la dispoñibilidade do material de que se trate.

c) A que a súa adquisición non supoña duplicidade inxustificada con relación ós medios xa existentes no centro onde se instalará o equipo.

d) A que a solicitude concorrese a outras convocatorias nas que a pesar de ser avaliada positivamente non acadase financiamento.

No caso de solicitudes de instrumentación científica da modalidade B, ademais dos criterios anteriores, teranse en conta os seguintes:

a) As publicacións efectuadas nos 3 últimos anos polos integrantes de cada grupo solicitante.

b) A xustificación da necesidade do equipo solicitado.

4. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o centro solicitante ou o equipo investigador, de acordo coa normativa vixente.

5. Obrigas.

Os beneficiarios das axudas para equipamento de infraestructura de investigación e bibliotecaria estarán obrigados a:

5.1. Xustificar antes do 7 de novembro de 1997, mediante a correspondente factura, a adquisición do material financiado. Así mesmo, cando polo pago doutras subvencións quedara cuberto o importe parcial ou total do gasto que supón o material, estarán obrigados a devolve-lo resto ou o total, respectivamente, da axuda concedida.

5.2. Facer constar nas memorias anuais que se redacten, así como nos traballos realizados co material subvencionado, o patrocinio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

O material adquirido mediante esta convocatoria será propiedade da universidade ou do centro de investigación correspondente e deberá ser incluído no inventario xeral deste, facendo constar nel, en canto á súa adquisición, Fomento da investigación, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Xunta de Galicia, ano 1997.

ANEXO III

Bolsas para persoal auxiliar de investigación

(Técnicos especialistas de FP-2)

Estas axudas teñen dous obxectivos básicos:

1. Apoio ó desenvolvemento dos programas de investigación dos departamentos e institutos das universidades de Galicia ou dos centros públicos de investigación establecidos na Comunidade Autónoma, facilitándolle-la posibilidade de colaboración de técnicos especialistas de FP-2.

2. Completa-la formación do persoal investigador no estamento de persoal auxiliar, garantindo a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación.

De todo este proceso non só se desprende unha axuda directa ás universidades e ós demais centros de investigación establecidos en Galicia senón que se está a contribuír ó desenvolvemento da productividade en Galicia na mesma medida que o persoal seleccionado nesta convocatoria adquire un tipo de experiencia que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida activa e empresarial.

A. Convocatoria do concurso para a selección dos centros habilitados.

1. Solicitantes.

Poderán optar a estas axudas os equipos de investigación dos departamentos, institutos e dos centros públicos de investigación establecidos na Comunidade Autónoma, sempre que teñan proxectos ou contratos de investigación vixentes financiados con fondos europeos, outros fondos internacionais, estatais ou de entidades públicas ou privadas da Comunidade Autónoma.

2. Formalización de solicitudes.

As solicitudes no modelo oficial número 7 (que se publica como anexo VIII á presente orde e á disposición dos centros interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (dispoción adicional de Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1983, do 17 de novembro).

Nelas indicarase:

2.1. Composición do equipo

2.2. Especialidade/s requirida/s ós titulados que estean dispostos a incorporar ás tarefas do centro. A relación de especialidades que poden ser tomadas en consideración figuran no anexo IV desta convocatoria.

2.3. Plan de traballo que lle sería asignado ó técnico especialista, facendo especial mención das accións específicas de formación a levar a cabo (técnicas concretas nas que se vai adquirir experiencia e, se é posible e de interese para o traballo nese centro, seminarios e cursos de perfeccionamento, na súa especialización, que hai que seguir durante o período de desfrute da bolsa).

2.4. Certificación, segundo o modelo incluído no impreso de solicitude, expedida polos servicios de contabilidade do correspondente organismo, na que conste o financiamento vixente de que dispón o equipo, ó que se fixo referencia no punto 1. Non será tido en conta aquel financiamento alegado que non estea convenientemente xustificado. Enténdese como financiamento vixente a totalidade da subvención correspondente a proxectos ou contratos de investigación que rematen con posterioridade a data de peche da presente convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 21 de febreiro de 1997.

3. Tramitación

Por parte dos servicios da Dirección Xeral de Universidades e Investigación comprobarase que tódalas

solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando no seu caso as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos dos vicerrectorados de Investigación das universidades de Galicia, nos vicerrectorados dos campus de Ferrol e Ourense e na vicexerencia do campus de Lugo. Esta lista estará exposta desde o 18 ó 30 de abril de 1997, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades e Investigación, aportando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase ó arquivo do expediente sen mais trámite.

4. Selección de centros habilitados.

A selección de centros habilitados será realizada pola Comisión de Selección de Política Científica que elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A selección de centros habilitados faráselle dándolle prioridade ás solicitudes en función das fontes de financiamento, segundo o seguinte orde:

1º) Recursos procedentes da Unión Europea.

2º) Recursos procedentes doutros organismos internacionais.

3º) Recursos procedentes de fondos estatais.

4º) Recursos procedentes de entidades públicas ou privadas da Comunidades Autónoma.

5. Adscrición de bolseiros.

A adscrición de bolseiros ós centros habilitados realizarase de acordo co procedemento establecido no punto B.6 das presentes bases.

B. Convocatoria do concurso para a selección de novos bolseiros.

1. Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar ás bolsas convocadas os titulados de formación profesional de segundo grao (ou de estudios equivalentes) que cursaron os seus estudios nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma sempre que remataran os correspondentes estudios de FP 2 no ano 1993 ou en data posterior e que teñan como especialidade algunha das que figuren na resolución dictada pola Dirección Xeral de Universidades e Investigación con ocasión da resolución do apartado A deste anexo III, sempre que en anteriores convocatorias, non desfrutasen dunha destas bolsas, durante un período de máis dun ano.

2. Contía das bolsas.

-O importe das bolsas incluirá unha axuda de 840.000 ptas. anuais que se destinará ó pagamento

dunha bolsa de 70.000 ptas. mensuais brutas ó candidato seleccionado.

-Seguro combinado de accidentes que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria deberá subscribir en beneficio do bolseiro polo período de duración da bolsa.

3. Formalización de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial número 8 (que se publica como anexo IX á presente orde e á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adoptarse ó disposto na lexislación vixente (dispoción adicional de Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

A elas xuntaráselles:

-Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados, incluíndo certificado de estudios que especifique as cualificacións obtidas durante os cursos do segundo grao de formación profesional (ou estudios equivalentes).

-Declaración xurada do solicitante na que conste non ter desfrutado destas bolsas durante un período superior a un ano.

-Fotocopia compulsada do correspondente título de especialista de FP-2 ou no seu defecto documento acreditativo de pagamento das taxas correspondentes para a súa expedición.

4. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes establecerase na resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación pola que se aprobe a relación de centros habilitados.

5. Tramitación.

Por parte dos servicios da Dirección Xeral de Universidades e Investigación comprobarase que tódalas solicitudes reúnan os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos dos vicerrectorados de Investigación das universidades de Galicia, nos vicerrectorados dos campus de Ferrol e Ourense e na vicexerencia do campus de Lugo. O prazo de exposición das listas establecerase na resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación pola que se aprobe a relación de centros habilitados, podendo os interesados, durante ese prazo, formular reclamación para emendar erros e fal

tas de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades e Investigación, aportando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

6. Valoración, resolución do concurso e adscrición dos bolseiros ós centros habilitados.

A valoración das solicitudes presentadas, de acordo cos méritos alegados polos aspirantes, será efectuada pola Comisión de Selección de Política Científica. No proceso de valoración poderase requiri-la participación dos coordinadores de formación profesional das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Criterios de valoración:

-Expediente académico, ata 4 puntos. Para efectos de cálculo da nota media non se computarán aquelas materias que consten no expediente do alumno como validadas.

-En caso de empate valoraranse outros méritos alegados e documentados polos solicitantes xunto coa súa solicitude.

A selección de bolseiros será realizada pola Comisión de Selección de Política Científica, que elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e deberá relaciona-los candidatos seleccionados por orde de maior a menor puntuación, dentro dos que posúan a mesma especialidade.

Conforme os mesmos criterios elaborarase, por especialidades, unha lista de suplentes para o caso de posibles renuncias.

Dentro dos 40 días seguintes á publicación da referida resolución no Diario Oficial de Galicia, a Dirección Xeral de Universidades e Investigación procederá á adscrición dos bolseiros seleccionados ós centros habilitados. A adscrición realizarase ofertándolles ós bolseiros, por especialidades e atendendo á orde de puntuación que obtiveran, tódolos centros que foron habilitados, de acordo co apartado A.4, de modo que eles mesmos elixan o centro que máis lles conveña. Só se poderá adscribir un bolseiro por cada equipo de investigación. Previamente á elección proporcionaráselle ós bolseiros toda a información relativa ás actividades que se van realizar nos diferentes centros habilitados tendo en conta o sinalado polos solicitantes no documento ó que se refire o punto A.2.3.

7. Formalización da adscrición.

A adscrición proposta producirá efectos desde o momento en que as partes interesadas asinen un documento de aceptación no que se especifique o tipo e mailas condicións da tarefa encomendada ó bolseiro e o compromiso de levala a cabo nos termos establecidos.

A negativa inxustificada, a xuízo da Dirección Xeral de Universidades e Investigación, a formaliza-lo documento de aceptación dará lugar á exclusión do centro habilitado ou á cancelación da bolsa, segundo os casos.

8. Dedicación.

O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a cumpri-las tarefas que lle sexan encomendadas. O desfrute da bolsa será incompatible con calquera clase de traballo remunerado.

9. Seguimento.

A Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá solicitar información, tanto do bolseiro como do centro habilitado ó que figura adscrito, sobre o desenvolvemento das actividades daquel. No caso de que o centro habilitado utilice o bolseiro para actividades diferentes das propostas no punto 2.3 do apartado A e no documento de aceptación ó que se fixo referencia no punto 7 deste apartado B, a Dirección Xeral poderá proceder a revoga-la habilitación concedida ó centro. Ó remate do período de desfrute da bolsa o bolseiro terá dereito a que o director do centro habilitado lle expida un informe detallado sobre a actividade que desenvolveu e o grao de aproveitamento obtido.

10. Incidencias.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da Dirección Xeral de Universidades e Investigación, resolverá tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.

No caso de que durante o período de desfrute da bolsa se producise algunha circunstancia que motivase a interrupción da colaboración do bolseiro, informarase inmediatamente á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para a adopción das medidas oportunas. Neste caso a Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá propoñe-la adxudicación da bolsa a outros candidatos da mesma especialidade, tendo en conta a lista de suplentes que elabore a Comisión de Selección de Política Científica.

O novo bolseiro será adscrito ó mesmo centro no que se produciu a renuncia.

C. Convocatoria de prórroga das bolsas concedidas como consecuencia da resolución do anexo III.B da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 29 de febreiro de 1996 (DOG do 14 de marzo).

1. Solicitantes.

Os bolseiros seleccionados como consecuencia da resolución do anexo III.B da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 29 de febreiro de 1996 (DOG do 14 de marzo) poderán solicitar unha prórroga da axuda que desfrutan, durante outro período dun ano, quedando adscritos ó mesmo centro.

2. Formalización de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 9 ( que se publica como anexo X á presente orde e á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), pre

sentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

No mesmo faranse consta-las razóns xustificativas da prórroga solicitada, así como a relación detallada das actividades realizadas polo bolseiro no curso 96-97 e plan de traballo segundo o sinalado no punto 2.3º do apartado A.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional de Lei 3/1993, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

As solicitudes acompañaranse da correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta, para efectos de xustificante de recepción.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de abril de 1997.

3. Resolución.

A valoración das solicitudes presentadas será efectuada pola Comisión de Selección de Política Científica, que elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

4. Outras condicións.

Análogas ás indicadas nos puntos 2, 7, 8, 9 e 10 do apartado B.

ANEXO IV

Relación de especialidades que poden ser solicitadas polos centros

RamaEspecialidade/móduloProgramas

Sanitaria.LaboratorioBOE 13-6-80
RadiodiagnósticoBOE 13-6-80
Anatomía patolóxicaBOE 13-6-80
Protésico dentalBOE 25-8-76

e 25-8-77

Coidador de diminuídos psíquicosBOE 4-3-83
Hixienista dentalBOE 30-9-81
Dietética e nutriciónBOE 28-1-85
Saúde ambientalBOE 12-2-88

e 20-12-88

Técnico en actividades físicas e animación deportivaBOE 23-2-90

Marítimo pesqueiraPesca marítima(*)
Mecánica naval(*)
Electricidade naval(*)
Radiotelefonía naval(*)
Cultivos mariñosBOE 30-8-91

MetalMáquinas-ferramentas(*)
Matricería e moldes(*)
Automatismos pneumáticos e Oleohidráulicos(*)
Fabricación mecánicaBOE 12-2-83

Mecánica industrialFabricación soldada.BOE 1-4-91

RamaEspecialidade/móduloProgramas

Electricidade e ElectrónicaSistemas automáticos e programablesBOE 12-2-88
Mantem. en instal. e Servicios.BOE 20-12-88
Instalacións e liñas eléctricas(*)
Instalacións térmicas auxiliares de proceso.B.O.E 23-2-90
Máquinas eléctricas(*)
Electrónica de comunicacións(*)
Electrónica industrial(*)
Equipos de informáticaBOE 28-2-78
Frío industrialBOE 15-10-76
Frío e climatizaciónBOMEC 11-77

QuímicaAnálise e procesos básicos(*)

Administrativa e comercialInformática de xestiónBOE 28-2-78
ContabilidadeBOE 29-08-80
Informática empresaBOE 28-09-85
Admón. de empresasBOE 12-02-88
Comercio exteriorBOE 20-12-88
Asesoría do consumoBOE 23-2-90
Secretariado bilingüe e comercialBOE 30-09-88
Secretariado executivo multilingüeBOE 1-04-91

Artes GráficasComposición..(*)
Reproducción fotomecánica(*)
Impresión(*)

DelineaciónDelineación industrial(*)
Delineación en edificios e obras(*)

Decoración e Arte PublicitarioDecoración(**)
Deseño gráfico(**)
Debuxo publicitario(**)

Deseño, Delineación e Trazado artísticoDelineación artística(**)

Talleres de Artes Aplicadas e Oficios ArtísticosTalleres(**)

Industrias alimentariasIndustrias alimentariasBOE 1-4-91

AgrariaMecanización agraria(*)
HortofructiculturaBOE 20-12-88
Explotacións agropecuarias(*)
Viticultura e etnotecniaBOE 2-11-77
Aproveitamentos forestais e conservación da naturezaBOE 30-8-91

AutomociónMecánica e electricidade do automóbil(*)
AutomociónBOE 23-2-90

Perruquería e estéticaPerruqueríaBOE 20-2-86
EstéticaBOE 20-2-86

Servicios socioculturaisXardíns de infanciaBOE 17-10-77
Educador infantilBOE 20-12-88

Construcións e obrasFontaneríaBOE 5-5-82

MadeiraDeseño e fabricación de moblesBOE 10-8-77

Moda e confecciónConfección industrial de roupa exteriorBOE 8-10-85

Imaxe e sonRealización producción e operacións audiovisuaisBOE 30-8-91
Operador de imaxe e sonBOE 23-2-90
Mantemento e operación Técnica de equipos de radio e TV.BOE 23-2-90

(*) Os programas correspondentes foron aprobados por O.M. de 13-9-1975 e figuran nos boletíns oficiais do MEC do 27-10-1975, 10-11-1975 e 24-11-1975.

(**) Os programas correspondentes foron aprobados polo Decreto 2127, do 24 de xullo de l963 (BOE 6-9-1963), Orde de 27 do decembro de l968 (BOE 23-1-1969), Decreto 179/1988, do 7 de xullo (DOG 7-7-1988), Orde 29-7-1988 (DOG 31-7-1988 e 5-9-1988).

9473