Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Luns, 30 de decembro de 1996 Páx. 11.912

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 435/1996, do 20 de decembro, polo que se modifica a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Acordado polo Pleno da Comisión Mixta de Transferencias o 14 de novembro de 1996 o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ó servicio da Administración de Xustiza -Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro-, cómpre adecua-la estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ás novas funcións transferidas e dotala dos órganos de xestión que permitan a súa execución:

Polo tanto e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

A) Á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local correspóndelle a xestión e maila proposta de resolución dos asuntos transferidos ou relacionados coas competencias que lle corresponda estatutariamente á Xunta de Galicia en materia de xestión de persoal ó servicio da Administración de Xustiza.

B) A Subdirección Xeral de Xustiza, mantendo as competencias que se lle asignan no Decreto 13/1994, do 20 de xaneiro, pasará a denominarse Subdirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza.

C) Créase como nova unidade dependente da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, a Subdirección Xeral de Persoal ó servicio da Administración de Xustiza.

Á Subdirección Xeral de Persoal ó servicio da Administración de Xustiza correspóndelle, dentro das competencias asumidas pola Xunta de Galicia, executa-las directrices de dirección xeral nas materias relacionadas coa xestión do persoal ó servicio da Administración de Xustiza, tales como:

-En materia de persoal:

Exerce-las competencias que, con respecto ó persoal ó servicio da Administración de Xustiza, lle correspondan á Comunidade Autónoma, dentro da ordenación xeral que nesta materia se estableza e sempre que non estivesen atribuídas a outros órganos.

Exerce-las competencias que correspondan en relación co Rexistro de Persoal e a inspección xeral do servicio.

Coidar do cumprimento da lexislación específica en materia de persoal, adoptando, ou se é o caso, propoñendo, as medidas precisas para iso, e exercer calquera outra función que lle atribúa a normativa vixente.

A mutua colaboración cos órganos de goberno interno dos tribunais e xulgados.

-En materia de relacións sindicais:

Exerce-la representación que lle corresponda, se é o caso, ó departamento nas conversacións e negociacións que se establezan con centrais sindicais, comités ou outros órganos de representación do persoal ó servicio da Administración de Xustiza, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

Representa-lo departamento naqueles órganos ou comisións que deriven de acordos ou convenios alcanzados ou subscritos coa representación do dito persoal, salvo que nestes expresamente se lle atribuíse a outro órgano.

Promover accións e, se é o caso, xestionar servicios de carácter social destinados a mellora-las condicións de traballo do dito persoal, conforme a normativa vixente.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1. Servicio de Xestión de Persoal.

Exercerá as directrices que en materia de xestión de persoal e relacións sindicais lle sexan encomendadas pola Subdirección Xeral, elaborando ademais os estudios ou propostas correspondentes nos asuntos relacionados co persoal da Administración de Xustiza en xeral, segundo as competencias que resultan dos correspondentes regulamentos orgánicos.

2. Servicio de Xerencia de Xustiza.

Executará as directrices que lle sexan encomendadas pola Subdirección Xeral, con especial incidencia no relativo á xestión das nóminas de haberes do persoal da Administración de Xustiza, e a xestión do persoal interino e substituto ó servicio da Administración de Xustiza.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

9656