Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Martes, 24 de decembro de 1996 Páx. 11.792

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector do comercio do metal.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector comercio do metal, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-10-1996, subscrito en representación da parte econica pola Asociación Provincial Ferreterías, Electrodomésticos, Asociación Provincial Maquinaria Agrícola, Asociación Provincial Libre de Recambios y Accesorios e a Asociación Provincial Joyería, Platería y Relojería, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO. UGT e CIG en data 2-10-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro de depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de outubro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Vigo (Pontevedra)

Convenio colectivo de traballo para o sector comercio do metal de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) en representación dos traballadores e as asociacións provinciais de comercio de maquinaria en xeral e venda de vehículos, electrodomésticos, ferretería e material de oficina, almacenistas, maioristas de material eléctrico, xoiería, pratería e reloxería, maquinaria agrícola e libre de recambios e accesorios, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a todas aquelas empresas englobadas no sector comercio do metal, ás que lle sexa de aplicación a ordenanza laboral para o comercio

e con centros de trabajo que estean comprendidos dentro da provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor ós dez días da súa sinatura, con independencia da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó primeiro de xaneiro de 1996.

Artigo 4º.-Duración.

O presente convenio terá unha duración dun ano, finalizando os seus efectos o trinta e un de decembro de 1996, e prorrogarase automaticamente por anualidades, se non media denuncia das partes con tres meses, polo menos, ó termo da súa vixencia. A dita denuncia deberá facerse por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 5º.-Compensación de melloras.

As melloras que se establecen no presente convenio poderán compensar ou absorber no que alcancen aquelas melloras que voluntariamente tivesen establecidas as empresas, ou as que no futuro puidesen establecerse por disposición legal de carácter obrigatorio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que, con anterioridade ó convenio, viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas, considerada no seu conxunto e en cómputo anual, cas que aquí se establecen, deberá conservalas.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de corenta horas semanais de traballo efectivo, de luns a sábado pola mañá.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de trinta días naturais de vacacións anuais retribuídas, que se desfrutarán preferentemente (metade máis un do persoal, polo menos), entre os meses de abril a outubro, ambos inclusive.

Artigo 9º.-Licencias.

Con base no disposto no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores e ordenanza laboral de comercio, o persoal, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos seguintes:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 1 día por traslado de domicilio habitual.

c) Ata 5 días naturais, nos casos de morte ou enterro do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns e parto de esposa, así como enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos, téndose en conta para a súa concesión os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

d) Ata un máximo de catro días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que facer e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta última licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impor ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

e) O traballador desfrutará dun día retribuído ó ano de libre disposición que deberá solicitar cunha semana de antelación e que non poderá ser coincidente co solicitado por outro traballador da empresa.

Este beneficio quedará suprimido do convenio, no caso de reducción de xornada por disposición legal.

Artigo 10º.-Retribucións.

Os saldos e salarios correspondentes ás distintas categorías son os que figuran na táboa salarial anexa.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1996 un incremento respecto ó 31 de decembro de 1995 superior ó 3,7%, o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 1997. Para iso, no momento da negociación do convneio colectivo do ano 1997 procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1996. A cuantificación do dito exceso adicionarase ós salarios vixentes o 31 de decembro de 1996 e sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais para 1997.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Os premios de antigüidade consistirán en cuadrienios ó 5% sobre o salario base dos traballadores.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio manterá o seu dereito a percibir xatro pagas extraordinarias dunha mensualidade cada unha delas, en marzo (paga de beneficios), xuño, setembro e decembro (Nadal). Estas pagas consistirán no salario base, de acordo co salario do traballador máis a antigüidade, se é o caso, e deberá ser aboadas non despois do día dez dos ditos meses.

A empresa poderá rratea-las pagas extraordinarias de marzo e setembro, á totalidade do cadro de persoal, en cada un dos doce meses do ano.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia do presente convenio quedan suprimidas as horas extraordinarias salvo caso de extrema necesidade, que será apreciada polo empresario, oídos os delegados de persoal ou membros do comité de empresa.

Artigo 14º.-Axudas de custo.

Haberá que aterse, en primeiro termo, ó que dispón o parágrafo primeiro do artigo 83 da ordenanza laboral do comercio.

O persoal terá dereito, ademais, a unha axuda de custo de 763 e 1.132 ptas. respectivamente, segundo que o desprazamento sexa por media xornada ou por xornada completa.

Artigo 15º.-Plus de transporte.

As empresas aboaranlles ós seus traballadores, en concepto de plus de transporte, a cantidade de 9.303 ptas. en cada un os doce meses do ano, sendo considerado como concepto extra salarial para tódolos efectos.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

Durante as situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de enfermidade ou accidente debidamente xustificados, as empresas completarán as prestacións económicas ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 17º.-Servicio militar.

Ó cesar esta causa legal de suspensión do contrato de traballo, a teor do establecido no artigo 48 do Estatuto dos traballadores, o traballador terá dereito á reincorporación ó posto de traballo reservado, e deberá solicita-lo reintegro dentro dos dous meses seguintes ó cesamento da dita causa de suspensión, baixo pena de perder todo dereito á reincorporación á empresa.

Artigo 18º.-Excedencias.

1º. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2º. O traballador con, polo menos, unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor a dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercitado outra vez polo traballador, se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atender ó coidado de cada fillo, contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que viñese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercitar este dereito.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa, os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa, que houbesen ou se producisen na empresa.

A situación de excedencia poderá extenderese a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e os efectos que alí se prevexan.

Artigo 19º.-Excedencia por maternidade.

As traballadoras que, como consecuencia do nacemento de fillo e para atende-lo seu coidado, soliciten

un período de excedencia non superior a un ano, contado desde a terminación do descanso de maternidade a que se refire o número 3 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores, terán dereito á reserva do posto de traballo e á reincorporación a el, unha vez finalizada a excedencia, sempre que solicite o reingreso cun mes de antelación ó termo desta.

Artigo 20º.-Axuda por defunción.

De conformidade co establecido no artigo 89 da ordenanza laboral de comercio na súa nova redacción (BOE do 15-5-1975), en caso de falecemento do traballador cun ano polo menos pretencendo á empresa, queda esta obrigada a satisfacerlles ós seus dereito habentes, o importe de tres mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador percibise, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a esta.

Artigo 21º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ambas partes, xubilación anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores, nas condicións previstas no citado real decreto.

Artiog 22º. Pluriemprego.

As partes asinantes deste convenio consideran conveniente erradica-lo pluriemprego, como regra xeral.

Para estes efectos, considérase necesario que se apliquen co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social, por estar dos de alta xa noutra empresa.

Para coadxuva-lo obxectivo de controla-lo pluriemprego, considérase esencial o cumprimento exacto do requisito de darllo a coñecer ós representantes legais dos traballadores os boletíns de cotización á Seguridade Social, así como os modelos de contrato de traballo escrito que se utilicen na empresa e os documentos relativos ó termo da relación laboral, conforme dispón o artigo 64.1º do Estatuto dos traballadores. O incumprimento desta obriga considérase falta grave para efectos da súa sanción pola autoridade laboral.

Artigo 23º.-Pezas de roupa de traballo.

Os traballadores que proceda proveráselles obrigatoriamente por parte da empresa de uniformes ou outras pezas de roupa de traballo, das coñecidas e típicas para a realización das distintas e diversas actividades que o uso vén aconsellando.

A provisión de tales pezas débese facer ó comeza-la relación laboral entre a empresa e o traballador en número de dúas pezas de roupa, que se reporán en anualidades sucesivas de maneira conveniente ou, polo menos, na metade destas.

Artigo 24º.-Acumulación de horas sindicais.

No ámbito de empresa, os delegados ou membros do comité poderán renunciar a todo ou parte do crédito de horas que a lei en cuestión lles recoñeza, en favor

doutro ou outros delegados ou membros do comité. Para que iso produza efecto, a cesión de horas deberá ser presentada por escrito.

Artigo 25º.-Acción sindical.

Haberá que aterse ó disposto na lexislación laboral vixente e, en particular, nos artigos 61 ó 81 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 26º.-Lexislación subsidiaria.

No non previsto expresamente neste convenio, aplicarase a ordenanza laboral do sector, o Estatuto dos traballadores e demais disposicións.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio constituirase unha comisión paritaria integrada por catro membros da representación social e catro da empresarial.

Disposicións adicionais

Primeira.

Co fin de evita-lo atraso na negociación do próximo convenio, e dados os prexuízos que ós empresarios e traballadores lles causa o aboamento de atrasos salariais, as partes asinantes do convenio acordan constituí-la comisión deliberadora na segunda quincena do mes de xaneiro.

Segunda. As partes nomean unha comisión paritaria que, en principio, estará configurada polos mesmos membros da comisión negociadora do presente convenio, para o estudio e subseguinte incorporación ó convenio do ano 1997, das directrices do acordo marco de comercio de 1996, no referido ás categorías profesionais.

Táboa salarial anexa

Vixencia do 1-1-1996 ó 31-12-1996.

GRUPO I

Enxeñeiros e licenciados126.979

Axudantes e técnicos107.930

Practicantes88.882

GRUPO II

Xefe de persoal126.979

Xefe de vendas, de compras, encargado xeral126.979

Xefe de almacen ou sucursal107.930

Xefe de grupo95.233

Xefe de sección88.882

Encargado establecemento, vendedor, comprador88.882

Viaxante84.650

Corredor de praza82.529

Dependente de 22 a 25 anos80.420

Dependente de 25 anos82.529

Dependiente maior (10% máis que o dependente)

Axudante78.301

Traballadores en formación (por 30 horas semanais

efectivas, segundo Real decreto 1992/1984):

* De 16 anos31.744

* De 17 anos46.026

* De 18 anos55.472

GRUPO III

Xefe administrativo114.278

Xefe de sección95.233

Contable caixeiro88.882

Oficial administrativo84.650

Auxiliar administrativo ata 10 anos de servicio78.368

Auxiliar administrativo con máis de 10 anos de servicio82.529

Aspirante de 16 e 17 anos59.255

Auxiliar de caixa de 16 e 17 anos57.141

Auxiliar de caixa de 18 e 19 anos76.385

Auxiliar de caixa de 20 a 21 anos78.301

Auxiliar de caixa de 22 anos en adiante80.420

GRUPO IV

Debuxante107.930

Escaparatista99.465

Rotulista90.999

Cortador93.112

Axudante79.360

Profesional de oficio de 1ª79.360

Profesional de oficio de 2ª78.301

Axudante de oficio78.301

Mozo especializado78.301

Capataz78.301

Telefonista, mozo, envasador, embalador77.243

GRUPO V

Conserxe, cobrador, vixilante, sereno e ordenanza77.243

Persoal de limpeza por hora426

Vigo, 2 de outubro de 1996.

9301