Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Venres, 20 de decembro de 1996 Páx. 11.734

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 12 de decembro de 1996 de axudas ás entidades locais para a erradicación do chabolismo na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 1997.

O Decreto 266/1989, do 23 de novembro, desenvolve a Lei 5/1989, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presente disposición, que non modifica o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes, indica a partida orzamentaria na que figuran os créditos que amparan a presente orde e sinala a contía máxima das subvencións que se concederán para alugueiros a que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro.

A disposición adicional segunda do devandito decreto faculta o conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas para dictar, no ámbito das súas competencias, tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da devandita norma.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior.

Logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992 , do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9-11-1993 e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Estas axudas instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.760 do estado de gastos do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 2º

Para os efectos da presente orde:

1. Continúan vixentes os límites porcentuais das subvencións establecidos no artigo 2º.1. e 2. da Orde do 27 de xuño de 1996.

2. O límite máximo por vivenda do importe da subvención para alugueiros ó que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, queda establecido en 19.000 ptas./mes.

3. Para a tramitación e concesión das axudas haberá que aterse ó determinado na Orde do 7 de xuño de 1990 e na Resolución do 17 de outubro de 1990 do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no que non resulte modificado pola presente orde.

Artigo 3º

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 1997 e rematará o 31 de outubro de 1997.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 1996.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

9290