Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Venres, 20 de decembro de 1996 Páx. 11.733

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 12 de decembro de 1996 de axudas ós concellos para a infravivenda rural no exercicio de 1997.

O Decreto 343/1992, do 26 de novembro, modificado polo Decreto 195/1996, do 17 de maio, regula as axudas ós concellos para a infravivenda rural.

A Orde do 29 de xaneiro de 1993 desenvolve o Decreto 343/1992, do 26 de novembro, e continúa vixente en canto á determinación dos ingresos familiares, á súa ponderación e o impreso cos datos da unidade familiar e da infravivenda.

A presente disposición, que non modifica o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes, indica a partida orzamentaria na que figuran

os créditos que amparan a presente orde e sinala a contía máxima das subvencións que se concederán para cada concello no exercicio de 1997.

A disposición derradeira primeira do Decreto 343/1992, do 26 de novembro, faculta o conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas actualmente Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para dictar, no marco das súas competencias, as disposicións que cumpran para o desenvolvemento e aplicación da devandita norma.

A disposición adicional 2ª do Decreto 195/1996, do 17 de maio faculta así mesmo o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para determinar por orde, dentro dos límites da consignación orzamentaria de cada exercicio, a cantidade máxima que se concederá en concepto de subvencións para cada concello.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orden do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior.

Logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de novembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 1997 e rematará o día 31 de outubro de 1997.

Artigo 2º

1. Estas axudas tramitaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.760 do estado de gastos do Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, neste momento en trámite parlamentario.

2. Para o exercicio de 1997 a cantidade máxima que se concederá, en concepto de subvencións, para cada concello será de dez millóns de pesetas (10.000.000 de ptas.) dentro dos límites da devandita consignación orzamentaria.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 1996.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

9318