Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 18 de decembro de 1996 Páx. 11.569

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de manufacturas e comercio de vidro plano.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector manufacturas y comercio de vidro plano, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30-10-1996, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Manufacturas e Comercio de Vidro

Plano, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UXT e CIG, en data 14-10-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 4 de novembro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector de manufacturas e comercio de vidro plano, Pontevedra

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio a Confederación Intersindical Galega (CIG), a Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) en representación dos traballadores, e a Asociación Provincial de Empresarios de Manufacturas e Comercio de Vidro Plano, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará, desde a data da súa entrada en vigor, as relacións económicas e laborais entre as empresas e traballadores encadrados no sector de manufacturas e comercio de vidro plano, que non teñan convenio colectivo de empresa.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

Comprenderá aquelas empresas aludidas no artigo anterior que teñan centro de traballo na provincia de Pontevedra, ou as que se establezan durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

Afectará a todo o persoal administrativo, subalterno e obreiro que presente servicios nas empresas citadas, coa única exclusión do persoal superior

a que fai referencia o Estatuto dos traballadores no seu apartado C, artigo 1.

Artigo 5º.-Vixencia e duración.

A duración do convenio será desde o 10 de maio de 1995 ata o 31 de decembro de 1996.

Entrará en vigor ós dez días do seu asinamento, se ben os efectos económicos da táboa salarial anexa e plus de transporte se retrotraerán ó 10 de maio de 1995.

En consecuencia, as restantes cláusulas, incluído o artigo 15º sobre axudas de custos, serán de aplicación desde a entrada en vigor do convenio, a partir dos dez días do seu asinamento.

Entenderase prorrogado por períodos anuais, se non media denuncia das partes con tres meses, polo menos, ó termo da súa vixencia. A dita denuncia deberá facerse por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas deberá conservalas.

Artigo 7º.-Recibos de salarios.

As empresas farán constar no recibo de salarios o total das retribucións que percibirán polo traballador.

Capítulo II

Condicións laborais

Artigo 8º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas efectivas de traballo en cómputo semanal e en xornada partida.

Durante os meses de xullo e agosto realizarase xornada continuada. Non obstante o anterior, o despacho ó público permanecerá aberto durante as tardes destes dous meses de xullo e agosto, de 16 a 19 horas, para o cal se establecerán as quendas correspondentes.

Artigo 9º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán de 30 días naturais de vacacións entre os meses de maio a outubro, ámbolos dous inclusive.

Artigo 10º.-Pezas de roupa de traballo.

As empresas dotarán o seu persoal das adecuadas pezas de roupa de traballo. O persoal recibirá dúas fundas por ano, ou peza de roupa similar. A primeira funda será entregada o 1 de xaneiro de cada ano e a outra o 1 de xullo; é obrigatorio o seu uso para o persoal ó que se lle entreguen as ditas pezas de roupa de traballo.

Artigo 11º.-Retribucións.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, rexerase polas táboas salariais anexas.

Artigo 12º.-Antigüidade.

O persoal afectado por este convenio percibirá a contía dos premios de antigüidade, por esta orde: dous bienios do cinco por cento cada un e sucesivos quinquenios do dez por cento, calculados todos eles sobre o salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio colectivo percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro (Nadal), polo importe dunha mensualidade cada unha delas, calculadas sobre o salario que se fixa na táboa anexa correspondente, incrementadas cos premios de antigüidade, se é o caso.

Estas pagas serán aboadas cunha anterioridade de tres días á data que correspondan.

Artigo 14º.-Paga de beneficios.

As empresas aboaranlles ós seus traballadores unha paga extra anual, denominada de beneficios, cunha contía que será o resultado de calcula-lo oito por cento dunha base integrada por unha mensualidade do salario mínimo interprofesional vixente o 31 de decembro de cada ano, maila antigüidade correspondente, e multiplicado por doce meses. A dita paga extra deberá serlles aboada ós traballadores durante o primeiro trimestre do ano seguinte.

Para estes efectos, non se computará o tempo de baixa e absentismo laboral; neste caso deducirase a parte de paga proporcional ó tempo non traballado.

Artigo 15º.-Axudas de custos.

O importe das axudas de custos será o seguinte:

-Axuda de custos completa, pasando a noite: 4.677 ptas.

-Axuda de custos completa, sen pasa-la noite: 2.673 ptas.

-Media axuda de custos: 1.470 ptas.

As cantidades fixadas polo concepto de axudas de custos serán de aplicación, segundo o disposto no artigo 5º, a partir da entrada en vigor do convenio, ós dez días do seu asinamento.

Artigo 16º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte, que será aboado por día efectivo de traballo, nas contías seguintes:

-Do 10-5-1995 ó 9-5-1996: 380 ptas.

-Do 10-5-1996 ó 31-12-1996: 391 ptas.

O dito plus non terá a consideración de salario para ningún efecto, e non se computarán, por conseguinte, no aboamento de gratificacións extraordinarias, vacacións, antigüidade, etc.

Artigo 17º.-Táboa de rendementos.

As partes acordan estudiar unha táboa de rendementos mínimos durante a vixencia do presente convenio, para implantala nas empresas e para tal efecto nomearase unha comisión para este asunto. Para iso os traballadores poderán ser asistidos por un técnico na materia para facela dita táboa, que será elixido por eles.

Artigo 18º.-Festividade do padroeiro.

Acórdase considerar como festivo e aboable para tódolos efectos a tarde correspondente á festividade do padroeiro (San Miguel), que coincide co 29 de setembro.

Artigo 19º.-Noiteboa e Ano Vello.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a desfrutar de descanso nas tardes dos días 24 e 31 de decembro.

Artigo 20º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo de existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo; as empresas deberán substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación, por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 21º.-Recoñecemento médico.

Recoméndaselles ós empresarios que, voluntariamente e logo de acordo cos seus traballadores, desexen que estes sexan sometidos a un recoñecemento médico anualmente, soliciten a información pertinente no Gabinete de Seguridade e Hixiene de Rande.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

As partes acordan nomear unha comisión paritaria composta por unha representación dos traballadores e outra empresarial, cun número que se fixará no seu momento, para a interpretación das cláusulas do convenio.

Artigo 23º.-Lexislación paritaria.

En todo aquilo que non quede determinado especialmente neste convenio, haberá que aterse ó que dispón a Ordenanza de traballo da construcción, vidro e cerámica, e no que nela non se regule ou preveña, será de aplicación as normas establecidas na lexislación xeral.

Disposición adicional

Para facilitarlles ás empresas o pagamento dos atrasos derivados da aplicación retroactiva dos salarios e plus de transporte, establecidos para a vixencia do convenio, as partes asinantes del acordan que o 50% das diferencias resultantes se aboen durante o mes seguinte á entrada en vigor do convenio, e o 50% restante durante o segundo mes seguinte á súa entrada en vigor.

Vigo, 11 de outubro de 1996.

Categorías profesionais

Salario día

Do 10-5-1995 ó 9-5-1996

Salario día

Do 10-5-1996 ó 31-12-1996

-Administrativos e subalternos
Oficial de 1ª3.1953.284
Oficial de 2ª2.9453.027
Auxiliares2.7852.863
Traballadores en formación laboral:

Por 30 horas semanais efectivas (RD 1992/1984)

De 18 anos1.9572.012
De 16 e 17 anos1.4421.482
Vixilantes2.5541.626
-Persoal obreiro:
Oficial de 1ª2.9443.026
Oficial de 2ª2.7852.863
Oficial de 3ª2.5542.626
Peón especialista2.4892.559
Traballadores en formación laboral:

Por 30 horas semanais efectivas (RD 1992/1984)

De 18 anos1.9572.012
De 16 e 17 anos1.4421.482
Peón ordinario2.4202.488

9200