Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 18 de decembro de 1996 Páx. 11.558

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo regulador do persoal funcionario do Concello de Cambre.

Visto o texto do acordo regulador das condicións de traballo dos funcionarios públicos do Concello de Cambre, aprobado polo Pleno da Corporación en sesión extraordinaria celebrada o 29 de agosto de 1996 e de conformidade co disposto no Art. 36

da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinacións das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

Esta delegación provincial,

RESOLVE:

Primeiro.-Admiti-lo depósito do citado acordo na Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 24 de setembro de 1996.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Acordo regulador das condicións de traballo dos funcionarios públicos o servicio do Concello de Cambre.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

As partes que concertan este acordo son o Concello de Cambre e o seu persoal funcionario, representado polas organizacións sindicais Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Converxencia Intersindical Galega (CIG) e Sindicato Nacional CC.OO. de Galicia, constituídos en mesa xeral de negociación ó abeiro do establecido na Lei 9/1987 do 12 de xuño.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

As normas contidas no presente acordo seranlle de aplicación ó persoal funcionario de carreira e interino que presta servicios no Concello de Cambre.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O propio da corporación municipal.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

O propio da súa demarcación territorial e ó que puidera estenderse en comisión de servicios.

Artigo 5º.-Ámbito temporal, denuncia e prórroga.

A vixencia das normas contidas no presente acordo estenderanse desde o 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1997.

O texto do presente acordo considérase automaticamente denunciado o 31 de decembro de 1997.

Non obstante o establecido anteriormente prorrogaranse automaticamente as condicións contidas no texto do presente acordo ata tanto non se proceda á súa modificación total ou parcial.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

No prazo dun mes, contado desde a publicación do presente acordo, constituirase, por iniciativa da

Administración, unha comisión paritaria que terá por funcións as que seguen:

a) A interpretación da totalidade do articulado ou das cláusulas do acordo.

b) A vixilancia do cumprimento do pactado.

c) A facultade de conciliación previa naquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

A comisión estará composta por tres representantes do persoal e tres representantes do concello.

A comisión reunirase con carácter ordinario unha vez cada tres meses, e con carácter extraordinario, por pedimento de calquera das partes, que deberá indicar, en todo caso, os temas que se van tratar.

Os acordos tomaranse por unanimidade entre ámbalas dúas partes serán recollidos en acta, e daráselle-la debida publicidade nos taboleiros de anuncios do concello ou, se a súa transcendencia o aconsella no BOP.

Artigo 7º.-Indivisibilidade do acordo.

O acordo ten un carácter mínimo necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas constitúen un todo orgánico unitario e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas global e conxuntamente vinculadas á totalidade, polo que non poderán ser renegociadas, modificadas ou reconsideradas parcialmente illadas do seu contexto; non se poderá pretende-la aplicación de partes do seu articulado rexeitando o resto, senón que sempre terá que ser aplicado e observado na súa totalidade.

Capítulo II

Xornada e calendario laboral

Artigo 8º.-Calendario laboral.

1. O calendario laboral será o que os órganos competentes da Administración central autonómica ou local, dentro das súas respectivas competencias, sinalen e afecte ó Municipio de Cambre.

Establecese ademais como festa propia dos empregados do Concello de Cambre, con carácter de non recuperable, a festividade de Santa Rita, patroa dos funcionarios públicos locais.

2. Os servicios que pola súa peculiaridade teñan que organiza-lo seu traballo en réxime de quendas ou non admitan o acatamento común en canto ó calendario laboral, axustaranse ós calendarios que estableza a concellería responsable logo de negociación co órgano de representación dos funcionarios públicos e comunicación ó departamento de persoal. En anexo a este acordo enuméranse, para coñecemento xeral, os servicios que estean ou poidan estar incluídos neste apartado.

Articulo 9º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo común obrigatoria será de trinta e cinco horas semanais, sen prexuízo de xornadas especias para aqueles funcionarios que teñan especial dedicación segundo o catálogo de postos de traballo e nos termos que nel se sinalen.

Artigo 10º.-Horario de traballo.

1. O horario laboral xeral para poder cumpri-la xornada establecida no artigo anterior será de luns a venres, das 8 ás 15 horas.

2. Os funcionarios poderán utiliza-lo horario flexible, sempre que o servicio o permita, nas seguintes condicións:

-A parte principal do horario, chamado fixo ou estable, será das 9 ás 14.30 horas.

-A parte variable do horario, constituída pola diferencia entre o horario anteriormente citado e as 35 horas semanais, poderanse cumprir entre as 8 e as 9 horas da mañá e entre as 14.30 e as 21 horas, sen prexuízo de que por necesidades puntuais deba de cumprirse o horario laboral xeral.

3. Os sábados desde as 9 ás 13 horas, abrirase a oficina de Rexistro Xeral e Información, que deberá ser atendida por un funcionario da subescala auxiliar da escala Administración xeral de forma rotatoria e compensada co día do luns seguinte á súa realización.

4. Os horarios especiais que se poidan recoller segundo o indicado no artigo 8, serán revisados no mes de decembro de cada ano para o seu cumprimento a partir do mes de xaneiro do seguinte ano.

5. Tódolos funcionarios municipais estarán sometidos a un sistema de control fiable ó inicio e á terminación da xornada laboral.

-Deberanse de totalizar sempre as 35 horas semanais en cómputo mensual, agás no período en que estea comprendido o horario de verán, sen que poidan utilizarse as asistencias a órganos colexiados da corporación, pola tarde, para cumpri-la parte variable do horario.

6. O incumprimento da xornada de traballo establecida no presente acordo dará lugar ás correspondentes deduccións en nómina, sen prexuízo das responsabilidades a que poida dar lugar, ou ben, recupera-las horas que falten para o cómputo mensual das 35 horas semanais nos días e nas horas que dispoña o xefe da unidade e demanda do servicio.

Artigo 11º

Tódolos funcionarios disporán dun período de trinta minutos diarios de descanso, con carácter de non recuperable, dentro da xornada laboral, debéndose realizar entre o persoal de tal xeito que sigan atendidos os distintos servicios municipais. Cada xefatura de unidade administrativa distribuirá este período de descanso atendendo ás necesidades do servicio e tendo en conta que non se poderá estar ausente a un mesmo tempo máis do 50% do persoal adscrito a el.

Artigo 12º

Durante o período comprendido entre o 1 de xullo e o 15 de setembro o horario xeral será de 8 ás 14 horas.

Capítulo III

Vacacións, licencias e permisos

Artigo 13º. Vacacións.

O período de vacacións anuais, non substituíbles por compensación económica, será dun mes natural ou de trinta e un días naturais cando o inicio das vacacionais non coincidan co comezo do mes natural ou, se é o caso, na proporción que corresponda de non prestar servicio o ano completo.

Artigo 14º

As vacacionais desfrutaranse preferentemente no período comprendido entre o 15 xuño e o 15 de setembro, podendo dividirse en períodos de 15 ou 7 días, como norma xeral.

Poderán ser fóra daquel período por iniciativa voluntaria do funcionario logo da súa solicitude sempre que por calquera causa non poida desfrutalas no período anteriormente citado, e non cause trastorno ó seu servicio.

Artigo 15º

Antes do día 15 de maio de cada ano, cada unidade administrativa ou servicio deberalle remiti-lo seu plan de vacacións á unidade de persoal, para a súa posterior aprobación por resolución de alcaldía.

O plan de vacacións poderase modificar con carácter individualizado, logo da solicitude do interesado, sempre que non exista oposición por parte do xefe da unidade administrativa do servicio correspondente, fundamentada en razóns obxectivas do servicio, e que non afecte a intereses de terceiros no ámbito das quendas preestablecidas.

Artigo 16º

O período vacacional poderá quedar suspendido por solicitude do interesado cando polo mesmo se presente unha baixa médica, se a este lle sobreviñese unha enfermidade ou accidente durante o dito período.

Igualmente, e para o suposto de que a dita baixa sobreviñese con anterioridade ó inicio das vacacionais, e subsistise no día sinalado para comezo delas, estas non empezarán a correr para o interesado.

Tanto nun como noutro caso, de producirse colisión de intereses entre o funcionario que modificase o seu cadro de vacacións como consecuencia da baixa médica e aqueloutros da mesma unidade administrativa ou servicio que xa as teñan programadas, terán estes últimos preferencia sobre aquel que, en todo caso, terá que se supeditar ás necesidades do servicio.

Artigo 17º.-Licencias e permisos.

Na materia de licencias e permisos haberá que aterse ó regulado pola lexislación vixente aplicable en cada momento e ó que se dispón nos artigos seguintes.

-Licencias retribuídas.

Artigo 18º.-Licencia por matrimonio.

Por matrimonio propio o funcionario terá dereito a unha licencia de quince días naturais que se poderán desfrutar con anterioridade ou posterioridade á súa celebración, incluíndo a dita data, podendo acumulalo ás vacacións.

Artigo 19º.-Licencia por maternidade.

Aplicarase o disposto na Lei 3/1989, do 3 de marzo, pola que se amplía a dezaseis semanas o permiso de maternidade.

Artigo 20º.-Licencia por estudios.

Poderase conceder licencia para realizar estudios ou cursos na materia directamente relacionada coa función pública, logo de solicitude presentada no rexistro xeral e co fundamento da xustificación da súa asistencia.

Esta licencia será concedida polo alcalde-presidente, debendo de contar co informe favorable da unidade administrativa correspondente e coñecemento da comisión paritaria deste acordo. No caso de concederse, o funcionario terá dereito a percibi-la súa remuneración e a indemnización prevista na lexislación aplicable se así o declara o alcalde na súa resolución.

Artigo 21º.-Licencia por enfermidade.

O concello completará as percepcións dos funcionarios durante a situación de incapacidade temporal por enfermidade ou accidente laboral ata o 100% das súas retribucións mensuais durante o período, debéndose xustificar tal situación mediante o parte de baixa expedido polos facultativos da Seguridade Social e os correspondentes partes de confirmación.

A duración máxima desta situación será a establecida pola lexislación vixente da Seguridade Social.

A alcaldía poderá efectua-la comprobación das baixas por enfermidade de calquera funcionario cando o considere oportuno a través dos servicios médicos que para os efectos dispón o servicio de inspección da Seguridade Social.

A imposibilidade de asistencia ó traballo por enfermidade sobrevida deberá de notificarse ó xefe da unidade respectiva no meso día que se produza; este, á súa vez, comunicará a ausencia ó departamento de persoal. Se tal condición se mantivese máis de tres días, deberá presenta-lo correspondente parte de baixa.

Artigo 22º.-Licencia sen retribución.

Concederase conforme o previsto no Art. 142 do texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986 e Art. 68.3º da Lei de función pública de Galicia.

Esta licencia terá unha duración acumulada que non poderá exceder de tres meses cada dous anos e desfrutarase sen retribución ningunha .

A concesión deste tipo de licencia subordinarase en todo caso as necesidades do servicio.

Artigo 23º. Permisos.

O persoal municipal, logo de aviso e xustificación, e sen prexuízo do establecido na lexislación vixente en cada momento, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e períodos de tempo que a continuación se relacionan:

1. Tres días polo nacemento ou adopción de fillos e pola morte ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade cando o suceso se produza na mesma localidade, e catro días cando sexa en distinta localidade; susceptibles en ámbolos casos de ser ampliados pola alcaldía-presidencia ata un máximo de sete días, en relación tanto á distancia como ás circunstancias que deberán ser xustificadas ante a dita alcaldía.

2. Dous días por traslado de vivenda habitual.

3. Dous días por concorrencia a exames oficiais, é dicir, o día anterior e o mesmo día do exame.

4. Dous días complementarios ó inicio da incapacidade temporal no caso de aborto.

Artigo 24º

Os permisos recollidos no artigo anterior solicitaranse en impreso oficial e a súa concesión efectuarase pola alcaldía-presidencia, logo de informe da unidade de persoal. Deberán ser solicitados con antelación suficiente, se é posible, e ser resoltos, así mesmo, con antelación ós días solicitados.

-Permisos por asuntos propios.

Artigo 25º

Conforme o previsto no artigo 142 do texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, e artigo 70.3º da función pública de Galicia, todo funcionario ten dereito a desfrutar de nove días de permiso ó longo do ano para asuntos propios sen xustificación, respectando as necesidades do servicio.

O persoal poderá desfrutar destes días á súa conveniencia logo de comunicación á xefatura da unidade que lle corresponda, e tendo en conta que nunca deberá queda-lo servicio desatendido, salvo naqueles servicios administrativos en que só exista un funcionario. O desfrute destes deberá de comunicarse ó departamento de persoal. Estes días non poderán acumularse en ningún caso ás vacacións anuais.

Cando por razóns do servicio o funcionario non desfrute do mencionado permiso ó longo todo o ano, poderá concederse este única e exclusivamente na primeira quincena do mes de xaneiro do ano seguinte.

Artigo 26º

Os días 24 e 31 de decembro permanecerán cerradas as oficinas e servicios municipais, a excepción do Rexistro Xeral e Información e demais servicios que habitualmente se prestan en festivos, en horario

de 9 a 13 horas. Os funcionarios que teñan que prestar servicio nestes días serán compensados cun día de descanso, podéndose organizar para este fin as correspondentes quendas.

O Sábado Santo permanecerán cerradas tódalas oficinas municipais.

Artigo 27º

Na materia a que se refire o presente capítulo e no non contido expresamente nel, haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 28º.-Retribucións básicas.

A contía das retribucións básicas mensuais será a que se fixe para cada un dos grupos A, B, C, D e E o que se refire o artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 agosto, e a dos orzamentos xerais do Estado para o ano correspondente.

Artigo 29º

As pagas extraordinarias que serán de dúas ó ano, terán o importe cada unha delas de unha mensualidade con dereito a percibilas nos meses de xuño e decembro.

-Retribucións complementarias.

Artigo 30º.-Complemento de destino.

É o correspondente ó nivel do posto que desempeñe. A asignación de niveis de postos de traballo vén establecida no catálogo de postos de traballo que aproba cada ano o Pleno como consecuencia da aprobación orzamentaria do ano correspondente.

A contía do complemento de destino determinarase pola Lei orzamentaria xeral do Estado.

Artigo 31º.-Complemento específico.

Son as condicións particulares de cada un dos postos de traballo as que determinan o complemento específico, e a contía del, está establecida no catálogo de postos de traballo que aproba cada ano o Pleno como consecuencia da aprobación orzamentaria do ano correspondente.

Artigo 32º.-Gratificacións.

Terán carácter excepcional e soamente poderán ser recoñecidas polos servicios extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo.

O importe das gratificacións polos servicios extraordinarios determinarase por grupos, segundo o artigo 25 da Lei 30/1984 e nas contías seguintes:

Grupo.-H. Extra normal. Extra nocturna, sábado ou festivo.

A. 3.451. 4.140.

B. 2.957. 3.548.

C. 1.807. 2.168.

D. 1.642. 1.971.

E. 1.253. 1.504.

Estes importes quedan suxeitos ás mesmas variacións que como consecuencias do incrementos establecidos na Lei orzamentaria xeral do Estado sexan de aplicación ós funcionarios do Estado.

Para que a realización dos servicios extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo teñan validez para efectos retributivos, requiriranse as seguintes condicións:

-Será preciso que o responsable do servicio da unidade administrativa realice, con carácter preceptivo, o correspondente informe da realización de servicios extraordinarios con expresión das causas que os xustifican, data da realización e persoas que interviñeron.

-Tal informe requirirá o expreso visto e prace do concelleiro-delegado de persoal.

A corporación informará trimestralmente os representantes sindicais sobre as horas extraordinarias por unidades ou servicios, negociando os postos de traballo substitutorios a incluír na oferta de emprego público para diminuír tales horas no posible.

Acórdase a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extras, isto é, as realizadas fóra da xornada de traballo, de acordo cos seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias normais, supresión total e absoluta.

b) Horas extraordinarias estructurais, excepcionais ou orixinadas por producirse imprevistos, ausencias, interrupcións do servicio, alteracións das quendas do persoal ou outras circunstancias de carácter puntual derivadas da actividade ou servicio de que se trate que non poidan ser atendidas polo persoal existente.

As horas extraordinarias serán compensadas en tempo libre segundo o seguinte baremo:

-1 hora extra: 1 hora 45 minutos libre.

-1 hora extra festiva/nocturna: 2 horas 15 minutos libre.

Por acordo do traballador ou grupo de traballadores e o xefe do servicio ou unidade, o desfrute das horas de compensación poderán acumularse ata chegar a completar unha xornada de traballo.

Se as horas non se poden desfrutar en tempo libre por causa do servicio serán aboadas segundo o importe sinalado para cada grupo. En todo caso, transcorridos catro meses desde a súa realización de non poder desfrutalas en tempo libre, por razón de servicio, serán aboadas na nómina do mes que lle corresponda.

Artigo 33º.-Indemnización por razón do servicio.

Os funcionarios percibirán as indemnizacións correspondentes ós servicios prestados na corporación, segundo o disposto no artigo 23.4º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e no Real decreto 236/1988, do 4 de maio, sobre indemnizacións por razón de servicio.

A asistencia a sesións dos órganos colexiados da corporación, xa sexan órganos necesarios ou complementarios sempre que teñan lugar fóra do horario

laboral xeral, indemnizarase a razón de 4.500 ptas. por asistencia, a non ser que se trate dun funcionario en que no complemento específico figure como condición particular do posto de traballo a dedicación por asistencia a todos ou parte dos órganos colexiados.

A percepción desta indemnización será incompatible coa percepción das gratificacións sinaladas no artigo anterior.

Articulo 34º.-Cláusula de revisión salarial-condicións máis favorables.

Cando por unha disposición ou norma se establecera para os funcionarios da Administración do Estado unha retribución deles por diferencia entre a inflación real dos incrementos establecidos nos orzamentos xerais do Estado tal revisión seralles aplicada automaticamente e cos mesmos efectos ós funcionarios deste concello.

Co fin de lle dar cumprimento ó anterior nos orzamentos do concello crearase un fondo específico para o mantemento do poder adquisitivo, nos termos e condicións recollidas no capítulo III do acordo FEMP-sindicatos 1995-1997.

As melloras establecidas noutras disposicións de calquera rango que sexan superiores ás do presente acordo serán de aplicación segundo o principio da norma máis favorable e sen prexuízo en todo momento da aplicación de lexislación vixente.

Capítulo V

Condicións sociais

Artigo 35º.-Servicios sociais.

Inclúense dentro do ámbito de aplicación deste concepto os gastos derivados de servicios sanitarios non concertados, que impliquen un beneficio directo ós funcionarios municipais e ós seus beneficiarios.

A axuda económica por estes conceptos terá un máximo anual de 30.000 ptas. por funcionario e unidade familiar.

As solicitudes poderán presentarse durante todo o ano, e deberán achegar coa mesma xustificación do gasto mediante factura detallada e, se é o caso, prescrición médica correspondente.

Bolsas de estudios. Establécense as seguintes axudas para cada membro da unidade familiar que realice os seguintes estudios:

-EXB e preescolar: 20.000 ptas. ano escolar.

-BUP, FP e COU: 30.000 ptas. ano escolar.

-Universidade, escolas técnicas e equivalentes: 50.000 ptas. ano escolar.

Poden beneficiarse desta axuda os funcionarios, fillos, cónxuxe e orfos menores de idade de funcionarios. Ás solicitudes deberán acompañarse da xustificación debidamente documentada da matrícula no centro de estudios correspondente e factura

dos libros, pagándose o importe da factura, sen supererar en ningún caso o tope máximo establecido para cada axuda.

Artigo 36º.-Anticipos reintegrables.

1. Por petición do interesado o concello concederalles ós funcionarios anticipos de ata catro mensualidades das retribucións básicas e complementarias líquidas, cun tope máximo de 500.000 ptas., a devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina e sen xerar ningún tipo de xuro.

2. O período máximo de devolución deles establecerase en relación co importe respectivo, segundo o seguinte baremo, podendo en calquera caso solicita-lo funcionario un período menor para a amortización:

-6 meses para os anticipos de ata 75.000 ptas.

-12 meses para os anticipos de 75.001 a 150.000 ptas.

-18 meses para os anticipos de 150.001 a 225.000 ptas.

-24 meses para os anticipos de 225.001 a 500.000 ptas.

3. No suposto de funcionarios interinos, terase en conta o tempo que falte para o seu previsible cesamento.

4. Se por calquera causa o funcionario/a cambiase a súa condición de servicio activo, deberá aboa-lo saldo pendente de pagamento antes do seu pase definitivo á situación que lle corresponda.

5. Dotarase anualmente un crédito orzamentario por unha contía equivalente ó 7% da masa salarial bruta que corresponda a cada anualidade co fin de cubri-lo custo das condicións sociais e póliza de seguro de vida recollida no artigo 39º.

6. As solicitudes de anticipos reintegrables terán que ser xustificados polos interesados e serán resoltos por decreto da alcaldía, logo do visto e prace por parte da comisión de seguimento deste acordo, responsable de determina-las preferencias.

7. Os anticipos anteriores entenderanse sen prexuízo de poder solicita-los establecidos no Real decreto do 16 de decembro de 1929, que poderán ser outorgados dunha forma inmediata por resolución de alcaldía con coñecemento posterior ós representantes do persoal.

-Asistencia xurídica e pólizas de seguro.

Artigo 37º.-Asistencia xurídica.

O concello obrígase a prestar asistencia xurídica ós funcionarios nos supostos de conflictos xurdidos con terceiros como consecuencia da prestación dos seus servicios.

Artigo 38º.-Responsabilidade civil.

Así mesmo, o concello obrígase a cumprir posibles responsabilidades civís que puideran derivarse das actividades propias dos funcionarios, salvo en casos de manifesta neglixencia debidamente probada.

Para estes efectos o concello subscribirá unha póliza de seguro que garanta unha adecuada cobertura de responsabilidade civil.

Artigo 39º.-Seguro de vida e accidentes.

O concello ten subscrita unha póliza de seguro colectivo de vida e accidentes para os seus funcionarios municipais en situación de activo, que cobre os seguintes riscos:

a) Falecemento.

b) Invalidez absoluta e permanente.

c) Falecemento por accidente laboral ou por accidente de circulación en desprazamento ó posto de traballo.

d) Invalidez absoluta e permanente por accidente de circulación en desprazamento ó traballo.

O capital asegurado será por unha contía de 6.000.000 de ptas. (seis millóns de pesetas).

Capítulo VI

Condicións sindicais

Artigo 40º.-En canto ó dereito de reunión, garantías e dereitos sindicais haberá que aterse ó expresamente regulado na lexislación vixente aplicable.

Artigo 41º.-Tódolos funcionarios do Concello de Cambre terán dereito a sindicarse libremente en defensa e promoción dos intereses profesionais, económicos e sociais que lles son propios como traballadores, e á non discriminación, prexuízo ou sanción por razóns de afiliación e exercicio dos dereitos sindicais de acordo coa Lei orgánica 11/1985 e Lei 9/1987.

Artigo 42º.-De conformidade coa lexislación vixente, o Concello de Cambre recoñécelle ó delegado de persoal ou, se é o caso, delegados de persoal, como órgano representativo dos funcionarios, que actúa con capacidade xurídica e de obrar en defensa dos intereses dos funcionarios e dos seus propios (Art. 4 da Lei 9/1987, do 12 xuño).

Sen prexuízo da capacidade de representación que asiste o delegado de persoal/delegados de persoal en defensa dos intereses do colectivo, recoñecese tamén a dita capacidade, de conformidade coa lexislación aplicable, ós sindicatos, seccións sindicais, e en xeral, organizacións legalmente creadas e establecidas para a defensa dos intereses dos funcionarios, estes poderán, a través dos seus órganos acreditativos ante o concello, realizar todo tipo de funcións sindicais das previstas nas normas correspondentes (Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical).

Artigo 43º.-Horas sindicais.

Fíxase en 15 horas mensuais de libre disposición sindical para os delegados de persoal, debéndose de xustificar ante a alcaldía, xa sexa con posterioridade a súa utilización para as demais. Estas horas disporanse dentro da xornada de traballo e serán distribuídas como traballo efectivo.

Non se considerarán computables como horas sindicais, nin as de negociacións nin aquelas para reu

nións con órganos administrativos convocados a iniciativa destes.

Artigo 44º.-Dereito de reunión.

Están lexitimados para convocar unha reunión:

a) Delegado de persoal, ou delegados de persoal se é o caso.

b) As organizacións sindicais.

c) Funcionarios do concello, sempre que o seu número non sexa inferior o 40% do colectivo convocado.

Artigo 45º.-Dereito de folga.

A corporación recoñece o dereito de folga do persoal municipal nos termos establecidos na lexislación vixente.

A comisión de seguimento, ou en calquera caso a alcaldía ou a concellería delegada de persoal de acordo co órgano representativo dos funcionarios, elaborará unha proposta de servicios mínimos para o caso de folga, este servicios mínimos terán que prestarse con carácter inescusable.

Artigo 46º

A normativa vixente sobre saúde, seguridade, condicións de traballo, será de aplicación a tódolos funcionarios de Cambre.

No prazo de tres meses a partir da aprobación do presente acordo, constituirase o Comité de Seguridade e Hixiene, co obxectivo de velar pola adopción, mantemento e perfeccionamento de medidas correctas de seguridade e hixiene nos centros de traballo dependentes do Concello de Cambre.

O comité de seguridade e hixiene estará presidido polo concelleiro delegado de persoal e réxime interior, e a súa composición será determinada pola comisión de seguimento, respectándose que haxa un número igual de membros designados pola corporación e polo órgano representativo dos funcionarios, sen que en ningún caso poida se-lo seu número de membros superior a oito.

En calquera momento o comité de seguridade e hixiene estará asistido polos técnicos e especialistas que precisen e se designen polo propio comité.

Artigo 47º.-Recoñemento médico.

Cada ano os funcionarios municipais que o soliciten poderá realizar un exame médico integral (revisión médica completa), a mutua que teña contratado o servicio de accidentes será a responsable de levar a cabo a dita revisión.

Artigo 48º.-Réxime de vestiario.

O concello facilitará roupa de traballo e calzado homologado e de uso obrigatorio a todo o persoal ó seu servicio ou cando as condicións e natureza do traballo o esixisen por razóns de seguridade e hixiene, uniforme ou outro motivo xustificado.

Redactarase un regulamento de vestiario co obxectivo de regula-lo dereito do persoal municipal a desfrutar do vestiario necesario para o seu traballo.

O vestiario que proceda entregaráselle ós funcionarios antes do inicio das súas funcións renovándose periodicamente nos prazos que se fixen para cada elemento na unidade ou servicio.

Capítulo VII

Condicións profesionais

Artigo 49º.-Formación.

O concello fomentará a formación profesional dos funcionarios ó seu servicio. Para isto, facilitarase a realización de estudios, asistencia a cursos, seminarios, congresos, conferencias e calquera evento que contribúa á formación profesional dos funcionarios.

Os funcionarios que cursen estudios de formación e perfeccionamento profesional terán preferencia para elixir quenda de traballo, se é o caso, e de vacacións anuais, así como adaptación da xornada ordinaria de traballo para asistencia ós ditos cursos, á marxe das concesións de licencias por estudios necesarios para iso, se fora preciso, de acordo co artigo 17 deste acordo.

Artigo 50º.-Promoción interna.

A corporación facilitará a promoción interna consistente no ascenso desde corpos, escalas ou subescalas do grupo inferior a outros correspondentes ó grupo inmediato superior, sendo necesario reuni-los requisitos e supera-las probas que para cada caso se estableceran.

Para lograr unha maior promoción de persoal o servicio do Concello de Cambre arbitraranse para cada caso concreto e ata o límite que estableza a lexislación vixente, medidas para suprimir ou reduci-los programas e/ou exercicios do procedemento selectivo do que se trate.

Artigo 51º.-Provisión de postos de traballo.

Os funcionarios do Concello de Cambre teñen dereito ó cambio do seu posto de traballo unha vez que se teña producido vacante no posto de traballo de igual ou superior nivel, dentro do mesmo grupo e escala.

Os procedementos para a provisión de postos de traballo vacantes desempeñados por funcionarios rexeranse pola convocatoria respectiva, con base na lexislación aplicable.

Establécese como sistema xeral de provisión de vacantes o concurso de méritos que se rexerá polas bases da convocatoria nas que figuran os baremos que servirán para resolvelo.

Artigo 53º

O Concello de Cambre fomentará a mobilidade interadministrativa á que se refire o artigo 17.2º da Lei 30/1984.

Capítulo VIII

Réxime disciplinario

Artigo 54º

O cadro de faltas e sancións dos funcionarios incluídos no ámbito de aplicación deste convenio, así como o procedemento e réxime disciplinario

xeral, acomodaranse ó regulamento aprobado polo Real decreto 33/1986, do 10 de xaneiro, e demais normas específicas vixentes aplicables, xunto coas puntualizacións que neste capítulo se sinalen.

Artigo 55º

A corporación municipal comprometese a esgota-la vía do diálogo e da información reservada, previa a iniciación do expediente disciplinario a calquera funcionario do Concello de Cambre.

Artigo 56º

O concello deberá comunicarlle ó órgano representativo dos funcionarios a incoacción de calquera expediente disciplinario dentro do prazo establecido para comunicarllo ó interesado.

O órgano representativo dos funcionarios neste concello será oído antes da resolución de calquera expediente disciplinario tanto polo instructor del como pola autoridade ou órgano competente na materia sancionadora.

Artigo 57º

O acordo FEMP-sindicatos sobre condicións de traballo na función pública local para o período 1995-1997 é asumido na súa totalidade polas partes negociadoras deste acordo.

Disposición adicional

As modificacións parciais puntuais deste acordo poderán ser acordadas pola mesa de negociación e o concello, sen necesidade de denuncia-lo dito acordo.

Disposición transitoria

As situacións xurídicas determinadas polo establecido no presente acordo terán efectos a partir da súa vixencia, salvo nos casos que expresamente se prescriba outra cousa.

ANEXO

Os horarios especiais corresponden ós seguintes colectivos:

a) Policía local.

b) Persoal polideportivas.

c) Persoal biblioteca-arquivo.

d) Colexios públicos.

a) Policía local.

1. Renuncia ó horario xeral do concello recollido no artigo 10º e 12º deste acordo.

2. Quendas para realiza-lo servicio as 24 horas do día durante tódolos días do ano.

3. As quendas serán elaboradas polo xefe da unidade para cada mes de xeito que os distintos efectivos da unidade vaian rotando e que ningunha quenda realice máis de 10 horas consecutivas de traballo efectivo.

4. Este horario especial respecto ó xeral terá a súa repercusión no catálogo de postos de traballo e en concreto no complemento específico.

5. As horas de asistencias a xuízos que se realicen en días libres terán a condición de horas festivas/nocturnas para os efectos da súa valoración en tempo libre.

b) Conserxes instalacións deportivas.

Axustaranse ás necesidade do servicio non superando en ningún caso ás 35 horas semanais en cómputo mensual.

c) Biblioteca-arquivo.

-Horario xeral biblioteca municipal central de Cambre:

* Das 11 ás 13 de luns a venres aberta ó público.

* Das 17 ás 21 de luns a venres aberta ó público.

* Das 11 ás 14 os sábados.

-Horario xeral biblioteca municipal auxiliar a Barcala:

* Das 16 ás 20 de luns a venres aberta ó público.

* Das 11 ás 13 martes e xoves atención ó colexio.

* Das 11 ás 14 os sábados.

-Horario xeral do arquivo:

* Luns das 10 ás 13.

* De martes a venres das 10 ás 12.

A bibliotecaria-arquiveira para efectos do cómputo horario semanal entre biblioteca e arquivo fará unha hora de 16 a 17 na biblioteca un día da semana (xoves/venres) a porta pechada.

Durante as vacacións dos colexios (verán, nadal e semana santa) as bibliotecas adaptarán os seus horarios ó calendario escolar, quedando abertas pola mañá, axustándose en cada período ó cómputo horario que lle corresponda segundo o estipulado nos artigos 10º e 12º deste acordo.

d) Colexio públicos.

Os conserxes de colexios adaptarán o seu horario ás necesidades lectivas de cada colexio (segundo a xornada) non superando en ningún caso as 35 horas semanais en cómputo mensual.

96-8287