Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 18 de decembro de 1996 Páx. 11.554

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de decembro de 1996 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Luis Seoane.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Luis Seoane, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito:

1. José Luis Méndez Romeu, na súa calidade de vicepresidente da fundación, en escrito do 5 de setembro de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o día 2 de agosto de 1996 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Pablo Valencia Ces co número mil trescentos oitenta e cinco do seu protocolo por Francisco Vázquez Vázquez e Mª Elvira Fernández López, intervindo o primeiro en nome e representación do concello da Coruña e a segunda no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, o fomento do estudio e difusión do conxunto da obra e personalidade de Luis Seoane, arquivo e divulgación dela tanto nos aspectos artísticos como intelectuais, deseñísticos e sociais, políticos ou biográficos, enfocando estas cuestións xa desde unha perspectiva teórica e de pensamento, xa desde os ámbitos da creatividade e da sociocultural.

4. O padroado da fundación estará constituído polas persoas indicadas nos artigos 16 e 17 dos estatutos da fundación.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Luis Seoane, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do

6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 2 de decembro de 1996. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Luis Seoane, e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9224